Chegada e aterraxe en San Lorenzo: entre o voluntariado técnico e as reflexions culturais e sociais

Xa temos a Zaira en Honduras participando nun Voluntariado Técnico en Terreo. Alí estará até decembro apoiando en distintos temas ao equipo de ESF na oficina de San Lorenzo. Igual que as participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades, iranos mandando de cando en vez unha crónica da súa experiencia. Aquí está a primeira!

———————————————————————————————————————-

A miña chegada a San Lorenzo xa me fixo sentir o que os próximos meses me depararían. Con calor abafante e nervios polo novo reto que estaba a comezar, iniciou o meu proceso de adaptación a un país cuxos contrastes culturais e sociais me fixeron reflexionar sobre moitos aspectos da nosa sociedade. A presenza de Martina, Sandra e Chevi axudoume a descubrir rapidamente os segredos locais, como onde degustar boas tajadas, naturais refrescantes e helados para combater o calor..

Miñas compañeiras de oficina Raquel, Sandra, Rina e Jenny fixeron que o meu primeiro contacto fose moi levadeiro. Presenteime en Coddeffagolf e coñecin as compañeiras da coparte que queda moi cerca de onde estamos nós. A acollida foi moi boa, a xente e ben sociable e amable.


Estes primeiros días en San Lorenzo fixéronme reflexionar moito sobre as miñas propias ideas preconcibidas. Deconstruír o que pensaba sobre o machismo ou a confianza entre descoñecidos forma parte do proceso de adaptación a un país que me forza a repensar moitas cousas, incluída a miña propia educación.

Pola parte máis técnica, xa participei nas reunións coas copartes coas que ESF traballa no terreo. Foi un proceso moi enriquecedor coñecer como se levan a cabo os proxectos en execución e as actividades que se están executando e programando. Nunha das reunións, falouse sobre as fortalezas e debilidades de cada coparte e os puntos nos que se debe acompañar con maior ou menor intensidade. O que máis me gusta desta experiencia é o enfoque de acompañamento, nunca de imposición. Nas conversas coas copartes, decateime de como o traballo de ESF se distancia das dinámicas coloniais e asistencialistas do pasado. Non se trata de impoñer solucións dende fóra, senón de traballar coas comunidades locais, respectando o seu coñecemento e promovendo un verdadeiro diálogo buscando que o proceso sexa sempre sostible.  Esta forma de facer cooperación é un proceso de deconstrución das vellas prácticas, onde o norte impuña as súas visións sen ter en conta as necesidades locais, ao meu parecer.

Tamén me sorprendeu a destreza dos “catrachos” e “catrachas”(xentilicio coloquial sinónimo de hondureñx) para atopar solucións sostibles aos problemas cotiáns. A súa capacidade para desenvolverse amosa que moitas veces as mellores solucións non veñen de fóra, senón que nacen do coñecemento e da experiencia do propio contexto. A miña experiencia está a demostrarme que, para cambiar o global, primeiro temos que escoitar o local. A xestión pública, como aprendín nos meus estudos, non pode ser efectiva se non parte das necesidades e recursos locais.

Nos dous fins de semana que levo en Honduras, aventureime a visitar diferentes sitios como Amapala, Intibucá e as ruínas de Copán. Aí tiven a oportunidade de coñecer un pouco máis sobre a cultura Lenca e a cultura Maia. As distancias son longas e as infraestruturas, desafortunadamente, non axudan, o que fai que as viaxes sexan algo pesadas. A pesar diso, a beleza de Honduras, tanto natural como cultural, compensa con fartura os desafíos do camiño. Dinme conta de que este país ten tanto encanto como retos, e que vai moito máis alá dos estereotipos que existen sobre el.

Nunha desas viaxes, unha nai pediume se podía levar ao seu bebé no colo durante o traxecto. Sorprendida pola confianza e a naturalidade do xesto, accedín encantada. Foi un momento de conexión humana que me fixo reflexionar sobre como en Honduras a confianza e a empatía parecen fluir con naturalidade. Penso no contraste con España, onde un xesto así sería moito máis improbable. Estas pequenas interaccións fannos pensar en como a cultura inflúe na maneira en que nos relacionamos e en como percibimos a confianza e a seguridade nas persoas descoñecidas.

Porén, non todo é fácil de asimilar. Algo que me chocou en San Lorenzo foi o machismo imperante nas rúas. A cultura do piropo está tan normalizada que, para moitas mulleres, especialmente as de máis idade, non representa un problema, senón un halago ao meu parecer e polo intercambio de reflexións que tiven con algunha delas. Decateime de que moitas non ven este comportamento como unha falta de respeto, senón como parte natural da vida cotiá. Esta aceptación reflicte unha estrutura social que, en gran parte, herda a súa forma das relacións de poder coloniais e patriarcais. Esta realidade amosa como o poder masculino non se cuestiona, senón que se perpetúa.

Polo momento, a miña experiencia en Honduras está a ser moi enriquecedora e sinto que estou a aprender moito máis do que estou a aportar. Sei que aínda estou no proceso de aterraxe, pero estou segura de que nas próximas crónicas poderei contar máis avances técnicos e tamén compartir máis reflexións persoais e culturais. Este é un camiño de aprendizaxe mutua, onde tanto eu como as persoas coas que traballo e convivo aprendemos unhas das outras.

Seguiremos compartindo nas seguintes crónicas.

¡Abrazos!

Zaira.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.