BOE

Boletín Oficial ESFeiro. Xullo 2025

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En Galicia tivemos un xuño de actividade intensa, a pesar de ser fin de curso. Empezamos a presentación da nosa Guía de Autodefensa Dixital, feita colaborativamente e  que está en constante actualización. 

    No programa Hackers Sen Fronteiras de tecnoloxía para o ben común no ensino secundario, pódense escoitar xa os programas de radio realizados por alumnado do IES San Rosendo de Mondoñedo, na súa visita a nosa sede na Escola de Camiños. Ademais, podemos ver o avance da iniciativa gañadora do concurso Hackers Sen Fronteiras, no CPI de Zas. Non deixedes de probar o videoxogo serio desenvolto polo alumnado de tecnoloxía de Mondoñedo, para concienciar sobre o acoso. Ademais, organizamos un ciberfaladoiro sobre As multinacionais deseñando a FP. Naturgy e o módulo de sustentabilidade, onde coñecemos a publicación do mesmo nome dun dos compañeiros do grupo de traballo (ten versión en galego e castelán)

    Dentro do programa ESF-Pro, con entidades profesionais da enxeñería e a economía social, participamos no encontro de FORESGAL, noutro sobre Auditoría Social con REAS Galicia, e tamén nun encontro de reflexión sobre participación cidadá na implementación de infraestruturas de transporte de electricidade, coa REde Renovables. Velaquí unha cŕonica.

    No programa de ESF na Universidade participamos no encontro e feira de asociacións dos 10 anos de Aprendizaxe-Servizo na Universidade da Coruña.

    Os Bancos de REciclaxe Electrónica tamén estiveron moi ocupados, con repair café en Covelo, outro na Domus da Coruña, un faladoiro sobre tecnoloxías para o ben común e un obradoiro de cacharreo na AtlanticaConf, un Repair Café e Chocolatada Solar en Ourense en colaboración con outras entidades e outro no CS Revolta de Vigo.

    Dentro do Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades, fixéronse as últimas formacións (unha presencial e outra en liña) sobre proxectos de cooperación e tamén sobre os propios proxectos en Honduras e quen participa neles. Agora mesmo xa están en Honduras Aída e Lorenzo, á espera de que, a mediados de xullo, se lles una Belén.

    O 23 de xuño, Día Internacional da Muller na Enxeñaría, compartimos reflexións da varias mulleres da nosa base social sobre vivencias persoais e o papel das mulleres neste eido.

    Como parte do traballo en rede, houbo participación de ESF na Presentación do libro Nova Cultura da Terra, e tamén entramos a formar parte da asociación promotora da revista Soberanía Alimentaria, Biodiversidad y Culturas.


HONDURAS

    En Honduras, dentro do eixo de soberanía alimentaria, coa nosa socia CODDEFFAGOLF, houbo unha xornada de formación sobre boas prácticas pesqueiras. Tamén unha de motivación empresarial, coa participación de 50 mulleres de diversos grupos. Dentro do programa de REstauración de Lagoas de Inverno (financiado por AECID e Xunta de Galicia), tivemos xira de intercambio de experiencias. Tamén continuou a Escuela de Habilidades para la Vida.

    No eixo de Dereito á Auga, coa Mancomunidade NASMAR, houbo unha formación en toma de mostras de auga para análise de calidade, e xa se tomaron varias para fortalecer o sistema de monitoreo, que logo se analizarán no laboratorio da Región Sur, que se creou dentro deste mesmo eixo de traballo.


MOZAMBIQUE

    Ademais de continuar o traballo de asesoramento técnico coas Administracións Rexionais da Auga do país, en xuño houbo un par de eventos relevantes dentro do programa AquaMoz de fortalecemento de capacidades en xestión de eventos hídricos extremos (secas e inundacións). 

    Un dos socios do proxecto, Augas de Galicia, participou en Sevilla a través do seu director no Encontro sobre irmandades entre operadores de auga, falando do exemplo que supón de cooperación técnica entre administracións públicas a  nivel organismos de cunca hidrográfica. Tamén ESF Galicia puidemos asistir en liña a actividade e deixámosvos unha crónica, e outra das nosas compas de ESF Catalunya que puideron estar en Sevilla.

    Ademais, tivemos de xira técnica en Galicia a Francisco e Moisés, técnicos da Administración Rexional da Auga do Centro. Aquí podes coñecer como lles foi (tamén tiveron encontros coa nosa base social).

    Lembra que, se queres ter unha visión xeral do que se fai no programa AquaMoz, aquí tes unhas infografías e un pequeno vídeo moi clarificadores.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para a transición ecosocial


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes queremos chamar a atención sobre El Salvador, neste caso a través do activismo cultural e o hiphop de denuncia de rapeiras como Yezli Mic. Aquí se lle pode ver con outras compañeiras coa canción ¿Quien nos va a parar?


E NO PRÓXIMO MES …

    Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:

  • 5 de xullo (primeiro sábado de xullo): Día Internacional das Cooperativas
  • 7 de xullo: Día da Conservación do Solo
  • 7 de xullo: Repair Café dentro da Escola Popular de Verao da Asociación Gentalha do Pichel no seu local da rúa Santa Clara 21, Santiago de Compostela.  Colaborando co Banco de Reciclaxe Electrónica Municipal de Teo.
  • 7 a 11 de xullo: Escola de Verán de Ferramentas Libres. Escola de Camiños, Campus de Elviña. A Coruña. Son varios obradoiros de distintas ferramentas. Inscríbete de balde aos que queras! +INFO
  • Domingo 13 de xullo. Picnic Veraniego ESFeiro. Encontro informal da base social na Praia Fluvial da Tarroeira (OpenStreetMap | Google Maps) en O Pino. Trae a túa comida, ou se non vén pasar un rato pola mañá ou pola tarde!
  • 15 de xullo: Día Internacional das Tecnoloxías Apropiadas
  • Xoves 24 de xullo. 18-20h. Obradoiro de Escritura Creativa “Decrecendo a Tecnoloxía”. Dende a mañá estaremos de picnic pola zona. Lugar: Merendeiro con praia fluvial → Área recreativa Os Pasos, Aiazo (Frades). Inscríbete de balde neste formulario
  • 26 de xullo: Día do manglar
  • 28 de xullo: Día Internacional da Conservación da Natureza
  • Mércores 30 de xullo sobre as 18:30 una xira coñecendo o entorno da Mina Touro-O Pino (escrebe a sergio.fernandez[arroba]isf.es para anotarte)

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    A ética do coidado promove a substitución da escola actual, cargada dunha pesada ética liberal que educa os nenos e nenas na crenza do individuo como ser autónomo, a unha ética da persoa como ser necesitado e  dedicado á axuda mutua; un cambio de paradigma do individualismo e a despersonalización á interacción e o coidado.

GARCÍA MARÍN, Jorge, 2021. Curso de Novas masculinidades. En: UNIDADE DE IGUALDADE e VICERREITORÍA DE ORDENACIÓN ACADÉMICA E PROFESORADO. Itinerario de xénero III. Universidade de Vigo. 978-84-
8158-844-6.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.