Xa é oficial a boa nova de que contamos con financiamento de Cooperación Galega da Xunta de Galicia para unha nova fase do noso programa Hackers Sen Fronteiras. Serán 35.000 euros e esta nova fase durará até finais de 2025.
Co programa, queremos impulsar contidos e valores de tecnoloxía para o ben común na comunidade educativa do ensino secundario galego de base tecnolóxica.
Refrendadas polos resultados do Estudo sobre Tecnoloxía para o Ben Común no ensino secundario galego que abordamos na Fase 1, seguiremos coas mismas liñas de traballo que na primeira fase, apoiando tanto accións co profesorado como accións máis enfocadas ao alumnado, sen descoidar o apoio á creación dunha rede de profesorado de secundaria que traballe neste eido.
Seguiremos priorizando os centros piloto en Curtis, Mondoñedo e Celanova, coa posibilidade de incorporar un novo centro en Baiona. Pero temos a idea de seguir movéndonos, na medida do posible, alí onde nos chamen (sobre todo en centros máis rurais). Polo pronto, aquí se pode ver o catálogo de faladoiros e obradoiros actualizado (flexibles e adaptables ao que interese en cada centro ou aula, o que queremos é poñelo fácil ao profesorado, que xa dabondo teñen…).
Queremos potenciar a liña de Encontros Hackers Sen Fronteiras de alumnas de secundaria que iniciamos na fase 1.
Unha liña nova de traballo que nos parece moi importante e que abrimos nesta Fase 2, é o traballo en centros de FP con ciclos técnicos. Comezaremos en Mondoñedo e Curtis, abordando tamén un traballo de diagnose como se fixo na fase 1 con ESO-Bacharelato.
Tamén impulsaremos unha formación específica para profesorado colaborador e outro que se quera unir, para compartir ideas de como levar o enfoque de tecnoloxía para o ben común ás aulas.
Algo innegociable será, como sempre, dar un protagonismo destacado ao voluntariado da nosa base social, como co-responsable do deseño, execución, seguimento e avaliación do programa, tendo persoas colaboradoras dentro do profesorado e tamén entre as persoas que impartirán obradoiros de distintas temáticas.
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2024/09/photo_2024-04-15_11-25-08.jpg9601280Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2024-09-12 12:03:372024-09-12 12:03:59Novo proxecto en marcha: Hackers Sen Fronteiras Fase II. Tecnoloxía para o ben común no ensino secundario
Nas últimas semanas tivemos a boa nova de dous novos Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre en Galicia, a raíz do apoio de Enxeñería Sen Fronteiras.
Un deles, dentro do noso programa de ESF na Universidade, impulsado no campus de Ferrol co apoio de profesorado e da Oficina de Cooperación e Voluntariado. Pódese atopar no Edificio de Apoio ao Estudo (ver foto). Avenida de Vigo s/n. Campus de Esteiro. 15403. Ferrol, e o contacto de correo-e para doar equipos, ofrecerse a colaborar ou calquera outra xestión: bancoreciclaxeferrol(arroba)galicia.isf.es. Xa aparece como parte da Rede de Bancos de Galicia.
O outro ten unha característica máis especial, xa que se trata dunha iniciativa didáctica dun Banco de Reciclaxe Escolar no IES Primeiro de Marzo de Baiona, que impulsouse dentro da Fase 1 do programa Hackers Sen Fronteiras, de tecnoloxía para o ben común no ensino secundario. Esta iniciativa foi a gañadora do I concurso de propostas de tecnoloxía para o ben común en secundaria, e xa se empezou a levar a cabo. Contan mesmo cunha páxina web!
Os Bancos de Reciclaxe pretenden ser, ademais dunha iniciativa colectiva de reapropiación tecnolóxica, un xeito de acercar o académico á súa contorna social, sendo conscientes de problemáticas como a fenda dixital (que se puxo aínda máis de manifesto na pandemia), o problema do lixo de electrónico e, tamén, queremos que sexan puntos de xeneración de debate sobre Electrónica Ética.
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2024/05/Ferrol_Banco.jpeg4811024Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2024-06-19 19:13:202024-06-19 19:13:25Novos Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre en Galicia: Ferrol e Baiona
Acacia Naves García-Rendueles, voluntaria de ESF dende hai moitos anos (actualmente no grupo de Mulleres Tecnólogas para o Ben Común e asesora técnica en temas de auga), doctora Enxeñería de Camiños e profesora na UDC, estivo no IES Zalaeta, falando para 4 grupos de 2º da ESO (houbo que facer dúas tandas). O título do faladoiro foi “Cómo atopei o que realmente me gusta” . Estivo acompañada tamén polas docentes Paz, José, Belén, Luisa, MªXosé e Iria.
Baseou o faladoiro no feito de como ela foi tomando decisións pouco a pouco, fuxindo da irreversibilidade. Sempre hai tempo para cambiar o rumbo, o cal pode dar tranquilidade ás persoas nesas edades.
Ela falou de eleccións baseadas ao principio nas materias que lle gustaban e as capacidades que tiña, así como oportunidades que logo poden ir xurdindo e ás veces se poden aproveitar (bolsas, estancias no extranxeiro, etc).
Fixo fincapé da importancia de equilibrar a vida laboral (ou de estudo) coa parte personal de relacións persoais e, como no, ocio e deporte (no seu caso, o rugby!).
Falou tamén da influencia que algunhas docentes tiveron na súa elección, das primeiras experiencias como muller-enxeñeira en obras e en investigación, das súas actividades en voluntariado… e de que os cartos sirven até certo punto, pero non é cando máis gañas cando máis feliz eres.
A nivel técnico, deu pinceladas de que é un almacenamento xeolóxico de residuos radiactivos, que son os laboratorios profundos tamén o problema das traídas veciñais de abastecemento de auga, que se da tanto en Galicia como en países onde traballamos como Hondura. Acabou falando da súa actividade actual e do satisfactorio que é traballar en tecnoloxía para o ben común coas persoas.
O faladoiro foi ben valorado, polo enfoque na toma de decisións sobre o futuro e falar de bastantes cousas sen demasiada profundidade para que se fixera fácil de seguir e ameno. Ás veces non é sinxelo comunicar este tipo de ideas a esas edades. Esperamos que fora de moita utilidade!
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2024/02/2.jpeg15002000Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2024-02-15 18:47:292024-02-15 18:47:31Mulleres tecnólogas polo ben común no IES Zalaeta
Este encontro tivo lugar o 12 decembro 2023 na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, no marco do proxecto Hackers Sen Fronteiras, que se levaba xa dende mediados de 2022 desenvolvendo. A organización levouse a cabo por Enxeñería sen Fronteiras da man con facilitación de Rexenerando.
O grupo de alumnas convidado a este encontro de peche foi un grupo heteroxénero 15 de nenas e mulleres adolescentes de tres IES de zonas rurais que participaron como centros piloto nesta primeira fase de Hackers Sen Fronteiras, cun rango de idades entre 12 e 17 anos.
Nesta sesión grupal abordáronse competencias transversais xa traballadas anteriormente a través do interese das rapazas na tecnoloxía e a súa vinculación co seu percorrido formativo dos próximos anos e as súas posibilidades. Participou tamén a directora da Escola Politécnica de Lugo para dar a coñecer as liñas de educación superior, de traballo e de investigación do centro da USC. Acercar ás alumnas dos institutos á formación universitaria da rama das enxeñerías pode supoñer a materialización dos intereses das mulleres que están a piques de finalizar os estudos de bacharelato na súa incorporación a estudios específicos, apostando pola rama tecnolóxica na nosa comunidade, e coñecendo eidos de estudo da tecnoloxía que non asociaban a posibilidades académicas ou laborais.
Tamén se traballaron contidos mais amplos dende un enfoque de xestión emocional e de creatividade, tendo en conta ás necesidades do grupo de mulleres de menor e de maior idade, que serviu para facer un traballo colectivo de repensar as fortalezas e debilidades que teñen de cara os seus estudos e os retos que supón cada unha das suas etapas educativas.
Algúns elementos que saíron foron o gran esforzo que supoñen este tipo de estudos, a superación das materias, a aprendizaxe a través da creación e creatividade grupal e o interese personal nos campos de estudo específicos de cada unha delas. Con esto último, as mulleres alumnas fomentaron a súa resiliencia nos estudos a través do replantexamento das suas inquedanzas persoais, formativas e futura aplicacións profesionais, de xeito que consideraron de gran importancia traballar nas dificultades para chegar os seus obxetivos propostos. Estos últimos, xiraban en torno á especialización e o desfrute das materias mais interesantes para cada unha delas, tendo en conta as necesidades para chegar a aquelo que desexan ser e facer a longo prazo, coa mirada posta nas exixencias da educación formal. Moitas delas estaban máis preocupadas do curto prazo e as esixencias do curso actual, tendo esa sensación moitas veces de que as materias vinculadas a tecnoloxía custan máis. Pero tamén saiu o descoñecemento que pode haber acerca de eidos da tecnoloxía que non se plantexaran e lles interesan.
Queremos destacar tres tres ideas que saían con forza entre as alumnas no propio espazo e que nos pareceron relevantes despois de escoitalas:
Están en anos nos que teñen outros intereses e preocupacións e polo tanto imaxinar o futuro ás veces toca coa esixencia, co difícil que é estudar, e isto tamén en relación ás carreiras máis técnicas ou científicas. Se cadra habería que pensar aquí posibles apoios ou incentivos
Entre eses apoios podería estar rachar co mito de que é moi difícil ou que hai que ser as mellores
Apoialas, con exemplos e referentes e ampliar o imaxinario do que é tecnoloxía, que soe activar marcos de moita masculinidade tóxica. Hai que mostrar alternativas de tecnoloxías que se están xa aplicar, en que ámbitos e para que tipo de problemas moito máis na liña do ben común, e tamén que estudos hai que ter para desenvolver estas tecnoloxías.
A valoración foi moi boa e cremos que estes foros poden ser de gran valor para compartir experiencias entre pares e así tratar de entender as causas tempranas que pode haber detrás da fenda de xénero nos estudos tecnolóxicos.
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2024/01/EncontroAlumnasHsF.jpg12862061Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2024-01-10 22:01:112024-01-29 10:12:06Encontro Hackers Sen Fronteiras de alumnas de secundaria
Como peche da primeira fase do proxecto de Hackers Sen Fronteiras, organizaramos un concurso de iniciativas didácticas por parte de profesorado de centros de ensino secundario para achegar a tecnoloxía para o ben común á súa comunidade educativa. A iniciativa gañadora veu do IES Primeiro de Marzo de Baiona, dende o departamento de tecnoloxía.
O IES Primeiro de Marzo é un instituto que acolle alumnado dos concellos de Baiona e Oia, a maioría da contorna rural.
Este curso procedeuse á actualización da aula de informática. Os ordenadores antigos que se van substituír son o obxectivo deste proxecto. Retiraranse os que están fallando continuamente e sobre os que hai incidencias continuas cada certo tempo, aproveitándose os compoñentes que funcionen ben (memoria, fonte de alimentación, etc.). Algúns equipos prepararanse para a súa instalación nos departamentos que o necesiten e os equipos restantes serán prestados ou doados ao alumnado con necesidades ou asociacións sen ánimo de lucro da contorna.
Está previsto que o alumnado de Dixitalización de 4ºESO proceda ao cambio dos ordenadores vellos polos novos equipos, previa exposición dos tipos de conectores e portos existentes, disposición, ventilación e normas de coidado xeral. Procederá tamén á verificación do correcto funcionamento, actualización e instalación de software (que será libre).
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2024/01/fachada2a.jpg400542Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2023-12-22 10:35:182024-01-10 13:59:36O IES Primeiro de Marzo de Baiona gaña o concurso de iniciativas didácticas de tecnoloxía para os dereitos humanos no ensino secundario
Enxeñería Sen Fronteiras Galicia organiza un concurso para o financiamento dun proxecto didáctico en tecnoloxías para o ben común no ensino secundario público de Galicia.
Promocionar a introdución de elementos e enfoques de tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos en centros públicos de ensino secundario.
A convocatoria ten como obxectivo que se desenvolvan propostas didácticas nas que se dea visibilidade o papel que a tecnoloxía pode ter para transformar o mundo promovendo valores como a igualdade de oportunidades, a re-apropiación tecnolóxica ou a tecnoloxía e os dereitos humanos. A tecnoloxía para o ben común se entende dun xeito amplo, onde tan importante como o elemento tecnolóxico “duro” é o xeito de manexalo e a reflexión de quen decide sobre a tecnoloxía (o que se chama a gobernanza da tecnoloxía).
Quen se pode presentar?
Un ou máis centros públicos de ensino secundario de Galicia, liderados por unha persoa docente (co equipo de colaboradoras que desexen).
Cal é o importe do premio?
O premio deste concurso é dun total de 900€.
O premio transferirase nun único pago á conta bancaria do centro ao que pertenza a persoa docente responsable antes de finais de decembro de 2023, para que dispoña dos fondos de xeito anticipado á realización do proxecto.
No asunto indicarase CONCURSO HACKERS SEN FRONTEIRAS.
No corpo do correo-e se indicará o nome do proxecto, o centro ou centros promotores, o nome da docente que encabeza o proxecto e o seu contacto (correo-e).
No correo-e se presentará como arquivo anexo ou descargable a descrición da proposta, que pode presentarse en formato pdf (sexa texto ou texto acompañado de imaxes ou infografías, cun máximo de 10 páxinas), ou en calquera tipo de formato audiovisual (non superior a 3 minutos de duración). En calquera caso, nesta descrición da proposta debe constar como mínimo:
Título do proxecto ou actividade
Centro ou centros involucrados.
Profesorado involucrado e departamento/s e/ou materias
Número de alumnas e alumnos participantes (desagregados por sexo) e cursos involucrados.
Antecedentes e xustificación do proxecto ou actividade.
Obxectivos .
Como se lle vai dar difusión e a que grupos? (só alumnado participante, todo o centro, participación da ANPA, encontros con outros centros?).
Descrición das actividades e produtos esperados e pertinencia con respecto ao obxectivo previsto.
Orzamento da proposta e adecuación coas actividades previstas. O centro ou centros poden, se o desexan, co-financiar a actividade para chegar a un máximo de 1200 euros (900 do premio e outros 300 doutros aportes que poidan acadar).
Prazo
Pódense presentar propostas até o 10 de decembro de 2023.
Os resultados do proceso de selección comunicaranse o 18 de decembro de 2023.
O proxecto seleccionado deberá desenvolverse entre xaneiro e xuño de 2024. Ao rematar o proxecto, deberá presentarse un dossier de execución con material gráfico sobre as actividades realizadas e/ou os produtos obtidos.
Avaliación
O comité de avaliación estará composto por tres membros do grupo de Educación para a Cidadanía Global de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, polo menos un dos cales será docente en activo de educación secundaria.
Os únicos requisitos indispensables son que o centro ou centros participantes sexan todos públicos e que a actividade ou proxecto involucren alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria (podendo tamén incluír a maiores alumnado de Bacharelato ou FP).
Valorarase:
O axuste do proxecto ou actividade docente ao concepto tecnoloxía para o ben común e para os dereitos humanos
A viabilidade técnica e económica do proxecto
A implicación de diversos axentes da comunidade educativa e da sociedade do entorno do centro ou centros
A visibilidade da actividade incluíndo as actividades de difusión previstas
O grao de participación e apropiación da actividade ou proxecto por parte do alumnado
Que se desenvolva en centros de ensino de concellos rurais
Para calquera dúbida sobre as condicións da convocatoria, é posible contactar no enderezo: info@galicia.isf.es co asunto “Dúbida convocatoria premio Hackers Sen Fronteiras”.
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2023/11/OIG.jpeg10241024Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2023-11-21 19:20:422023-11-24 20:02:40Concurso de iniciativas didácticas de tecnoloxía para os dereitos humanos no ensino secundario galego
As xuntanzas son encontros da base social de ESF. Soemos ter dúas ao ano, en primavera e outono, coincidindo con sendas asembleas extraordinarias. O lugar vaise cambiando en cada unha, e aprovéitase para facer formacións, obradoiros ou sesións temáticas de traballo.
A deste outono de 2023 fixémola en Allariz, o pasado sábado 4 de novembro. Pola mañá, tivo lugar a Asemblea Xeral Extraordinaria e, pola tarde, tivemos un taller para deseñar o Plan País Honduras, así como un faladoiro de dúas das participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR), que hai unhas semanas regresaron de Honduras.
Na Asemblea pola mañá, despois dunhas dinámicas de presentación, fixemos un resumo dos distintos grupos en activo na asociación (había moita xente nova!). Un momento importante foi a aprobación (por unanimidade) dunha nova liña ou programa de traballo en ESF: as asesorías técnicas para plataformas de defensa da terra e o territorio en Galicia. Máis información aquí.
Tamén falamos de diversos temas económicos e aprobamos a previsión de contas para 2024. Reflexionamos sobre a coherencia de colaborar con entidades que á súa vez reciban apoio simultáneamente por parte de empresas con valores non compatibles con ESF. Falamos de que non imos deixar estes espazos de colaboración, aínda que non se compartirán actividades apoiadas por estas empresas, de xeito que non apareceremos simultaneamente como colaboradoras.
Outro momento importante foi o cambio de Xunta Directiva. Tras agradecer moito ás persoas que deixan a Xunta (Marc, Tomás, Alberto, Zoe, Mateo e Chelo), demos a benvida ás que conformarán a vindeira “xunta divertida” ESFeira: Jose como presidente, Chus como vicepresidenta (viña de ser vogal na xunta directiva anterior), Chevi como secretario, Ana como tesoureira e, nas vogalías, Thais (que repite como vogal), Alba (que volve á xunta directiva tras varios anos) e Celia.
Pola tarde, comezamos cun obradoiro onde tivemos conexión directa con Honduras (é a foto da cabeceira). Empezamos a traballar o novo Plan País Honduras, onde queremos esbozar as liñas estratéxicas e xeitos de traballar no país para os vindeiros anos. Este primeiro taller foi para pensar que nos aporta como asociación o traballo en Honduras que se está a realizar. Queremos seguir facéndoo? Para que? Queremos mudar algo? Foi unha reflexión interesante que iremos compartindo proximamente.
Rematamos o día con dúas das participantes no PCR. Sofía participou como parte do proxecto Mulleres Bravas e Sofía como parte de Hackers Sen Fronteiras. Entre as dúas, apoiadas por unha boa cantidade de fotos, fomos asomándonos un pouquiño ás súas experiencias, que contaban mentres aínda lles brillaban os ollos coas lembrazas. Tamén nolo foran contando en diversas crónicas, pero escoitalas a elas é distinto…
Tiñamos ganas de espazo presencial, pero tamén se puido participar en liña!
Asemblea Xeral. Aquí aprobando as contasDinámica de presentación ao inicio da mañáAlgunhas persoas da nova Xunta Directiva (de esquerda a dereita: Jose, Ana, Chus, Celia e Chevi; Alba xa marchara e a Thais a tivemos en liña)Sofía contándonos das súas lembranzas do PCRAlgunhas das Mulleres Tecnólogas para o Ben Común, un dos grupos máis activos en ESF na actualidadeAquí Celia dándonos envidia coas fotos da súa estancia PCR
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2023/11/Honduras.jpg9601280Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2023-11-06 22:08:152023-11-09 18:17:16Xuntanza de Outono de ESF. A crónica do que se pode contar
Con el programa que ESF Galicia desarrolla de Hackers Sen Fronteiras, se pretende impulsar el concepto de tecnología para el bien común en la comunidad educativa de la enseñanza secundaria en Galicia. Dentro de este programa, quisimos pararnos a analizar como tratan los libros de texto el tema de la tecnología y, en qué medida, pueden estar constribuyendo a mantener la visión estereotipada de una tecnología productivista y puesta al servicio del hiperconsumo, poco inclusiva y manifiestamente insostenible.
Para ello, primero hubo que diseñar una metodología que permitiera el análisis de libros de texto, especialmente de los específicos de tecnología o asignaturas similares.
Desgraciadamente, la tecnología y sus docentes han sido de los más maltratados por los cambios de sistema educativo, generando gran incertidumbre en los contenidos y materiales didácticos de apoyo. Por eso, aunque existen libros de apoyo, nos hemos encontrado con que son muy poco usados por el profesorado, que prefiere desarrollar su propio material. Aun así, tomando como estudios de caso dos libros de texto, se desarrolló la metodología, que explicamos en esta primera versión de la Guía para análisis de libros de texto con perspectiva de tecnología para el bien común. Está en construcción, pero ya validada con esos dos libros de texto, con lo cual pensamos que puede ser útil compartirla.
Por otro lado, también compartimos el análisis de los dos libros de texto, de 1º y 2º de ESO, de la materia Tecnología y digitalización, de la editorial Santillana. El análisis de libros de texto desde diferentes perspectivas es algo habitual desde los movimientos sociales en los últimos años. El enfoque de género o ambiental es el más habitual, y hemos querido integrarlos, como no puede ser de otra manera, en la perspectiva de tecnología para el bien común.
Como conclusiones generales en los libros analizados, aunque se ha trabajado bastante el enfoque de género y étnico, no ha ocurrido lo mismo con personas con discapacidades (muy ausentes en general). A nivel ambiental, hay ciertas reflexiones, ejercicios e incluso imágenes que sí reflejan impactos del uso indiscriminado de aparatos y materiales, pero sin pararse a pensar en alternativas reales más allá de las más trilladas (que en realidad tampoco nos salvarán…). Por último, hay una alarmante falta de contenidos donde se cuestione la tecnología como algo más que instrumentos materiales sin conexión con quién los maneja, para qué y quién toma las decisiones de su manejo, por qué usar unos u otros y si se beneficia a una mayoría. La gobernanza de la tecnología es parte intrínseca del hecho tecnológico y, sin abordarlo, cualquier texto de tecnología quedará incompleto y contribuirá a perpetuar este modelo insostenible. No es posible la neutralidad en estos casos.
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2023/09/LibrosTecnoloxiaDDHH.png10241024Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2023-09-12 19:58:412023-09-12 19:58:42Análisis de libros de texto con enfoque de tecnología para el bien común
Sofía, participante no Programa de voluntariado internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR), que participou no programa na súa condición de profesora de tecnoloxía no ensino secundario de Galicia grazas ao proxecto Hackers Sen Fronteiras, que financia Cooperación Galega da Xunta de Galicia, achéganos a derradeira das súas amenas crónicas no país, despois de regresar a Galicia hai uns días. Que mellor que hoxe, inicio de curso, para compartírvola.
A miña estancia en Honduras dentro do Programa de Coñecemento doutras Realidades chegou ao seu fin. A pesar de que hai xa uns días que volvín, estou aínda en proceso de aterrar e dixerir o que foi esta experiencia tan intensa. E entre xestionar a resaca emocional e retomar a actividade aquí, escribir esta derradeira crónica dende a distancia prodúceme un profundo sentimento de saudade. Os últimos días alá estiveron cargados de anécdotas e actividades. Iniciada a conta atrás para a volta e coa sombra das despedidas, tratamos de apurar ata o último momento.
Finalizado o obradoiro de Habilidades para la Vida, dentro do proxecto de Mellora da Xestión Pública e Social para a Gobernanza dos recursos hídricos en varios municipios da zona, acompañamos ao persoal técnico de Coddeffagolf, Aminta e Sash, a unha reunión en El Marañonal, microcunca de El Laure, para dar o seguinte paso. A idea é que os representantes comunitarios participantes no obradoiro tomen o protagonismo e socialicen o aprendido nas súas respectivas comunidades, de cara a fortalecer a base comunitaria e adoptar lóxicas de traballo autónomas. Nesta reunión, chea de caras xa coñecidas (dona Ana, dona Marta, don Marcos…), tratouse de definir a estratexia a seguir, concretándose certos aspectos organizativos, como a axenda, convocatoria aos grupos aos que chegar ou principais puntos a tratar.
Dentro do mesmo proxecto, acudín ao día seguinte a un obradoiro de arte social impartido na Casa da Cultura de Nacaome, dirixido a mestres en escolas das cuncas de El Laure e Panasacarán. A actividade, facilitada pola mestra e contacontos Gloria Sierra, busca formar ao profesorado en metodoloxías ambientais que poidan ser levadas ás aulas. Tras unha breve introdución á situación ambiental do país a cargo do enxeñeiro David Pineda, as persoas asistentes puxéronse mans á obra para elaborar os seus propios libros de contos arredor do tema da auga. Como explicaba Gloria, trátase de crear consciencia a través das letras. Neste sentido, resulta ilusionante ver o seguimento na distancia de como algunhas mestras están replicando esta actividade nas súas escolas.
Na última semana tiven tamén ocasión de visitar a zona de Moropocay, na microcunca de Panasacarán. O traxecto é toda unha aventura debido ao mal estado das pistas, mais ao ir ascendendo as vistas do golfo pagan moito a pena. Neste lugar, Coddeffagolf traballa con APROEM (Asociación de Productores Experimentadores de Moropocay) nun proxecto de conservación e mellora participativa de sementes crioulas. Celia e eu acompañamos ao técnico Onán a visitar dúas familias produtoras no lugar de Zúniga Arriba para coñecer o estado dalgunhas parcelas e os seus plans de cultivo. Atopámonos primeiro con Elmer, quen, ante a escaseza de choivas, atrasou o cultivo e prevé realizar unha única colleita. Ensinounos o seu pozo, construído sobre unha fonte superficial de auga e con bombeo de soga, da que leva as sobrantes cara a parcela que ten preparada para cultivar.
Pola súa banda, Alexis, o segundo produtor que visitamos, si plantou no inicio da estación de choivas, mais de camiño á súa casa amosábanos o mal estado do millo debido á seca. Gustaríalle acceder a máis terra, pero está cara. Comeza a ter gado grazas ao “paso de cadena”, unha metodoloxía posta en marcha por APROEM pola cal se distribúen algunhas reses a un grupo inicial de familias co compromiso de que cando crien, as crías sexan dadas a outras familias que non teñan gado.
E como colofón a tanta saída, cando xa pensaba que me viría sen visitar o manglar, o último día antes de volver, tocou pisar o fango. Así, puidemos acompañar á técnica Nohelia a identificar varias áreas para unha próxima reforestación de mangle pola zona de Marcovia. Nesta visita estiveron tamén unha representante de SERNA (Secretaría de Recursos Naturales y Ambiente), a gardarrecursos da área e unha muller marisqueira do grupo de El Dorado. Desprazámonos en coche ata Cedeño e dende alí tomamos a lancha coa que, á altura da praia El Venado, nos adentramos na zona de manglar. Fómonos baixando en varios puntos para detectar e xeolocalizar as zonas que precisaban ser plantadas. Que xeito de avanzar o da muller marisqueira, lixeira e descalza, detectando cos pés curís e ameixas, en tanto eu procuraba non quedarme chantada. Tal como nos explicaron, o mangle é cortado para o seu aproveitamento como leña, optando algunhas persoas por talar o mangle verde por ser máis doado (cando está seco, dá máis traballo), o que conduce ao deterioro dun ecosistema vital para o mantemento da actividade marisqueira. Mais non é esta a única ameaza á que se ve sometida o manglar, pois a subida do nivel do mar nesta zona de Cedeño tamén contribúe á súa desaparición. En efecto, son moitas as construcións ao longo da costa que ficaron abandonadas ao seren engulidas polo avance progresivo do mar e os sucesivos temporais.
Esta crónica, sumada ás anteriores, dá unha pequena conta do que foi a miña experiencia PCR, altamente satisfactoria e moi recomendable. Foi unha ocasión única de achegarme a unha parte da realidade dun país descoñecido para min, de coñecer xente marabillosa, de albiscar e palpar o sentido da cooperación ao desenvolvemento, de rachar prexuízos, de reflexionar acerca do alcance de certas lóxicas globais e de enfrontar contradicións.
Por todo isto, non podo deixar de agradecerlle a ESF a oportunidade, así como tamén ao persoal de Coddeffagolf pola acollida e paciencia que tiveron con nós. Grazas a tantas persoas coas que nos cruzamos e compartimos momentos e espazos, polo seu bo trato e pola súa hospitalidade.
Ata outra, Honduras!
Obradoiro de arte socialPozo Zúñiga Arriba en MoropocayCharla con productor de Zúñiga de ArribaImos cara o manglarManglar de CedeñoIsto é un curil
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2023/09/08_Sede_CDFG_Despedida-scaled.jpg14402560Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2023-09-11 19:25:072023-09-11 19:25:09Crónicas dende Honduras. A última de Sofía
Pois van xa tres semanas que ando por aquí por Honduras e, como tal, superado o ecuador do que vai ser a miña estadía aquí. Non me explico que o tempo se escape tan rápido… Agás pola canícula, cunha sensación térmica que por momentos me deixa K.O., a experiencia ata o momento está sendo moi positiva.
Onte deron comezo oficial as festas patronais na honra de San Lorenzo, se ben xa ao longo da semana se sentían os preparativos e se empezaba a ver un ambiente máis animado. Hai postos de comida e artesanía, tómbolas, atraccións, máis música da xa habitual, bombas e gran afluencia de xente. Duran toda a semana, culminando o vindeiro sábado co que chaman o gran carnaval; seica traen un montón de grupos musicais e fan a festa na rúa principal ao longo de todo o día.
Polo que respecta á rutina diaria, esta semana tiven de novo a oportunidade de acompañar ao persoal técnico de Coddeffagolf nalgunhas das súas actividades, o que me serve non só para coñecer máis polo miúdo os proxectos nos que están a traballar, senón tamén para achegarme á xente local e irme situando un pouco mellor na contorna de San Lorenzo.
O martes fun cos técnicos Víctor e Carlos ao CIM (Centro de Investigación Mariña), na Illa de Pacar, municipio de Amapala. Trátase dun pequeno illote situado xunto á Illa do Tigre á que chegamos en lancha dende o peirao de Coyolito. Se ben no Centro contan cun laboratorio no que se fan análises do estado das augas do Golfo de Fonseca, o propósito desta visita era a realización de inventario de materiais na aula divulgativa e o recoñecemento do estado das instalacións para a planificación de próximas actividades na illa, pois tiñan sufrido algún estrago a causa das últimas tormentas. Con este fin, percorremos tamén os sendeiros habilitados con paneis informativos sobre aspectos relevantes da zona, como o mangle, as tartarugas, o traballo marisqueiro ou as aves. Nun destes sendeiros levántase unha torre a xeito de mirador cunhas vistas espectaculares do golfo.
O mércores asistimos ao terceiro dos catro módulos do programa formativo de Habilidades para la Vida, centrado desta volta na resolución de conflitos. Xa tiñamos participado no primeiro, polo que xa coñecíamos ás persoas asistentes, representantes dalgunhas comunidades rurais. Este tipo de obradoiros, destinados a reforzar a base comunitaria e mellorar a súa xestión diaria, encádrase dentro do proxecto de Mellora da Xestión Pública e Social para a Gobernanza dos recursos hídricos en varios municipios do Golfo, no que toma parte ESF. Persoalmente, gustoume moito integrarnos nos grupos de traballo e poder escoitar as achegas e vivencias de cada unha das nove persoas participantes. E é que coa escusa dos conflitos, falouse moito e de moitas cousas, como dos desencontros que se producen a diario nalgunhas xuntas de auga, da xestión das emocións nestas situacións e mesmo de conflitos a maior escala, como o da guerra entre El Salvador e Honduras no 1969 ou a actual guerra na Ucraína. Nestas sesións danse relatos moi duros e emocionantes, mais nunca falta unha boa dose de humor.
O certo é que o mércores foi un día bastante completo, pois logo do xantar, Juan e eu acompañamos ao técnico Carlos á Escola 15 de Septiembre, no barrio de Buenavista. Alí impartiu unha breve charla a alumnado de entre 9 e 12 anos sobre as áreas protexidas de Honduras, e máis concretamente, sobre a Baía de San Lorenzo, dentro do Proxecto de Apoio ao Plan Bianual de Áreas Protexidas da Zona Sur. Para a impartición destas actividades de concienciación ambiental, selecciónanse aquelas escolas que están máis próximas aos esteiros e zonas de mangle.
Xa xoves tivo lugar na cidade de Choluteca a Ecolecta, unha campaña de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos en desuso, organizada por Coddeffagolf en colaboración con outras entidades. Ata alí acudiu alumnado de varios centros educativos do lugar a depositar os seus residuos, pasando boa parte da rapazada polo posto de Coddeffagolf, no que se dispuñan de diversos materiais lúdicos e divulgativos. Na presentación do acto interveu, entre outras persoas, o presidente da asociación Modesto Ochoa. Foi un gusto saudalo e conversar un ratiño con el, logo de telo coñecido na súa xira por Galiza un par de meses antes de viaxar eu aquí.
Malia que os venres non adoita haber saídas, esta semana si acompañei ao técnico Javier nunha visita de seguimento a varias comunidades rurais pola zona de El Laure, algunhas delas xa coñecidas das Escolas de Campo. Onde máis tempo nos detivemos foi en Los Piches, onde nos sentamos co grupo de mulleres para conversar e avaliar os pasos dados ata o momento (estado das contas, funcionamento interno do grupo, estado do reparto de plantas e evolución dos cultivos, etc). Con enfoque de xénero, nestas comunidades estase a traballar o empoderamento das mulleres, polo xeral relegadas ao traballo reprodutivo e de coidados, para así tratar de fomentar a súa autoorganización e capacidade emprendedora.
E para rematar ben a semana, a parte do equipo PCR con máis experiencia -Juan e Celia- planificaron irmos sábado ata a Illa do Tigre. É un sitio ben fermoso, do máis turístico que vin ata o momento aquí polo sur. Bañámonos en Playa Grande, a onde se ven chegar as lanchiñas co peixe fresco, e comemos a pé de praia na de Reinita, muller do grupo de marisqueiras coñecida por Juan e Celia das visitas con Coddeffagolf. Ofreceume un mixto de peixe chamado babosa con camaróns que estaba exquisito!
Para a semana máis 🙂
Visita ao Centro de Investigación Marina Isla de Pacar. Sendeiro das AvesEcolecta en CholutecaObradoiro Habilidades para la VidaComida en Isla del Tigre (babosa con camarones)Isla del Tigre (Amapala), Playa GrandeCharla en Escola 15 de Septiembre (San Lorenzo)
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2023/08/web_portada.jpg421767Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2023-08-10 13:03:142023-08-10 13:03:16Crónicas dende Honduras. Terceira semana de Sofía!
This website uses cookies to improve your experience. We'll assume you're ok with this, but you can opt-out if you wish.AcceptRead More
Privacy & Cookies Policy
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.