Boletín Oficial ESFeiro. Agosto 2023


Benvidas ao Boletín de Agosto 2023. Se prefires a versión sonora, aquí tes o Boletín Sonoro!

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   En xullo, a pesar da época, houbo varias actividades. En Vigo, un par de Café Repair para argallar con ordenadores, no café Uf e tamén na Biblioteca Neira Vilas. En A Coruña, na Domus, tivo lugar o 4° taller de autodefensa dixital: “Como usar FreeBSD como sistema operativo no teu equipo”. Aquí se pode ver a presentación utilizada. Ademais, rematou o Curso de aplicacións informáticas e cacharreo con software libre, en colaboración con Ecos do Sur, dentro dun proxecto no que colaboramos coa financiación dos fondos IRPF (a casiña solidaria).

    Tivemos ademais moito traballo preparando dúas propostas de proxectos de educación, que se presentaron á Cooperación Galega da Xunta de Galicia para financiación. Foron a segunda fase do programa Mulleres Bravas, en colaboración con Amigas da Terra, e a segunda fase do programa de Tecnoloxía para o Ben Común nas Universidades, coa rede Artigo9Tech. Esperamos que se poidan seguir desenvolvendo!


HONDURAS

    En Honduras continúan Juan e Celia, participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades. Temos crónicas tanto de Juan como de Celia, a quen se uniu a principios de mes Sofía, a terceira voluntaria, que participa na súa condición de profesora de tecnoloxía de ensino secundario, grazas ao programa Hackers Sen Fronteiras

    Ademais, celebrouse unha nova xornada de capacitación da escola Habilidades Para La Vida, dirixida aos consejos de microcuenca de Laure e Panasacaran, con CODDEFFAGOLF, dentro do programa de mellora da xestión comunitaria da auga con enfoque de cunca hidrográfica que financia a Xunta de Galicia.

    Nas resolución das convocatorias 2023 para proxectos de cooperación internacional da Xunta de Galicia, quedamos cun regusto agridoce. Acadouse financiación para un innovador proxecto de defensa da terra e o territorio, de restauración de lagoas de inverno. Pero o outro proxecto presentado, de mellora da xestión pública da auga, non foi valorado por erratas na parte burocrática da subsanación da solicitude. É lamentable que bos proxectos, e moi necesarios para manter os procesos construídos na zona, poidan quedar fóra por estas cousas… Por iso sempre se fala de que os procesos de desenvolvemento reais casan moi mal coa arquitectura das convocatorias públicas de financiación para a cooperación ao desenvolvemento, onde a burocracia ten un papel determinante.


MOZAMBIQUE

  En xullo tivemos aberto o proceso de selección de consultoría especializada en seca para seguir o traballo coas Administracións Rexionais da Auga do Norte e Sur, incorporando pouco a pouco ao traballo tamén á Centro. Recibíronse dúas candidaturas. Finalmente seguiremos o traballo con Manuel Álvarez, un experto con gran experiencia no programa, que xa leva varios anos colaborando no mesmo.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes recomendamos este artigo: Literaturas africanas para resetear la mente y el corazón. Trátase dunha selección de obras en castelán para coñecer mellor a realidade de África


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    “A tecnoloxía non é nin boa nin mala, tampouco é neutral”

Melvin Kranzberg Jr

Crónicas dende Honduras 2023. A terceira de Juan

Durante a semana do 26 ao 30 de xuño adentrámonos completamente nun único proxecto no que CODDEFFAGOLF está a traballar, o “Programa de Monitoreo de Calidad de Agua Marina en el Parque Nacional Marino Archipiélago Golfo de Fonseca, Honduras”. O deseño desde proxecto vén marcado por uns feitos ocorridos no ano 2019, onde se observou a morte masiva de moluscos bivalvos, que afectou ás principais actividades económicas das comunidades da
zona sustentadas principalmente pola pesca e o turismo, e á contaminación dunha área protexida dun parque nacional mariño.

Con este proxecto nace a necesidade de establecer un sistema de monitoreo de calidade de auga mariña, non existente ata o momento, e identificar cales son as características fisicoquímicas e microbiolóxicas da auga do Golfo de Fonseca, para finalmente establecer unha condición óptimas para o desenvolvemento dos organismos mariño-costeiros que forman esta área protexida. Os datos recadados e a información recollida teñen como obxectivo o desenvolvemento de políticas e estratexias que permitan implementar medidas de prevención e control de contaminación para a conservación da gran biodiversidade existente na zona, garantindo así a sosteñibilidade dos ecosistemas e a saúde humana das poboacións que habitan o parque.

Na primeira das sesión de traballo visitamoso Centro Universitario Rexional do Litoral Pacífico (CURLP), un centro dependente da Universidade Nacional Autónoma de Honduras (UNAH) para a preparación do medio onde se realizaron as análises microbiolóxicas das mostras recollidas ao longo do Golfo. Alí presentánnos a dous profesores que apoian o proxecto e que acompañan aos técnicos de CODEFFAGOLF no proceso. Este medio de cultivo (Fluorocult)
quedan refrixerados na universidade ata a seguinte sesión para que as propiedades do mesmo non se vexan afectadas.

Na seguinte xornada desprazámonos ata o Golfo de Fonseca para a recollida das mostras. Os puntos de recollida están xeolocalizados por GPS para que sempre sexan os mesmos 20 puntos ao longo de 3 seccións de entre 2,5 e 3,5 kilómetros de lonxitude. En cada un deses puntos realizanse tres acción diferentes: a recollida de mostra para análise químico en botes de 1000 mL, a recollida da mostra para análise microbiolóxico en bolsas de polietile estéril e o propio
análise físico in situ.


Na análise físico utilizamos unha sonda multiparamétrica (YSI 9500 Professional Plus) que nos proporciona directamente o osíxeno disuelto, a porcentaxe de saturación de osíxeno, a temperatura, pH, salinidade e conductividade eléctrica.


A análise química e microbiolóxica realizouse no Centro de Ivestigación Mariña (CIM) na Illa do Pacar, unha das Illas deshabitadas do Golfo do Fonseca, onde tamén se atopa un centro de avistamento de aves. Para a análise química, utilizamos un fotómetro (YSI 9500) que nos proporciona a presencia de diferentes elementos como o Fósforo, Cobre e Ferro; e compostos como nitritos e nitratos ou amonio no propio día, facendo a análise seguindo os protocolos indicados pola casa comercial dos test en cada caso. No caso da análise microbiolóxica, nesta sesión só se poden sembrar as mostras, en tres concentración diferentes, para incubalas durante 24 horas e utilizar a técnica do “Número máis Probable”, que é unha técnica que nos permite facer unha aproximación da cantidade de bacterias coliformes totales e fecales por mililitro de auga.Na sesión última, unha vez transcurridas as 24 horas de encubación, vólvese ao laboratorio a realizar a lectura mediante a aparición de turbidez e fluorescencia, para observar a presencia ou ausencia das bacterias de interese, sendo habitual nunha gran parte das mostras a presencia das mesmas.


Durante a fin de semana subimos a Tegucigalpa para coñecer a cidade e visitar o Centro Cultural de España e o Museo para a Identidade Nacional de Honduras, e visitar algún que outro barrio histórico. Tamén visitamos o parque Nacional de La Tigra, a unha altitude de aproximadamente 1800 metros, onde fixemos unha ruta de senderismo onde puidemos ver a cantidade de especies animais e vexetais alí existentes, como tamén os resto de antigas minas de ouro, que na actualidade se atopan abandoadas. Para rematar a semana aventurámonos a realizar unha excursión a Siguatepeque a facer rappel, un descenso vertical por unha parede de 65 metros, para xerar no corpo aínda máis adrenalida da que a propia experiencia PCR nos fai producir.

Crónicas dende Honduras. A primeira de Celia!

Despois dunha primeira semana de aterrizaxe en Honduras xunto con Juan, Celia nos narra a súas segunda e terceira semanas no país (do 19 ao 30 de xuño), que como poderedes ver foron intensas…


Ola boas!!

Esta segunda semana xa empeza moito máis adaptadas (menos o calor e as picaduras dos zancudos claro, esa é unha loita que non imos gañar nunca), coñecendo mellor a cidade, os nosos veciños e as costumes.

Empezamos a rutina semanal cun luns de oficina, con reunión en Coddeffagolf (unha das organizacións coas que traballa ESF dende hai anos) para coñecer a semana que nos espera por diante e un pouco máis como é a vida dos proxectos dende o escritorio.


O martes visitamos as escolas de República de Guatemala, República de Honduras e República Lempira, nas comunidades El Obraje, Las Arenas, Las Pozas e La Buena Vista, en Marcovia. Fomos con Nohelia e Estafanía, técnicas de Coddeffagolf encargadas do proxecto Recicla Más, cas que apoiamos nunha charla sobre as 3R. A esta charla acompañáronos tamén dous chicos e unha chica que fan voluntariado no grupo Jóvenes en Acción por el Clima, un grupo con unha moi boa iniciativa que colabora moitas veces de apoio cas organización en actividades relativas o medio ambiente. Dividímonos entre os colexios, cada dous de nós dabamos a charla en un deles e o rematar as impresións e o que vivimos, a pesar de ser comunidades cercanas, foi moi diferente. No meu caso a charla era para nenos de primeiro, segundo, terceiro e sexto grado e tanto o trato dos profes como dos nenos foi marabilloso, atentos co proxecto e con nós, que nos sentimos acollidos en todo momento.

O mércores cambiamos de escenario e imos por primeira vez a un manglar. Moi emocionados por descubrir este ecosistema tan típico da zona do Pacífico e que no meu caso, tantas veces vin nos libros de texto e nos apuntes do grado. Con moitas ganas de poder ver dende dentro en primeira persoa como é: a Avicennia, a Rhizopora e todas as especies de aves, crustáceos e moluscos. Foi increíble e non pensabamos fai uns meses en que estaríamos no medio do manglar nunha lancha de cores típica hondureña. Situábase na zona de Marcovia, na Colonia 3 de Febrero en Pueblo Nuevo, na zona protexida da Reserva Natural Los Delgaditos. Fomos con Victor e Jota no proxecto de monitoreo de moluscos bivalvos.

O procedemento era establecer varios cuadrantes de 5×5 en diversas zonas do manglar e o seu playón, e monitorear a lonxitude, o ancho, o peso e algunha medida máis dos moluscos comprendidos nel. Honduras non conta cunha talla mínima establecida para os moluscos bivalvos que comercializan (cascos de burro, ameixas, curiles…) polo que toman as medidas establecidas por El Salvador para poder establecer unha referencia similar. Unha vez recollidos os datos para o estudio, estes moluscos son devoltos o medio para que poidan seguir crecendo. O grupo de mulleres e homes mariscadoras é encantador, moi cercano e traballador, ensinándonos de cerca como é o seu traballo do día a día, a rutina, todas as anécdotas que teñen no manglar e os seus consellos para sobrelevar o calor e os zancudos. Tamén nos ensinaron como recollen os moluscos, se ningún tipo de ferramenta, unicamente cos seus pes descalzos no lodo.

Para ir finalizando a semana, tivemos un cambio de plans, pois tivemos que ir a embaixada española en Tegucigalpa, a pedir o voto por correo e aproveitando, a darnos de alta no consulado. De esta forma, no caso de haber algunha emerxencia, o país sabe que estamos aquí e onde. Ademáis, tivemos unha visita moi especial, pois veu Paola de España! Con fins institucionais pero moi contentos por vela e poder compartir con ela primeiras impresións e experiencias. Comemos todos xuntos en Tegucigalpa e xa alí, visitamos a oficina de AHJASA, Asociación Hondureña de Juntas Administradoras de Sistemas de Agua. Os seus técnicos Turcio e Lenin explicáronnos como impulsan os procesos de desenvolvementos comunitarios para unha independencia tanto técnica como económica, intentado fortalecen ás organizacións comunitarias e achegar a elas os servicios de auga e saneamento, como un dereito para todas as persoas.


O venres acompañamos a Adán e Carlos (técnicos de CODDEFFAGOLF,) a unha escola de Monjarás, municipio de Marcovia, a unha charla sobre os recursos naturais do golfo de Fonseca: o manglar, as praias, a importancia do chan e das especies que o rodean, a importancia de xestionar ben os residuos. A diferenza da charla do luns este colexio era para alumnado de noveno, décimo e undécimo curso. O último é modalidade de bacharelato e pódese elexir entre dúas modalidades.

Antes de comezar a finde e ir a coñecer outros lugares, concluímos a semana cunhas emocións moi boas por ver in situ como son todos os proxectos e como se desenvolven (así tamén podemos poñerlle forma a todo o traballo que hai detrás de cada un deles), polo trato da xente e a sensación de non deixar de sorprendernos por descubrir cousas novas.


A terceira semana foi incrible, non sei si é a miña percepción dende o punto de vista do que estudei (Ciencias do Mar), pero imaxinádesvos un Centro de Investigación Mariña nunha illa do Golfo de Fonseca no Océano Pacífico? Pois existe, está na Isla do Pacar, pegadiña a Isla do Tigre. Teñen un laboratorio, unha zona de interpretación e sendeiros con avistamento de aves. Ademais, chegas a través dunha praia onde che deixa unha barquiña, é decir, quen non ía querer traballar aí? Pois aí estabamos nós.

Toca o proxecto de Mostreo de Augas, que é o primeiro que se está elaborando na zona, pois non existe ningún rexistro dos parámetros físicos, químicos e microbiolóxicos das augas oceánicas. Moitas zonas, sobre todo as colindantes, non contan con tratamento de augas residuais, e moitos dos residuos acaban alí a través dos propios cursos de auga. Este proxecto ten como obxectivo recoller información mensual de todos estes parámetros para poder contribuír a elaboración dunha base de datos con fins científicos. De feito, este mes de xullo vai a ser o sexto mes que a fagan, e a idea é que xa poidan facer un informe.

Para preparar os medios do cultivo microbiolóxico dedicamos un día no CURLP (Centro Universitario Pacífico Regional del Litoral Pacífico) da UNAH (Universidad Nacional Autónoma de Honduras), facendo os tubos onde irán as mostras de auga.

Estas mostras recollémolas o día seguinte en tres liñas, con diferentes estacións en diferentes coordenadas. Aquí vanse recollendo en bolsiñas e tamén tomando os datos dos parámetros físicos in situ ca sonda paramétrica (pH, temperatura, salinidade, conductividade, sólidos en suspensión, etc.). Xa no CIM vai a parte química (cloro total, o amonio, etc.) e a incubación de mostras microbiolóxicas.

A lectura de resultados faise o día seguinte ( e nós claro, encantados de ir dous días seguidos en lanchiña ata o Centro de Investigación) co apoio dunha das doutoras da Universidade, ca que se fará tamén o primeiro informe de todos os datos que estiveron a recoller estes meses.

E xa para rematar a semana de traballo de campo, aproveitamos que estamos na illa e que rematamos todos os análises para disfrutar dun almorzo con boas vistas e concluír unha semana de traballo e aprendizaxe dende un sitio marabilloso. Agora solo queda un día de traballo de oficina e a disfrutar a finde que temos planeada en Tegucigalpa e con rappel en Siguatepeque!

Taller de FreeBDS, software libre para autodefensa dixital

O pasado día 21 de xullo tivemos o 4º taller da serie de obradoiros de Autodefensa Dixital, que vén organizando o voluntariado do Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre da Coruña unha vez ao mes na Domus de A Coruña, onde nos acolle as compas de Bricolabs.

Desta volta, Jesús Manuel Mariño Valcarce falounos deste sistema operativo libre, co obxectivo de ver alternativas de sistemas GNU/Linux, ter unha primeira toma de contacto co sistema, a sú configuración, instalación de aplicacións, diferenzas con outros sistemas e, sobre todo, porque nos mola argallar con tecnoloxías libres e coñecer xente riquiña!

Aquí queda a presentación que utilizou Jesús Manuel, a quen agradecemos moito que compartira os seus coñecementos

Crónicas dende Honduras. Sofía 1

Sofía participa no noso programa de voluntariado de coñecemento doutras realidades dentro da modalidade “profesorado de secundaria”, que estreamos este curso grazas ao proxecto Hackers Sen Fronteiras. Aquí vai a súa primeira crónica!

———–

Fálavos a terceira das voluntarias deste ano 2023. Hoxe fai unha semana que cheguei a San Lorenzo, logo de voar o día anterior a Palmerola e facer noite en Comayagua. Só unha semana e semella que levase aquí moito máis tempo. O cambio horario non me afectou moito, a calor é algo ao que non conto xa chegar a adaptarme (é demasiado!) e de bichería e picaduras, vou servida, pero vaise levando. Mesmo estou comezando a interpretar o significado de tanto bocinazo!

Se tivese que describir cunha soa palabra esta semana diría que foi intensa. E é que teño a impresión de que nestes sete días sucederon un feixe de cousas. Son moitos os estímulos, os contrastes e as impresións de todo canto estou a vivir aquí. Ata a terra tremeu, cun sismo de epicentro na costa de El Salvador que se fixo sentir en Honduras.

Os primeiros días foron de adaptación e recoñecemento da cidade e, neste sentido, estou moi agradecida a Juan e Celia, tamén a Sandra, polo bo recibimento que me fixeron. Foi unha sorte para min contar coa voz da súa experiencia no mes que levan xa acá.

Das primeiriñas cousas que fixen ao chegar foi pasarme a coñecer Coddeffagolf e presentarme. Esta semana xa tiven a oportunidade de ir entrando un pouco máis en materia e ir coñecendo máis de preto algúns dos proxectos nos que están traballando nestes momentos.

O martes acompañamos á técnica Nidia a dúas escolas das comunidades de Jacalito e Colonia 7 de Mayo, no municipio de Namasigüe. Nelas impartiuse un obradoiro de novas masculinidades ao alumnado, no cal se abordaron cuestións como os estereotipos de xénero ou os métodos anticonceptivos. Alén de asistir ao taller, facilitado por mulleres da Red de Mujeres e por persoal da Oficina Municipal de la Mujer de Namasigüe, tivemos a oportunidade de falar con algunhas das nais agrupadas nesta rede. En ambos casos eran escolas públicas nas que o goberno proporciona alimento para a elaboración das merendas, sendo as nais quen se autoorganizan para preparalas.

Tras isto, Nidia, coñecedora da zona, levounos a ver a Quebrada de Tierras Blancas, un oasis de pozas e remansos no río apto para o baño. Tamén visitamos a cooperativa de mulleres La Sureñita, dedicada ao tratamento para a súa comercialización da semente de marañón (anacardo). Foi fermoso coñecer o proceso de produción deste froito e observar ás mulleres amosándonos o seu traballo. Previa volta a San Lorenzo e tras unha pausa para probar o pozol -unha bebida fría a base de leite que está incríbel-, pasamos por un viveiro a recoller e cargar no coche unhas árbores e plantas aromáticas necesarias nos próximos días.

O mércores acompañei ao técnico Adán a visitar a comunidade de San Juan de las Conchas. Aínda que pertencente ao municipio de Marcovia, a comunidade está integrada na área protexida da baía do golfo de Fonseca. Alí mantívose unha reunión cos pescadores desta comunidade e da comunidade veciña de Los Lirios co fin de conformar un grupo de trece persoas que tomarán parte nun proxecto de reforestación de mangle. O programa incluiría ademais actividades de formación e concienciación ambiental, así como tamén a limpeza conxunta dalgúns esteiros. Se ben a reunión comezou un pouco tensa, axiña os ánimos se calmaron e se chegou a acordo. Máis alá dos obxectivos ambientais do proxecto, resulta destacable o traballo de fortalecemento da base comunitaria.

Á miña volta á sede de Coddeffagolf, aínda tiven a oportunidade de unirme, xunto a Celia e Juan, á primeira das sesións dun taller de Habilidades para a vida no que participaban varios homes e mulleres representantes comunitarios. Sorprendeume moi positivamente a participación dalgunhas das mulleres que alí estaban, do mesmo xeito que se me encolleu o corazón co relato dalgunha das súas vivencias.

O día de hoxe, xoves, foi se cadra o máis cansado de todos. Visitamos, xunto aos técnicos Javier e Onán, as comunidades de Los Pinches e El Marañonal, en Laure. Nelas estanse a implementar Escuelas de Campo, coa intención de poñer en marcha hortos comunitarios con cultivos non habituais na comunidade e, ao mesmo tempo, co obxectivo de traballar a base comunitaria. En ambas comunidades tivemos a oportunidade de tocar a terra e participar na plantación de frijoles, yuka, pepino e camote; tamén algunhas froiteiras e aromáticas.

Se ben estas escolas de campo forman parte dun proxecto con Manos Unidas, o lugar no que se estaba a traballar na comunidade de El Marañonal era un Centro de Servizos Múltiples cuxa construción resultou dun proxecto froito da colaboración entre ESF e Coddeffagolf. Paralizado coa pandemia, a comunidade está a recibir formación en materia empresarial para poñer en marcha as instalacións e impulsar así unha cooperativa de tratamento da semente de marañón.

É moi habitual que as persoas coas que falamos teñan familia ou saiban dalguén que emigrou a España. Polo xeral viven en cidades grandes, como Madrid ou Barcelona, mais desta volta, as fillas de dúas das mulleres da comunidade de Los Pinches resultaron estar a vivir en Galiza, unha delas en Baralla. Foi un momento ben entrañable con videochamada incluída.

Neste tempo que levo aquí, do que máis estou a desfrutar e aprender é das conversacións informais co persoal técnico de Coddeffagolf durante os traxectos en coche ás comunidades, así como tamén coas charlas mantidas coa xente do lugar, que non deixa de nos mirar con curiosidade. A hospitalidade destas persoas é desbordante.

Crónicas dende Honduras 2023. A segunda de Juan!

Segunda semana xa no sur de Honduras. Primeira tormenta eléctrica superada, sendo, sen dúbida, os tronos máis fortes e impresionantes, vistos e vividos máis de preto. Unha estampa preciosa vivida á beira dos manglares que sosteñen todas estas terras nas que vivimos en San Lorenzo. Comezo a sentirme aquí xa coma un máis, adaptándome a horarios e rutinas propias de aquí, a un ritmo diferente e a unha tranquilidade á que non estou acostumado a vivir na
miña vida, a xente acolleunos como se fosemos uns catrachos máis. Esa mesma xente que trata de coidarnos e se preocupa de que a nosa experiencia sexa aínda máis chula do imaxinado.


En CODDEFFAGOLF xa nos proporcionaron unha mesa na que traballar, e os técnicos téñennos en conta como se fosemos un máis, explicándonos cales son os proxectos nos que traballan e propoñéndonos que os acompañemos en saídas de campo para ver en primeira persoa cal é o seu traballo e cal será o noso nas próximas semanas. Acordamos que todos os luns nos organizaremos para saber cal é o programación semanal trala reunión que eles teñen como organización, para así ir enfocándonos máis nos proxectos nos que encaixamos mellor.


O martes acompañamos ao grupo de Estefania e Noelia, xunto con tres voluntarios de Jóvenes en Acción por el Clima que colaboran con CODDEFAGOLF habitualmente, a visitar tres escolas nas comunidades de El Obraje, Las Arenas e Las Pozas, todas no municipio de Marcovia. As dúas primeiras son dúas escolas con dous únicos docentes nos que se educaban de forma agrupada toda a etapa da educación primaria, de primeiro a sexto grao. A escola de Buenavista
era un centro cunhas instalación maiores, cun número máis elevado de alumnos onde, por parte dos mestres, se organizou un grupo de traballo cos alumnos máis interesados no coidado do medio ambiente. O obxectivo da actividade neste colexio é que o grupo de expertos utilice unha técnica de expansión de coñecemento onde a información sexa transmitida ao resto do alumnado do centro. A formación centrábase concretamente na regra das 3 R, reducir,
reutilizar e reciclar. Nas vindeiras semanas serán repartidos nos centros que formen parte do proxecto contenedores separadores de residuos onde o plástico reciclable como o das botellas de auga e refrescos e os recipientes de alumnio serán recollidos para reciclaxe. Esta actividade está tamén deseñada para que o material reciclable poida ser tamén traído da casa, para que se expanda a información da formación aos fogares do alumnado.


Na xornada do mércores fumos a coñecer de primeira man o lugar onde se está a realizar o muestreo de moluscos cos ténicos Víctor e Jota, encargados do proxecto de recuperación dunha zona moi rica en producción de moluscos. Nesa zona produciuse unha norte masiva dos mesmos debido a vertidos realizados, polo que toda a economía das comunidades desa rexión se veu afectada por non poder recolectar e vender esos moluscos dos qu elevaban vivindo toda
a vida. A zona visitada leva o nome de Área protexida de “Los Delgaditos”, en Pueblo Nuevo, máis concretamente na Colonia 3 de Febrero, na rexión de Marcovia. A actividade a realizar nesta xornada era o muestreo dos moluscos atopados en 25 metros cadrados concretos, en zonas de manglar, para contabilizar tanto en tipo de especie e número como en peso e tamaño. Esta actividade debe ser realizada semanalmente durante todo o tempo que este proxecto se esté a realizar, para observar como co tempo evoluciona a zona. No meu caso concreto, moita desta información foime transmitida por parte de Franklin, voluntario e membro da directiva de CODDEFFAGOLF, que leva moitos anos xa traballando coa organización.


O xoves desprazámonos co equipo de ESF, Raquel e Sandra, ata Tegucigalpa para reunirnos coa Asociación Hondureña de Juntas Administradoras de Sistemas de Aguas (AHJASA). Na sede recibíronnos Francisco Turcio e Lenin, administrativo e técnico voluntario de AHJASArespectivamente. Explicáronnos cales eran as súas funcións e o obxectivo que a asociación ten, que é a mellora da calidade de augas das comunidades membras e o fortalecemento do desenvolvemento de novas asociacións comunitarias emerxentes, para que os sistemas de augas sexan sistemas democráticos e compartidos.


Para rematar a semana acompañamos a Adan, técnico de CODDEFAGOLF, a realizar unha capacitación a alumnado de décimo e undécimo curso nunha escola na comunidade de Mojarás, tamén na rexión de Marcovia sobre medio ambiente, a regra das 3R e o coidado do medio no que viven e como afectanmoitos dos malos hábitos que temos na vida diaria da xente das comunidades cercanas e das non tan cercanas, xa que todos os residuos xerados acaban na
zona costeira e no mar, afectando ao medio de vida de moita xente.


Recibimos esta semanas tamén a visita de Paola Mondaca, persoal de ESF en Galicia, que estivo aquí en San Lorenzo coñecendo os proxectos nos que se está a traballar, e aproveitamos para que coñecese a zona de Amapala e a Illa del Tigre, e as praias da zona de Marcovia, aínda máis ao sur de San Lorenzo.

Boletín Oficial ESFeiro: xullo 2023


Aquí se pode escoitar a versión sonora dos boletíns de xuño e xullo. 8 minutiños, por se prefires escoitar a ler.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En xuño empezou dende o Banco de Reciclaxe Electrónica un apoio a Amigos de la Tierra España para que fagan un plan de migración a software libre. Amigos de la Tierra é unha organización coa que levamos colaborando moitos anos, tanto en Honduras como en Galicia. Ademais, houbo un repair café no MUNCYT A Coruña de ordenadores e bicis coas compas de Mobi-liza. No Banco da Coruña, iniciouse con Ecos do Sur o curso de reparación de computadoras e app informáticas con software libre, con 5 alumnos e 3 alumnas (financiado por axudas de IRPF da Xunta de Galicia). Por se non puidestes vir á formación sobre o fediverso, aquí queda a presentación que nos fixo Salvari na xornada da Domus sobre este tema.

    Queremos alzar a voz contra o academic-washing que certas empresas con prácticas cuestionables están facendo nas universidades públicas galegas. Un exemplo foi o de INDRA, na graduación de Enxeñería de Telecomunicacións.

    Estivemos preparando un par de proxectos de educación e sensibilización en Galicia para conseguir financiación da Xunta de Galicia (a segunda fase do proxecto de tecnoloxía para o ben común na universidade, e a segunda fase do proxecto de Mulleres Bravas).

    Na Industriosa, Vigo, estivo Thais falando de Tecnoloxías de baixo custo para persoas con problemas de mobilidade, a ver se anima alguén por alí a colaborar co grupo. 

    Dentro do programa Tecnoloxía Sen Fronteiras, de traballo nas universidades, pechouse o prazo para presentar TFM-TFG ao Premio Enxeñería Solidaria 2023


HONDURAS

    En Honduras tivemos unha visita moi especial. Paola, a administradora de ESF dende 2007, visitou por fin ese país, nunha estancia curta, pero intensa. Puido ademais participar na presentación oficial no país do novo convenio coa Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), que desenvolveremos con Justicia Alimentaria Global e Amigos de la Tierra España nos vindeiros 4 anos, dentro do programa de Soberanía Alimentaria. Tamén coincidiu con Celia e Juan, participantes no PCR que chegaron xa a principios de mes, e que xa nos mandaron a súa primeira crónica.

    Dentro do programa de Soberanía Alimentaria, deixamos un resumo do realizado cos fondos da Deputación da Coruña no proxecto de Mellora da sostibilidade da actividade marisqueira como fonte de ingresos de grupos de mulleres nos municipios de Amapala, Alianza, San Lorenzo e Marcovia, Honduras.

    No programa de Dereito á Auga, dentro do proxecto “Mejora de la Gestión Pública y Social para la Gobernanza de los Recursos hídricos en 9 Municipio de la Región 13 Golfo de Fonseca F1”, desenvolveuse en San Lorenzo unha reunión de planificación para a delimitación e declaratorio de microcunca hidrográficas.

    Ademais, a principios de xuño presentáronse para financiación até 3 proxectos, dous do programa de soberanía alimentaria (un á Xunta de Galicia e outro á AECID), e outro do programa de dereito á auga (á Xunta de Galicia). Foi un gran esforzo que esperamos obteña froitos. Quixemos deixar aquí un resumo do proceso de deseño e identificación dun deles.


MOZAMBIQUE

  Do programa AquaMoz Secara que desenvolvemos en Mozambique con Augas de Galicia e cofinanciado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia, o máis destacado en xuño foi a visita de Lizete e Ernesto a Galicia, da que deixamos unha crónica aquí.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes traemos un cómic e un libro da escritoria Alice Oseman. O webcómic (convertido tamén en novela gráfica) é Heartstopper (da que tamén hai unha serie de televisión igual de recomendable, cuns moi logrados “efectos cómic”). O libro é Radio Silencio. Comparten o fío de ser novelas sobre (tamén para, pero non exclusivamente) adolescentes, que exploran as súas identidades sexuais, expresión de xénero e inclinacións sexuais. Todo se fai dende unha naturalidade cautivadora e que deixa un sorriso nos beizos (e unhas ganas moi grandes de loita contra a onda reaccionaria que estamos a vivir).


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    A ecoloxía sen loita social é simplemente xardinería

Chico Mendes








Servicio técnico para fortalecimiento en monitoreo de sequía para Mozambique 2023


Hasta el 14 de julio a las 23:59, tenemos abierto proceso de recogida de ofertas para un servicio técnico para la colaboración en la ejecución en el proyecto “Fortalecimiento de capacidades técnicas y operativas para la mejora de la gestión de los recursos hídricos en Mozambique (Aqua-Moz, SECARA Fase 4)”. Este proyecto se desarrolla en el marco del convenio de colaboración entre la Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Augas de Galicia e Enxeñería Sen Fronteiras Galicia.

Aquí se pueden consultar las bases para presentar ofertas.

Crónica visita ARA Sul Mozambique a Galicia

A principios do mes de xuño tivemos a visita de dúas persoas da Administração Rexional de Aguas do Sul de Mozambique (ARA Sul), organismo homologo a Augas de Galicia (AdG) no país africano e socio principal do proxecto.


Entre o 4 o 10 de Junio, Lizete Dias, xefa do departamento de Recursos Hídricos e membro do consello de dirección da ARA Sul, e Ernesto Tivane, enxeñeiro especialista en hidroloxía, realizaron diferentes sesións de traballo e visitas técnicas co obxectivo de coñecer o modelo de xestión dos recursos hídricos en Galicia e poñer en común os principais retos con responsables, técnicos e investigadores galegos.


A primeira xornada tivo un carácter institucional e comezou en Santiago de Compostela cunha reunión coa dirección e a xerencia de Augas de Galicia (AdG) na que se puxo en común a problemática relacionada coa xestión dos recursos en Galicia e en Mozambique. A xornada continuou cun encontro institucional no que participaron o presidente de ESF Marc Romero, e altos cargos dos departamentos da Xunta de Galicia involucrados no proxecto como o vicepresidente segundo Diego Calvo, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, que puideron coñecer de primeira man o enfoque e os avances e resultados do proxecto.
Despois destas primeiras reunións a vista centrouse en sesións técnicas de traballo orientadas ao coñecemento e intercambio de experiencias vinculadas a (i) a actual liña de traballo de vixilancia e xestión da seca e (ii) a outras/potenciais áreas de interese nas que colaborar.


Para iso, a primeira xornada completouse cunha reunión con responsables da Secretaría Xeral de AdG centrada en temas xurídicos, rendición de contas e en cuestións de organización interna. O martes focalizouse na xestión do dominio público hidráulico, compartindo experiencias sobre a estrutura, o funcionamento e os desafíos da devandita área tanto en Galicia como en Mozambique. Durante a segunda parte do día desenvolvéronse reunións relacionadas coa Planificación Hidrolóxica, a planificación e xestión de secas e inundacións, así como a vixilancia de bacías e o control da calidade da auga e de vertidos. Durante os intercambios, e a pesar das diferenzas entre as “realidades” galega e mozambicana en canto a medios e necesidades de xestión (alí o territorio, as bacías, os encoros, os eventos extremos e a vulnerabilidade da poboación son moito maiores), púidose comprobar como en moitos casos os casos os enfoques para afrontar os diferentes desafíos por parte do ARA Sul e de AdG son comúns.


Despois dun encontro informal na tarde do martes con xente de Enxeñería sen Fronteiras, o mércores comezou cunha sesión de traballo en Augas de Galicia na que se expuxo o sistema de tributación en materia de augas en Galicia, un asunto de especial interese en Mozambique onde actualmente están a estudar a implementación de diferentes tributos relacionados coa recuperación de custos. Despois realizouse unha visita á Escola de Enxeñería de Camiños da Universidade de Coruña, na que despois de visitar o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) realizouse un sesión técnica na o que se presentou o caso de estudo “Modelización numérica e análise das inundacións de febreiro de 2023 na conca do Umbeluzi (Mozambique)” desenvolto polo GEAMA en colaboración co proxecto e que serve como exemplo de utilización basees de datos e ferramentas libres, como o IBER, para a mellora da xestión dos recursos hídricos nunha administración da auga mozambicana.

O xoves pola mañá realizouse unha saída dá campo para coñecer o contexto da xestión da auga no ámbito rural. Os compañeiros de Mozambique visitaron a representantes dunha comunidade de usuarios da auga de Negreira, e coñeceron de primeira man o seu funcionamento e infraestruturas, así como a evolución e os desafíos deste tipo de sistemas de abastecemento. Acompañados por un garda fluvial de Augas de Galicia, a mañá completouse cun percorrido por zonas representativas de actuacións de conservación fluvial. Pola tarde visitouse a Confederación hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) en Ourense co fin de coñecer in situ a utilidade do sistema de automático de información hidrolóxica e de calidade das augas, así como os principais desafíos relacionados coa súa posta en marcha e operación. A xornada completouse cunha visita a unha estación de control no río Miño na o que se destacaron as leccións aprendidas da operación e mantemento deste tipo de sistemas.

O último día centrouse na xestión de encoros. Pola mañá realizouse unha sesión de traballo en Augas de Galicia centrada na supervisión e a xestión de encoros, e despois visitouse o encoro de Caldas onde os responsables técnicos de xestión do encoro puideron compartir cos colegas de Mozambique as ferramentas e os sistemas para a vixilancia e xestión do encoro. Despois regresouse a Santiago onde se realizou unha última reunión coa dirección de Augas de Galicia despois da cal deuse por finalizada a visita.

Durante a reunión final de avaliación destacou a cantidade de retos e desafíos comúns que deben afrontar Augas de Galicia e o ARA Sur en relación á xestión integral de recursos hídricos, os cales, a pesar das xa mencionadas diferenzas, son abordados partindo de principios de xestión comúns e, en moitas ocasións, de marcos legais e institucionais similares.

Proxecto investimentos para sustentabilidade marisqueo.

Como complemento do proxecto que temos en marcha en colaboración coa organización CODDEFFAGOLF de Mellora da sostibilidade da actividade marisqueira como fonte de ingresos de grupos de mulleres nos municipios de Amapala, Alianza, San Lorenzo e Marcovia, Honduras, a Deputación da Coruña concedeunos unha axuda para realizar uns investimentos que virán refozar esa acción. Trátase do proxecto que temos en marcha agora mesmo no noso programa de Soberanía Alimentaria (aquí se pode coñecer máis dos nosos programas en Honduras). Algo do material tamén é aporte da Xunta de Galicia.

Datos do proxecto

Período de execución: até finais de abril de 2023

Monto da subvención: 25.809,20€

Financiador: Deputación da Coruña co Programa de axudas para o cofinanciamento de proxectos de investimentos no ámbito da cooperación ao desenvolvemento durante o 2022

E cales son exactamente eses investimentos?

Os investimentos agrúpanse en torno a tres eixos:

1. Monitoreos de calidade de agua.

Os monitoreos de calidade de auga son fundamentais para coñecer as posibles causas de incidencias ambientais, de contaminación, etc., que poden estar afectando ao recurso marisqueiro. O suceso de mortes de moluscos acaecido en 2019 e 2020 non foi totalmente aclarado. Se coñece a extensión de diversos parásitos que puideron danar o recurso, pero se supoñen causas subxacentes de orixe ambiental, que poden ter influido na expansión tan agresiva deste fenómeno. Téñense sospeitas de posibles fontes de contaminación da auga de orixe natural ou antrópica, que poden influir nesta situación. Por iso determínase que é preciso o monitoreo da auga e a articulación das institucións normadoras, da academia e das organizacións de pescadores/as e mariscadores/as, para dar un seguimento continuo ás condicións ambientais. Estímase poder crear unha rede de alerta temperá, que permita detectar incidencias na morte de molulcos e
outros síntomas, alertar ás respectivas autoridades e poder realizar as tomas de mostra e análises pertinentes na maior axilidade, podendo identificar así se a orixe se debe a vertidos ilegais de empresas productores (alta presenza de agroindustrias e industrias camaroneras que verten residuos aos esteiros do Golfo), da minería artesanal que se da en determinadas áreas da costa, ou ben de orixe subterráneo, por exemplo, pola presencia cercana de sustratos de orixe volcánico e fontes de augas termais que poden arrastrar sustancias contaminantes de xeito natural.
Para este monitoreo, precísanse os equipamentos adecuados e a articulación cos actores con responsabilidade. Esta última condición dase, co apoio manifesto da Dirección Xeral de Pesca, a Universidade Nacional Autónoma de Honduras, o Servio Nacional de Sanidade Ambiental, e o Instituto de Conservación Forestal.

No proxecto propónse a adquisición do seguinte equipamento por un valor total de 11.000 euros:

  • Equipo para o muestreo fisico de calidade de auga (Phmetro, refractometro, termometros, disco secchi, etc.);
  • Equipo para o mostreo microbiolóxico de calidade de agua (placas petri / medios de cultivos, tubos de ensayo, gradillas, micropipetas, balanzas, microescopio, camara neubauer, etc.);
  • Equipo para o mostreo quimico de calidade de auga (probetas, matraces, viker, etc.).

Este equipo pasará a integrarse no equipamento da área de investigación da socia local CODDEFFAGOLF, que é colaboradora e comanexadora de espazos protexidos segundo convenio de comanexo asinado coas institucións gubernamentais do Estado. O material quedará adscrito á área do Centro de Investigación Marino, co correspondente convenio de manexo do mesmo coas persoas voluntarias da Rede de Monitoreo que se estableza a nivel comunitario. Analizarase a posibilidade de transferencia destes equipos no termo do proxecto ou posterior a el á citada rede, en función do analise da seguridade para o coidado dos equipamentos, e o análise das competencias adquiridas para a súa utilización e coidados.

2. Ensaios para o cultivo de moluscos.

A sobre-extracción de moluscos na rexión é, previsiblemente unha das causas de perda da capacidade de rexeneración do recurso nos últimos 10 anos, excluindo o periodo 2019-2020, no que se deu un suceso de morte masiva de moluscos en todo o golfo. As presións das propias comunidades hondureñas, e máis a incursión de compradores/as dende El Salvador, país con menor liña de costa pero con alta demanda da poboación dos produtos marisqueiros, derivan nunha insuficiencia do recurso para atender á demanda do mercado, pero, ademáis, tamén supoñen unha perda do recurso para a propia alimentación das familias de comunidades pesqueiras. Esta poboación que asiste a recoller marisco, ademáis, soen ser persoas sen recursos económicos insuficientes para mercar lanchas ou redes de pesca, ou alugalas, polo que falamos, en moitos casos de persoas en risco de exclusión e inseguridade alimentaria en caso de perda do recurso. Prantéxase como iniciativa alternativa, o cultivo de moluscos, aproveitando o coñecemento de Galicia neste rubro, a través da colaboración coa Fundación Cetmar, que dará asesoramento técnico e científico específico para establecer ensaios de cultivo. Estes ensaios, a modo de encerros en praias onde poder concentrar a reprodución e engorde dos moluscos, poderán dar conclusións útiles para dúas compoñentes: dispor da metodoloxía e axuste de parámetros, para poder chegar a reproducir intensivamente os moluscos en caso de que se dean perdas ou sucesos de mortes de moluscos como o ocorrido en 2019-2020 e así poder facer unha rexeneración de espazos naturais; e, por outra banda, analizar a posibilidade de reprodución e cultivo controlado de moluscos, para a venta, e poder dispor así dunha forma intensiva de producción que poida facilitar unha fonte de ingresos máis estable aos grupos que participen, así como que poida reducir a presión sobre os bancos naturais.

No proxecto proponse a adquisición do seguinte equipamento por un valor total de 7.600 euros:

  • Equipo e materiais para o establecemento de ensaios de cultivos de moluscos (canastas ostricolas, mallas, bollas, tubos pvc, etc);
  • Equipo para monitoreo de bivalvos (balanzas, canastas, cintas metricas, pe de rei, gps, etc).

Este equipo se manterá inicialmente en propiedade da socia local, e será transferido aos grupos participantes ao término dos ensaios.

3. Xeneración alternativas económicas innovadoras.

A actividade marisqueira, como xa se comentou, é a base da alimentación e da xeración de ingresos das familias beneficiarias. A zona sur do país, de areas volcánicas e manglares, é unha zona de chegada de turistas naturais, que buscan, entre outras cousas, a comida de productos do mar. Por outra banda, as comunidades rurais do interior, polos tempos de desprazamento, non teñen un acceso doado aos productos do mar. Pódese dicir que existe unha demanda de produto do mar, e unha insuficiencia de abastecemento a determinadas zonas do país. Por todo elo, considérase que pode haber espazo para a adecuación hixiénica do produto, metodoloxías de conservación e transformación, e unha comercialización de circuito curto aproveitando canais de venta xa existentes. Por outra banda, a crise do Covid-19 e as limitacións aos desprazamentos, provocaron o xurdimento de experimentacións de comercialización e busca de alternativas económicas. Os sucesos de morte de moluscos de 2019 e 2020, así mesmo, aconsellan unha certa diversificación da fonte de ingresos familiares, para non depositar todos os esforzos nun sector, que, de momento, non da seguridade sobre a súa sostibilidade.
Por todo isto, no proxecto proponse a experimentación de formas de conservación, transformación e comercialización de productos de orixe pesqueiro, e así tamén doutros productos dispoñibles nas comunidades en grandes cantidades en momentos puntuais, que fan que se perdan cantidades excedentes por falta de conservación, como por exemplo, as froitas (mango, papaya, etc).


Proponse a adquisición de Materiais e equipo por un valor de 7.000 euros para a experimentación e desenvolvemento de produtos a base de materia prima local:

  • deshidratador de alimentos,
  • ventiladores,
  • selladora al vacio,
  • mesas de aceiro inoxidable e plástico
  • utensilios de cociña,
  • envases de vidrio

A continuación se poden ver fotos dalgúns dos materiais entregados. Para máis detalle pódese consultar este informe.

Elementos para alternativas económicas comunidad Las Doradas (Cedeño)
Material monitoreo bivalvos