Programa de Mulleres Tecnólogas para o ben común
Visibilizar como a tecnoloxía se pode poñer ao servizo do ben común é unha das actividades ás que máis tempo adicamos en Enxeñería Sen Fronteiras, aínda que tradicionalmente o fixemos no ámbito universitario técnico. Agora, cuns proxectos cofinanciado pola Xunta de Galicia, por un lado con fondos da Cooperación Galega e por outro con fondos de IRPF (a famosa casiña de fins sociais da declaración da renda), queremos contribuír a que mulleres tecnólogas vinculadas ás universidades galegas e ao mundo profesional tecnolóxico, que colaboran con ESF, dean a coñecer a súa actividade en centros de ensino secundario.
Obxectivos
A actividade trata de impulsar faladoiros en centros de secundaria que o desexen para visibilizar a mulleres que traballan en temas de tecnoloxía, pero cun enfoque para o ben común. Esta actividade ten un par de pequenas peculiaridades con respecto a outros programas de mulleres nas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics):
1) Que a idea é non simplemente visibilizar ás mulleres nas STEM, senón o enfoque de Tecnoloxía para o Ben Común. Ou sexa, non se busca só que se poña en valor e se visibilice a presencia de mulleres neste eido, senón tamén o xeito distinto de empregar a tecnoloxía (baseado en valores de colaboración, participación cidadá, sustentabilidade, enfoque a grupos vulnerabilizados, etc., que pensamos que non son os habituais nestes ámbitos técnicos).
2) Que a idea é, no caso de relatoras procedentes da universidade, poder preparar e impartir ese faladoiro involucrando tanto a persoal docente e investigador da universidade como a alumnas ou ex-alumnas, para ir creando certa conciencia no alumnado e participe máis nestas iniciativas, ademais de que poidan ser referentes para as nenas (e tamén nenos) que queiran adicarse ao eido STEM con ese enfoque.
Para Enxeñería Sen Fronteiras Galicia é retomar unha liña de traballo, a de accións no ensino secundario, pola que se quere apostar nos vindeiros anos, centrando proxectos especificamente neste ámbito.
Metodoloxía
A actividade consiste na organización de faladoiros a impartir en centros de ensino secundario por algunha das mulleres colaboradoras de ESF (se é posible, acompañadas dalgunha alumna ou colaboradora no caso de relatoras da universidade). Un elemento que se busca prioritariamente é a flexibilidade, para adaptar os faladoiros ás necesidades da aula, centro ou profesorado de secundaria que o solicite.
Os cursos ás que se dirixe son, preferiblemente de 3º ou 4º de ESO, que é cando empezan a decidirse os itinerarios formativos. Podería ser unha actividade de aula, ou con varias aulas simultaneamente, dependendo das preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade
O formato podería ser presencial ou teleconferencia, dependendo tamén das preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade.
As datas e hora de realización da actividade serían coordinando a dispoñibilidade das colaboradoras de ESF Galicia (que son voluntarias) e as preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade.
A duración do faladoiro sería para encaixar nunha clase (uns 50 minutos), aínda que se podería variar dependendo das preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade.
Os materiais precisos serían un proxector conectado a unha computadora na que se poida enchufar un pendrive (se non se contara con este material, se podería adaptar o faladoiro sen problema, previa coordinación coa persoa que impartiría o faladoiro).
A sesión empezaría pasando un brevísimo cuestionario ao alumnado (no caso de facelo presencial) cunhas preguntas baseadas no que se vai transmitir na faladoiro.
A continuación se desenvolve o faladoiro, que pode ter algún elemento máis participativo dependendo das restricións COVID do centro (ou do formato, presencial ou en liña). A relatora ou relatoras falarán da súa experiencia, por que decidiron facer o que fan e que expectativas teñen para o futuro. Ademais, falarán especificamente dalgún dos seus proxectos (laborais ou de activismo, presentes ou pasados) que teña unha especial compoñente social na aplicación tecnolóxica.
Acabará a sesión co cumprimentado por parte do alumnado do mesmo cuestionario do inicio.
Esperamos recoller o material que se xere nos distintos faladoiros que se realicen nos distintos centros que participen na actividade, así como as avaliacións da aula, e compartilos logo coa equipas docentes que participaron dos centros (mesmo, se chega a haber interese e se conforma un grupo de profesorado de secundaria interesado, tratar sacar algún material didáctico máis formal).
Equipo de colaboradoras
Cóntase cun grupo dunhas 20 mulleres tecnólogas, tanto docentes e investigadoras das tres universidades galegas, como alumnas e tamén tecnólogas externas á universidade. Se desempeñan en ámbitos tan dispares como a enxeñería aeroespacial, a hidroxeoloxía, a informática, a enxeñería civil, a tecnoloxías de apoio para persoas con problemas de mobilidade, as telecomunicacións, a física aplicada, os humanismos dixitais ou a bioconstrución.
Primeiras actividades
Nos segundo e terceiro trimestres do curso 2021-2022 se iniciaron os faladoiros, en centros como o IES San Rosendo de Mondoñedo, o IES de Curtis, o IES Valadares de Vigo, o IES de Soutomaior ou o IES Monte Carrasco de Cangas.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!