Crónicas de Honduras: Víctor 1. Diario d’abordo, do 24 ó 28 de xulho

Xa temos a Chevi hai máis de tres semanas por Honduras e aquí deixamos a súa primeira crónica. Chevi puido participar no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR) grazas ao programa que temos en marcha de Tecnoloxía e Enxeñería para o Ben Común no eido profesional galego (ESFPro).
————————————————————-

De cando en cando aparecen eiras de milho,

a traérenme lembranzas da outra beira do Atlántico.

Quilómetros e quilómetros: 1300 km dende os Pireneus Leridanos até Bembrive, 250 km de ir e voltare a Santiago de Compostela, outros 1200 km de ire e voltar a Madrid, e, xa por último, a viaxe da que tentará dar fe este diario d’abordo: máis de 10000 km até chegar a Honduras; concretamente, e contrariamente ó que indicaba o boleto dun avión con destino Tegucigalpa, a Comayagua – o único sobresalto da viaxe-.

Voltei a acordare a iso das cinco da manhá. Fora o sol turra polo abrente dun novo día, e eu estou ás portas da minha cuarta xeira morando á beira do Pacífico. Mais, certamente, sigo sen acreditar, ou melhor dito, perceber ó cento por cento que sexa certo iso de que crucei o charco. Sei có meu corpo está eiquí. Síntoo. A calor, a suor continua, as paisaxens, os sons, os fusos horarios, os xeitos das xentes… porén é soio iso: o sentire, o instinto primario. Polo demais, inda non dou matinado nen profundado no cotiá desta nova realidade que estou a viver. A minha mente inda non mora eiquí comigo. Acho que debeu ficar disociada nalgún ponto quilométrico das viaxes que encheron os catro días previos á minha partida. Ou cecais a cousa sexa moito máis sinxela, e simplesmente entrei en modo supervivencia ante o desconhecido, ante un mundo novo preconfigurado sob preconceitos alheios a ele.

Onte (25) foi un día de tirar véus, de bater de bruces contra a realidade climática que habitarei nos vindeiros tres meses e tambén de descobrir a sorna que agochaban os sorrisos da Sandra, a ghefa —pra non trabucarmos Sandras—, cada vez que eu, inocente de min, facía referencia ó exaxerado das advertencias que nos deran respeito á calor. Tudo por mor do engado de Comayagua. A benvida que me dera este páramo de augas fora demasiado boa; engaiolárame co seu clima: as brétemas que toldaban o ceo, animadas pola densa vexetación que cobre o sistema montanhoso que arrodeia a cidade, xunto a umhas temperaturas mornas e atravesadas por umha brisa lixeira e fresca, testemunha da presenza do sistema de canles de auga subterránea que – disque- deixaron os Malhas, configuraban un agradábel clima subtropical que, con certas diferenzas, iso sin, lembrárame ó clima atlántico do país. Até cheguei a acreditare que eiquí o inverno ía aquelarse a un vrán nas Rías Baixas —“tampouco é pra tanto a calor que vai, Sandra”, foi do primeiro que comentei ó aterrar—.

Casque levábamos a metade do caminho cara San Lourenzo cando empecei a sospeitar do engado. As raiolas de sol que penetraban no carro a través dos cristais tintos, e que conseguiron, a pesar do ar acondicionado, afacerse cun oco das minhas coxas até facelas proer, foron as primeiras airexas en abanear o véu de Comayagua; que rematou por caire ó vindeiro día (26). Os seguintes en sentirei o seu devalar foron os pés, amanhá ben cedo, abondou umha andaina cativeira até o lugar onde foramos almorzar as tres PCRs – Martina, Sandra e mais eu- pra comprobar có de andare en sandalias non ía ser boa ideia, agás que un queira có sol lhe escarne neles. Ó meio-dia arrincamos a nosa viaxe cara Choluteca, e aí, no caminho pra colhermos o autocar, ó tempo que atravesaba umha chea de postos a pé de rúa, intuíndo o calado que ten a economía de supervivencia no país, tambén a percibín a caída definitiva do espelhismo. A andaina até a parada fora un chisco máis dun quilómetro, ora, a suor que me escorregaba polo corpo tudo ben podía semelhar que vinha de rematar umha maratón. Inda vai ser certo o que me dixera o Facundo, i está calor que tira o apetito vaime axudar a perder algún quilinho…

No autocar a cousa non melhorou. O ambiente non axuda a escorrentar a pesadume da calor. Ó contrario, xúnguese con ela e cría umha atmosfera imposíbel de definir. As altas temperaturas son a forza centrípeta que aquela o micro-hábitat próprio dos buses. Apéganche a uns asentos veludos que chaman a berros pola suor, e dende aí, estando mais sen estar, observas o trafego de pasaxeiros que suben e baixan en paradas indefinidas; o bulir de vendedores ambulantes, paiasos doentes – maiormente de ril- e vagamundos que tentan, cada un ó seu xeito, ganhar algumhas lempiras cás que ire tirando un día máis. Por voltas, voltas a estar presente, a facerte consciente da pesadume, a ouvir umha música demasiado leda que, a toda pastilha, tenta camuflaren un ambiente co que non concordan os seus ritmos. Mais axiña liscas outro retrinco…. até chegar a destino!

O sábado (27), decidimos facer xornada de praia e arrincamos cara Amapala, un conxunto de ilhas que se atopan na beira dereita do Golfo de Fonseca. O lugar é ben fermoso. Ilha Tigre, un extinto volcán con figura de tartaruga e case 800 metros, atrapa a atención dun sen querelo, así coma o bus alcanza o alto da estrada que baixa cara o peirao de Coyolito, e está aparece por vez primeira ó fondo da paisaxe. Pra chegarmos até ela, tivemos que sulcar un pequeno treito do golfo nun caiuco que nos deixou no porto de Amapala. Un pequeno forte empregado durante a colonización pra asegurar o golfo, e que hoxe amosa algún cartaz con grandes cifras de axudas ó desenvolvemento e á cooperación que contrastan cá pobreza intrínseca do lugar, é que, dalgún xeito, traen con eles umha pegada neocolonial. Dende o molhe colhimos umha moto-taxi – nova experiencia riscada- pra ire a Praia Grande. Lá apenas puidemos estar un par de horas, posto que eiquí os buses rematan en canto cae o sol, e inda có tempo era agradábel non ía ser boa ideia ficare a durmir no peirao. Mais foi dabondo pra comprobar có acceso ós areais nesta parte de Honduras está en certa maneira privatizado, pois as entradas están copadas por negocios de restauración rexentados – inda menos mal- por persoas locais.

Rematamos a aventura charlando con Don Cleto, quen se introduciu coma historiador e guía turístico, e quen nos apresentou a un dos grandes actores do capital extractivista que ha na contorna: as camaroneiras. Divisou a barca que traía as larvas dos camaróns en canto apareceu pola dereita de Ilha Tigre – “venir por aquí, que os voy a enseñar como se cría el camarón”, díxonos-, namentres polo peirao baixaba un camión con seis grandes depósitos, nos que uns homes con pasamontanhas verqueron as larvas de camarón que traía aquela lancha dende o laboratorio ca empresa ten na ilha. Ele apresentou o proceso con certo ton de gabanza, que, se ben deixaba ver o orgulho próprio por ensinarlhes algo a catro chelitas, tambén omitía a pegada que estas empresas tenhen sobor das comunidades locais, desprazándoas do seu territorio de supervivencia, ó privatizar os recursos naturais que empregan pra mantérense, e actuando, asemade, coma un grande factor de deforestación do mangle, umha fonte pingüe de contaminación das augas, eutrofización do meio marinho, alteración das cadeias tróficas, etc.

Rematamos a fin-de con outra xeira de praia, pro, desta volta, fomos até a outra beira do golfo, a Cedenho. Chegamos lá no carro de ESF, xa cá ghefa viuse connosco, o que nos permitiu aproveitar moito melhor o tempo e estiralo día un par de horinhas máis có sábado. O caminho até a praia foi, se cadra, o máis interesante da xornada, xa que umha das técnicas de proxectos de CODDEFFAGOLF, foi introducíndonos outros persoeiros da sobreexplotación do medio: a industria da cana de azucre, coa incidencia das súas chemineas na calidade do ar, e o uso do lume pra facilitar o trabalho da terra nas grandes plantacións de canas, que, alén dos problemas ambientais que isto xera, xa ten custado vítimas mortais, coma a de dúas crianzas que andaban perseguindo un coelho; ou as grandes plantacións de melóns que, amais de empregar man feminina en condicións de escravitude, financian o xenocidio do povo Palestino, pois está industria está xerida por capital sionista…

Secasí, o día rematou amosándonos o atenta que ten que estar quen queira manter umha dieta vexetariana por eiquí, coma ben sabe Martina, que tivo que rematare a semana cun pequeno anoxo co Cocobaleadas, xa que case lhe fan o Chuchi catracho con polo.

Víctor Echevarría Bastos

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.