Altri Non

Onte varias esfeiras estivemos na manifestación en Palas de Rei, convocada pola Plataforma Ulloa Viva, contra a instalación dunha fábrica de celulosa por parte dunha empresa portuguesa, Altri, con outras socias. Case 20.000 persoas mobilizáronse nesta pequena vila de Lugo.

O lema da manifestación, #AltriNon, non era un simple rexeitamento a unha fábrica de celulosa. Viuse unha sociedade civil que quere ser informada con transparencia, non infantilizada, que está farta de que uns poucos decidan o modelo socioeconómico para beneficio duns poucos. Este proceso é o “anti ben común” e, por iso, unha asociación como a nosa non pode deixar de facerse eco.


O proceso non promoveu a participación das persoas afectadas, nin sequera ten claro como vai afectalas (a elas, nin ao medio, con moitas dúbidas en canto a impactos medioambientais). É un exemplo de extractivismo onde se externalizan os impactos negativos pero non as gañancias e, de feito, a empresa Altri non é nova en malas prácticas extractivistas, con diversas multas (en Portugal non a quixeron por estes e outras razóns…). Tamén se ve o modelo “macroindustrial” que tanto gusta nalgúns ámbitos. 10 veces máis superficie que ENCE. Certo que a celulosa é precisa, pero fai falta semellante monstro?

Con respecto a iso, un elemento importante, ademais da opacidade deste proceso e o risco ambiental, coa connivencia das administracións públicas e os dous partidos maioritarios, é o modelo productivo e, por ende, territorial que implica impulsar unha fábrica como esta en Galicia. O monocultivo de eucalipto (como calquera outro monocultivo, aínda que para que sexa rentable a nivel industrial soe ser intensivo en recursos, sexa agroquímicos, terra ou ambas), é un problema grande en Galicia. Con este proxecto agravaríase a dependencia deste monocultivo. Hai diferentes modelos productivos, hai que ter claro por cal se aposta. En ESF falamos de soberanía alimentaria, o pequeno e adaptado á nosa contorna, e participación co-responsable das persoas nos territorios, todo o contrario deste modelo que queren seguir impulsando. Estamos en contro do eucalipto e a industria? Non, pero parece que non sabemos medirnos cando atopamos unha materia prima aparentemente “rentable”. A acumulación de cartos pasa por riba de calquera outra consideración, non é?

Tamén queremos chamar a atención sobre a manipulación dos medios de comunicación e o seu aliñamento co poder. Non é nada que non soubésemos, pero cómpre sempre telo na mente se queremos unha cidadanía crítica para poder exercer, como din en Centroamérica, un ¨monitoreo social” forte, moi saudable para a democracia.

Para coñecer máis deste conflicto recomendamos este audiovisual, Altri: a sede insostible, de 25 minutiños, que quixemos apoiar dende Enxeñería Sen Fronteiras xunto con outras plataformas e organizacións e, sobre todo, o traballo de xornalismo activista das compas Elena e Pablo, de Xarda e O Salto.

Esperamos, dentro do proxecto Mulleres Bravas, apoiar á Plataforma (que conta con moita colaboración cidadá e moitas mulleres en primera liña, pero fai falta todo o apoio posible), con vindeiras formacións sobre Comunicación de Guerrilla.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.