Crónicas de Honduras: Martina II
Chega a segunda crónica de Martina dende Honduras, participando no noso Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR) grazas ao proxecto financiado pola Xunta de Galicia de Tecnoloxía para o Ben Común na Universidade (IRPF e Cooperación Galega), e tamén ao apoio dunha bolsa da Universidade de Vigo de mobilidade para estudantes para participar en proxectos e accións de cooperación ao desenvolvemento no curso 2023/2024.
————————————————————————————————-
Xa pasaron dúas semanas dende que aterrizamos en Honduras e xa me sinto moito máis ubicada e adaptada.
O que levamos visto do territorio paréceme precioso. Estamos na época de choivas polo que toda a vexetación está cunha gama de verdes preciosa. Na fin de semana visitamos o parque natural La Tigra, e quedei namorada daquel lugar. A ruta que fixemos, inda feita polo ser humano, respectaba ao máximo o ecosistema, tiña algunha ponte de madeira pero logo nos regatos pequenos cruzabamos por riba de pedras postas estratéxicamente. Aquel espazo deume moita paz. Só se oían o vento, as árbores e os insectos.
O mércores fomos con CODDEFFAGOLF a unha xornada de formación para o monitoreo de peixes dun grupo de pescadores. Acompañámolos a pescar nunha embarcación pequena en 3 localizacións concretas arredor da Isla del Tigre co método tradicional: un fío de nailon cun anzol no que poñiamos camarón a modo de cebo e un peso para que fose ao fondo. En cada zona pescabamos durante 20 minutos e íase anotando o tipo de peixe e a cantidade recollida. No primeiro lugar pescamos moito (si, ata as PCR pescamos!!) e nos outros moito menos, a consecuencia da pesca industrial que está arrebatando o seu ecosistema e forma de vida, como nos foi contando o pescador don Ricardo. El foinos falando das distintas praias e zonas da illa, das dificultades que estaban a ter ao non haber leis que amparasen a pesca tradicional fronte a invasora, dos problemas do goberno e das illas privadas que pertencían a europeos. Foi moi enriquecedor escoitalo.
Ao rematar a pesca atracamos na illa e nun local as técnicas de CODDEFFAGOLF explicaron as distintas medidas que nas vindeiras semanas deberían recoller eles mesmos durante a pesca para, posteriormente, facer un estudo da situación na que se atopa dita actividade.
Ao día seguinte voltamos á Isla del Tigre tamén con CODDEFFAGOLF. Desta vez asistimos a unha reunión con dous grupos de mulleres, de Bellasmar e de Emusmar, na que se lles propuxo crear unha escola de campo para aprender técnicas de cultivo e creación e emprego de fertilizantes, co obxectivo de fomentar unha nova actividade máis aló do marisqueo que lles permita novos ingresos e autonomía alimentaria. A idea foi moi ben acollida e a semana que ven definiranse os cultivos piloto para a escola de campo, que se fará nun terreo compartido polas mulleres de cada grupo na súa comunidade e darase a primeira capacitación sobre aspectos teóricos.
Na fin de semana Sandra e mais eu fixemos a primeira escapada ao Salvador. Quedamos namoradas das paisaxes deste país e disfrutamos un montón acampando no mirador do volcán Conchagua. Deixo unhas fotos para dar envexa 😉
Ata a próxima!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!