Crónicas de Honduras. Celia

Boas! Despois da intensidade das semanas anteriores, estas veñen un pouco máis relaxadas en canto a saídas de campo, pois centrouse máis en traballo de oficina, que tamén e necesario para poder adiantar e aprender outras disciplinas. É por iso que aquí vai un resumo das cousas máis bonitas e interesantes.

Coma sempre, a semana empeza facendo unha reunión con Coddeffagolf (a organización coa que ESF colabora no programa de soberanía alimentaria) para ver os horarios da semana. O martes pola mañá estivemos na oficina de ESF Galicia facendo cousiñas como esta que estou a facer agora mesmo, para que nos poidades ler e nós vos podamos contar todo o que estamos vivindo. Á tarde houbo unha reunión/capacitación de ESF e Coddeffagolf, polo que aproveitamos para quedarnos e aprender un pouco máis sobre os proxectos de cooperación.

Tras dous días máis relaxados na ofi, o mércores tivemos saída de campo a Moropocay con Aminta, Sasch e Modesto para unha reunión co consello da Microcuenca de Panasaracán. É a segunda vez que imos e aínda que as condicións do camiño para chegar as comunidades é movidito, é unha marabilla chegar con esas vistas e o ben que nos acolle a súa xente. A reunión comezou, como en moitas actividades, cunha oración, pois son moi créentes e tamén é a súa forma de expresar agradecemento.

As técnicas de Coddeffagolf fixeron unha charla sobre o impacto na saúde da contaminación da auga e as boas prácticas agrícolas. Os asistentes contaban que cando eles eran pequenos, os seus pais e avós tiñan unhas terras máis fértiles e produtivas, que agora costa moito máis debido o desgaste e maltrato que sufre o solo cos pesticidas e demáis produtos agrícolas. Tamén contan que en ocasións, gran parte da comunidade vese afectada con diarreas e outros síntomas dixestivos pola contaminación da auga do seu uso e consumo. Nesa charla, nunha dinámica puxeron en común as súas actividades e ubicacións para entre todos, poder “monitorear” cal pode ser o problema e así mellorar as prácticas en beneficio de todos. A verdade e que nestas xuntanzas saen conversacións moi interesantes que lles axuda a socializar entre eles, emprender o diálogo e a resolución de conflictos. Para nós tamén é unha forma de entender como funciona o seu traballo e xestión no campo, que no meu caso que son de vila mariñeira, todo é unha novidade.

A semana está a piques de rematar, pero o xoves é moi emocionante, pois chega Sofía! Era a que nos faltaba para poder estar os tres xuntos. Despois de un mes en San Lorenzo, a súa chegada tamén fixo que revivísemos outra vez as primeiras impresións. A nivel persoal, tamén foi moi guai ver como explicándolle a ela un montón de cousas, dábame conta de todo o que aprendera nun mes e o rápido e ben que nos adaptamos.

Finalmente, o venres poñemos ó día traballo de oficina pola mañá e saímos como sempre a aproveitar coñecendo sitios novos. Esta fin de semana a Nicaragua, que a pesar de ser moi similar a Honduras ten un encanto moi especial.

Tras a viaxe da finde, comeza unha semana nova. Luns de reunión para non perder a costumbre e o martes acompañamento a un taller de novas masculinidades impartido nun centro escolar da comunidade El Jicarito e a comunidade 7 de mayo. As mulleres encargadas da realización de este tipo de actividades e que lideran o proxecto, non contan cun fondo para impartir estas charlas ou facer saídas, pero si co apoio de algunhas organizacións, incluso para proporcionar merendas nos colexios, e a participación das nais na súa elaboración. Aproveitando esta saída, Nidia, unha técnica de Coddeffagolf nos fai unha breve visita guiada pola zona, que é a súa de nacemento, para ensinarnos a quebrada do río Las Cristobas na comunidade de Tierra Blanca. Tamén visitamos a cooperativa La Sureñita, onde as mulleres cultivan e procesan a semilla e o froito do marañon, que en España coñecemos como anacardo. A verdade é un traballo tradicional e artesán increíble, dende a recollida, o secado o Sol, como o empacamento en bolsas para a súa comercialización.

Un pouco na mesma línea de talleres, o mércores acudimos a un de habilidades para a vida, pero esta vez non era nunha escola, senon nas oficinas de Coddeffagolf en San Lorenzo cos integrantes do banco de semillas de Moropocay e a comunidade de El Marañoñal. O taller foi impartido por Mario, un psicólogo de Tegucigalpa que se gañou o cariño da comunidade na primeira sesión. A verdade normal, por que tanto el como os das integrantes das comunidades estiveron moi participativos e abertos a contar todas as súas experiencias persoais. Traballamos as emocións e os sentimentos a través de dinámicas de presentacións variadas para ir gañando confianza e participamos na elaboración dunha máscara de libre creación. Saíron historias moi bonitas a vez que valentes e nostálxicas, onde as lágrimas tanto de tristeza como de emoción estiveron moi presentes. Uns momentos moi fermosos que gardarei para sempre no recordo.

Rematando a semana, e coincidindo co Día Nacional do Indio Lempira, ben celebrado por toda a comunidade hondureña, acudimos xunto cos técnicos de Coddeffagolf Javier e Onán, as comunidades de El Marañonal e Los Piches. Nestas comunidades tivemos a sorte de participar nas Escuelas de Campo que están collendo cada vez máis peso entre os seus integrantes. Dende ahí, reforzan a base da escola, intentando captar tamén integrantes xóvenes que poidan relevar o futuro na comunidade. O grupo de veciños da comunidade elaborou un horto comunitario onte se plantan diferentes tipos de semillas: yuka, camote, pepinos, maiz, árbores froiteiras e algunhas planta aromática como o orégano.

Eu, que poucas veces vin como se traballa a terra dende cero, e sobre todo para certo tipo de plantacións como e a yuka ou o camote, foi unha sorte poder aprender e participar nos futuros froitos de esa terra, así como no resto de actividades da semana onde o trato cercano ca xente das comunidades recárgache da súa boa enerxía.

Novo proxecto. Fase 2 de Mulleres Bravas, tendendo pontes entre defensoras da vida de Honduras e Galicia

Mulleres Bravas é un programa que ten como meta visibilizar as problemáticas globais relacionadas coa sobreexplotación de recursos naturais en todo o mundo e que afectan especialmente aos países empobrecidos (extracción de materias primas, produción de enerxía, e explotación da terra, entre outras). A través da conexión das realidades de Honduras e Galicia, abórdase cos públicos obxectivos do proxecto, a reflexión sobre os impactos ambientais e sociais do noso actual modelo de consumo e desenvolvemento, así como alternativas sostibles de xestión dos recursos que exemplifiquen que outro modo de producir, consumir e vivir, é posible.

Trátase dun programa cuxo xermolo foio desenvolto en 2019 por ESF Galicia e a continuidade dunha primeira fase realizada durante os anos 2021 e 2022 xa en consorcio con Amigas da Terra Galicia, a cal pretendemos dar continuidade debido a boa acollida e valoración do mesmo.

O obxectivo do proxecto é, polo tanto, “visibilizar os impactos sobre as persoas e o medio ambiente dos proxectos industriais e extractivos en Honduras e Galicia, así como alternativas sustentables, con especial atención ás mulleres”. Para conseguilo, o proxecto artéllase ao redor de dúas liñas de acción:

  • 1. Crear pontes entre organizacións e movementos da sociedade civil de Honduras e Galicia para a protección da vida e/ou que impulsan alternativas sustentables, con especial protagonismo das mulleres
  • 2. Visibilizar o enfoque de cidadanía global das resistencias ao extractivismo e das alternativas sustentables nos públicos meta ás que mellor poden acceder ESF e Amigas da Terra: escolas universitarias e colectivos cidadáns de defensa do territorio)

Esto materialízase máis concretamente na viaxe de 3 mulleres hondureñas a Galicia (en dous momentos diferentes do 2024), para participar en espazos de encontro con plataformas e colectivos activistas de defensa do territorio e a economía social, e charlas en universidades. Como novidade desta fase, unha das activistas hondureñas realizará unha estadía de longa duración, de máximo un mes, convivindo con diferentes mulleres labregas galegas, coa colaboración do Sindicato Labrego Galego.

Tamén se explorarán novas formas de achegarse á comunidade universitaria destacando a presentación dun proxecto de innovación educativa en aprendizaxe-servizo (ApS) na Universidade de Vigo.


Como parte da estratexia para visibilizar o enfoque da cidadanía global nestas plataformas de resistencia realizarase unha campaña de comunicación que poñerá a disposición das plataformas de defensa do territorio de Galicia participantes, formación presencial en comunicación de guerrilla, así como un espazo de encontro para xeración de sinerxías. O eixo principal da comunicación será a reivindicación da acción colectiva e comunitaria, coas redes de coidados que iso posibilita (e do que se pode aprender moito dos saberes de Honduras).

Un elemento engadido con respecto á primeira fase é unha investigación sobre conexións do extractivismo España-Honduras.


Hai dous feitos diferenciais e transversais a todas as actuacións do proxecto:

  • por un lado a loita pola xustiza de xénero, a cal empeza co recoñecemento do papel relevante que xogan as mulleres no sustento e protección da vida (non só no eido familiar, se non tamén na protección e defensa do territorio, xogando un papel central no activismo e defensa da comunidade). Tamén sendo conscientes dos perigos e abusos que enfrontan no seu activismo polo feito de ser mulleres.
  • or outro, o traballo en rede que non só se concreta na conexión de colectivos de Honduras e de Galicia, reforzándose polo apoio con máis entidades colaboradoras, ao igual que na cooperación coas universidades galegas, nas redes de traballo no sur de Honduras así como na rede nacional e internacional da Federación de Amigos de la Tierra e na Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras.

CETMAR e a Cooperación Española visitan o proxecto de mulleres marisqueiras no sur de Honduras

A pasada semana houbo moita actividade no programa de Soberanía Alimentaria que desenvolvemos no sur de Honduras xunto con CODDEFFAGOLF. Por un lado, a visita técnica do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e, por outro, un dos días, a visita do embaixador de España en Honduras xunto cunha delegación da Cooperación Española no país.

As compas do CETMAR compartiron as súas experiencias na adecuada xestión da investigación para mellorar os recursos mariños costeiros, así como o desenvolvemento e innovación na pesca. Estiveron a traballar cos colectivos de mulleres marisqueiras de Amapala, Marcovia e San Lorenzo. Tamén levaron a cabo reunións de coordinación con diversas institucións gobernamentais e municipalidades.

Houbo unhas primeiras tomas de contacto con productoras, e con distintas institucións do sector da pesca e o marisqueo do sur de Honduras, como a Dirección General de Pesca o la universidad.

O día 20 foi a visita do Embaixador de España en Honduras, Diego Nuño García, así como a delegación da Cooperación Española e Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID). O propósito da visita foi coñecer de cerca a perspectiva do sector pesqueiro e marisqueiro no municipio de Amapala. Tiveron a ocasión de falar con mulleres marisqueiras e pescadoras dos grupos aos que apoiamos co programa de soberanía alimentaria e defensa da terra, co proxecto financiado por AECID e o proxecto financiado pola Cooperación Galega (no que se encadra a visita de CETMAR).

Aproveitouse a visita para facer formacións con CETMAR. Compartíronse vivencias relacionadas coas tarefas cotiás da recolleita de mariscos, así como coas costumes e coñecementos que a rodean. Posteriormente, brindouse a oportunidade de experimentar na creación de novas receitas, usando os mariscos como ingredientes principais. Ademais, realizouse unha reseña da actividade marisqueira en Galicia para identificar que accións se poden considerar para a súa aplicación.

Ao final da semana levouse a cabo unha avaliación das actividades realizadas. Compartíronse valiosas observacións para mellorar os seguimentos da calidade da auga e das poboacións de moluscos bivalvos. Isto permitirá establecer un mecanismo de alerta temperá directamente desde as comunidades, liderado polas mulleres marisqueiras que son peza chave como investigadoras comunitarias. Pero tamén houbo tempo para visitar as lagoas de inverno onde se desenvolverá o programa de restauración, que comeza neste 2023.

A impresión xeneralizada foi dunha semana moi fructífera, de compartir e aprender, fortalecendo as redes de traballo con diversos actores.

ESF na Atlantica Conf 2023. Acercando a tecnoloxía para o ben común á comunidade tecnolóxica galega

Na edición 2023 da Atlantica Conf, que busca ser punto de encontro da comunidade tecnolóxica galega, tivemos ocasión de realizar tres actividades de distintos temas nos que traballamos en ESF, sempre na liña de poñer a tecnoloxía ao servizo do ben común e os dereitos humanos.

O venres 22 de setembro presentouse a Rede de Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre de Galicia, con Jorge Lama, Jose González e Iván Touris, tendo despois unha reunión do grupo de Bancos (onde estiveron outrxs voluntarixs dos Bancos como Paula, David, Sergio e Manuel) e se falou de:

Algúns temas que se tocaron:

  • Repaso de actividades da rede de bancos de reciclaxe electrónico de Galicia
  • Educación e tecnoloxía
  • Alternativas aos ChromeBooks
  • Que se pode facer cun ordenador vello?
  • Obsolescencia programada
  • Dereito a reparar
  • Risas e anécdotas…

O sábado 23 pola tarde estivo Thais Pousada, de ESF e o grupo Talionis da Universidade da Coruña, falando de Tecnoloxías para o ben común e a inclusión. Xenerou nas asistentes esa inquietude de como poñer a tecnoloxía ao servizo dos coidados e falou de proxectos chulos como VisualTech, plataforma para mapeo de produtos de apoio de baixo custo. Podedes ver a súa intervención (son 7 minutiños, pero que dan para moito) aquí.

O sábado 23, a continuación da anterior, Loisa Lariño e Adrián Eiris presentaron o Visor dos sistemas municipais de abastecemento de auga en Galicia. Falaron da parte técnica do visor, pero tamén do utópico que resulta aínda falar de datos públicos abertos nas administracións e os atrancos atopados na realización deste traballo inxente, realizado case por completo por persoas voluntarias. Aquí se poden coñecer detalles do visor e fedellar con el.

Visor dos sistemas municipais de abastecemento de auga en Galicia

Este visor cartográfico, en permanente actualización e corrección, vén suplir a falta de información pública e accesible en Galicia sobre os sistemas de abastecemento municipais de auga potable. Foi feito en colaboración de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, Ecoloxistas en Acción e o Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da Universidade da Coruña.

Nel pódese consultar en formato de Sistema de Información Xeográfica o número de sistemas de abastecemento municipais que existen en cada concello e cómo se xestionan actualmente (público ou privado a través de concesión a empresa). Fornécese ademáis información sobre o volume de auga suministrado, que se contrasta co volume facturado polo Concello para obter un ratio de perdas no sistema, e tamén sobre os custos económicos para o Concello e consumidores. Toda a información para a realización do visor foi obtida con datos proporcionados polos concellos galegos.

Metodoloxía

Os concellos nos que non aparecen datos son dos que non se obtivo información a pesares de solicitala, xa que a partir de traballo de persoas voluntarias de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e Ecoloxistas en Acción se fixeron solicitudes en cada un dos rexistros telemáticos dos concellos galegos, un por un. Foise levando un rexistro das solicitudes realizadas, con número de expediente e data de presentación.

Nunha primeira etapa, tras esa solicitude directa en cada rexistro telemático municipal, só uns 20 concellos contestaron enviando os datos solicitados. Entón se realizou unha queixa á Valedoría do Pobo indicando os concellos que non contestaron pasados 4 meses. A partir dese momento foi cando se empezaron a obter máis respostas. Estas respostas os concellos as enviaban tanto vía email, como a través da Valedoría do Pobo ou no Notifica.gal. Nalgúns casos (en torno aos 20) indicaban que non lles constaba a solicitude, obrigándonos a enviarlles datos do expediente e data de presentación (o cal fainos resaltar como moitos concellos non teñen ben estruturada o subministro de información pública, sexa por falta de persoal, de protocolos axeitados ou simplemente por desidia). Nalgúns casos aínda se están enviando estes datos por non dar abasto, xa que se trata de traballo voluntario, non se contou con financiación para este traballo excepto un pequeno monto para desenvolver o Visor.

Aquí se pode coñecer máis sobre obstáculos atopados, ferramentas e aplicacións empregadas ou máis detalles de xestión dos datos.

Se se desexan os datos en bruto, pódense solicitar ao correo-e de contacto

Propostas de futuro

  • Realización de estudos e comparativas (empregando tamén a variable xeográfica)
  • Proposta de mantemento e actualización do sistema de información a nivel técnico e de gobernanza (como e quen manterá os datos e o sistema actualizado?). Opción de sistema online participativo empregando ferramentas como EMAPIC ou similares.
  • Ampliación do proxecto para incluir en cada concello o resto de sistemas de abastecemento existentes (probablemente traballando por número de persoas atendidas ou por % da poboación, que pode ser maior do 100% ao ser bastante habitual aldeas que conten con máis dun sistema de abastecemento, por exemplo veciñal e municipal). Para isto, a intención sería difundir o proxecto no territorio, para por unha banda crear incidencia social e por outra que a plataforma sexa un sistema vivo que permita achegas de todo o mundo, con validación posterior dos datos.
  • Afondamento en indicadores de aseguramento do Dereito Humano á Auga, tanto en concellos ou grupos de concellos, como a nivel de toda Galicia (en particular os que teñen que ver con acceso a información pública, a pobreza hídrica e a gobernanza).

Crónicas dende Honduras. Juan, a crónica final

Despois de levar case un mes instalado en Galicia, toca analizar as últimas semanas en San Lorenzo e a experiencia en si. Esta última crónica ía ser escrita durante o voo de volta, pero á hora de afrontar esa análise, non me vin capacitado para tal cousa. Recordo comezar a intentas escribir estas últimas verbas sobrevoando Cuba, mais non fun quen.

Os dous últimos mércores puidemos vivir as xornadas de Habilidades para a Vida que se impartían a diferentes comunidades coas que habitualmente CODDEFFAGOLF traballa da man principalmente da técnica Aminta. Ambos talleres foron impartidos nas oficinas de San Lorenzo, e permitiunos coñecer mellor a forma de vida e pensamento da xente que naceu, pertence e vai seguir loitando para que as súas comunidades se manteñan. Alén disto, puidemos ver como as comunidades se relacionan entre si, e o orgullosas que están de pertencer e compartir con outras as características da súa. A primeira das xornadas tiña como tema principal a resolución de conflitos, como sobrelevar os problemas que se xeran, o traballo da empatía coa outra parte e a convivencia; traballando temas como a diferenza entre os traballos feitos polas mulleres e polos homes, e a importancia social que se lle daba ós segundos en comparación coas primeiras. A segunda e peche de formación, tivo como eixo principal a política en xeral, como afecta ás diferentes comunidades non só a política nacional, senón a política propia da xente coa que compartes vida diaria, da familia ou do traballo, sendo conscientes de que é algo que vai moito máis aló do que de primeiras pensamos, e que ten que ver con absolutamente todo o que vivimos. A persoa coa que máis información compartín e que máis se abriu foi Dona Ana, unha muller empoderada, que sempre nos daba a súa opinión e forma de ver as cousas, que facía valer o seu traballo, a importancia que a familia tiña para ela e que, a pesar das desgracias que a vida nos pode proporcionar, temos que vivir e ser felices, superando e vendo o positivo das tantas cousas que vivimos ao longo da vida.

Tiven tamén a oportunidade de visitar, co técnico Carlos, unha das escolas de San Lorenzo, onde se impartiu unha capacitación a menos de educación primaria sobre o coidado do entorno no que vivimos e como isto afecta non só ao entorno, senón que a propia contaminación do entorno ten consecuencias directas sobre a economía da zona debido ao imparto no sector marisqueiro, nas colleitas e na propia saúde dos seres vivos. Tamén observamos as características de barrios menos céntricos da cidade, con menos servizos, e con niveis socioeconómicos máis baixos. Como sempre, o alumnado e profesorado do centro recibiunos coas brazos abertos e con todo o agradecemento pola charla e a visita.

Coa Técnica Nohelia puidemos formar parte da ECOlecta. Unha actividade na que podían participar diferentes colexios da zona de Choluteca, onde se recollían residuos electrónicos e electrodomésticos antigos. Foi unha feria moi parecida ao Recicla+ organizado pola mesma técnica semanas atrás.

Puiden tamén visitar con Sandra, o futuro laboratorio de análise de augas sa Secretaría de Saúde do Departamento de Valle, financiado pola Deputación da Coruña. Alí, antiguo laboratorio de SESAL que se adicaba ao análise de sal mariño e alimentos veterinarios reunímonos coa secretaria de saúde, Karina, e ensinounos as instalacións que hai, e as melloras que se deben facer para por en marcha este importante avance para a calidade de auga do país, e as melloras na vida da xente que a consume, xa que un dos principais problemas que se atopa na zona e en moitas comunidades son as complicacións renais que existen e poden ser debidos á calidade das augas que se consumen.

Con todo isto, tocou comezar a despedirse da xente coa que levaba compartindo vida xa dous meses, con todo o que iso conleva, unha mestura de emocións de despedida e de que existen moitas posibilidades de non volver ver a tantísima xente á que neste tempo lle colles moito cariño, de deixar atrás a un país que nos acolleu cos brazos abertos, que nos coidou como se formásemos parte das súas comunidades dende que nacemos, que me fixo coñecer e vivir a experiencia de vida máis forte que tiven ata o de agora, con gañas tamén de voltar á casa, ver a familia e amigos que xa comezas a botar en falta. Visitar por última vez Amapala e comer con Reinita, ir por última vez á Cabañita a tomar unha Salvavida e unhas tajaditas, comer o último xeado no Sarita da praza, as ultimas baleadas con aguacate para almorzar, o último paseo ao súper, ao mercado, á Galera, o último arroz frito, a piña e o queso crema… As conversas con Jessica mentres lavamos, as profundas reflexións, as grandes risas e tamén alguna lágrima con Celia e Sofía. Sandriña, a persoa responsable de que soubese da existencia desta aventura e que sempre estarei en debeda con ela. Todos e cada un dos técnicos de CODDEFFAGOLF, a cada persoa das comunidades, Lili e Mateo, Reinita, Dona Ana e as súas amigas, A Jesús, a persona que nos fixo coñecer tantos e tantos recunchos de Honduras, Gloria por coidarnos cando nos tocaba sesión de oficina e a toda a xente que coñecín, sen deixar a ninguén atrás. Por suposto tamén a ESF, a Paola, Serxio e Raquel e á xente que traballa para que isto sexa posible pero sobre todo para que a vida da xente mellore sempre, sen xerar nesa xente unha necesidade e unha dependencia, traballando dende a conciencia e moral de que o mellor que lle pode pasar ao mundo e que institucións como a nosa, da que xa me sinto parte, poida desaparecer nalgún momento, xa que iso significaría que o mundo cambiou para ben, deixando de ser necesarias.

NOVO PROXECTO: Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega. Fase 2

Durante os seus xa 30 anos de historia, Enxeñería Sen Fronteiras veu traballando no cumprimento dunha das súas liñas de traballo fundamentais: a creación dunha cidadanía crítica, facendo especial énfase no uso da tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común. O concepto de “Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano” (ou para o ben común e a emancipación, como vimos denominándoo ultimamente), parte de cuestionar o uso histórico da tecnoloxía e apostar por unha tecnoloxía participativa e non excluínte que permita lograr a equidade e a xustiza social cun enfoque de ben común.

Con este proxecto preténdese continuar o traballo no Programa Tecnoloxía Sen Fronteiras de promoción e visibilización da tecnoloxía para o ben común nas universidades públicas galegas (chamámolo agarimosamente ESF na Uni) que ESF Galicia comenzou a traballar da rede de profesorado Artigo9Tech en 2020. Nesta segunda fase se incorpora como membro do consorcio Arquitectura Sen Fronteiras (ASF), a outra ONGD especializada no eido tecnolóxico e vinculada á universidade (que, xunto con ESF, foi tamén impulsora da rede Artigo9Tech cando empezou a crearse en 2019). Terá tamén financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, que se resolveu hai poucos días, se ben xa se leva desde xaneiro realizando actividades neste programa.


O eixo de traballo será, pois a promoción da tecnoloxía para o ben común na docencia, investigación e activismo da comunidade educativa universitaria galega de base tecnolóxica. Este traballo segue a ser moi pertinente e queda moita marxe de mellora, como amosa a liña de base levantada na fase 1.

Continuaremos polo tanto coas dúas grandes liñas de traballo segundo o grupo de persoas da comunidade universitaria destinatarias ou protagonistas:

  • Liña alumnado, para promover un alumnado crítico e mobilizado, que poida participar máis aló das accións académicas formais e se involucre dende a súa época universitaria na transformación social, xa sexa a través de ESF, ASF ou doutras organizacións, pero sempre cun enfoque de voluntariado transformador. Se se consegue alumnado implicado e sensibilizado coa cidadanía global e o ben común, no seu día a día futuro (tanto persoal como profesional) tamén poderán ser axentes de transformación. Nesta liña se realizarán faladoiros en todas as escolas técnicas galegas, o programa “Abrindo as fiestras” (na fase 1 chamado “Fora da aula!”) para impulsar accións que unan actividades docentes con servizo social (apoiando elaboración de material), a participación no Programa de voluntariado internacional de Coñecemento doutras Realidades de ESF (a edición 2023 xa rematou coa estancia, dentro deste proxecto, de Juan) e apoio ao Premio Enxeñería Solidaria a TFM/TFG.
  • Liña PDI/PAS. É moi importante tanto pola súa acción institucional para incluír no día a día da universidade ese enfoque de cidadanía global, como pola compoñente investigadora que desenvolve o PDI (e que poidan enfocala cara a tecnoloxía para o ben común). Tamén por ser o PDI multiplicador cara o alumnado de coñecementos, habilidades e actitudes que poden fortalecer e poñer o foco nos dereitos humanos e o ben común. Nesta liña impulsaranse encontros de PDI/PAS que fortalecerán a rede Artigo9Tech, o programa de mulleres tecnólogas, o programa de investigacións enfocadas á tecnoloxía para o ben común (que funcionou moi ben na fase 1), así como impulsar exemplos de visibilización e comunicación de enfoques didácticos e investigadores participativos co programa “Fóra do despacho!” ou, xa algo máis ambicioso (que ademais pode darlle solidez e sustentabilidade ao grupo Artigo9Tech). Tamén se pretende, tralo estudo de viabilidade realizado na fase 1, pasar xa ao deseño dun Mestrado Interuniversitario de Tecnoloxía para a Innovación Social e a Sustentabilidade (quen sabe se algún día se poderá poñer en marcha algo así no SUG). Quérese incluir tamén como compromiso de mellora na coherencia institucional da universidade, a elaboración dun estudo sobre as cátedras empresariais existentes na universidade e outras colaboracións con empresas, para que a universidade tamén poida influir na mellora das prácticas das empresas coas que colabora e non se quede só en colaboración para facer Academic Washing a empresas que queren lavado de cara pero as súas prácticas no eido da tecnoloxía para o ben común deixan moito que desexar.

Cabe mencionar o enfoque de xénero que se pretende incluír neste proxecto, o cal nun eido como o tecnocientífico ten unha importancia (e dificultade) especial, tanto na participación, como na co-responsabilidade do proxecto, como no comité de seguimento e as accións concretas. ESF e ASF pretenden coas súas actividades a xeración dunha cidadanía global crítica e comprometida coa loita contra a pobreza a través da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano, para o cal terá en todas elas un protagonismo destacado o voluntariado, como co-responsable do seu deseño, execución, seguimento e avaliación, tendo persoas colaboradoras dentro do alumnado e tamén dentro de PDI/PAS na propia rede Artigo9Tech que facilitarán o traballo de transformación da universidade “dende dentro”.

Para a difusión empregaranse sobre todo canles 2.0 e a través da comunidade de ASF, ESF e do grupo Artigo9Tech (e das organizacións coas que se vaia colaborando en cada actividade), así como tratando de potenciar as áreas de sistematización de experiencias e tamén a de comunicación en medios convencionais, e por suposto nos máis académicos apoiados no concepto de Open Access ou Acceso Aberto ou Libre (para visibilizar neles tamén a acción de Artigo9Tech con ese enfoque de tecnoloxía para o ben común).

Levantarase unha liña de base específica nun centro concreto (a Escola de Arquitectura da UDC), polo desexo de ASF de afondar no traballo no que é o seu centro de referencia, de xeito que permitirá deseñar unha metodoloxía específica de estudo adaptada a cada centro. Servirá para coñecer a situación do centro con respecto á tecnoloxía para o ben común e o dereito ao hábitat no seu desempeño organizativo, docente e de investigación. Así, se poderá aplicar en fases posteriores ir vendo as necesidades, apertura e posibilidades concretas de introdución deste enfoque alternativo da tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos escola por escola.

FICHA DO PROXECTO

Título: NOVO PROXECTO: Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega. Fase 2

Data execución: xaneiro 2023 a novembro 2024

Financiador: Xunta de Galicia, Cooperación Galega

Orzamento: 55.150 €


Análisis de libros de texto con enfoque de tecnología para el bien común

Con el programa que ESF Galicia desarrolla de Hackers Sen Fronteiras, se pretende impulsar el concepto de tecnología para el bien común en la comunidad educativa de la enseñanza secundaria en Galicia. Dentro de este programa, quisimos pararnos a analizar como tratan los libros de texto el tema de la tecnología y, en qué medida, pueden estar constribuyendo a mantener la visión estereotipada de una tecnología productivista y puesta al servicio del hiperconsumo, poco inclusiva y manifiestamente insostenible.

Para ello, primero hubo que diseñar una metodología que permitiera el análisis de libros de texto, especialmente de los específicos de tecnología o asignaturas similares.

Desgraciadamente, la tecnología y sus docentes han sido de los más maltratados por los cambios de sistema educativo, generando gran incertidumbre en los contenidos y materiales didácticos de apoyo. Por eso, aunque existen libros de apoyo, nos hemos encontrado con que son muy poco usados por el profesorado, que prefiere desarrollar su propio material. Aun así, tomando como estudios de caso dos libros de texto, se desarrolló la metodología, que explicamos en esta primera versión de la Guía para análisis de libros de texto con perspectiva de tecnología para el bien común. Está en construcción, pero ya validada con esos dos libros de texto, con lo cual pensamos que puede ser útil compartirla.

Por otro lado, también compartimos el análisis de los dos libros de texto, de 1º y 2º de ESO, de la materia Tecnología y digitalización, de la editorial Santillana. El análisis de libros de texto desde diferentes perspectivas es algo habitual desde los movimientos sociales en los últimos años. El enfoque de género o ambiental es el más habitual, y hemos querido integrarlos, como no puede ser de otra manera, en la perspectiva de tecnología para el bien común.

Como conclusiones generales en los libros analizados, aunque se ha trabajado bastante el enfoque de género y étnico, no ha ocurrido lo mismo con personas con discapacidades (muy ausentes en general). A nivel ambiental, hay ciertas reflexiones, ejercicios e incluso imágenes que sí reflejan impactos del uso indiscriminado de aparatos y materiales, pero sin pararse a pensar en alternativas reales más allá de las más trilladas (que en realidad tampoco nos salvarán…). Por último, hay una alarmante falta de contenidos donde se cuestione la tecnología como algo más que instrumentos materiales sin conexión con quién los maneja, para qué y quién toma las decisiones de su manejo, por qué usar unos u otros y si se beneficia a una mayoría. La gobernanza de la tecnología es parte intrínseca del hecho tecnológico y, sin abordarlo, cualquier texto de tecnología quedará incompleto y contribuirá a perpetuar este modelo insostenible. No es posible la neutralidad en estos casos.

Crónicas dende Honduras. A última de Sofía

Sofía, participante no Programa de voluntariado internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR), que participou no programa na súa condición de profesora de tecnoloxía no ensino secundario de Galicia grazas ao proxecto Hackers Sen Fronteiras, que financia Cooperación Galega da Xunta de Galicia, achéganos a derradeira das súas amenas crónicas no país, despois de regresar a Galicia hai uns días. Que mellor que hoxe, inicio de curso, para compartírvola.


A miña estancia en Honduras dentro do Programa de Coñecemento doutras Realidades chegou ao seu fin. A pesar de que hai xa uns días que volvín, estou aínda en proceso de aterrar e dixerir o que foi esta experiencia tan intensa. E entre xestionar a resaca emocional e retomar a actividade aquí, escribir esta derradeira crónica dende a distancia prodúceme un profundo sentimento de saudade. Os últimos días alá estiveron cargados de anécdotas e actividades. Iniciada a conta atrás para a volta e coa sombra das despedidas, tratamos de apurar ata o último momento.

Finalizado o obradoiro de Habilidades para la Vida, dentro do proxecto de Mellora da Xestión Pública e Social para a Gobernanza dos recursos hídricos en varios municipios da zona, acompañamos ao persoal técnico de Coddeffagolf, Aminta e Sash, a unha reunión en El Marañonal, microcunca de El Laure, para dar o seguinte paso. A idea é que os representantes comunitarios participantes no obradoiro tomen o protagonismo e socialicen o aprendido nas súas respectivas comunidades, de cara a fortalecer a base comunitaria e adoptar lóxicas de traballo autónomas. Nesta reunión, chea de caras xa coñecidas (dona Ana, dona Marta, don Marcos…), tratouse de definir a estratexia a seguir, concretándose certos aspectos organizativos, como a axenda, convocatoria aos grupos aos que chegar ou principais puntos a tratar.

Dentro do mesmo proxecto, acudín ao día seguinte a un obradoiro de arte social impartido na Casa da Cultura de Nacaome, dirixido a mestres en escolas das cuncas de El Laure e Panasacarán. A actividade, facilitada pola mestra e contacontos Gloria Sierra, busca formar ao profesorado en metodoloxías ambientais que poidan ser levadas ás aulas. Tras unha breve introdución á situación ambiental do país a cargo do enxeñeiro David Pineda, as persoas asistentes puxéronse mans á obra para elaborar os seus propios libros de contos arredor do tema da auga. Como explicaba Gloria, trátase de crear consciencia a través das letras. Neste sentido, resulta ilusionante ver o seguimento na distancia de como algunhas mestras están replicando esta actividade nas súas escolas.

Na última semana tiven tamén ocasión de visitar a zona de Moropocay, na microcunca de Panasacarán. O traxecto é toda unha aventura debido ao mal estado das pistas, mais ao ir ascendendo as vistas do golfo pagan moito a pena. Neste lugar, Coddeffagolf traballa con APROEM (Asociación de Productores Experimentadores de Moropocay) nun proxecto de conservación e mellora participativa de sementes crioulas. Celia e eu acompañamos ao técnico Onán a visitar dúas familias produtoras no lugar de Zúniga Arriba para coñecer o estado dalgunhas parcelas e os seus plans de cultivo. Atopámonos primeiro con Elmer, quen, ante a escaseza de choivas, atrasou o cultivo e prevé realizar unha única colleita. Ensinounos o seu pozo, construído sobre unha fonte superficial de auga e con bombeo de soga, da que leva as sobrantes cara a parcela que ten preparada para cultivar.

Pola súa banda, Alexis, o segundo produtor que visitamos, si plantou no inicio da estación de choivas, mais de camiño á súa casa amosábanos o mal estado do millo debido á seca. Gustaríalle acceder a máis terra, pero está cara. Comeza a ter gado grazas ao “paso de cadena”, unha metodoloxía posta en marcha por APROEM pola cal se distribúen algunhas reses a un grupo inicial de familias co compromiso de que cando crien, as crías sexan dadas a outras familias que non teñan gado.

E como colofón a tanta saída, cando xa pensaba que me viría sen visitar o manglar, o último día antes de volver, tocou pisar o fango. Así, puidemos acompañar á técnica Nohelia a identificar varias áreas para unha próxima reforestación de mangle pola zona de Marcovia. Nesta visita estiveron tamén unha representante de SERNA (Secretaría de Recursos Naturales y Ambiente), a gardarrecursos da área e unha muller marisqueira do grupo de El Dorado. Desprazámonos en coche ata Cedeño e dende alí tomamos a lancha coa que, á altura da praia El Venado, nos adentramos na zona de manglar. Fómonos baixando en varios puntos para detectar e xeolocalizar as zonas que precisaban ser plantadas. Que xeito de avanzar o da muller marisqueira, lixeira e descalza, detectando cos pés curís e ameixas, en tanto eu procuraba non quedarme chantada. Tal como nos explicaron, o mangle é cortado para o seu aproveitamento como leña, optando algunhas persoas por talar o mangle verde por ser máis doado (cando está seco, dá máis traballo), o que conduce ao deterioro dun ecosistema vital para o mantemento da actividade marisqueira. Mais non é esta a única ameaza á que se ve sometida o manglar, pois a subida do nivel do mar nesta zona de Cedeño tamén contribúe á súa desaparición. En efecto, son moitas as construcións ao longo da costa que ficaron abandonadas ao seren engulidas polo avance progresivo do mar e os sucesivos temporais.

Esta crónica, sumada ás anteriores, dá unha pequena conta do que foi a miña experiencia PCR, altamente satisfactoria e moi recomendable. Foi unha ocasión única de achegarme a unha parte da realidade dun país descoñecido para min, de coñecer xente marabillosa, de albiscar e palpar o sentido da cooperación ao desenvolvemento, de rachar prexuízos, de reflexionar acerca do alcance de certas lóxicas globais e de enfrontar contradicións.

Por todo isto, non podo deixar de agradecerlle a ESF a oportunidade, así como tamén ao persoal de Coddeffagolf pola acollida e paciencia que tiveron con nós. Grazas a tantas persoas coas que nos cruzamos e compartimos momentos e espazos, polo seu bo trato e pola súa hospitalidade.

Ata outra, Honduras!

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia chega ao Fediverso

Despois dun tempo dándolle voltas, estamos no Fediverso. As redes sociais convencionais seguen a ser interesantes para nós, pero cada vez compensa menos a incoherencia de crear contido para unhas plataformas gobernandas por grandes tecnolóxicas que comercian coa privacidade, con respecto á rede que se pode xenerar para impulsar unha tecnoloxía para o ben común.

Pensamos que as instancias descentralizadas e federadas que son e sustentan o Fediverso están moita máis en consonancia coa idea de gobernanza da tecnoloxía, e de reapropiación tecnolóxica que defendemos en ESF, como primeiros pasos cara unha tecnoloxía para o ben común. Ademais, cremos que as entidades e persoas que moran xa no Fediverso parten duns valores moi na liña dos que defendemos, e que se pode facilitar a xeneración dunha masa crítica social que impulse estes valores. No noso caso, podemos aportar a visión de cidadanía global que nos da o traballo en diversos países e con distintas culturas, tratando de impulsar pontes entre sociedade civil galega e doutros lugares poñendo a tecnoloxía ao servizo da defensa dos dereitos humanos.

En que redes do Fediverso estamos?

De momento, en dúas: