Crónicas dende Honduras: a segunda de Alba V. Adaptarse, medrar e florecer
Na miña anterior crónica contaba que xa levaba case o 17 % desta experiencia. Agora prefiro non saber en que porcentaxe estou. Porque, sinceramente, xa non quero contar canto falta para volver: xa non quero marchar de Honduras.
Ao principio miraba o contador como unha forma de motivación. Non porque estivese mal, senón porque botaba moitísimo de menos a casa e saber cantos días faltaban facía que o tempo parecese máis doado de medir. Agora, despois dun mes, deixei oficialmente de miralo. E o curioso é que non é porque me estea custando máis estar aquí, senón exactamente polo contrario: nestes últimos quince días fun tan feliz que creo que facía moito tempo que non me sentía así. Cheguei a sentir que Honduras tamén é un pouco a miña casa.
Estou namorada da súa cultura, da súa xente e da súa gastronomía. E aquí teño que facer unha mención especial ás baleadas, porque que marabilla de comida. A verdade é que, polo de agora, teño a fortuna de non poder mencionar absolutamente nada da gastronomía hondureña que non me gustase.
Pero, sobre todo, estou namorada das persoas. De todas as persoas coas que estou compartindo esta experiencia e, especialmente, dos meus compañeiros e compañeiras de CODDEFFAGOLF. Despois de tantas actividades, visitas e días compartidos, sinto que cada vez formo máis parte desta realidade. E hai algo que me resulta especialmente curioso: estando literalmente no outro lado do mundo, sinto que nunca estivera tan conectada coas miñas raíces. Creo que as persoas que medramos no rural compartimos moitas cousas, independentemente de que esteamos en Galicia, América, África, Asia ou Oceanía. Hai unha forma de entender a comunidade, de relacionarse coa terra e coa xente, de valorar as pequenas cousas, que atravesa fronteiras. E quizais estar tan lonxe foi precisamente o que me permitiu descubrilo.
E nesta conexión co rural aparece tamén unha persoa á que levo comigo dun xeito moi especial: o meu avó Manuel Nouche. O meu avó materno era, para min, absolutamente todo. E nestas semanas pensei moitas veces nel. Pensei no moito que lle gustaría estar aquí, coñecer todo isto e, sobre todo, escoitarme contarllo.
Porque sei que o meu avó sería desas persoas que quererían saber absolutamente todos os detalles. Querería saber como son as comunidades que visitamos, quen coñecemos, que nos contan, como é o lugar, que estamos facendo, que aprendemos cada día… E gustaríame tanto poder volver e sentarme con el para contarlle todo isto. Contarlle de Honduras, de Nicaragua, das persoas que estou coñecendo, das historias que estou vivindo e de como, estando tan lonxe, estou chegando a sentirme tan preto das miñas raíces e del.
Ás veces penso que, se el estivese aquí, sería unha desas persoas ás que máis ilusión me faría ensinarlle todo o que estou vivindo. E quizais por iso esta experiencia me está facendo sentilo tan preto. Porque hai persoas que, aínda que xa non estean fisicamente, seguen formando parte da maneira na que miramos o mundo. E sinto que unha parte de min está vivindo isto tamén con el. Sei que lle tería encantado todo isto. E, dalgunha maneira, cada comunidade que visito, cada historia que escoito e cada cousa nova que descubro convértese nunha historia máis que me gustaría poder contarlle. Por iso sinto que vivir esta experiencia tamén é unha forma de honrar a súa memoria: coñecer, aprender, achegarme ás persoas, á terra e ás comunidades e, ao mesmo tempo, gardar todo isto dentro de min para sempre.
Nestes quince días tamén tiven a oportunidade de coñecer moito máis do territorio. Visitamos xunto con Aminta, compañeira de CODDEFFAGOLF á que tanto lle debemos, Tegucigalpa, Valle de Ángeles, Santa Lucía, Ojojona e as termas de Nacaome, e puiden seguir descubrindo un país que cada vez sinto máis próximo.
En Santa Lucía atopeime cun cartel que dicía: “Adáptate, crece e florece”. E pareceume curioso porque, sen sabelo, levaba un mes facendo exactamente iso.
Cheguei tendo que adaptarme a unha realidade completamente nova; pouco a pouco fun medrando, aprendendo e coñecendo persoas e realidades que me están cambiando e agora sinto que estou “florecendo” aquí.
Unha das experiencias que máis me marcou nestes días foi poder viaxar a Nicaragua con dúas compañeiras de CODDEFFAGOLF, Dulci e Aminta. Percorremos practicamente todo o país e foi unha experiencia de película, un deses viaxes que sabes que vas lembrar toda a vida. Sinto unha enorme sorte por ter podido coñecer Nicaragua, especialmente porque desde España non é un destino ao que resulte tan sinxelo viaxar. Pero, máis alá dos lugares, o mellor foi compartir todo aquilo con elas, con AlbaC e con Rubén. Falamos moitísimo, coñecémonos aínda máis e volvín do viaxe sentíndome máis unida ás miñas compañeiras ca nunca.
Tamén tiven a oportunidade de celebrar o Día do Pescador, o 28 de xullo, na Berbería, xunto a persoas tan importantes para CODDEFFAGOLF como don Modesto, un dos seus fundadores. Sempre é un luxo compartir actividades con el e escoitalo falar. E, en realidade, poder compartir o día a día con todos os compañeiros e compañeiras de CODDEFFAGOLF está sendo un dos maiores agasallos desta experiencia.
Outro momento que sei que vou lembrar toda a vida foi poder vivir a final do Mundial na Embaixada de España en Honduras, xunto ao embaixador e a outros españois que emigraron a Honduras e construíron aquí a súa vida. E, ademais, gañou España. Estar no outro lado do Atlántico e celebrar unha vitoria da selección rodeada de persoas que, coma min, están lonxe da súa terra foi moi especial. Volvín sentir esa conexión con España, coa miña casa e coas miñas raíces, pero desde un lugar completamente diferente. Quizais iso sexa precisamente o bonito desta experiencia: sentirme máis conectada con España mentres, ao mesmo tempo, me sinto cada vez máis parte de Honduras.
Entre todas as actividades que puiden facer cos meus compañeiros de CODDEFFAGOLF, tamén tiven a oportunidade de participar nun monitoreo da calidade da auga das lagoas de inverno e analizar despois as mostras nun laboratorio da UNAH, en Choluteca. Foi curioso entrar nun laboratorio tan parecido aos que coñecín durante a miña etapa na Universidade de Vigo e sentir, por un momento, sentir que volvía a estar na cidade olívica. Pero esta actividade tamén me permitiu ver dunha maneira moito máis real algo do que tantas veces escoitara falar: o cambio climático. Aquí deixou de ser para min unha idea abstracta ou algo que aparece nos libros e nos informes. Está nas lagoas, nos cultivos e nas preocupacións das persoas.
As lagoas de inverno están sufrindo as consecuencias da falta de choiva e as salinidades que atopamos durante o monitoreo eran moi elevadas. E esa falta de auga tamén está afectando directamente á agricultura. En comunidades como Moropocay, os veciños están perdendo cultivos, cando a agricultura é o seu sustento. Nas comunidades da Berbería tamén existe unha preocupación enorme pola situación das lagoas, especialmente despois de tantos anos de loita pola súa defensa e conservación.
É difícil non sentir tristeza cando ves que persoas que levan anos loitando polo seu territorio teñen que enfrontarse tamén a cambios que afectan directamente á súa forma de vida. E, ao mesmo tempo, esta experiencia estáme facendo comprender que hai cousas que si podemos cambiar, e que precisamente por iso é tan importante o traballo que realizan organizacións como CODDEFFAGOLF e as propias comunidades.

















Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!