
Creouse no outono do 2023, dado que nos últimos anos incrementouse en Galicia o número de colectivos e plataformas que están inmersas en conflitos sociais relacionados co actual modelo de explotación dos recursos naturais (minaría, eólica, etc) e desenvolvemento territorial. Algunhas enfróntanse a ameazas e malas prácticas por parte de empresas extractivas, outras ao ninguneo por parte de representantes políticos, pero o que é común é que non adoitan contar con recursos (monetarios ou técnicos) para afrontar con garantías todos os procesos burocráticos de alegacións e reclamación de dereitos.
Hai requisitos administrativos e técnicos que requiren tempo e coñecementos, e aí é onde Enxeñería Sen Fronteiras quere ter un papel de apoio a estes colectivos, no que ten que ver coa parte técnica, para poñer a enxeñería ao servizo das persoas e colectivos máis vulnerabilizados.
Os apoios (dependendo da dispoñibilidade que teñamos de persoas e saberes en cada momento) poderán ter forma de:
- Obradoiros prácticos de formación técnica en distintos temas de interese para a ciencia cidadá e a defensa do territorio, de 2-3 horas (calidade da auga, afección das augas, defensa da biodiversidade, levantamento de información territorial e mapeo con ferramentas libres, uso de ferramentas libres de difusión e comunicación tanto de redes sociais como audiovisuais, e outras que poidan propoñernos)
- Traballo de campo acompañado para levantar información precisa para estudos técnicos para as plataformas nos temas comentados no punto anterior
- Obradoiros e formación sobre coidados nas organizacións de activismo de defensa da terra e facilitación de grupos
- Productos técnicos como análise de información, mapas, visores ou estudos técnicos que as plataformas precisen (e nos que tamén se involucraría as propias persoas da entidade á que se apoia na medida do posible, polo enfoque de traballo de fortalecemento técnico co que traballa ESF tanto nas actividades en Galicia como as de cooperación internacional en países como Mozambique ou Honduras).
- Ponte para contactar con persoas técnicas profesionais, da universidade, etc. en distintos eidos
- Apoio na creación de redes e divulgación das iniciativas
Algúns dos apoios que se levan feito son:
- Apoio cartográfico para iniciativa de mellora do monte veciñal de Froxán, coa comunidade de montes
- Xeovisor de parcelas afectadas pola Mina de Touro-O Pino, coa Plataforma Mina Touro-O Pino NON.
- Xeovisor de parcelas afectadas polo ramal da A52 en Bembrive
- Formacións en temas de Comunicación de Guerrilla, dentro do programa de Mulleres Bravas, a entidades como Plataforma Amil Sen Eólicos, Ulloa Viva
- Formación en facilitación de grupos, dentro do programa de Mulleres Bravas, a Ulloa Viva
- Contacto con persoas expertas a Asociación de Afectadas polas Canteiras de Budiño
- Rede con activistas de Honduras a diversas plataformas de Galicia, dentro do programa de Mulleres Bravas
Se formas parte dalgún colectivo de defensa da terra de Galicia (ou arredores), e tendes interese nalgunha colaboración, podes contactar en info[arroba]galicia.isf.es
Contáctanos tamén se queres colaborar co grupo de persoas asesoras ou tes unha empresa que pode dar servizos de tipo técnico a plataformas de defensa da terra e o territorio.