Todo pasa… e todo queda?
Aproveitando que hoxe celebramos o día da nena nas TIC queremos darvos a coñecer un proxecto que naceu no grupo de Mulleres Tecnólogas de ESF e que se está a propagar polas escolas técnicas de Galicia e en diversas facultades.
Elaboramos unha serie de tarxetas con frases de reputados científicos e pensadores que estudamos ao longo da nosa vida académica. Estes fixeron grandes aportacións técnicas pero, algunha vez nos paramos a analizar a súa ideoloxía? En ditas frases, extraídas das súas publicacións, vemos que tanto da o século ao que pertencesen ou o campo de estudo ao que se adicaran, todos comparten o mesmo discurso machista, de desprezo e insultante cara as mulleres.
Con esta campaña quixemos visibilizar que levamos toda a historia perpetuando o evidente: o sistema patriarcal. Dende os tempos antigos de Pitágoras ata os modernos de Isaac Asimov. Agora e antes.
Convidamos con elo á reflexión. A levalo ás aulas, visibilizalo, nomear tamén a mulleres e disidencias. Todxs conformamos a historia e non é xusto que só coñezamos parte dela.
Podedes atopar as nosas tarxetiñas nas bibliotecas das facultades de Santiago e nas Escolas de Telecomunicacións e de Minas e Enerxía en Vigo. Moi pronto as veredes en Lugo, Ourense e Coruña. A ver se atopades as oito! E se as queredes poñer no voso centro ou local enviádenos un correo que estaremos encantadxs de velas viaxar polo mapa.
Por último agradecemos á Asociación Galega de Estudantes de Matemáticas a súa colaboración e implicación na campaña.



Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!