NOVO PROGRAMA: Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, fase 1.

Dende a súa fundación en 1993, Enxeñería Sen Fronteiras veu traballando como unha das súas liñas de traballo fundamentais a creación dunha cidadanía crítica, facendo especial énfase no uso da tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común.

O enfoque de “Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano” (ou para o ben común e a emancipación, como vimos denominándoo ultimamente), parte de cuestionar o uso histórico da tecnoloxía e apostar por unha tecnoloxía participativa e non excluínte que permita lograr a equidade e a xustiza social cun enfoque de ben común. Este enfoque comprende os coñecementos, mecanismos e estratexias que fan que certas solucións técnicas potencien a calidade de vida das persoas de xeito inclusivo. Para isto é necesario entender a tecnoloxía non coma un fin en si mesmo, senón coma un medio, e dentro dun contexto social, económico e cultural.

Con este novo programa quérese impulsar o concepto de tecnoloxía para o ben común na docencia da comunidade educativa do ensino secundario galego de base tecnolóxica.

Para conseguir este obxectivo, o eixo principal do proxecto que será a súa Fase 1, é o inicio dun traballo, con vocación de continuidade, con 3 centros piloto de ensino secundario, fora das 7 grandes cidades galegas, en 3 provincias distintas: Celanova, Mondoñedo e Curtis. Tamén se quere facer traballos puntuais noutros centros, que permitan ir ampliando a rede e dando a coñecer a iniciativa, apoiándose na asociación APETEGA, en cuxa asemblea de primavera 2022 se presentou o proxecto.

Por que o nome de Hackers Sen Fronteiras? Queremos reivindicar a curiosidade, o empoderamento tecnolóxico e o cuestionamento á propia tecnoloxía sen renunciar a ela que impulsa a este movemento (e que fixo que se vira cuestionado e perseguido, como se conta neste artigo).

Deste xeito, no programa hai tres grandes liñas de traballo:

  • Liña profesorado, especialmente enfocado ao profesorado de tecnoloxía ou a aquelas accións de centro nas que a tecnoloxía teña un papel destacado. Tratarase de acompañar e dar apoio a prácticas docentes con enfoque de cidadanía global, dado o papel clave ao ser multiplicadoras cara o alumnado de coñecementos, habilidades e actitudes que poden fortalecer e poñer o foco nos dereitos humanos e o ben común. Nesta liña impulsaranse apoio en ferramentas didácticas, creación participativa de novas ferramentas, análise de materiais xa existentes vendo como incorporan a perspectiva de tecnoloxía para o ben común, e a participación no programa de coñecemento da realidade de países onde ESF traballa en cooperación ao desenvolvemento dunha persoa docente (prioritariamente, dos centros piloto).
  • Liña alumnado, polo interese de ESF en promover un alumnado crítico e mobilizado, que poida participar máis aló das accións académicas formais e vaia obtendo unha base que impulse a súa cidadanía activa. Se se consegue alumnado implicado e sensibilizado coa cidadanía global e o ben común, no seu día a día futuro (tanto persoal como profesional) tamén poderán ser axentes de transformación. Se propón un catálogo de até 20 faladoiros/obradoiros de curta duración nos centros piloto participantes, que se agrupan en packs ou itinerarios temáticos (que dende o centro poden escoller para distintos cursos). Este catálogo tamén estará dispoñible para outros centros que xa amosaron interese, e outros que poidan xurdir. Ver aquí catálogo e itinerarios. Tamén se traballará en impulsar algunha acción en cada centro piloto que teña un maior recorrido e, sobre todo, maior protagonismo por parte do alumnado (e o profesorado), á que se coñecerá como Comandos Hacker.
  • Liña creación de rede, polo interese en visibilizar o traballo que se desenvolverá co proxecto (e outros na mesma liña que se puideran estar xa desenvolvendo). Se impulsará a creación dunha rede ou grupo de traballo de profesorado no eido da tecnoloxía para o ben común, así como un encontro de alumnas interesadas na tecnoloxía dos distintos centros participantes a modo de rede, e un Premio Hackers Sen Fronteiras a iniciativas docentes de tecnoloxía para o ben común en secundaria.

En 2022-2023 levantarase unha liña de base para estudar en que medida ese enfoque alternativo da tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos é coñecida na comunidade do ensino secundario tecnolóxico galega e que acollida ten.

Cabe mencionar o enfoque de xénero que se pretende incluír neste proxecto, dado que a fenda en estudos técnicos comeza xa a notarse no ensino secundario, ten unha importancia (e dificultade) especial, tanto na participación, como na co-responsabilidade do proxecto, como no comité de seguimento e as accións concretas. A rede mencionada de alumnas, varios obradoiros (como os impulsados dentro do programa de mulleres tecnólogas para o ben común) e propostas de traballo no eido da fenda de xénero na tecnoloxía (incluindo un pack), ou un apartado específico da liña de base para entender mellor esa fenda nos estudos tecnolóxicos son algúns dos elementos incorporados.

ESF pretende coas súas actividades a xeración dunha cidadanía global crítica e comprometida coa loita contra a pobreza a través da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano, para o cal terá en todas elas un protagonismo destacado o voluntariado da nosa base social, como co-responsable do seu deseño, execución, seguimento e avaliación, tendo persoas colaboradoras dentro do profesorado e tamén entre as persoas que impartirán obradoiros de distintas temáticas.

Mesa Redonda Mulleres Bravas da Economía Social

Asinado convenio con Espazocoop, unión de cooperativas galegas

Hoxe temos o gusto de anunciarvos a sinatura dun convenio de colaboración con Espazocoop, asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores.

Para ESF, que levamos anos traballando o tema de Outra Economía Posible, con distintos estudos e tamén tratando de levar este concepto ao educativo e aos nosos proxectos de cooperación internacional (en Honduras é un dos piares básicos do noso Programa de Soberanía Alimentaria), é un paso moi importante para tender lazos co sector galego da economía social.

Espazocoop xa nos prestou apoio nunha das mesas redondas do proxecto Mulleres Bravas (na imaxe, a segunda pola dereita é Mar Pernas, de relacións institucionais de Espazocoop, xunto co resto de participantes na mesa redonde de Mulleres Bravas da Economía Social na Universidade de Vigo). A raíz de aí, xurdiu a idea de seguir colaborando con elas e coas súas cooperativas asociadas para dar a coñecer e potenciar ese outro xeito de facer economía, un que poña ás persoas no centro, tanto en Galicia coma nos nosos países de traballo. Así sexa!

ESFRadio. Un tema de ESF ao mes: Xestión de recursos hídricos en Mozambique

En Enxeñería Sen Fronteiras levamos anos tratando de abrir proxectos nalgún país da África lusófona, pola proximidade con esa cultura e por interese de moitas persoas da nosa base social.

Contar con proxectos noutros países, facilita a labor de tender pontes entre a sociedade civil galega e as outras realidades de países empobrecidos, produto do colonialismo e o extractivismo, co fin de desmontar ese sistema inxusto e opresor. Ese é o fondo real dos proxectos de cooperación internacional en Enxeñería Sen Fronteiras.

Pero non é sinxelo comezar a traballar nun país, e máis nun contexto de escaseza de recursos para a cooperación ao desenvolvemento. Gústanos traballar a fogo lento pero con seguridade, e iso fixo que desbotaramos algunhas opcións. Pero cando nos chegou a invitación para traballar nun proxecto xa con anos de recorrido, integrando un consorcio de entidades galegas xa ben coñecidas (como son Augas de Galicia, Cooperación Galega da Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña), onde poderiamos poñer a nosa experiencia en dar a coñecer o traballo e a realidade dun país como Mozambique á sociedade civil galega, pareceunos que a oportunidade chegara por fin.

Aquí se pode coñecer algo das actividades do consorcio no que se integra ESF a partir deste 2022, pero se preferides escoitar a dúas persoas de referencia neste proxecto, temos a sorte de contar en ESFRadio con Víctor Penas, o coordinador do programa en Mozambique deste consorcio, así como con Lizete Dias, Xefa do Departamento de Recursos Hídiricos da Administración Rexional da Auga Sul (ARA-Sul), institución coa que se está a traballar dende hai varios anos. Lizete é un referente do programa dende o seu inicio.

Tamén en spotify

  • Produce: Jorge Lama
  • Guión: Sergio Fernández e Jorge Lama
  • Presenta e modera: Marc Romero
  • Participan: Lizete Dias (ARA-Sul), Víctor Penas (consorcio ESF-Augas de Galicia)

Foto de portada: a esquerda Víctor Penas, nunha das visitas a Mozambique, xunto co director del ARA Sur (no centro) e con Lizete (á dereita)

Boletíns Sonoros ESFeiros do verán 2022

Despois de medio ano de parón, volve en ESFRadio o Boletín Sonoro ESFeiro, a versión podcast do noso Boletín Oficial ESFeiro. O facemos nun formato máis sinxelo, para poder manter a súa periodicidade.

Nuns 5 minutiños podes coñecer o máis importante do que fixemos en xuño e xullo en Galicia, Honduras e Mozambique (un novo país no que estamos a traballar), novas sobre tecnoloxía e dereitos humanos, axenda de eventos do seguinte mes e a ESFrase do mes.

  • Aquí podes escoitar o de xuño, e aquí a versión web por se queres ampliar info e seguir os enlaces
  • Aquí está o de xullo, e aquí a versión web

Producido, guionizado e locutado por Sergio Fernández

Boletín Oficial ESFeiro: agosto 2022

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

Tivemos a boa nova de que ao compañeiro Miguel Pino, que participou hai 6 anos no Programa de Coñecemento da Realidade, acaban de publicarlle un traballiño que fixo cando estivo en Honduras, sobre a fenda de xénero na xestión da auga. Nunca é tarde!

Ademais, presentamos o programa de Mulleres Tecnólogas para o Ben Común, que xa levamos uns meses desenvolvendo en ESF. Aproveitamos un encontro con compañeiras das ONG que conforman a Coordinadora Galega de ONGD para reflexionar sobre o futuro da cooperación galega, para gravar un novo programa de ESFRadio deste tema. Por outra banda, varias persoas de ESF están participando no nodo galego que se quere conformar de Rebelión Científica, para facer algunha actividad ao inicio de curso. É importante participar nestes temas involucrando á universidade.

Retomamos o boletín sonoro cun formato simplificado, a ver que tal acollida tiña. Tamén participamos na webinar de Andalucia Acoge sobre a transformación necesaria dos sistemas alimentarios, onde dentro dun panel con expertas moi diversas, por ESF falou Raquel Zolle, a nosa representante país en Honduras, que falou sobre a tecnoloxía de transxénicos cunha perspectiva de tecnoloxía para o ben común. Aquí se pode ver (Raquel participa no 49min 40seg).


HONDURAS

No pasado mes tivemos dúas boísimas novas en Honduras, a concesión de sendas subvecións para poder continuar o traballo nos dous programas que desenvolvemos no país:

🐚 Unha para un proxecto de apoio a grupos de mulleres marisqueiras
💧 Outra para un proxecto de fortalecemento da xestión comunitaria da auga, que ademais implicou un traballo forte de identificación e busca de financiadores a maiores, como a AECID (á que se presentou outra parte do proxecto)


MOZAMBIQUE

En Mozambique continúa o traballo do consorcio, iniciando a colaboración de ESF no mesmo. Procedeuse á selección da persoa que cubrirá a asistencia técnica que se sacou en xuño, e xa empezou o traballo. Estase a preparar a viaxe que, en setembro farán o coordinador do consorcio e esta asistencia técnica.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

Este mes a recomendación artística vai de comedia. Son 19min 20seg de monólogo de Asaari Bibang (e ten un libro!). 


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD (ou subscríbe ao seu boletín quincenal, que conta con ofertas de emprego; formacións e actividades; novidades do sector; convocatorias de bolsas e subvencións; propostas de voluntariado, etc.). Tamén nas nosas redes sociais Facebook instagramTwitter difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo.


A ESF-RASE DO MES

Podemos converternos nun exército civil contra a crise climática, aprendendo a ser mellores veciños con todos os nosos veciños, incluíndo ao resto das especies coas que compartimos o planeta. Os que se quedan sen auga cando nos quedamos sen auga. A nosa verdadeira comunidade.

Marta Peirano, ao final do seu libro “Contra el futuro. Resistencia ciudadana frente al feudalismo climático”

Feria de Semillas Criollas y Nativas de la Región Sur de Honduras

O pasado sábado celebrouse unha bonita e concorrida feira de sementes da zona sur de Honduras, en Choluteca.

Participamos e nos coordinamos moi activamente para sacar a actividade adiante as 3 organizacións españolas que co-xestionamos o convenio Mejora de la gobernanza para el acceso a una alimentación y nutrición adecuada de los colectivos vulnerables de diez municipios del Corredor Seco de Honduras coa Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (ESF, Justicia Alimentaria y Amigos de la Tierra) e 3 socias hondureñas (CODDEFFAGOLF, ADEPES e ANAFAE). Pero sobre todo… participaron moitas labregas e labregos que compartiron coñecemento, intercambiaron sementes e teceron lazos para o futuro. Esta feira permitiu coñecer a voz das organizacións labregas e pesqueiras, o impacto positivo que ten o coidado das sementes na produción de alimentos, a importancia de empregar sementes locais para mitigar o cambio climático, e o rol da produción agroecolóxica para unha alimentación saudable.

As comunidades do Corredor Seco hondureño, veñen sendo gravemente afectadas polo cambio climático con elementos de corte económico e político. Afrontan un alto risco alimentario que ameaza a súa supervivencia, provocando desprazamentos e migración cara zonas urbanas e a outros países. Exemplo destas migracións son as xa tristemente famosas caravanas de migrantes cara Estados Unidas, nas que se agrupan para estar máis protexidas, ou o gran incremento de migración cara países como España.

Con esta actividade buscábase contribuír á preservación das sementes locais, adaptadas ás condicións climáticas da rexión, permitindo colleitas máis produtivas e resistentes, reducindo a dependencia de insumos externos, avanzando así na soberanía alimentaria.