Se fai un par de meses vos traiamos un caso de violencia administrativa, hoxe traémosvos un de violencia por parte da empresa privada. En concreto das compañías telefónicas, e tamén de forma secundaria por parte de compañías financeiras e das cobradoras de morosos.
Alá polo 2021, un compañeiro de Enxeñería Sen Fronteiras decidiu mudar a compañía coa que tiña contratado o servizo de fibra no seu domicilio. Fixo os trámites requiridos, que foi comunicarllo á compañía e devolver o rúter, e esta deulle un xustificante de acordo co cal devolvera correctamente o equipo. Menos mal que o noso compañeiro conservou este xustificante.
Aos poucos meses do cambio comezou a recibir cartas ameazantes reclamándolle unha suposta débeda coa compañía por non ter devolto o rúter. Estas cartas chegaban de múltiples empresas de cobradores de morosos. Ademais, recibía tamén chamadas nas que, de foi malas formas, lle reclamaban o pago desa débeda. O primeiro que lle chamou a atención é en cada carta e en cada chamada o valor da débeda subía ou baixaba. Nin que cotizara en bolsa. O que era constante era o estilo: explicábase a débeda, o importe e a conta bancaria á que debía aboarse. Tamén se indicada que en caso de non pagala, iríase aplicando un interese que aumentaría dita débeda, podendo derivar nun proceso xudicial.
Antes tal acoso, o noso compañeiro foi á tenda na que devolvera o rúter para que lle aclarasen a situación. Alí comprobaron que efectivamente devolvera o rúter correctamente (ademais de que o noso compañeiro tiña o xustificante), e que a débeda non procedía. O proceso de cartas e chamadas continuou, ata que despois de acudir un par de veces á tenda estas cesaron, polo que o noso compañeiro desentendeuse do tema.
Cal é a súa sorpresa cando, fai este ano (é dicir, xa pasaran tres anos dende que cesaran as cartas e as chamadas) , ao intentar solicitar a tarxeta desconto dunha gasolineira, esta veulle denegada. Púxose en contacto coa entidade financeira que a emitía pero esta, de moi malas formas, non lle quixo aclarar a razón da denegación. Unha semana despois volveu recibir unha carta dunha empresa de cobro a morosos reclamándolle a famosa débeda da que xa falamos. E aí foi onde atou cabos. Buscou por internet como ía isto das listas de morosos, e cal é a súa sorpresa cando se decatou que levaba tres anos na lista de morosos da ASNEF. Aí lembrouse tamén que no seu día lle denegaran a tarxeta dun supermercado, inda que daquelas non lle deu máis importancia.
O primeiro paso foi poñerse en contacto coa entidade responsable da lista de morosos, solicitando a baixa desta. A pesar do que indica a lei orgánica de protección de datos, en ningún momento se lle comunicou a súa inclusión (con nome a apelidos) no listado, cos danos e prexuízos ocasionados. Aos poucos días de solicitar a eliminación, a entidade responsable da lista de morosos confirmoulle a súa baixa, xa que a compañía de telefonía non aclarara o motivo da súa inclusión.
Tras isto, o noso compañeiro acudiu á Oficina do Consumidor do seu consello, quen lle asesorou de moi boa forma sobre como proceder. Meses despois, o Instituto Galego de Consumo e de Competencia comunicoulle a resolución do conflito a favor do noso compañeiro. Achegou tamén unha carta da compañía na que, sen admitir o erro cometido e o dano e prexuízo causado, procedía a anular a (falsa) débeda do noso compañeiro.
Deste caso podemos sacar varias conclusións:
- A impunidade coa que operan as grandes compañías de telefonía, xa que salvo que noso compañeiro intente continuar o proceso por outra vía, á empresa non lle suporá ningunha consecuencia. Compañías que, por certo, se reparten entre practicamente catro o oligopolio de internet a nivel estatal (e incluso supraestatal),co impacto que iso supón para a nosa soberanía dixital.
- A lacra que supón para a sociedade estas empresas de cobro de débedas que operan ao borde da lei acosando sen límites ás persoas.
- A mala praxis coa que tamén operan as grandes financeiras, xa que está claro que no caso da solicitude da tarxeta da gasolineira, a propia compañía probablemente lle comunicou á empresa de cobro de morosos que o noso compañeiro tiña unha débeda con outra entidade, a ver se rascaban algo. É moita casualidade que despois de anos sen recibir cartas nin chamadas, xusto volva a recibilas unha semana despois.
- E por último e máis importante. A importancia de seguir dispoñendo de servizos públicos de calidade, como a Valedora do Pobo ou as Oficinas de Consumo, que protexan aos cidadáns dos abusos da administración e das empresas, respectivamente. E xa non só que existan estes servizos públicos, se non que se lles garantan as súas plenas competencias para poder defendernos e asesorarnos.