Pensando co lápiz. Mulleres tecnólogas de ESF
Pasando o Dia Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, compartimos unhas reflexións de Arantxa, Lucía e Laura, mulleres da base social de ESF.
Arantxa
O modelo educativo STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) leva anos impulsándose como motor do avance na era dixital. Con todo, deixar fóra as artes (Arts) reduciu a capacidade de conectar disciplinas e limitou a creatividade na innovación científica e tecnolóxica. O enfoque STEAM nace precisamente para superar esta barreira, reivindicando a creatividade como un piar esencial da aprendizaxe e rachando coa idea de que o técnico e o artístico son mundos separados.
Pero esta integración non só mellora a educación, senón que tamén pode axudar a reducir a desigualdade de xénero nas disciplinas científicas e tecnolóxicas. Históricamente, o modelo STEM atraeu unha maioría masculina, deixando ás mulleres nunha posición secundaria. A introdución das artes pode ser unha ponte para que máis rapazas se sintan motivadas e representadas nestes campos. Haberia que valorar ata que punto a combinación de arte e tecnoloxía pode abrir novas portas cara a unha educación máis equitativa.
Lucía
Moitos escépticos pensaban que era cousa dunha conspiración cando falabamos dun borrado de muller dos rexistros e da documentación. Crían que eran esaxeracións cando dicíamos que durante centos de anos se fixeron esforzos para eliminar as pegadas da muller na historia. Consideraban que era coincidencia o feito de que semellaba que as mulleres non existisen ata que se aprobou o sufraxio feminino en 1931. Agora non queda dúbida de que se trata dunha estratexia empregada activamente polos representantes dos sistemas patriarcais e fascistas que acceden ao poder coa intención de dominar mellor á poboación.
Non debemos, así e todo, caer na tentación de malgastar esforzos nunha crítica enrabechada desprovista de rumbo, esas son discusións perdidas. Pola contra, podemos empregar as nosas forzas en contribuír a eses rexistros históricos que foron xurdindo no que a representación feminina continúa existindo tal e como sempre formou parte da sociedade. Non se trata tan só de plasmar o nome das científicas e investigadoras que nos agasallaron abrindo as portas cara inventos tan transformadores como a xiringa (Letitia Geer), o envasado ao vacío (Amanda Jones) ou a mismísima WiFi (Hedy Lamarr), senón que consiste en manter viva esa visión da ciencia e da tecnoloxía na que se desenvolve coa intención de resolver dificultades da vida diaria ou de democratizar o acceso a un ben necesario. Se o patriarcado desexa borrar á muller non é só por dominala, faino tamén porque con ela chega outra forma de relacionarse co progreso.
Vandana Shiva, física e ecofeminista, a miúdo fai fincapé nesta diferenza de visión xa que ela mesma sufriu o menosprezo dentro da comunidade científica ao cuestionar a dirección que estaba a tomar o desenvolvemento social e tecnolóxico. Durante séculos, a ciencia foi constrinxida a unha perspectiva que buscaba a dominación da natureza a través da xerarquización das partes que a conformamos. As mulleres que exercía unha ciencia diferente foron consideradas bruxas e os homes que as comprendían foron igualmente queimados como cómplices. A día de hoxe, abonda con borrar o seu nome das enciclopedias e retirarlles o financiamento ás súas investigacións, ou directamente, negarlles un posto de traballo.
Precisamos compartir a historia das mulleres referentes na ciencia non só para inspirar ás futuras xeracións a participar nesta rama do coñecemento, precisámolo porque todos nos podemos beneficiar dunha transformación filosófica na ciencia que favoreza un progreso máis sostible e menos enfocado cara unha potenciación da produción.
Laura
Dise que a meirande parte de traballos do futuro serán de carreiras STEM, que serán os empregos mellor pagados, que a día de hoxe hai moitas vacantes STEM… E dise que faltan mulleres e que a súa porcentaxe de acceso a estas carreiras ou diminúe, ou non aumenta. Que estamos facendo mal?
Hai moitos obstáculos cos que unha muller se topa ao longo da súa carreira científica, e ao final ou abandona, ou non promociona o que debera. Somos moi poucas mulleres, e onde estamos, estamos soas. Somos a voz disidente nun equipo de traballo formado por homes, onde os estereotipos, quéirase ou non, están. E é moi complicado avanzar así, a confianza vese minguada cando a maioría opina distinto. E se fallas, o castigo é moito maior, porque a sociedade está gobernada por homes, onde se ve á muller como un ser diferente e á que se lle poñen unhas esixencias moito máis altas. Unha vez que estás na carreira científica, avanzar soa é case imposible.
E por que non hai máis? Por que as nenas non elixen carreiras STEM con todas as vantaxes que aporta? A falta de referentes pode ser un dos motivos, mais eu creo que o esencial é o camiño que lle traza a sociedade a tódalas rapazas. A educación dunha rapaza é diferente. Os debuxos animados e os xoguetes están orientados á solidariedade e disciplina destas, pero fomentan a toma de decisións e protagonismo dos rapaces. Basta ver os xoguetes de coidados “das rapazas” fronte os de acción “dos rapaces”, ou as formas de moverse e actuar dos debuxos animados en función de se son rapaces ou rapazas: elas son máis pacientes, máis comprensivas; eles son activos e a voz cantante.
Na adolescencia empeora: as nenas maduran antes ca eles, polo que son conscientes, por exemplo, da importancia dos estudos, e focalízanse máis neles, intentando superalos. A maioría dos rapaces, pola contra, non lle dan tanta importancia, seguramente porque aínda non alcanzaron este período de madurez e están nunha idade na que as prioridades son outras. Deste xeito, teñen máis tempo libre e o poden investir en descubrir actividades que lles gustan, moitos probablemente introducíndose nas STEM dun modo lúdico (videoxogos, vídeos, inventos, experimentos…) e coñecendo os campos que máis lles atraen. Elas, pola contra, estudan máis e no seu tempo libre non se van a poñer a mirar estas cousas, porque están “cansas” de estudar, e invisten o seu tempo co que a sociedade lles propón: maquillarse, ir de compras, facer deporte… Deste xeito, non descobren a súa paixón, chegando ao momento de decisión de carreira sen saber o que lles gusta porque non tiveron tempo de probar. Das grandes disciplinas só coñecen o que se ve na clase, e non saben que hai máis aló, ao contrario dos rapaces, que si que tiveron tempo para investigar xogando. Deste xeito, moitos dos homes que entran en carreiras STEM teñen, ademais de coñecementos previos, vocación; e elas non.
E é así, como no momento de decisión da súa carreira, a maioría non opta por Enxeñarías, porque non saben o que son, e si que escollen as carreiras que se corresponden con asignaturas que tiveron no instituto, moitas rematando como profesoras en vez de nas empresas ou na investigación. No caso de medicina, farmacia, enfermaría… tamén son bastante solicitadas polas rapazas, e neste caso non é porque se deran no instituto, senón porque están orientadas a coidados, algo co que as rapazas si que experimentaron ao longo da súa vida.
En resumo, a sociedade vai guiando os camiños dos homes e mulleres para poñelos “onde teñen que estar”. Os cambios teñen que vir da base, da estrutura, da educación, para que cada persoa sexa libre de escoller o que lle gusta, e non se vexa tan descaradamente influenciada polo que lle marca este sistema patriarcal.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!