NOVO PROXECTO: Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega. Fase 2
Durante os seus xa 30 anos de historia, Enxeñería Sen Fronteiras veu traballando no cumprimento dunha das súas liñas de traballo fundamentais: a creación dunha cidadanía crítica, facendo especial énfase no uso da tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común. O concepto de “Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano” (ou para o ben común e a emancipación, como vimos denominándoo ultimamente), parte de cuestionar o uso histórico da tecnoloxía e apostar por unha tecnoloxía participativa e non excluínte que permita lograr a equidade e a xustiza social cun enfoque de ben común.
Con este proxecto preténdese continuar o traballo no Programa Tecnoloxía Sen Fronteiras de promoción e visibilización da tecnoloxía para o ben común nas universidades públicas galegas (chamámolo agarimosamente ESF na Uni) que ESF Galicia comenzou a traballar da rede de profesorado Artigo9Tech en 2020. Nesta segunda fase se incorpora como membro do consorcio Arquitectura Sen Fronteiras (ASF), a outra ONGD especializada no eido tecnolóxico e vinculada á universidade (que, xunto con ESF, foi tamén impulsora da rede Artigo9Tech cando empezou a crearse en 2019). Terá tamén financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, que se resolveu hai poucos días, se ben xa se leva desde xaneiro realizando actividades neste programa.
O eixo de traballo será, pois a promoción da tecnoloxía para o ben común na docencia, investigación e activismo da comunidade educativa universitaria galega de base tecnolóxica. Este traballo segue a ser moi pertinente e queda moita marxe de mellora, como amosa a liña de base levantada na fase 1.
Continuaremos polo tanto coas dúas grandes liñas de traballo segundo o grupo de persoas da comunidade universitaria destinatarias ou protagonistas:
- Liña alumnado, para promover un alumnado crítico e mobilizado, que poida participar máis aló das accións académicas formais e se involucre dende a súa época universitaria na transformación social, xa sexa a través de ESF, ASF ou doutras organizacións, pero sempre cun enfoque de voluntariado transformador. Se se consegue alumnado implicado e sensibilizado coa cidadanía global e o ben común, no seu día a día futuro (tanto persoal como profesional) tamén poderán ser axentes de transformación. Nesta liña se realizarán faladoiros en todas as escolas técnicas galegas, o programa “Abrindo as fiestras” (na fase 1 chamado “Fora da aula!”) para impulsar accións que unan actividades docentes con servizo social (apoiando elaboración de material), a participación no Programa de voluntariado internacional de Coñecemento doutras Realidades de ESF (a edición 2023 xa rematou coa estancia, dentro deste proxecto, de Juan) e apoio ao Premio Enxeñería Solidaria a TFM/TFG.
- Liña PDI/PAS. É moi importante tanto pola súa acción institucional para incluír no día a día da universidade ese enfoque de cidadanía global, como pola compoñente investigadora que desenvolve o PDI (e que poidan enfocala cara a tecnoloxía para o ben común). Tamén por ser o PDI multiplicador cara o alumnado de coñecementos, habilidades e actitudes que poden fortalecer e poñer o foco nos dereitos humanos e o ben común. Nesta liña impulsaranse encontros de PDI/PAS que fortalecerán a rede Artigo9Tech, o programa de mulleres tecnólogas, o programa de investigacións enfocadas á tecnoloxía para o ben común (que funcionou moi ben na fase 1), así como impulsar exemplos de visibilización e comunicación de enfoques didácticos e investigadores participativos co programa “Fóra do despacho!” ou, xa algo máis ambicioso (que ademais pode darlle solidez e sustentabilidade ao grupo Artigo9Tech). Tamén se pretende, tralo estudo de viabilidade realizado na fase 1, pasar xa ao deseño dun Mestrado Interuniversitario de Tecnoloxía para a Innovación Social e a Sustentabilidade (quen sabe se algún día se poderá poñer en marcha algo así no SUG). Quérese incluir tamén como compromiso de mellora na coherencia institucional da universidade, a elaboración dun estudo sobre as cátedras empresariais existentes na universidade e outras colaboracións con empresas, para que a universidade tamén poida influir na mellora das prácticas das empresas coas que colabora e non se quede só en colaboración para facer Academic Washing a empresas que queren lavado de cara pero as súas prácticas no eido da tecnoloxía para o ben común deixan moito que desexar.
Cabe mencionar o enfoque de xénero que se pretende incluír neste proxecto, o cal nun eido como o tecnocientífico ten unha importancia (e dificultade) especial, tanto na participación, como na co-responsabilidade do proxecto, como no comité de seguimento e as accións concretas. ESF e ASF pretenden coas súas actividades a xeración dunha cidadanía global crítica e comprometida coa loita contra a pobreza a través da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano, para o cal terá en todas elas un protagonismo destacado o voluntariado, como co-responsable do seu deseño, execución, seguimento e avaliación, tendo persoas colaboradoras dentro do alumnado e tamén dentro de PDI/PAS na propia rede Artigo9Tech que facilitarán o traballo de transformación da universidade “dende dentro”.
Para a difusión empregaranse sobre todo canles 2.0 e a través da comunidade de ASF, ESF e do grupo Artigo9Tech (e das organizacións coas que se vaia colaborando en cada actividade), así como tratando de potenciar as áreas de sistematización de experiencias e tamén a de comunicación en medios convencionais, e por suposto nos máis académicos apoiados no concepto de Open Access ou Acceso Aberto ou Libre (para visibilizar neles tamén a acción de Artigo9Tech con ese enfoque de tecnoloxía para o ben común).
Levantarase unha liña de base específica nun centro concreto (a Escola de Arquitectura da UDC), polo desexo de ASF de afondar no traballo no que é o seu centro de referencia, de xeito que permitirá deseñar unha metodoloxía específica de estudo adaptada a cada centro. Servirá para coñecer a situación do centro con respecto á tecnoloxía para o ben común e o dereito ao hábitat no seu desempeño organizativo, docente e de investigación. Así, se poderá aplicar en fases posteriores ir vendo as necesidades, apertura e posibilidades concretas de introdución deste enfoque alternativo da tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos escola por escola.
FICHA DO PROXECTO
Título: NOVO PROXECTO: Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega. Fase 2
Data execución: xaneiro 2023 a novembro 2024
Financiador: Xunta de Galicia, Cooperación Galega
Orzamento: 55.150 €
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!