Boletín Oficial: decembro 2024


    Un mes máis, aquí está o Boletín Oficial Esfeiro (BOE) de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia (podes consultar os anteriores BOE na aquí).



CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En Galicia tivemos unha actividade frenética en novembro. 

    Na universidade, tivemos encontros con delegacións de alumnado dalgunhas escolas de enxeñería a ver se impulsamos actividades. Na Escola de Enxeñería da USC en Compostela houbo un faladoiro de Xestión de eventos hídricos extremos en Mozambique. Celebramos a V Xornada de Tecnoloxía para o Ben Común: educación, investigación e cooperación para o desenvolvemento nas universidades galegas, coa rede Artigo9Tech, a modo de peche desta fase do programa de traballo conxunto da rede, que financiou Cooperación Galega da Xunta. Na EScola Politécnica de Lugo puidemos falar sobre Enxeñería e proxectos de cooperación internacional para o desenvolvemento. Na Escola de ARquitectura da UDC tivemos a exposición Coñeces o teu móbil, que logo foi trasladada ao IES Curtis.

    Tamén no IES Curtis tivemos un faladoiro no ciclo medio de FP de informática sobre electrónica ética. Ademais, e tamén dentro do programa Hackers Sen Fronteiras en secundaria, estivemos no IES Armando Cotarelo de Vilagarcía, falando de cacharreo con computadoras, e tivemos tempo para un Ciberfaladoiro de reflexión interna sobre se debemos traballar en centros de secundaria privados ou concertados.

    En Santiago fixemos o primeiro café formativo do curso, compartindo ideas sobre que entendemos por tecnoloxía para o ben común.

    Dentro do programa Mulleres Bravas tivemos un emotivo encontro de Defensoras da terra de Honduras e Galicia, xunto con Amigas da Terra, AGARESO e Sindicato Labrego Galego, a modo de peche desta fase do proxecto.

    Tivemos representación de ESF Galicia no encontro estatal da Federación de Ingeniería Sin Fronteras en Barcelona, e tamén no encontro Somos Ponte en Pontevedra. Tamén nas mobilizacións do 25N, en Galicia e en Honduras.

    En Vigo tivemos o 1º curso de Reparación e mantemento básico de equipos informáticos, con 4 fins de semana cacharreando, impulsado polos nosos Bancos de REciclaxe universitarios en colaboración coa ONG Diversidades. No Banco de Reciclaxe de Ferrol continúan a actividade, neste caso poñendo a punto computadoras coa fundación Amigó. O Banco da Coruña organizou un repair café na Domus, como vén facendo mensualmente. Aproveitaron para ter tamén unha formación en mantemento de bicis coa asociación Mobi-liza.

    Presentamos na nosa web o novo programa de Tecnoloxía para o Ben Común no eido profesional da tecnoloxía e a enxeñería (ESFpro). Como parte deste programa, tivemos un faladoiro en liña co Colexio de Enxeñería Forestal sobre A enxeñería forestal na cooperación internacional ao desenvolvemento: reflexións e exemplo de proxecto de restauración integral en Honduras.


HONDURAS

    En Honduras novembro foi un mes no que houbo que lamentar polo menos 6 falecidas e 250.000 afectadas, así como copiosos danos en cultivos e vivendas, pola virulencia da tormenta Sara. Houbo que reprogramas varias actividades e mesmo coordinarse coas entidades financiadoras para redirixir algúns fondos dos proxectos a paliar no posible o desastre das comunidades afectadas.

    No eixo de Dereito á Auga, tivemos a oportunidade de presentar en liña do novo proxecto auga coa Mandomunidade NASMAR e o Laborate da USC á embaixada Honduras en España. Tamén houbo visita de embaixada, desta volta a de España en Honduras, a distintos proxectos de ESF no sur do país. Aproveitouse para inaugurar o sistema de abastecemento de El Sartenejal.

    Dentro do novo proxecto coa Mancomunidade NASMAR, organizouse un Taller Teórico-Práctico sobre uso de Estación Total e GPS, dirixido a equipos técnicos municipais e se presentou o proxecto á comunidade Tres Piedras, onde se realizará un abastecemento piloto de auga.

    No eixo de Soberanía Alimentaria, a mencionada visita da embaixada española tamén chegou á zona do programa de Restauración das Lagoas de Inverno. Nesta época de intensas choivas as obras están paradas, pero hai formacións e seguimento como o monitoreo de aves.

    Ademais, a finais de novembro Zaira rematou a súa estancia en Honduras de voluntariado técnico no terreo, pero antes nos deixou esta crónica.


MOZAMBIQUE

No mes de novembro continuouse traballando principalmente no estudo de inundacións no sur do país empregando o software Iber+ como ferramenta de análise. Estase a desenvolver un traballo de formación práctica na Administración Rexional da Auga do Sur de Mozambique (ARA Sur) en Maputo para que manexen as bases de este tipo de estudos, para iso o traballo inicial estase a desenvolver con bacías piloto de interese a ARA Sur, organismo homologo a Augas de Galicia no sur Mozambique. A finais de mes houbo unha nova visita técnica que terá continuidade en decembro que ademais do traballo en Maputo coa ARA Sur, incluirá unha estancia en Tete na que se traballará no diagnostico dos estudos e a xestión de inundacións coa Administración Rexional da Auga do Centro de Mozambique.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio


Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes toca recomendación doble do noveno arte, a banda deseñada:

  • Viñetaria, ensaio de Elisa McCausland e Diego Salgado sobre a historia deste arte contando coas mulleres, tradicionalmente invisibilizadas tamén nesta arte
  • ¿A quién benefician las migraciones? El negocio de las fronteras cerradas, da periodista Taina Tervonen co debuxante Jeff Pourquié

E, de regalo, esta entrevista ao debuxante e viñetista Miguel Brieva, un dos referentes da viñeta crítica co sistema.


E NO PRÓXIMO MES …

    Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:

  • 1 de decembro: Día Mundial da Loita contra o SIDA
  • 2 de decembro: Día Internacional para a Abolición da Escravitude (segue habendo moitos tipos dela…)
  • 3, 10 e 11 de decembro: Seminario Dereito ao Hábitat, interseccionalidade e barrios de coidados, con Arquitectura Sen Fronteiras
  • 3 de decembro: Día internacional das Personas con Discapacidade
  • 3 de decembro: Día Internacional non uso de plaguicidas
  • 4 de decembro: data límite para presentar propostas ao concurso de propostas didácticas de tecnoloxía para a transición ecosocial e para o ben común, Hackers Sen Fronteiras
  • 5 de decembro: Día Internacional do Voluntariado para o Desenvolvemento Económico e Social
  • 5 de decembro: Día Mundial do Solo
  • 9 de decembro: data límite para presentar propostas a asistencia técnica para proxecto de ESF no Golfo de Fonseca
  • 9 de decembro: Día Internacional contra a Corrupción
  • 9 de decembro: Día Internacional para a Conmemoración e Dignificación das Víctimas do Crime de Xenocidio e para a Prevención dese Crime
  • 9 de decembro: Día Internacional da Informática
  • 10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos
  • 16 de decembro: 20h. Ciberfaladoiro “Pode o coche eléctrico ser parte da solución?”. Aproveitaremos para coñecer de primeira man a iniciativa de coche comunitario da Comunidade Enerxética de Froxán. Nesta sala
  • 18 de decembro: Día Internacional da Persoa Migrante
  • 19 de decembro: Día das Nacións Unidas para a Cooperación Sur-Sur
  • 19 de decembro: almorzo de Nadal na oficina de ESF da Escola de Camiños na Coruña, a partir das 10h
  • 20 de decembro: Día Internacional da Solidariedade Humana
  • 20 de decembro: pecha o prazo de matrícula para o Curso de Facilitación de Grupos, nivel básico, que organiza Subúrbia con Amigas da Terra.
  • 23 de decembro: 11:30h. Encontro de nadal de ESF en Santiago de Compostela. 11 a 13h no CSC Fontiñas de Santiago de Compostela. 14h comida

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD.


A ESF-RASE DO MES

“A natureza non é un luxo, senón unha necesidade do espíritu humano, tan vital como a auga ou o bo pan”
Edward Abbey

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.