Boletín Oficial ESFeiro: novembro 2024

      💜🧡 Este mes queremos lembrar que dende ESF queremos xerar un espazo seguro e libre de violencias. Por iso, temos a vosa disposición un punto lila, xestionado polo Grupo de Xénero e Feminismos de ESF, para recibir denuncias de violencias machistas no contexto de actividades de ESF ou que impliquen persoas da asociación. Na Asemblea de outono 2024 que tivo lugar o primeiro fin de semana de novembro, aprobouse ademais o Protocolo contra a Violencia Patriarcal en ESF.

    Ademais, este mes de novembro estará aberto o prazo para presentarse ao Concurso de propostas didácticas de tecnoloxía para o ben común en secundaria e FP, do que pregamos difusión.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   ESte mes foi de actividade frenética.

    Tivemos regueifas con Amigas da Terra e a plataforma MIna Touro-O Pino NON, dentro do proxecto Mulleres Bravas. Chegaron a Galicia Nancy e Francisca, dúas labregas hodureñas. Nancy estará até mediados de novembro en Galicia, coñecendo distintas granxas e loitas do territorio, grazas ao proxecto Mulleres Bravas, en colaboración co Sindicato Labrego Galego (SLG). Empezaron forte a estancia en Galicia, cun roteiro feminista na Coruña, faladoiros na EPSE de Lugo e no Centro de FP de Mondoñedo, visitas institucionais e a participación no encontro da rede Nos Plantamos, en Allariz. Despois Nancy empezou a súa xira por Galicia, da que nos foi dando boa conta o SLG.

    En Teo tivemos o encontro anual da Rede de Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre, e aproveitamos para facer un repair café mixto de computadoras-bicis, en colaboración con Compos-cleta, grazas ao noso programa ESF no eido profesional (financiado por fondos IRPF-Xunta de Galicia e Cooperación Galega). Aproveitamos para amosar a expo “Coñeces o teu móbil?”. Dentro deste mesmo proxecto, participouse na Feira de Tecnoloxías Abertas da Coruña OSHWDem 2024 e tamén organizouse un ciberfaladoiro sobre Funcionamento do sistema enerxético eléctrico, como interpretar a factura eléctrica e alternativas ás multinacionais. Non nos esquecemos dun novo Repair Café na Praza Europa da Coruña, dentro da feira de mercados de economía sustentable.

    Coas participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades de volta en Galicia, tivemos en Coruña oportunidade de coñecer algo da experiencia de Martina e Sandra de primeira man.

    Varias persoas de ESF participaron na manifestación Galiza por Palestina.

    Dentro do proxecto ESF na Universidade, financiado por IRPF-Xunta de Galicia e Cooperación Galega, houbo un encontro de voluntariado da UVigo. Ademais, en Ferrol presentouse o novo Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre universitario, cun repair café.

    En A Coruña, no proxecto IRPF-Bancos de Reciclaxe en colaboración con Ecos do Sur, comezou o curso de 35 horas de nivel medio de mantemento e reparación de equipos. Aínda están previstos outro na Coruña e outro en Vigo antes de rematar o ano! A actividade do Banco da Coruña mantívose semanalmente, e tamén houbo un par de quedadas en liña da rede galega.

    Dentro do proxecto Hackers Sen Fronteiras, destacou os faladoiros en FP ciclo medio e superior do IES de Curtis, como parte da actividade piloto en centros de FP, que tivo moi boa acollida.


HONDURAS

    En Honduras, no eixo de traballo de soberanía alimentaria e defensa da terra, dentro do programa de Restauración de Lagoas de Inverno, entregouse un kit de contedores para separar o lixo en distintos centros educativos. Dende o nosa socia CODDEFFAGOLF nos explicaron que se entende por “pesca continental” e a importancia das lagoas de inverno para as aves.

    Dentro do eixo de traballo de Dereito Humano á auga, houbo un intercambio de experiencias entre os Consejos de Microcuencas Panasacaran – Rio Laure. Tamén houbo unha xornada de educación ambiental no centro educativo Manuel Bonilla, municipio de Nacaome.


MOZAMBIQUE

    No mes de outubro tivo lugar una visita técnica a Maputo cunha duración de 30 días nos que o traballo se centrou no fortalecemento do persoal da Administración Rexional da Auga do Sur de Mozambique (ARA Sur), organismo homologo a Augas de Galicia no sur país. O obxectivo da visita foi o de realizar in situ formación teórico práctica para a análise de inundacións co obxectivo de que a ARA Sur poida dispoñer de estudos que lle axuden na toma de decisións, e coa formación do persoal para a realización dos devanditos estudos como elemento fundamental. O traballo de formación coa a ARA Sur parte da base do curso en liña de iniciación ao Iber+ realizado polo técnico de referencia da ARA Sul para eventos extremos, grazas ao apoio do Grupo de Enxeñería dá Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña.    

Nos meses de novembro e decembro haberá novas visitas técnicas para continuar con esta liña de traballo coa ARA Sur en Maputo e para dar os primeiros pasos na cidade de Tete coa ARA Centro.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes traemos a recomendación de seguir a un colectivo chamado Total Refusal, que, dalgún xeito, podemos dicir que hackea os videoxogos máis coñecidos para xenerar reflexión política, facendo mesmo curtametraxes dentro dos xogos.


E NO PRÓXIMO MES …

    Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

Non podes poñer no mundo unha tecnoloxía que non foi probada. E ese control debe facerse a través dunha auditoría pública. As empresas non o están facendo, non se están autorregulando. Por iso temos ás tecnoloxías que temos. Entón creo que debe ser algo que a ser considerado na regulación. E logo, a participación da cidadanía nos procesos de gobernanza, de desenvolvemento, de implementación, é dicir, en todas as fases do ciclo de vida da intelixencia artificial.

Paola Ricaurte Quijano, investigadora, referente en intelixencia artificial e feminismo

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.