Crónica do ciberfaladoiro “Homes feministas, grupos mixtos e desempoderamento”

Esta semana tivemos o primeiro (seguro que haberá máis!) ciberfaladoiro mixto entre persoas do grupo de homes polas masculinidades alternativas de ESF (micromachiños) e mulleres de ESF. Empezamos forte, co tema “Homes feministas, grupos mixtos e desempoderamento”.

Un dos desencadeamentos para falar deste tema foi este artigo, que compartiuse tanto no grupo mixto de telegram que temos, como no grupo específico de masculinidades alternativas.

No primeiro grupo (o mixto), onde opinaron sobre todo mulleres, xurdiu a dúbida de se o cambio dende hai unhas décadas é realmente tan radical como se di no artigo (e máis, vendo datos como o que compartimos hai pouco nas nosas redes sociais sobre a preocupante evolución de presencia das mulleres nas carreiras técnicas en Galicia). Pero si se coincide coa importancia dos grupos mixtos, aínda que seguen sendo espazos a ser manexados con coidado. En calquera caso, coincidiuse en que os grupos non mixtos seguen a ser clave. Ademais, non acababan de ver claro o relato do artigo tan enfocado a “animar aos homes ao feminismo” como vendéndolles as vantaxes de poder ser homes doutro xeito, se se logra ir desmontando o patriarcado. Hai un sentimento de que esa cesión de privilexios (desempoderamento) tería que vir motivada por un desexo de xustiza, pero tampouco se fan ilusións (de feito, é precisamente niso do desempoderamento persoal dos homes onde non vían o cambio tan radical).

No grupo de masculinidades alternativas (onde só hai homes), chirriou un pouco o concepto de “desempoderamento”. Por unha banda, vese complicado conseguir a renuncia a certos privilexios “porque si”. Por outra banda, tampouco gustaba como sona o concepto de “desempoderamento”. Houbo quen comentaba que, dado que se parte dunha posición de privilexio e que se está empregando case sempre para oprimir (neste caso ás mulleres), habería que lograr empregar ese privilexio para revertir esa opresión. Ou sexa, “empregalo para o ben”.

Xa no propio ciberfaladoiro, onde participaron 7 homes e 3 mulleres, comezouse falando do propio concepto de “home feminista”, co que algún participante non se sentía cómodo por como vía manexado a palabra en distintas correntes do feminismo. En ESF isto queda definido na nosa planificación estratéxica, como parte da nosa visión de esforzarnos cada día por ser unha organización feminista que pon os coidados e ás persoas no centro, como un principio fundamental sobre o que construír a nosa acción transformadora:

Consideramos imprescindible adoptar a perspectiva de xénero como eixo transversal e transformador en tódalas nosas accións (entendendo isto como o medio de acadar a equidade entre homes e mulleres), non só no deseño das mesmas, senón tamén no día a día da asociación e nas relacións entre as persoas que a forman. Para iso, tratamos de orientar as nosas actividades cara ao empoderamento das mulleres e a participación activa da sociedade para acadar a igualdade de oportunidades no acceso e control de recursos e beneficios e, en definitiva, á concienciación da existencia dunha fenda de xénero e á loita por reducila e eliminala. Así mesmo, consideramos necesario incluír de xeito transversal no noso traballo a educación e sensibilización dirixida a conseguir o respecto pola diversidade sexual e de xénero.

Pero foi o concepto de desempoderamento o que acaparou máis tempo de ciberfaladoiro. Abondouse no feito de que se trata dun cambio moi complicado de acadar. Non parece “moi natural” que o grupo opresor poida ceder privilexios que constrúen a opresión. Esa non cesión pode vir incluso por nin sequera ser conscientes deses privilexios (non podes cedelos se non es consciente de que os tes). Esa cesión de privilexios, ou desfacerse deles, implica que sería importante tamén ter un modelo “cara onde hai que desempoderarse”. Es modelo está por construír, e é parte tamén da loita feminista. Un modelo enfocado cara os coidados, expresar as emocións e máis equidade no reparto dos roles de aseguramento da vida. Había certo pesimismo acerca de que se producira esa cesión. Volveu saír a idoneidade de que, dende a posición de privilexio, empezara a producirse un “empoderamento alternativo” cara ese outro modelo (de masculinidade, e de relación entre xéneros).

No entanto, que podemos facer como homes? Esta reflexión ocupou a parte final do ciberfaladoiro. Algunhas das ideas foron:

  • Deixar o protagonismo ás mulleres, pero non deixalas soas na loita, se non dar apoio (falta moito por definir do “como”, pero polo menos non minusvalorando as súas loitas e a denuncia)
  • Tratar de coñecese como homes privilexiados. Facer unha autodiagnose deses privilexios, para polo menos ser conscientes deles para poder, se acaso, empezar a renunciar a eles (ou ben mudalos cara outro modelo de masculinidade, porque en realidade moitos deles máis que privilexios son lousas, moitas delas definidas no artigo que deu orixe ao ciberfaladoiro). Esta autodiagnose é complicada de facer en solitario, así que é bo escoitar as parellas, ás amigas, a outros compañeiros en grupos como micromachiños, ou en grupos de reflexión como o grupo mixto de xénero.
  • Cando nos empezamos a cuestionar a (in)xustiza desa desigualdade de xénero, chega unha parte complicada, que é empezar a intentar vivir máis como pensamos. Empezar a practicar a coherencia. Iso leva seguro a saír do espazo de confort, pode ser que haxa certas tensións (por exemplo no grupo de amigos de sempre cando pos mala cara ao ver actitudes machistas de alguén do grupo cara rapazas na discoteca, ou cando se contan chistes machistas, ou cando se ven certo reparto de roles nas quedadas de grupos de parellas). Atopar o punto de equilibrio entre o cuestionamento de comportamentos censurables que se vexan ao redor e simplemente practicar a coherencia (que posiblemente sexa o mellor exemplo), é tamén algo que dependerá de cada persoa. O que se viu importante neste caso é non caer na tentación da superioridade moral. Aquí todos (e todas, que tamén se falou do machismo nas mulleres) estamos lonxe de ser perfectxs, pero as máis oprimidas seguen sendo elas.
1 reply

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.