Unha enxeñería máis social, entre a técnica e a ética
Autora: Lucía Ferro
“As mulleres non estamos só para decorar a enxeñería, senón tamén para liderala”
Aproveitamos o 23 de xuño, Día Internacional da Muller na Enxeñaría, para compartir as vivencias e anhelos de cinco persoas que un día tomaron a decisión de formar parte desta disciplina. Ademais de celebrar esta data, a intención desta reportaxe é a de contar a través dunha “mirada feminina” como unha se namora da enxeñería, as razóns polas que os retos merecen a pena ou como se pode imaxinar o futuro desta área de traballo.
Calquera cousa é enxeñería
A enxeñería “é o xeito do ser humano de aproximarse a resolver problemas” dinos unha enxeñeira industrial a quen nos dirixiremos como Sara, “ calquera cousa é enxeñería, vas facer a comida e ao final todo o que hai detrás é enxeñería”. Para Laura Pérez (enxeñeira en telecomunicación) esta disciplina chega ao plano persoal, dinos que como docente considera que “a enxeñería non só é o título, é unha forma de afrontar os problemas facendo uso da analítica, da técnica ou, aínda que non cho ensinan na universidade, tamén da ética”.
Durante as entrevistas, todas coinciden en que a enxeñería é unha procura de solucións a problemas, Alba Lestón (enxeñeira de camiños) asegura que “implica un proceso creativo” mentres que Martina Páramos (enxeñeira en telecomunicación) engade que é unha busca “do xeito máis eficiente” e, para ela, “tamén sostible”. Trátase de “resolver problemas non só de xeito óptimo, senón con respecto á natureza e ás persoas ás que afecta” comenta Laura Salgueiro (estudante de enxeñería informática e matemáticas), “facer o camiño recto ás veces non está ben, hai que dar algunhas curvas”. “O coidado das persoas debería ser un piar básico da enxeñería” engade Martina.
Ningún referente, pero moitos ánimos
Toda as entrevistadas tiveron dificultades para pensar nunha referente. Ao seu redor non había ningunha muller enxeñeira e tampouco as vían pola televisión. “Non sei se é porque son do rural, pero eu unha persoa achegada que estivese na academia non tiña”, explica Alba, “fun a primeira da familia en ir á universidade”. Ao preguntarlle como tomou a decisión de perseguir a enxeñería expresou a súa interese polas matemáticas e o debuxo técnico ademais dunha percepción da súa disciplina como “unha especie de ascensor social”.
“Dende pequena, cando algo se estropeaba, o primeiro que facía era abrilo e desmontalo”, conta Sara, “sempre quixen saber como funciona o mundo”. Ao ver que ela “construía robots” mentres que “as demais xogaban con Barbies”, o primo maior de Sara, que estudara telecomunicación, animouna a ser enxeñeira: “Se che gusta cacharrear estuda industriais”. Laura Salgueiro tamén recibiu certo impulso por parte de seus pais que lle dixeron: “Por tal e como es cremos que che pode gustar a informática”.
Na historia destas mulleres pódese notar o impacto positivo dos pais. Martina lembra como seu pai lle traía “xogos creativos de construír motores, algún telescopio ou microscopio” e tamén a animaba a desfrutar de “xogos de ordenadores como Pipi y las matemáticas”. Laura Pérez foi asemade inspirada polos intereses de seu pai quen “sempre tiña pola casa revistas de ciencias de animais” pero cando viu que a interesaban “traía tamén revistas máis técnicas”.
Algunhas das entrevistadas tiveron bos profesores de tecnoloxía que non só facían as clases interesantes senón que as animaban a perseguir o camiño das ciencias. “Modesto nunca me tratou con condescendencia nin paternalismo”, rememoraba Laura Pérez.
Aprender a aprender
Laura Salgueiro tiña “unha idea abstracta da enxeñería e as ciencias”. Ao entrar na universidade durante a pandemia e de forma telemática sentía unha “incerteza xeral”. “O que máis me sorprendeu da carreira foi que vemos cousas que se fan na realidade, protocolos que se están empregando día a día a diferenza do que pasaba no instituto”, explicaba. Ese non foi o caso de Sara, que “imaxinaba algo como na tele, constrúes máquinas e robots, pero construír unha máquina de calquera tipo é un proceso moi complexo”, apunta “fas algo moi especializado, céntraste en algo moi específico”. Aínda que Sara cre que “a enxeñería mola un montón” non tivo “a sensación de aprender moito na universidade”.
Alba tivo unha experiencia similar. “Non me gusta chapar, prefiro chegar aos resultados razoando”, contaba, “pensaba que en enxeñería se premiaría esa forma de pensar mais atopeime con algo que nunca imaxinaría, que tiña que chapar matemáticas”. Na mesma liña, Martina “cría que era algo creativo, algo que facer coas mans” pero despois deu cunha “carreira de fondo, superesixente e estresante”, asi e todo, gustoulle “aprender como funciona o dixital e a física de darlle a un interruptor e que logo pase algo”.
Pola contra, a experiencia de Laura Pérez foi moi positiva. Antes de comezar os estudos universitarios dubidaba entre filosofía e enxeñería “porque só quería saber como funcionaban as cousas”. “ Collín enxeñería porque pensaba que só a podería aprender na universidade”, explicaba, “e para aprender filosofía podía ler un libro”. Unha vez rematados os estudos, a pesar de desfrutar da formación teórica “parecía que me faltaba práctica”, admite. Con todo, está contenta de que a carreira lle transformou a forma de pensar nunha “máis estruturada” describíndose actualmente “como moi militar” e asegurando que a súa visión dos estudos ou de como funciona o mundo lle serve profesional e persoalmente. “O esforzo extra”, engade, “váleche para ver que logo podes facer cousas”.
Respecto á aprendizaxe, Alba di que a enxeñería non lle ensinou tanto a nivel académico, que “ten máis que ver con que te obrigan a ser autodidacta”, cousa que ela sempre desfrutou. Quizais por iso , cando se lle preguntou polo que máis gozaba da enxeñería fixo referencia ao proceso creativo. “Tiña na cabeza unha necesidade real”, contaba, “logo hai que darlle voltas á cabeza e buscar moita información” antes de dar cunha solución que “parece fácil”.
Sara quédase co que lle dixeron na súa primeira entrevista de traballo: “Xa sei que non sabes nada disto, o que o teu título me demostra é que podes aprender un montón de cousas dun xeito máis ou menos rápido”. “Gústame moito aprender”, incidiu, “cousas útiles (prácticas) pero tamén en xeral”.
Unha enxeñería máis social
“Hai que comezar a falar dos límites terrestres”, opina Martina, “ter moi claro o fin do que estás a desenvolver, deixarse asesorar por antropólogos e servizos sociais”, e finaliza, “a investigación debería enfocarse a unha enxeñería máis social”. “Preocuparse polo medio ambiente e as persoas” explica Laura Salgueiro, “non só do beneficio económico”. “Que necesitan os cidadáns aquí en Vigo?”, pregunta Martina a modo de ilustración. Ela desexa “relacionalo máis co entorno, falar coa xente e asegurarse de que sexa útil para os usuarios, revisar linguaxes, os materiais”, continúa, “ter máis presente o tema dos coidados”.
Sara dinos que “con frecuencia non se pensa máis alá da perspectiva produtivista” facendo que ela mesma se propoña cambiar de profesión no caso de non poder continuar traballando no mercado social como parte dunha cooperativa. “Que o traballo dun enxeñeiro non serva para nada é un problema” explica. Sara cóntanos que en previos traballos vía como moitos compañeiros asumían unha posición moito máis pragmática e cínica conformándose con que lles pagasen. “Hai cousas que xa cando as comezas a facer sabes que non se van usar e encima falo con moita urxencia,” comenta, “un traballo de tres ou catro meses dun equipo de varias persoas que non chegou a ningún lado”. “Nas grandes empresas perdeuse a visión xeral”, engade ao preguntarlle cal cre que pode ser a causa deste modo de proceder, “dá a sensación de que hai xente que manda facer proxectos por xustificar o seu posto de traballo, sen importar se teñen sentido ou non”.
Na mesma liña, Alba critica os ritmos e estruturas xerárquicas lamentando que propicien as malas prácticas. “Hai moitos traballos nos que che piden facer trapalladas”, relata, “tes que adaptarte a uns tempos e non podes facelo de todo ben; estase vendo cos proxectos de eólicos”. Tamén fai fincapé en que, en ocasións, as malas prácticas son intencionadas para protexer os beneficios da empresa. “A literatura tela que interpretar”, explica referíndose ao carácter subxectivo que se lle pode dar a unha investigación, “os números ti telos que contar e podes contalos dun xeito ou doutro, por exemplo, podes dicir que o 51% é a maioría de algo, si, pois é máis do 50%, pero en realidade é case equitativo”. Alba incide nas consecuencias negativas da competitividade do mercado laboral tendo que “pisar aos compañeiros para poder subir”, aínda que recoñece que “iso vai máis alá da enxeñería”.
A Laura Pérez non lle gusta “cando a enxeñería se esquece da parte social” pois “se non é para a sociedade non vale para nada”. Quéixase de que se “disfraza de ben social e arrasa con todo, explotamos a terra, os nenos e as mulleres”. Ela está contenta de dedicarse á enxeñería no ámbito docente, “no paradigma actual, non sería enxeñeira de desenvolvemento”, confesa explicando que se vería sempre debatida “entre a técnica e a ética”.
Preguntámoslle a Laura Salgueiro que opina do enfoque co que se aproximan os seus estudos e dinos que a ela tampouco lle gusta “cando se pensa en sacar produtos antes da competencia ou por razóns soamente económicas”. Laura dinos que no currículum inclúen materias como xestión financeira de empresas xustificándoo con que “para traballar nunha empresa necesitas ir escalando e os que ganan cartos non son os que están fuchicando” e, pola contra, non teñen ningunha lección sobre o impacto ecolóxico ou o gasto enerxético do emprego da tecnoloxía. Aflíxea a idea de que “están formando xente que crece individualmente, non xente que colabore socialmente”.
Os pasos da transformación
A procura dunha enxeñería máis social é “un cambio de toda a sociedade”, afirma Laura Salgueiro quen suxire cambiar o plan de estudos “pois calquera materia ten unha parte social que podería estar no temario”, gustaríalle que “insistan en estas partes, que en cada materia houbese un tema sobre iso como se fai agora co traballo de empresa” ou que metan materias específicas. Laura Pérez suxire darlle máis espazo á sostibilidade xa que “está todo por facer, os certificados de sostibilidade son etiquetas para vender pero non valen para nada, só para liberar conciencias”. Tamén menciona a posibilidade de crear “fortes comités éticos” que motiven investigar como construír mellor para os ecosistemas xa que na actualidade “maltratar á natureza é rentable”.
Toda as entrevistadas coinciden con Sara en que “a enxeñería pode servir para facer algo útil para a sociedade”. En referencia á recente situación que experimenta a nosa rexión coa instalación dunha celulosa en Palas de Rei, ela critica a idea de que “trae progreso”. “Un colega díxome que Altri está guai porque Galicia non ten moito tecido industrial e a industria sempre está ben”, relata. Pola contra ela di que “non sempre está ben se tiras cos árbores e pos asfalto”, argumenta, “non vas comer asfalto”. Sara incide sobre a tendencia que ten a enxeñería a desenvolver produtos que non aportan nin resolven necesidades reais. “Mola un montón, podo facelo,”, di falando sobre o empoderamento do proceso creativo da fabricación dunha máquina, “pero igual non debería” reflexiona.
Martina tamén o ten claro, “o enfoque da enxeñería debería cambiar, quitar a mirada dos cartos e pensar na esencia, é dicir, poñer a vida no centro”. A ela parécelle indispensable que haxa máis concienciación dentro da enxeñería e entre os usuarios dos produtos. Cre necesario que os profesionais vexan “as minas de onde ven o hardware” que desenvolven, ou “os vertedoiros a onde vai parar”. Tamén lle dá importancia á “cohesión de grupo e análise de estrutura empresarial”.
Para que serve o Día da Muller na Enxeñería
“Máis que para poñerse medallas,” asevera Alba, “debe ser un día de reflexión para ver as nosas debilidades” explica, referíndose ás campañas de marketing que se fan en institucións “que de feministas teñen pouco”. “Eu entendo este día, non como un día de darlle a noraboa ás rapazas da enxeñería,” continúa, “senón como un bo momento para mostrar estadísticas reais, cóntame os datos!, que fixestes ben?, que se pode mellorar?”. Alba fala de como en países con maior desigualdade as mulleres métense máis na enxeñería, “probablemente porque o ven un pouco como un ascensor social”. En países nos que hai menos desigualdade, “cando ti xa tes as necesidades básicas cubertas, aí xa si que contan os referentes, que te animen a estudar ou que che regalen xogos de construción”. “Aínda que haxa máis igualdade no papel,” explica facendo referencia aos países europeos, “segue a haber un marco cultural de películas, anuncios, etc., que te determina”.
Algunhas das entrevistadas, aínda que non experimentaron un rexeitamento claro, si que falan dunha incredulidade por parte da xente ante a súa decisión de estudar unha enxeñería como pode ser telecomunicacións ou industriais. Non souberon dicir, no entanto, se isto se debe a que estas carreiras teñen fama de ser moi complicadas ou a que elas son mulleres.
Ao preguntarlle polo trato recibido, Laura Pérez di que non tivo ningunha traba pero explica que “podes notar certo paternalismo”, aínda que non cre que o “notara máis que unha estudante de enfermería ou bioloxía”. “O paternalismo é transversal”, asegura. “As mulleres non estamos para decorar a enxeñería,” afonda, “senón tamén para liderala”. “Fan falta máis”, insiste, “e non só para arranxar a paridade, como quen nos fan un favor por ternos alí”. “As rapazas traen a mochila da esixencia”, lamenta, “o problema ven da autopercepción de que as ciencias non son para nós”. Martina tamén salienta “a baixa taxa de mulleres e diversidade na enxeñería” a pesar de ser “as que están máis na enxeñería social e na investigación”.
Ao afondar no tema, Martina conta como na universidade atopou profesores moi machistas e maleducados e que incluso algunhas compañeiras “saían chorando das titorías”. Tamén fala do pouco que se discute o xénero na tecnoloxía, “na materia de IA non falamos sobre tema de sesgos”.
Do mesmo xeito, Sara lembra algún que outro episodio incómodo, mostra dun patriarcado presente tamén nesta disciplina. “Ti estás segura de que queres traballar aquí?”, lle preguntaron ao introducirse no mundo laboral, “é un traballo difícil!”. Naquel momento non o pensara, mais reflexionando xúrdelle a dúbida de se “isto llo diría a un rapaz”. Tamén conta como nun dos seus primeiros empregos un cliente lle dixo ao seu xefe que “non debería traballar alí porque son todos homes”, facéndolle cuestionarse a estabilidade do seu posto de traballo. De feito, nos primeiros cinco anos de experiencia laboral nunca coincidiu con outra muller. Ao emigrar a Francia comezou a atopar máis mulleres e finalmente decidiu retornar para colaborar cunha cooperativa “formada por mulleres que xa están cansadas de lidar con machiños que o sabían todo”.
Para Laura Salgueiro “as mulleres temos unha forma diferente de ver o mundo”, e segue, “o mundo é moi patriarcal e as formas foron definidas polos homes”. “É bo crear redes de mulleres”, comenta, “unha muller soa pode ser como a voz disidente”, di en referencia á dificultade que ás veces pode ter unha enxeñeira á hora de defender unha nova perspectiva. “Hai homes que falan contigo cun ton de superioridade”, conta, “en traballos por parella, o profesor responde pero mirando para eles”.
Unha mensaxe para as vindeiras xeracións
“Que cousa farías gratis polo gusto que che dá?”, lánzalle Martina as rapazas que se atopan no momento de escoller os seus estudos. “Métete nos espazos a preguntar”, recomenda visitar cooperativas e procurar as alternativas e iniciativas sociais locais para inspirarse e coñecer como é o traballo.
“Que non teñan medo”, indica Sara, “as rapazas á hora de escoller son perfeccionistas e escollen algo no que se vexan seguras por medo a suspender”. “Eles parecen que saben”, explica, “pero aínda que pareza que eles controlan e ti non, que bah!”. “Non hai que ter medo a fallar, xa aprenderás!” “O tema é ter ganas de aprender”, concreta Sara, “se non tes iso, si que non te metas”. Laura Salgueiro anímaas asegurando que “aínda que ao principio parece difícil, se segues intentándoo, non se che da peor que aos outros”.
Para Laura Pérez a escolla non está entre as ciencias e as letras, “non somos unha única cousa, somos moitas”. “A vida é difícil”, reflexiona, “os momentos malos chegan pero é máis fácil se te dedicas ao que che apaixona”. “Que escollan o que elas pensan que é o seu e non o que lle din”, recalca que, escollan o que escollan, o fagan “só por aprender”. Para Laura estudar enxeñería “fai que mereza a pena” porque “todo sae, ás veces non como pensabas, pero todo sae”.
Brava Lucía, gran entrevista, moi boas preguntas e tan ben fiados todos os puntos de vista. Encantóume!
Un artículo digno de publicar en cualquier tipo de medios.
Enhorabuena, Mujeres en la Ingeniería y Ciencia.
Gracias
Belén