Boletín Oficial ESFeiro: agosto 2022

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

Tivemos a boa nova de que ao compañeiro Miguel Pino, que participou hai 6 anos no Programa de Coñecemento da Realidade, acaban de publicarlle un traballiño que fixo cando estivo en Honduras, sobre a fenda de xénero na xestión da auga. Nunca é tarde!

Ademais, presentamos o programa de Mulleres Tecnólogas para o Ben Común, que xa levamos uns meses desenvolvendo en ESF. Aproveitamos un encontro con compañeiras das ONG que conforman a Coordinadora Galega de ONGD para reflexionar sobre o futuro da cooperación galega, para gravar un novo programa de ESFRadio deste tema. Por outra banda, varias persoas de ESF están participando no nodo galego que se quere conformar de Rebelión Científica, para facer algunha actividad ao inicio de curso. É importante participar nestes temas involucrando á universidade.

Retomamos o boletín sonoro cun formato simplificado, a ver que tal acollida tiña. Tamén participamos na webinar de Andalucia Acoge sobre a transformación necesaria dos sistemas alimentarios, onde dentro dun panel con expertas moi diversas, por ESF falou Raquel Zolle, a nosa representante país en Honduras, que falou sobre a tecnoloxía de transxénicos cunha perspectiva de tecnoloxía para o ben común. Aquí se pode ver (Raquel participa no 49min 40seg).


HONDURAS

No pasado mes tivemos dúas boísimas novas en Honduras, a concesión de sendas subvecións para poder continuar o traballo nos dous programas que desenvolvemos no país:

🐚 Unha para un proxecto de apoio a grupos de mulleres marisqueiras
💧 Outra para un proxecto de fortalecemento da xestión comunitaria da auga, que ademais implicou un traballo forte de identificación e busca de financiadores a maiores, como a AECID (á que se presentou outra parte do proxecto)


MOZAMBIQUE

En Mozambique continúa o traballo do consorcio, iniciando a colaboración de ESF no mesmo. Procedeuse á selección da persoa que cubrirá a asistencia técnica que se sacou en xuño, e xa empezou o traballo. Estase a preparar a viaxe que, en setembro farán o coordinador do consorcio e esta asistencia técnica.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

Este mes a recomendación artística vai de comedia. Son 19min 20seg de monólogo de Asaari Bibang (e ten un libro!). 


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD (ou subscríbe ao seu boletín quincenal, que conta con ofertas de emprego; formacións e actividades; novidades do sector; convocatorias de bolsas e subvencións; propostas de voluntariado, etc.). Tamén nas nosas redes sociais Facebook instagramTwitter difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo.


A ESF-RASE DO MES

Podemos converternos nun exército civil contra a crise climática, aprendendo a ser mellores veciños con todos os nosos veciños, incluíndo ao resto das especies coas que compartimos o planeta. Os que se quedan sen auga cando nos quedamos sen auga. A nosa verdadeira comunidade.

Marta Peirano, ao final do seu libro “Contra el futuro. Resistencia ciudadana frente al feudalismo climático”

Feria de Semillas Criollas y Nativas de la Región Sur de Honduras

O pasado sábado celebrouse unha bonita e concorrida feira de sementes da zona sur de Honduras, en Choluteca.

Participamos e nos coordinamos moi activamente para sacar a actividade adiante as 3 organizacións españolas que co-xestionamos o convenio Mejora de la gobernanza para el acceso a una alimentación y nutrición adecuada de los colectivos vulnerables de diez municipios del Corredor Seco de Honduras coa Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (ESF, Justicia Alimentaria y Amigos de la Tierra) e 3 socias hondureñas (CODDEFFAGOLF, ADEPES e ANAFAE). Pero sobre todo… participaron moitas labregas e labregos que compartiron coñecemento, intercambiaron sementes e teceron lazos para o futuro. Esta feira permitiu coñecer a voz das organizacións labregas e pesqueiras, o impacto positivo que ten o coidado das sementes na produción de alimentos, a importancia de empregar sementes locais para mitigar o cambio climático, e o rol da produción agroecolóxica para unha alimentación saudable.

As comunidades do Corredor Seco hondureño, veñen sendo gravemente afectadas polo cambio climático con elementos de corte económico e político. Afrontan un alto risco alimentario que ameaza a súa supervivencia, provocando desprazamentos e migración cara zonas urbanas e a outros países. Exemplo destas migracións son as xa tristemente famosas caravanas de migrantes cara Estados Unidas, nas que se agrupan para estar máis protexidas, ou o gran incremento de migración cara países como España.

Con esta actividade buscábase contribuír á preservación das sementes locais, adaptadas ás condicións climáticas da rexión, permitindo colleitas máis produtivas e resistentes, reducindo a dependencia de insumos externos, avanzando así na soberanía alimentaria.

Programa de Mulleres Tecnólogas para o ben común

Visibilizar como a tecnoloxía se pode poñer ao servizo do ben común é unha das actividades ás que máis tempo adicamos en Enxeñería Sen Fronteiras, aínda que tradicionalmente o fixemos no ámbito universitario técnico. Agora, cuns proxectos cofinanciado pola Xunta de Galicia, por un lado con fondos da Cooperación Galega e por outro con fondos de IRPF (a famosa casiña de fins sociais da declaración da renda), queremos contribuír a que mulleres tecnólogas vinculadas ás universidades galegas e ao mundo profesional tecnolóxico, que colaboran con ESF, dean a coñecer a súa actividade en centros de ensino secundario.

Obxectivos

A actividade trata de impulsar faladoiros en centros de secundaria que o desexen para visibilizar a mulleres que traballan en temas de tecnoloxía, pero cun enfoque para o ben común. Esta actividade ten un par de pequenas peculiaridades con respecto a outros programas de mulleres nas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics):

1) Que a idea é non simplemente visibilizar ás mulleres nas STEM, senón o enfoque de Tecnoloxía para o Ben Común. Ou sexa, non se busca só que se poña en valor e se visibilice a presencia de mulleres neste eido, senón tamén o xeito distinto de empregar a tecnoloxía (baseado en valores de colaboración, participación cidadá, sustentabilidade, enfoque a grupos vulnerabilizados, etc., que pensamos que non son os habituais nestes ámbitos técnicos).

2) Que a idea é, no caso de relatoras procedentes da universidade, poder preparar e impartir ese faladoiro involucrando tanto a persoal docente e investigador da universidade como a alumnas ou ex-alumnas, para ir creando certa conciencia no alumnado e participe máis nestas iniciativas, ademais de que poidan ser referentes para as nenas (e tamén nenos) que queiran adicarse ao eido STEM con ese enfoque.

Para Enxeñería Sen Fronteiras Galicia é retomar unha liña de traballo, a de accións no ensino secundario, pola que se quere apostar nos vindeiros anos, centrando proxectos especificamente neste ámbito.

Metodoloxía

A actividade consiste na organización de faladoiros a impartir en centros de ensino secundario por algunha das mulleres colaboradoras de ESF (se é posible, acompañadas dalgunha alumna ou colaboradora no caso de relatoras da universidade). Un elemento que se busca prioritariamente é a flexibilidade, para adaptar os faladoiros ás necesidades da aula, centro ou profesorado de secundaria que o solicite.

Os cursos ás que se dirixe son, preferiblemente de 3º ou 4º de ESO, que é cando empezan a decidirse os itinerarios formativos. Podería ser unha actividade de aula, ou con varias aulas simultaneamente, dependendo das preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade

O formato podería ser presencial ou teleconferencia, dependendo tamén das preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade.

As datas e hora de realización da actividade serían coordinando a dispoñibilidade das colaboradoras de ESF Galicia (que son voluntarias) e as preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade.

A duración do faladoiro sería para encaixar nunha clase (uns 50 minutos), aínda que se podería variar dependendo das preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade.

Os materiais precisos serían un proxector conectado a unha computadora na que se poida enchufar un pendrive (se non se contara con este material, se podería adaptar o faladoiro sen problema, previa coordinación coa persoa que impartiría o faladoiro).

A sesión empezaría pasando un brevísimo cuestionario ao alumnado (no caso de facelo presencial) cunhas preguntas baseadas no que se vai transmitir na faladoiro.

A continuación se desenvolve o faladoiro, que pode ter algún elemento máis participativo dependendo das restricións COVID do centro (ou do formato, presencial ou en liña). A relatora ou relatoras falarán da súa experiencia, por que decidiron facer o que fan e que expectativas teñen para o futuro. Ademais, falarán especificamente dalgún dos seus proxectos (laborais ou de activismo, presentes ou pasados) que teña unha especial compoñente social na aplicación tecnolóxica.

Acabará a sesión co cumprimentado por parte do alumnado do mesmo cuestionario do inicio.

Esperamos recoller o material que se xere nos distintos faladoiros que se realicen nos distintos centros que participen na actividade, así como as avaliacións da aula, e compartilos logo coa equipas docentes que participaron dos centros (mesmo, se chega a haber interese e se conforma un grupo de profesorado de secundaria interesado, tratar sacar algún material didáctico máis formal).

Equipo de colaboradoras

Cóntase cun grupo dunhas 20 mulleres tecnólogas, tanto docentes e investigadoras das tres universidades galegas, como alumnas e tamén tecnólogas externas á universidade. Se desempeñan en ámbitos tan dispares como a enxeñería aeroespacial, a hidroxeoloxía, a informática, a enxeñería civil, a tecnoloxías de apoio para persoas con problemas de mobilidade, as telecomunicacións, a física aplicada, os humanismos dixitais ou a bioconstrución.

Primeiras actividades

Nos segundo e terceiro trimestres do curso 2021-2022 se iniciaron os faladoiros, en centros como o IES San Rosendo de Mondoñedo, o IES de Curtis, o IES Valadares de Vigo, o IES de Soutomaior ou o IES Monte Carrasco de Cangas.

NOVO PROXECTO: Mellora da Xestión Comunitaria da auga no sur de Honduras, fase 1

O proxecto deséñase como Fase 1 dun Programa de fortalecemento da Xestión Comunitaria da auga no sur de Honduras. A experiencia de ESF Galicia con a Asociación Hondureña de Xuntas Administradoras de Auga e Saneamento (AHJASA) neste compoñente, deixou unhas aprendizaxes e metodoloxías que permiten a réplica e ampliación orientando un programa específico en materia de xestión comunitaria. Consegueuse para el unha financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Estímase que máis do 70% dos investimentos en sistemas de auga débense a unha reposición, ampliación ou mellora de sistemas de auga xa construídos, e que por un proceso de abandono, fóronse deteriorando até o punto de ser non funcionais. Sábese que o proceso de fortalecemento comunitario prevé estes problemas e supón unha mellora da eficiencia dos recursos. Tamén funciona como contrapeso e vixilancia de dereitos de cara ás administracións públicas que teñen obrigación de velar polo dereito humano á auga (en Honduras é a administración local). Neste tipo de procesos de fortalecemento de gobernanza é máis difícil a medición e xustificación no curto-medio prazo. Por este motivo, faise con enfoque de programa.

Nos inicios do traballo conxunto ISF-AHJASA-Mancomunidade Nasmar, o persoal técnico de AHJASA realizaba o fortalecemento directo das xuntas de auga, obténdose moi bos resultados a medio – longo prazo, observándose xuntas de auga máis autónomas e proactivas na solución dos problemas da auga.

Posteriormente, dado que o alcance do persoal de AHJASA non é suficiente para toda a demanda de acompañamento e fortalecemento de xuntas de auga, abordouse estratexicamente este problema a través dun programa de certificación de persoas novas técnicas comunitarias para poder realizar este traballo. Este proceso, apoiado nun inicio tamén pola Xunta de Galicia nas fases 2 e 3 do anterior programa, para o deseño e pilotaxe, foi posteriormente ampliado a máis departamentos do país, con fondos de varios financiadores por parte de AHJASA, obténdose a certificación oficial para 108 técnicos/as, 65 deles/as no sur.

Este proxecto que se comeza en 2022 vén retomar estes procesos cos técnicos/as, que se viron prexudicados pola incidencia e efectos da pandemia, para poder instalarse laboralmente como profesionais autónomos en xestión de xuntas de auga, iniciando xa o proceso de fortalecemento de máis de 20 xuntas de auga, tras un proceso de reforzo formativo.

Preténdese apoiar esta instalación laboral en xuntas de auga que previamente acordaran a participación no programa, así como poder dar un espazo de participación a las xuntas de auga comunitarias en espazos e institucións de gobernanza da auga, o que permitiría máis acceso e oportunidades de coñecemento, acceso a fondos, información e tamén incidencia política.

Por outra banda, preténdese mellorar un dos módulos formativos do programa, relativo á xestión con enfoque integral do recurso e enfoque de cunca hidrográfica. Para iso, cóntase co apoio da organización Comité para a Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF), que se suma neste proxecto ao programa de auga de ESF, dada a súa experiencia como organización ambientalista. CODDEFFAGOLF dará apoio na compoñente de sensibilización, certas formacións ao persoal técnico municipal e impulsará a pilotaxe de accións de conservación nunha microcuenca, concretamente a microcuenca do Río Laure, con 5 aldeas. Nesta cunca na que xa se traballou en antigos proxectos. Porase en marcha o proceso de declaratoria da microcuenca formalmente, e planificarase a delimitación, con análise do uso do solo e medidas de corrección e protección do solo e especialmente de zonas de recarga. Obterase unha sistematización do proceso, para poder extraer aprendizaxes e deixalos recollidos no contido ampliado do programa de técnicos.

Se iniciará así mesmo un primeiro paso de mellora da integración das entidades de xestión comunitaria, dinamizándose este proceso con reunións e foros sociais e técnicos, dinamizándose a través da mesa de axentes do sector, mesa de momento establecida ad-hoc nas reunións de identificación deste proxecto, da que se obtivo a mostra de interese en seguir mantendo reunións de tipo técnico e social para a mellor gobernanza en xestión comunitaria da auga no sur de Honduras.

FICHA

Título: Mellora da Xestión Comunitaria da auga no sur de Honduras. Fase 1.

Orzamento: 203.626,87 €

Duración: abril 2022 a decembro 2023

NOVO PROXECTO. Mellora da sostibilidade da actividade marisqueira como fonte de ingresos de grupos de mulleres nos municipios de Amapala, Alianza, San Lorenzo e Marcovia, Honduras

Este proxecto é a Fase 1 dun programa de marisqueo, con vocación de continuidade, dentro do eixo de Soberanía Alimentaria de ESF Galicia, así como do Programa de Pesca e Marisqueo da nosa socia local CODDEFFAGOLF. O proxecto se realizará co apoio do Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da UDC (Cartolab). Para o deseño traballouse coa delegación na rexión da Dirección Xeral de Pesca, que tamén participará na execución. Está financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Esta Fase 1 xorde da experiencia dun proxecto anterior sobre marisqueo, executado en 2019-2020. O devandito proxecto deixou grandes aprendizaxes en canto ao sector, xerou unhas dinámicas de unión e articulación cos actores en materia de pesca e marisqueo, e tivo que adaptarse a dúas situacións de cambio de contexto intensas:

Todo isto, derivou nunha perda acentuada da capacidade de xeración de ingresos dos grupos de mulleres mariscadoras beneficiarias, tanto polas limitacións de mobilidade pola pandemia e a crise posterior, como pola perda de recurso coas mortes. En 2022 deuse a maiores outro cambio de contexto de importancia, que é o cambio de goberno en Honduras, tras as eleccións de novembro de 2021, cun xiro das políticas que, a priori, parece que apoiarán ao pequeno/a produtor/a e ao feminismo.

Estas circunstancias supoñen un cambio nas prioridades identificadas no sector:

  • 1ª. Existe unha preocupación pola sustentabilidade ambiental e de saúde xeral do recurso marisqueiro, sendo necesario ampliar o coñecemento respecto diso;
  • 2ª. Vese máis necesario mellorar a articulación dos diferentes actores, cos seus diferentes perspectivas e capacidades, para facer fronte a un problema complexo como é a regulación e sustentabilidade da actividade
  • 3ª. Identifícase a debilidade social e económica dos grupos tras a crise debida á pandemia, o illamento derivado das restricións e o aumento xeneralizado das violencias intrafamiliares e comunitarias e, por outra banda, a falta de actividade económica ocasionou unha descapitalización nalgunhas familias.

O programa enfócase á sostibilidade da actividade marisqueira como fonte de ingresos de grupos de mulleres. Pódese considerar por tanto en si mesmo como unha acción afirmativa en xénero. Este proxecto céntrase nos 3 resultados:

  • o fortalecemento dos grupos desde un punto de vista de mellorar a súa autonomía e reducir dependencias para a toma de decisións e acción en materia de xeración de alternativas económicas e incidencia
  • a articulación horizontal e vertical de actores do sector
  • a posta en marcha das alianzas entre actores para sentar procesos de xeración de coñecemento, orientados á ordenación ou regulación da actividade.

Cos grupos, se pretende mellorar a súa capacidade económica e de toma de decisións de forma proactiva. Se reforzarán aspectos de xestión organizativa, incluíndo compoñentes de xestión emocional. Daranse capacitacións e insumos para a experimentación en formas de engadir valor agregado aos produtos do mar. Trátase de aprender técnicas, experimentar cos seus propios recursos e probar a venda en diferentes formatos, analizar os resultados e ir establecendo negocios con mellores rendementos.

Cos actores, traballarase a mellora da gobernanza do sector na rexión sur abordando: o reforzo da Comisión de Bivalvos establecida no proxecto de 2019-20, dándolle un protagonismo importante na xestión e decisións do proxecto a nivel de tomadores de decisión e titulares de responsabilidade; reforzando as reunións e capacidade de axencia das mulleres marisqueiras, dando seguimento á Axenda de incidencia das mulleres marisqueiras definida no proxecto anterior. A través do comité de seguimento local do proxecto que incluirá a comisión de bivalvos e representantes dos grupos de beneficiarias, iranse tomando decisións estratéxicas do proxecto e xerando dinámicas de acción.

En alianzas traballarase na compoñente de xestión e xeración de coñecementos, cun enfoque a curto, medio e longo prazo, sendo este un eixo fundamental e estratéxico a nivel de programa. Nesta fase 1 do programa maduraranse e farán máis específicas as metodoloxías de mostraxe e tratamento da información, xeraranse outras novas, darase capacitación específica a tomadores de decisión e titulares de responsabilidade, constituirase unha rede comunitaria de alerta temperá e unha rede de voluntariado para a toma de mostras e datos de seguimento (calidade de auga, inventario do recurso, etc). Realizarase un ensaio de cultivo de moluscos con dobre finalidade: coñecer a técnica para poder ter unha resposta rápida para a rexeneración en caso de repetirse sucesos de mortes de moluscos, e avanzar no coñecemento para a produción de moluscos con cultivos, extrapolando así o coñecemento de anos de Galicia neste campo. Para todo iso contarase co apoio técnico da Fundación CETMAR en Galicia.

FICHA

Título: Mellora da sostibilidade da actividade marisqueira como fonte de ingresos de grupos de mulleres nos municipios de Amapala, Alianza, San Lorenzo e Marcovia, Honduras.

Data execución: xaneiro 2022 a decembro 2023

Orzamento: 257.684,17 euros

Aquí deixamos un vídeo que ilustra moi ben o traballo dos grupos de mulleres e a incrible beleza do entorno que están coidando

ESFRadio. Un tema de ESF ao mes: a cooperación para o desenvolvemento que queremos dende Galicia

Benvidas a ESFRadio, o podcast de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia. Xa mirando cara as vacacións de verán, quixemos aproveitar un encontro de reflexión da Coordinadora Galega de ONG de Desenvolvemento para coñecer a opinión dalgunhas das persoas que, en Galicia, están no día a día da cooperación ao desenvolvemento.

Neste contexto de escaseza crecente de recursos ao toparnos cos límites do planeta, aumento de desigualdade e polarización social, quixemos visibilizar a utilidade da Cooperación para o Desenvolvemento como parte da solución. Cooperación ante competencia entre países e persoas, neste contexto onde o autoritarismo, o militarismo e o peche de fronteiras poden captar cada vez máis apoios. Falamos, así, de distintos retos para o futuro, como o desexo de colaborar con outros movementos transformadores e mobilizar ás nosas bases sociais, ou como ser capaces de comunicar mellor a importancia de pensar en clave dereitos humanos globais.

En Internet Archive:

En spotify podes escoitalo aquí

Produce: Jorge Lama

Presenta e modera: Mateo González

Participan: Sara González (técnica da Coordinadora Galega de ONGD), José Luis Barreiro (coordinador de Galicia-Asturias da ONG Entreculturas e vogal da xunta directiva da CGONGD), María Paz (directora da ONG Solidariedade Internacional de Galicia e secretaria da xunta directiva da CGONGD) e Sergio Fernández (o noso técnico de proxectos en sede en Enxeñería Sen Fronteiras Galicia)

Boletín Oficial ESFeiro: xullo 2022

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Xuño foi un mes de libros, a cal máis interesante. Presentamos en Santiago de Compostela ‘Resistencias, historias de mujeres que cambian el mundo’, coa súa autora, María Castro. En A Coruña presentamos “La nueva cooperación”, con Miquel Carrillo, o seu coordinador, e compañeiro de ESF Catalunya.

    Quixemos facernos eco da denuncia sobre o autoritarismo do goberno de Daniel Ortega, que silencia ás organizacións da sociedade civil de Nicaragua (desta volta, ás nosas antiguas colaboradoras no país, La Cuculmeca e FIDER, entre outras moitas).

    A principios de mes sacamos un novo programa do noso podcast ESFRadio, sobre as mulleres bravas da economía social de Honduras que nos visitaran en maio dentro do proxecto financiado pola Cooperación Galega. Se che vai máis o visual, tamén temos mini-entrevistas en video con elas, e tanto Francisca como Leni nos contan da sua vida e a súa teima por acadar outro xeito de producir.

    Foi un mes intenso no programa que estamos arrancando de tecnoloxía para o ben común no ensino secundario, ao que chamamos Hackers Sen Fronteiras. Solicitamos unha subvención para poder desenvolvelo axeitadamente o vindeiro curso 2022-2023 (cruzamos os dedos), pero xa estivemos traballando nel na medida das nosas posibilidades neste curso. En xuño, fin de curso, concentráronse varios faladoiros de varias das nosas Mulleres Tecnólogas para o Ben Común (no IES Monte Carrasco de Cangas ou no IES San Rosendo de Mondoñedo). Tamén houbo faladoiros sobre cacharreo electrónico con xente da rede de bancos de reciclaxe electrónica (no IES San Rosendo, no IES Curtis ou no IES Valadares de Vigo).

    Falando dos Bancos de Reciclaxe Electrónica con software libre, temos a boa nova de contar cun novo membro da rede, trala creación do Banco de Ames (que xa figura na web da rede). Ademais, no de Coruña, dentro do proxecto con Ecos do Sur financiado con fondos IRPF (a famosa casiña de fins sociais da declaración da renda), houbo 2 cursos de iniciación ao cacharreo, dunhas 10 horas de duración cada un. De aí van sair dúas persoas que contarán cunha pequena bolsa de transporte para seguirse formando no banco.

    Para rematar, comentar que tivemos espazo no blogue que a Federación ISF ten en El Salto Diario, co artigo Tecnología en las organizaciones transformadoras: si no la usas tú, te usará ella.


HONDURAS

    En Honduras foi un mes de contactos e de deseño dun proxecto para continuar o traballo en Dereito Humano á Auga que se presentou á convocatoria de proxectos de AECID. Tivemos unha reunión co Centro Cultural de España en Tegucigalpa, de onde esperamos que salgan boas colaboracións con organizacións da zona do Golfo de Fonseca. 


MOZAMBIQUE

    En Mozambique, xa nos incorporamos oficialmente ao consorcio con Augas de Galicia e a Cooperación Galega. Deixamos unha descripción do programa para facerse unha idea. Ademais, sacamos unha convocatoria para unha asistencia técnica dentro do proxecto, que xa se cubriu. Fainos moita ilusión este comezo a traballar en Mozambique, país co que moita da base social de ESF xa tiña relación.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

Este mes traemos a canción REGULARIZA!, unha fermosa canción de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) pola regularización das personas migrantes (que se pode asinar, e podes saber máis aquí).


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD (ou subscríbe ao seu boletín quincenal, que conta con ofertas de emprego; formacións e actividades; novidades do sector; convocatorias de bolsas e subvencións; propostas de voluntariado, etc.). Tamén nas nosas redes sociais Facebook instagramTwitter difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo.


A ESF-RASE DO MES

Fixemos pouco e o fixemos tarde. O habitual na nosa especie.

Chrisjen Avasarala. Personaxe de ficción da serie The Expanse

Identificando seguinte fase do programa de Dereito á Auga en Honduras

Esta temporada estivemos concretando accións para a seguinte fase do programa de Dereito á Auga en Honduras. Queremos seguir apoiando o fortalecemento técnico de unidades técnicas municipais dos municipios da Mancomunidade NASMAR (que agora pasaron de 7 a 9). Tamén continuar o desenvolvemento do programa de persoal técnico comunitario de AHJASA. Pero queremos fortalecer dúas novas compoñentes: o vínculo cos temas de saúde hídrica, e as boas prácticas de mantemento das microcuencas hidrográficas, para ir entrándolle ao enfoque de cunca na xestión da auga, na medida das nosas posibilidades.

Así, nas últimas semanas tivemos varias actividades nesta liña:

  • Reunión coa comunidade de El Sartenejal, para revisar o proxecto e a contrapartida comunitaria
  • Reunión coa delegación departamental de Valle da Secretaría de Salud, para revisar necesidades para o laboratorio de análise de auga.
  • Reunión con persoal técnico municipais de auga designados polos alcaldes da Mancomunidade NASMAR, e técnicas de Oficinas Municipales de la Mujer, sobre proxectos de auga e saneamento con enfoque de dereitos – enfoque de xénero.

Empezando a colaboración en Mozambique

A xestión dos recursos hídricos e o fortalecemento das administracións responsables é unha prioridade en Mozambique. O desenvolvemento de actividades que vinculen melloras técnicas e procesos de xestión nun mesmo plan de acción, foi identificado como unha fórmula de éxito na cooperación galega coa administración da auga de Mozambique.

O proxecto AquaMoz, Secara 3ª Fase é continuidade das anteriores accións desenvolvidas por Augas de Galicia e a Universidade de Coruña no marco da xestión da seca en Mozambique (que se prolonga xa dende hai 10 anos). O proxecto pretende contribuír, no marco da loita e prevención contra os efectos do cambio climático, á mitigación dos impactos dos eventos de seca en Mozambique, fortalecendo ás Administracións Rexionais de Augas de Mozambique (Aras) coa experiencia da xestión dos recursos hídricos en Galicia como referencia.

Despois de centrar o esforzo -nas fases 1 e 2- no deseño e implementación de desenvolvementos técnicos baixo o liderado do Grupo de Enxeñería dá Auga e Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña, nesta terceira fase, o proxecto suma aos seus obxectivos a mellora da interacción entre a administración da auga e a sociedade civil, e a sensibilización desta última sobre cuestións relacionadas coa seca e a xestión dos recursos hídricos. Para iso, mantendo ao GEAMA como entidade colaboradora, Enxeñería Sen Fronteiras Galicia incorpórase como socio que, ademais do seu perfil técnico relacionado coa xestión de recursos hídricos e o fortalecemento institucional, achega capacidade de sensibilización e achegamento á cidadanía, tanto en Galicia como en Mozambique.

Deste xeito, e coa nova orientación do proxecto, ESF asumirá o rol de socio líder para potenciar fortalecemento das relacións entre a administración da auga e a sociedade civil. Inicialmente, ESF centrarase en accións de sensibilización que lle permitan enfocar e coñecer a fondo a problemática da xestión da seca en Mozambique, co fin de sentar as bases para contribuír, máis adiante e dun modo sólido, ao mencionado fortalecemento das relacións entre a administración da auga e a sociedade civil.

Deste xeito, no marco de loita contra o cambio climático, co presente proxecto desenvolveranse metodoloxías, a nivel técnico e de procedementos, para a mellora da xestión dos recursos hídricos en Mozambique. Con ese fin, continuarase apoiando á Administración Rexional da Auga (ARA) Sur e iniciarase tamén o apoio ao ARA Norte en tres liñas complementarias:

  • Monitoreo da seca e do estado de encoros
  • Procedementos de xestión da seca
  • Sensibilización sobre a problemática da seca

Aquí iremos contando os avances deste consorcio, que se financia con fondos de Augas de Galicia e da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia. Poderás estar ao día das novas coa etiqueta Mozambique

O autoritarismo segue acabando cos movementos civís en Nicaragua

La Cuculmeca, organización referente de defensa dos dereitos humanos no norte de Nicaragua coa que colaboramos hai anos, fai ilegalizada hai uns días polo goberno de Daniel Ortega, xunto con outras moitas organización da sociedade civil (incluíndo a FIDER, outra organización coa que tamén colaboramos no noso período de traballo no país), nun proceso que xa leva moitos meses dándose. Rematar coa crítica. Poñer a mordaza.

A deriva autoritarista no país nos reafirma en que o traballo en mellorar a calidade de vida das persoas nos dereitos máis básicos non debería poñer en cuestión o traballo no resto de dereitos políticos e civís. A revolución é un proceso, unha mellora continua cara o ben común, nunca un fin. Por iso, ese fin nunca xustifica os medios. Agora ás compañeiras en Nicaragua só lles queda seguir denunciando e buscar novas maneiras de facer activismo. Aquí atoparán apoio e acompañamento.

Nota de despedida de a asociación La Cuculmeca