Proxecto ATOPA-Convivencia nas aulas

Chega o 4º e derradeiro post dos proxectos financiados a cargo do “Programa de Impulso á Investigación Universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común“, financiada por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e organizada pola red de profesorado universitario Artigo9Tech e Enxeñería Sen Fronteiras.

Desta volta presentamos o proxecto ATOPA, a través da doutora Cristina López, a súa reponsable.

———————————————

O principal obxectivo do proxecto ATOPA e mellorar a convivencia nas aulas. Un bo clima de aula facilita a aprendizaxe, contribúe ao desenvolvemento persoal e social de nenos e nenas, e constitúe unha importante medida para a prevención do acoso.

O primeiro paso para lograr este obxectivo é “atopar” as posibles fontes de conflito (nenos e nenas illados ou rexeitados polos seus compañeiros, con baixa autoestima, a falta de cohesión no grupo, …). A proposta que facemos dende a Asociación de Trastornos do Espectro Autista de Vigo (ASTEAVI) e o grupo de tecnoloxías da información (GTI) da Universidade de Vigo e proporcionar aos equipos de orientación e docencia dos centros educativos de primaria, secundaria e bacharelato, un conxunto de ferramentas -baseadas en indicadores sociométricos- que por unha parte lles permitan analizar o clima de aula e recibir propostas de intervención para traballar aqueles aspectos nos que se detecten deficiencias, e por outra banda proporcionarlles un repositorio de actividades (xogos, vídeos, dinámicas) e publicacións de difusión libre coas que traballar as carencias detectadas. Estas ferramentas deben ter as seguintes características:

  • Que sexan fáciles de manexar
  • Que sexan de utilidade tanto para quen ten experiencia e coñecementos sobre sociometría como para quen non os ten
  • Que xere informes nos que se inclúan os sociogramas e outros indicadores sociométricos relevantes (matriz de eleccións positivas, matriz de eleccións negativas, rexeitamentos recíprocos, …) xunto coas as propostas de intervención que mellor se adaptan a cada aula.

Co fin de axudar os orientadores e docentes no proceso de realización de medidas, e na posterior interpretación dos resultados, ASTEAVI publicou unha guía de axuda “Guía Atopa Convivenciadispoñible neste enlace.

Antecedentes

O proxecto ATOPA nace en ASTEAVI no ano 2018 enfocado a dar resposta as necesidades dos nenos e nenas con TEA. Este trastorno caracterízase por presentar deficiencias na comunicación social o que inflúe e determina a estigamatización frecuente que sofren os nenos e nenas con TEA (diagnosticado ou non) nos centros escolares e que provocan en moitos casos situacións de illamento e rexeitamento.

O proxecto dividiuse en tres partes:

  • A guía “Atopa Convivencia”. Na guía se describen os cuestionarios a realizar na aula, o conxunto de indicadores sociométricos empregados para avaliar o clima da aula, e unha aproximación a intervención: como interpretar os resultados obtidos, en que areas se debería traballar.
  • A web “atopa.es”. Un repositorio cos materias para a intervención na mellora da convivencia. Todos os materias son de libre difusión, e están organizados segundo as distintas etapas educativas (infantil, primaria e secundaria) e estruturados en áreas de intervención (educación emocional, educación en valores, grupo e aula).
  • A aplicación Atopa. Unha ferramenta gratuíta e de código aberto para a realización de cuestionarios sociométricos, a xeración de sociogramas e informes individuais e de grupo (para avaliar o clima da aula), e a xeración de propostas de intervención en función dos problemas detectados. As propostas están enlazadas co repositorio de materias destinados a intervención para o seu acceso simple e directo por parte dos equipos de orientadores e docentes.

Nesta última parte, no desenvolvemento da aplicación, e no que traballamos dende o grupo GTI.

A primeira versión da aplicación foi desenvolvida no ano 2020. Pero debido a pandemia non foi posible comezar as probas en centros educativos ata un ano despois. Nese momento, e tras as primeiras probas atopamos una serie de problemas:

  • A arquitectura da aplicación desenvolvida era complexa, o que dificultaba a súa instalación nos centros educativos. A complexidade non se derivaba dun fallo no deseño se non da resolución de problemas complexos:
    • Permitir que os cuestionarios se puidesen facer en liña (para que todos os estudantes os puidesen facer a vez) e o mesmo tempo preservar a protección dos datos pois son considerados de carácter persoal.
    • Permitir que o equipo de orientadores e docentes puidesen compartir os resultados (de novo requirindo o uso de servidores) e o mesmo tempo preservar os datos de carácter persoal.
    • Dispoñer de versións para os sistemas operativos e navegadores mais comúns.
  • A arquitectura da aplicación era pesada (debía incluír un servidor, as veces una máquina virtual, …), o que tamén dificultaba a súa instalación nos equipos informáticos de orientadores e docentes.
  • A aplicación non se podía instalar de forma sinxela en ABALAR, un dos sistemas operativos mais usados nos centros educativos que dependen da Xunta de Galicia.
  • Os informes xerados – se ben eran moi completos – resultaban complexos para aqueles que non tiñan unha ampla experiencia en sociometría, incumprindo un dos requisitos de partida do proxecto.

Non obstante, a pesar dos problemas sinalados, gustaría indicar que a realimentación que tivemos por parte dos centros nos que finalmente se probou a aplicación foi moi positiva.

Obxectivos

Co fin de dar resposta os problemas mencionados no apartado previo, no marco do programa de impulso á investigación universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común, neste proxecto propuxémonos alcanzar os seguintes obxectivos:

  • Redefinir a arquitectura da aplicación para que fose mais lixeira e fácil de instalar nos centros educativos, mantendo a garantía da protección de datos de carácter persoal.
  • Asistir os centros que quixeran empregar aplicación, axudándoos tanto na instalación como na elaboración inicial dos cuestionarios.
  • Incluír a posibilidade de personalizar os informes xerados pola aplicación de xeito que solo mostren aqueles datos que son de interese para a persoa usuaria, simplificando deste xeito a súa compresión.


Para lograr estes obxectivos contamos co apoio de Enxeñaría Sen Fronteiras que nos permitiu contratar un bolseiro por un período de catro meses.

Resultados

O primeiro paso no proxecto foi definir a nova arquitectura. Neste caso o que buscabamos era proporcionar os centros unha sistema simple, ó que se puidese conectar tanto o profesorado como o alumnado usando os seus propios equipos. A solución elixida foi instalar todos os compoñentes necesarios nunha Raspberry Pi (servidores de DNS, funcións de encamiñamento, servidores Web, aplicación Atopa en versión Web). A escolla ven motivada por varios motivos:

  • O custe é asequible
  • A instalación é sinxela xa que os centros so necesitarían unha tarxeta SD co software necesario pregravado
  • As bases de datos e o servidor estarían no propio centro, reducindo os problemas de acceso non autorizado aos datos de carácter persoal.


Unha vez definida a arquitectura, recodificouse toda a aplicación, pasando de empregar Python Django a empregar Dart + Flutter. O feito de empregar un marco como Flutter buscaba facilitar a posibilidade de empregar a aplicación tanto nun PC (con Linux ou Windows) como nun dispositivo móbil (con Android ou iOS), sen incrementar o peso da aplicación.

Mais alá da recodificación engadíronse novas funcionalidades:

  • Creación do rol de administrador por centro educativo, que ten acceso a todos os cuestionarios
  • Importación do conxunto de estudantes de cada centro dende un arquivo csv
  • Selección do conxunto de estudantes dunha clase a partir do conxunto de estudantes do centro
  • Personalización dos informes de resultados (selección dos parámetros de interese)
  • Inclusión dos sociogramas na versión en pdf dos informes de resultados (na primeira versión so estaba dispoñible na web)

Estas novas funcionalidades introducíronse a partir da realimentación recibida por parte dos primeiros centros que probaron a aplicación.

Liñas futuras


Se ben a nova versión mellora algúns dos problemas detectados, aínda quedan cuestións por resolver. En primeiro lugar debemos probar a nova arquitectura nun entorno real, verificando que efectivamente a instalación é mais sinxela, e que o persoal dos centros, pode xestionala sen ter coñecementos informáticos. En segundo lugar é preciso elaborar os manuais de usuario e tutoriais da nova versión da aplicación. En terceiro lugar facer una campaña nos centros educativos para que coñezan a aplicación, e para apoialos a hora de instalada e empregala. E por último validar que toda aplicación funciona de forma efectiva e contribúe a mellora da convivencia nas aulas.

Rodel, en plena actuación

Crónicas de Honduras. O barrio

Velaquí a derradeira crónica de Mateo, único representante das participantes no Programa de Coñecemento da Realidade que queda en Honduras (por se tendes dúbidas, as tres persoas foron como voluntarias, nun programa financiado pola Xunta de Galicia coa casiña do IRPF para actividades de interese social). Con actuación musical multinacional incluída!

——————————————-

Que onda banda, derradeira retransmisión dende Honduras; xa ben entrado o Nadal poden verse os coches adornados con cornos de reno, os bares co ‘Burrito sabanero’ en bucle e os primeiros empaches de torrejas. Quería aproveitar esta última pequena crónica para falar do meu vecindario, no auténtico e real barrio Plaza Marina (San Lorenzo).


En realidade vivimos (antes Carmen, Nicole e eu, agora eu en solitario) no mero centro, fumos a dar aí despois dunha serie de sucesos aleatorios e así foi o destino. Fixemos moi boas migas coa veciña Mari, que ten unha floristería (a mellor de San Lorenzo!) e que sempre está disposta a botar unha man.


Traballa con Jeffrey, que xa é coñecido como o rei do perreo e famoso pechador de discotecas en San Lorenzo. Incluso propuxeron celebrar a noiteboa aí entre veciñxs, pero creo que pola miña parte vai quedar para outro ano (non se pode querer todo…).


Por outro lado tamén está Rodel, que traballa no karaoke, pero tamén é músico, fontaneiro, barbeiro, chef, polifacético polo que vedes. Él ensinoume a cociñar o platano macho para facer tajaditas, inda que non é moi compricado hai que saber facelo! Ademais, acompáñame moitas veces tocando a guitarra mentres tomamos un café e charlamos sobre calquer cousa. Ademais, foi o que me falou do cine hondureño e deixou como recomendación dúas películas: “El Paletero” e “Amor y Frijoles”. Un sábado que nos cadrou aburridos na casa sen auga e sen luz, a demencia levounos a facer unha improvisación guitarra-harmónica-ocarina que vos deixo ao final da crónica…


E por último, a miña amada, unha gata á que lle chamamos Frijolita e que tódolos días ven a suplicarnos por comida. É mimosa un rato, ata que lle damos algo de comer (é moi pija, soamente come tortillas e quesillo), e vaise toda digna a dar un paseo. Pero o peor é que vai ser duro despedirse dela. Aaaay Frijo Frijo…


Isto remata pola banda de San Lorenzo, pero a aventura continúa xa que eu quedo por aquí viaxando, movéndome e seguindo descubrindo a vida. Polo pronto toca experimentar o Nadal catracho, a ver que nos depara. Até outra 🙂

ESFRadio. Investigando polo ben común nas universidades galegas

Neste novo programa, un extra de Nadal, queremos visibilizar unha rede de persoal docente e investigador nas tres universidades galegas que poñen o foco na tecnoloxía para os dereitos humanos e o ben común: a rede Artigo9Tech.

Esta rede creouse hai tres anos baixo o paraugas da RGCUD e apoiada por unha axuda da Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Se queremos chamar a atención sobre a investigación en tecnoloxía para o ben común, é que o resto de investigación tecnolóxica non ten ese foco? A que nos referimos cando falamos de investigación en tecnoloxía para o ben común?

Para falar destas cousas, e coñecer iniciativas concretas de proxectos en tecnoloxía para o ben común, temos connosco a 4 mulleres que forman parte desta rede, ou que están a piques de facelo. Todas elas participaron na xornada de clausura dun proxecto que Enxeñería Sen Fronteiras desenvolveu con Artigo9Tech en 2021 e 2022, sobre tecnoloxía para o ben común nas escolas técnicas das universidades galegas. Neste, entre outras actividades, se impulsaron bolsas de investigación para 4 proxectos onde a tecnoloxía tiña que ser posta ao servizo do ben común.

  • Vanessa Míguez é responsable da Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña en Ferrol e foi unha das fundadoras da rede.
  • Cristina López, investigadora e profesora na Universidade de Vigo, participou na rede dende o principio, e nos falará do proxecto que ela liderou dos financiados no proxecto, que ten que ver con
  • Alejandra Facal, estudante de último ano no Grao de Enxeñería Informática na Universidade da Coruña, e parte do equipo do grupo Talionis da UDC, liderado por Thais Pousada (PDI que colabora tamén na rede dende o principio), que nos falará do proxecto VisualTech.
  • Elena Arce, investigadora e profesora na Universidade da Coruña, que liderou o proxecto Xogando coas Letras, cun grupo multidisciplinar das universidades da Coruña e Vigo.
En spotify

Produce: Jorge Lama

Modera: Sergio Fernández

VisualTech, plataforma para mapeo de produtos de apoio de baixo custo

Aquí temos a terceira entrada das 4 que haberá falando dos proxectos de investigación seleccionados na convocatoria de proyectos de investigación en el marco del “Programa de Impulso á Investigación Universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común, financiada por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e organizada pola Rede de Profesorado Universitario Artigo9Tech e Enxeñería Sen Fronteiras.

A profesora doctora Thais Pousada, a súa responsable, cóntanos como foi o proxecto.

————————————————

Qué é VisualTECH?

VisualTech é unha plataforma en liña colaborativa para o mapeo, categorización e difusión da tecnoloxía e produtos de apoio, de baixo custo ou alcanzables, para promover a participación e a actividade de todas as persoas, especialmente daquelas con diversidade funcional.

A pesar de que na actualidade existen diferentes aplicacións tecnolóxicas útiles, non están plenamente difundidas entre os axentes do sector da saúde, o social e as potenciais usuarias, atopándose infrautilizadas. Por iso, é fundamental contribuír coa difusión e divulgación das tecnoloxías para o ben común dispoñibles, adecuadas e alcanzables.

VisualTECH nace por unha necesidade das propias persoas con diversidade funcional, usuarias da tecnoloxía e das/os profesionais que lles acompañan nos seus procesos de intervención.

O seu desenvolvemento baseouse nun proceso de traballo colaborativo, contando coa participación de profesionais e persoas pertencentes ao ámbito asociativo das entidades representantes de persoas con diversidade funcional.

O traballo foi desenvolto polo grupo de investigación TALIONIS da Universidade da Coruña, que pertence, á súa vez, ao Centro de Investigación nas TIC (CITIC). TALIONIS ten un acordo de colaboración con Enxeñería sen Fronteiras Galiza e participa activamente no grupo de traballo de “Tecnoloxía para o ben común”, de ESF.

Con este proxecto pretendeuse crear unha rede dinámica de colaboración en liña sobre tecnoloxías para todas as persoas e o ben común, mantendo un carácter de participación activa e cooperación.

Cales foron os obxectivos do proxecto?

Obxectivo xeral:

Crear unha plataforma en liña colaborativa para o mapeo, categorización e difusión das tecnoloxías e produtos de apoio adecuados para a participación das persoas con diversidade funcional.

Obxectivos específicos:

  • Promover a procura e, actualización e difusión das tecnoloxías e produtos de apoio de baixo custo dispoñibles para as persoas con diversidade funcional.
  • Consolidar un recurso accesible, usable e adecuado para a consulta por parte de profesionais sociosanitarios e persoas con diversidade funcional. Será esta web.
  • Crear unha rede dinámica de colaboración en liña sobre tecnoloxías para todas as persoas e o ben común

Cales foron as fases do proxecto?

VisualTECH desenvolveuse a partir de varias accións consecutivas que se reflicten no seguinte gráfico

Cales serán os seguintes pasos?

Este proxecto permanece vivo e activo, a un medio e longo prazo. Por iso, realizarase unha actualización periódica dos datos sobre as solucións tecnolóxicas incluídas no repositorio, e iranse engadindo novas aplicacións que poidan xurdir e que cumpran co obxectivo de axudar á participación das persoas con diversidade funcional.

O espazo colaborativo da web, ademais de incluír un apartado para a recollida de necesidades e de colaboracións, contará cun foro de consulta para que todas as persoas visitantes poidan compartir experiencias, dúbidas e incertezas con respecto ao uso das tecnoloxías e produtos de apoio.

Habilitarase tamén unha pequena biblioteca con documentos, guías e manuais baseados na filosofía do baixo custo aplicada ao desenvolvemento de recursos e dispositivos de apoio para as persoas con diversidade funcional.

Por último, preténdese completar a experiencia informativa coa elaboración e publicación de videotutoriales e presentacións dinámicas sobre o uso e axuste das solucións tecnolóxicas.

Trabaja en ESF. Plaza de técnica expatriada Honduras

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia convoca la selección de una persona para el puesto de técnica para los programas de Agua y Soberanía Alimentaria en Honduras. El puesto es, inicialmente, 6 meses a jornada parcial (30h/semana), con posibilidad de ampliación según la resolución de nuevos posibles proyectos durante el año 2023.

Admítense candidaturas até o 5 de xaneiro de 2023 (inclusive).


MÁS INFORMACIÓN DE LA CONVOCATORIA AQUÍ

Intercambio sobre buenas prácticas de gestión del agua y las microcuencas en el sur de Honduras

CODDEFFAGOLF, la organización socia de ESF Galicia en Honduras en temas de soberanía alimentaria y protección del territorio, nos informa de una nueva actividad dentro de uno de los proyectos que desarrollamos en conjunto, en este caso dentro de nuestro programa de promoción del Derecho Humano al Agua: ‘Mejora de la gestión comunitaria del agua en el sur de Honduras, Fase 1’, financiado por la Xunta de Galicia. También tenemos la crónica pormenorizada (en gallego) del evento, que nos envía Mateo, único de las tres personas participantes en el Programa de Conocimiento de la Realidad 2022 que queda en Honduras.


Con el objetivo de compartir experiencias y conocimientos adquiridos en cuanto al manejo y gestión del agua, se llevó a cabo una gira de intercambio en la microcuenca Santa Isabel el municipio de Namasigüe. Se contó con la participación de consejo de microcuenca y representantes de juntas de agua de Laure y el consejo de Microcuencas de Santa Isabel. Las y los compañeros de las juntas de agua de Laure tuvieron la oportunidad de conocer la buena experiencia sobre la gestión del recurso hídrico que se desarrolla en Santa Isabel y que es una de las experiencias mas exitosas en cuanto a gobernanza comunitaria y el cuidado y conservación del agua.

Compartindo boas prácticas

A CRÓNICA DE MATEO

O pasado xoves 8 de decembro houbo unha xira de intercambio de coñecementos entre duas microcuncas do Sur de Honduras: a do río Laure e a de Santa Isabel. Dado o bo desempeño da microcunca de Santa Isabel, o obxectivo era facer unha presentación e ter unha pequena plática sobre como se constituíron, fortaleceron e chegaron a ter unha microcunca tan sólida e funcional.

Pero primeiro de todo, para xs máis despistadxs, ¿qué é unha microcunca? Unha microcunca é unha área delimitada na que se atopa un nacemento natural de auga, e polo tanto debe ser correctamente preservada e conservada para asegurar que o recurso hídrico esté limpo e saneado.

Volvendo á xeira do pasado xoves, o primeiro paso foi recoller á xente das comunidades da microcunca do río Laure nun bus, no que fumos almorzando e platicando sobre o que nos ía deparar o día. Aí xa se palpaba a confianza entre a xente e a boa disposición e intercambiar coñecementos con outros lugares.

Ademais, estábamos viaxando a outro municipio, Namasigüe, coñecido polo seu rico pozol (unha deliciosa bebida feita a base de leite, millo e canela) entre outras cousas, así que se comezaron a escoitar as primeiras peticións por facer algunha parada estratéxica. En realidade minto, eu fun a única persoa que o pediu, pero estou seguro de que a xente me apoiaba. Unha hora e pico despois xa estábamos en Namasigüe, concretamente na comunidade Santa Isabel, onde nos recibiu Don Mario na súa impresionante casa, habilitada con espazos para recibir a un gran número de xente e nun espazo natural precioso.

Unha vez situada e asentada a xente de ambas microcuncas no lugar, fixemos un par de xogos para coñecernos algo mellor e crear un espazo máis relaxado. Tras facer o xa mítico xogo ‘KIÁ’ e unha imitación diversa de animais, quedeime coa frase dun home que comentaba: ‘Ya todo el estrés que traíamos, se fue’. Despois disto a comunidade de Santa Isabel fixo unha presentación, a cargo do enxeñeiro Herson, onde explicou como se constituiu e medrou a microcunca de Santa Isabel.

Comezou comentando que a microcunca é moi lonxeva, xa que se constituiu nos anos 80, pero non foi ata o 2002 onde se convertiu en área protexida, o que permitiu mellorar os mecanismos de conservación e mantemento da área. Ademáis, contounos que esta microcunca é parte dunha rede hidrográfica máis grande, a do río Quebrada Seca – Namasigüe.

O gran tema a tocar na presentación foron as distintas compoñentes do Plan de Manexo (PM) de recursos naturais que estableceron, coa axuda inestimable doutra organización, EmprendeSur. Este ten varias verticais:

  • Mellora da xestión da auga, mediante capacitacións a fontaneirxs das Xuntas de Auga (XXAA), análises da calidade auga e xiras de intercambio de experiencia con outras microcuncas, entre outros.
  • Respecto á xestión do recurso forestal, comentaban a importancia da reforestación pero sempre mirando a ‘compatibilidade’ das árbores reforestadas co lugar no que se plantan. Neste caso eran adecuados por exemplo a amendoeira, o carreto ou papalón. Por contra quedaban terminantemente prohibidos os eucalitpos (vaia, que sorpresa) e o quebracho.
  • Neste punto tamén comentaba o enxeñeiro Herson a importancia de manter limpa de lixo a microcunca, xa que este contamina a auga e provoca inundacións xa que bloquea as alcantarillas.
  • O PM incluía tamén un apartado para a xestión de fauna silvestre, mediante mecanismos como facer inventario de fauna e a inclusión do xulgado de paz da alcaldía correspondente, para solventar e afrontar problemas como a denuncia da caza ilegal das especies da microcunca. Como dato curioso, comentaban que o morcego é o animal que máis sementes sembra en Honduras, debido á súa alimentación e ao seu desprazamento aéreo.
  • Finalmente, tocáronse outros puntos como as accións que se están tomando como prevención e adaptación ao cambio climático; ou sobre mecanismos para fortalecer o desenvolvemento comunitario, como a construcción de letrinas domiciliarias ou o cercado das fontes de auga.

Por último, para rematar a charla, Herson comentaba que teñen constituída unha Caja de Ahorro y Crédito, coa que cobran un PSA (Pago de Servicios Ambientales) mensual aos integrantes da microcunca. Este pago non está destinado ao pago da auga, xa que iso é gratuito, senón ao mantemento desta zona e dos sistemas que fan que a auga chegue ás casas.

Trala presentación, houbo foi o turno da quenda de preguntas e felicitacións pola boa xestión e bo funcionamento. Tamén se comezaba a notar aquí que facía fallar recargar forzas, así que chegou o tempo do xantar xustamente antes de arrancar de volta para a microcunca do río Laure, non sen antes dar as grazas a Don Mario e o resto de integrantes de Santa Isabel por abrirnos as portas da súa comunidade e da súa casa.

No bus de volta puiden ver a xente moi motivada e con forzas renovadas. En resumo, un día moi completo. Vémonos!



E se aprenderamos a ler e escribir? XOGANDO COAS LETRAS

Este é o segundo dos 4 proxectos seleccionados na convocatoria de proxectos de investigación no marco do “Programa de Impulso á Investigación Universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común“, financiada por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e organizada pola red de profesorado universitario Artigo9Tech e Enxeñería Sen Fronteiras.

Un equipo multidisciplinar das universidades da Coruña e Vigo impulsan este proxecto Xogando coas letras. A doutora Elena Arce, coordinadora do grupo, nos conta como foi o desenvolvemento do proxecto.

———————————

Este proxecto ten como obxectivo democratizar o coñecemento e, en concreto, contribuír á alfabetización global e á xeración de recursos para nenos e nenas con dificultades na aprendizaxe da lectura. Nas últimas décadas observáronse progresos constantes en materia de alfabetización, a escala mundial, segundo datos da UNESCO, 250 millóns de nenos e nenas non adquiren as competencias básicas en lectoescritura. A recente crise da COVID-19 acentuou a problemática existente en materia de alfabetización e tivo repercusións na escolarización.


A habilidade para ler e comprender é fundamental para o correcto desenvolvemento social e psicolóxico do individuo. As dificultades lectoras adoitan aparecer durante a nenez e, se estas non son remediadas a tempo, o habitual é que continúen durante a adolescencia e a idade adulta causando problemas de tipo académico e laboral: a falta de comprensión dun texto impide ao estudante aprender os contidos do currículo. Ademais, é importante subliñar a relevancia da alfabetización como ferramenta para erradicar a pobreza, reducir o abuso infantil, instaurar a igualdade entre xéneros e garantir o desenvolvemento sostible, a paz e a democracia.


Durante os primeiros anos de aprendizaxe da lectura, unha das primeiras habilidades que o neno aprende é a decodificación das palabras que aparecen no texto. Esta habilidade non se aprende de forma innata, senón que require dun ensino formal e paulatino que habitualmente comeza nos últimos cursos de educación infantil. O profesorado, a través das diferentes actividades desenvolvidas na aula, axuda a comprender como se escriben as letras e como se forman as palabras que, hasta ese momento, só eran sons. Para iso, é imprescindible dispoñer de recursos que axuden nesta tarefa. Por iso, o principal obxectivo deste proxecto é dotar de recursos para a aprendizaxe.


Metodoloxía


Para poder levar a cabo proceso de deseño, foi preciso contar coa colaboración de centros educativos da contorna. En concreto, neste proxecto participaron sete centros do concello de Ferrol: CPR Tirso de Molina, CPR Plurilingüe Santa Juana de Lestonnac, CPR San Rosendo, CPR Compañía de María, CEP de Pazos, CEIP Manuel Masdías e CPR Cristo Rey. Por parte dos centros foi preciso contar con docentes e persoal do equipo de orientación.


Seguindo a metodoloxía de Deseño Centrado en Persoas, un alfabeto completo en letras maiúsculas foi deseñado. O método de deseño estruturouse entorno a un ciclo de 3 etapas: Comprender, Crear e Contrastar. Optouse por enfocar o recurso cara letras maiúsculas, en lugar de minúsculas, xa que son os primeiros estilos de caracteres cos que se traballa nos centros educativos, debido a maduración dos nenos na etapa na que aprenden os grafemas e fonemas.
O recurso deseñado foi un alfabeto completo en formato imprenta xa que ao ser o desenvolvemento das habilidades de lectura e escritura moi paralelo, ler letras en imprenta axuda a identificar as formas que logo poden aplicar na escritura. Ademais, a actual dixitalización tamén contribúe a empregar este formato. Para favorecer a auto-aprendizaxe ou aprendizaxe autónoma, o deseño do alfabeto permite colocar os caracteres de forma inequívoca.
No referente ao material para construír os recursos, por cuestións de hixiene, lixeireza e durabilidade, optouse por empregar resina fronte a opcións como madeira, metal ou goma espuma. Tras explorar diversas opcións, optouse por empregar emoticonas como indicativo de erro. Na posición correcta, os usuarios verán unha cara sorrinte e na posición incorrecta, unha cara triste.

Na Imaxe 1 poden verse as diversas opcións de tamaños e deseños de letra que se produciron inicialmente (a) e o tamaño do modelo seleccionado (b).b) Tamaño seleccionado

Imaxe 1. Tamaños e deseños presentados aos centros e modelo seleccionado.


As letras foron realizadas empregando software de deseño paramétrico e fabricadas empregando impresoras 3D de resina con tecnoloxía MSLA (Imaxe 2). Para a fabricación das letras empregouse resina foto sensible a base de plantas. Con isto buscouse que o impacto medioambiental fose mínimo.

Imaxe 2. Lote de letras impresas sobre plataforma.

Resultados

Os recursos fabricáronse con resina translucida, xa que permite o traballo con mesas de luz. Na Imaxe 3 pode verse a un neno facendo unha actividade co alfabeto fabricado. Co obxectivo de comprobar a eficacia dos recursos, deseñáronse para cada centro probas pre e pos-intervención. As probas son ad-hoc para cada centro, xa que deben ser adaptadas as letras e fonemas traballados polos diferentes docentes, así como as necesidades do alumnado participante no estudo. Estas probas están deseñadas en base ás baterías TALE (Test de análises de lectoescritura) e PROESC (Batería de avaliación dos procesos de escritura). Nos próximos meses teremos os resultados finais destas probas.

Imaxe 3. Probas iniciais realizadas con algúns dos recursos deseñados.


Como liñas futuras de traballo, propóñese o traballo con outros formatos de letras, como poden ser as letras minúsculas enlazadas, que favorecen a transición cara modelos de escritura a man, ou recursos que axuden na motricidade fina, tal e como nos solicitaron dende os centros educativos.

Equipo de traballo
• Dra. María Elena Arce Fariña. Área de Expresión Gráfica na Enxeñaría. Departamento de Enxeñaría Industrial. Universidade de A Coruña
• Dra. Carla Míguez Álvarez. Área de Didáctica da Lingua e da Literatura. Departamento de Didácticas Especiais. Universidade de Vigo
• Dra. María Isabel Fernández Ibáñez. Área de Expresión Gráfica na Enxeñaría. Departamento de Enxeñaría Industrial. Universidade de A Coruña
• Dr. José Antonio López Vázquez. Área de Expresión Gráfica na Enxeñaría. Departamento de Enxeñaría Industrial. Universidade de A Coruña
• Dr. Miguel Cuevas Alonso. Área de Lingua Española. Departamento de Lingua Española. Universidade de Vigo
• Dr. Andrés Suárez García. Departamento de Enxeñaría Industrial. Centro Universitario de la Defensa en la Escuela Naval Militar. Adscrito á Universidade de Vigo.

ESFRadio. A Sabia, moeda social galega

Neste novo programa temático queremos tocar un tema que aínda é relativamente descoñecido: as moedas sociais. Non temos dúbida de que os cartos son unha tecnoloxía con moitos séculos de historia. Sen embargo, estase poñendo esta tecnoloxía ao servizo do ben común?

Como o imprescindible investigador José Manuel Naredo leva anos denunciando, a economía cada vez está máis financiarizada (que non financiada). Por dicilo de xeito sinxelo, a economía está baseada cada vez en máis porcentaxe en productos financieiros ficticios sen base no mundo real. Entón é cando xurden iniciativas como as moedas sociais.

Para explicarnos que son e como funcionan temos connosco hoxe a Sabela e Alberto, que colaboran en A Sabia, Moeda Social Galega

ENLACE: https://i.gal/30-esf-radio

Tamén en Spotify

Produce: Jorge Lama

Guión: Jorge Lama e Sergio Fernández
Presenta: Jorge Lama

Participan: Sabela e Alberto

Boletín Oficial ESFeiro. Decembro 2022

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En novembro visibilizamos o primeiro dos 4 proxectos de investigación realizados grazas a convocatoria que sacamos con Artigo9Tech de tecnoloxía para o ben común. O proxecto INVIT busca desenvolver unha vivenda de transición, que mellore a situación das persoas desprazadas no mundo.

    Estivemos na inauguración no Parlamento de Galicia da exposición De oficio, defensoras, presentando unha da fotos a varias deputadas e deputados (e tamén a estudantes dun instituto que pasaron por alí!).

    Ademais, xusto a última finde de outubro uníndose coa ponte do 1 de novembro, celebramos a reunión anual de todas as asociacións de ISF de España, a Cósmica. ESte ano veu a Galicia, a Lugo. Durante novembro deixamos algunhas crónicas do que por alí aconteceu, como este resumo xeral ou as aprendizaxes do obradoiro ISF-universidade. Incluso tivemos programa de radio!

    Os días 3 e 24 estivemos no IES Monte Carrasco de Cangas cacharreando grazas ao grupo de Bancos de REciclaxe, no programa Hackers Sen Fronteiras que estamos a desenvolver en centros de secundaria en Galicia. 

    E, para rematar ben o mes, os Bancos de REciclaxe Electrónico con Software Libre foron seleccionados como boa práctica para presentar no Congreso Estatal de Voluntariado en Tenerife. Alí foi Paola en representacion!


HONDURAS

    En Honduras, na liña de traballo de soberanía alimentaria, fíxose xa unha primeira reunión cos 4 grupos de mulleres marisqueiras do municipio isleño de Amapala, para socializar as accións do novo proxecto de fortalecemento da actividade marisqueira.

    Na outra gran liña de traballo, a de defensa do dereito á auga, tivemos unha excelente nova. Acadouse financiación de 498.355 euros da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, para realizar o proxecto Mejora de la Gestión Pública y Social para la Gobernanza de los Recursos hídricos en 9 Municipio de la Región 13 Golfo de Fonseca F1. Trátase do maior proxecto para o que ESF ten acadado financiación. Pronto informaremos dos detalles do mesmo, que se desenvolverá até 2025.

    En novembro ademais recibimos varias crónicas das participantes no Programa de Coñecemento da Realidade 2022. Carmen, antes de regresar a Galicia, tivo tempo de facer varias crónicas, que se poden ver aquí, aquí e, xa de volta, mandounos a última. A crónica de Nicole centrouse no encontro que houbo no sur de Honduras a finais de outubro de persoas da Vía Campesina (incluindo unha compañeira do Sindicato Labrego Galego) con xente dos proxectos de soberanía alimentaria e CODDEFFAGOLF. A última crónica do mes correu a cargo de Mateo, con sorpresa musical incluída. Nicole marcha de Honduras xa a principios de decembro, e Mateo apurará aínda un pouco máis o tempo aló.

    Con tantas cousiñas en marcha tocaba facer un encontro do grupo de voluntariado que está pendente dos temas hondureños. Foi en liña, o día 28, e esperamos repetilos periódicamente.


MOZAMBIQUE

    En Mozambique o máis destacado, ademais de continuar o asesoramento dende Galicia para seguir cos boletíns de seca da ARA-Sul e empezar a implementar o Manual de Monitoreo de Seca, foi a concesión dunha bolsa para finalizar o Mestrado em Hidráulica e Recursos Hídricos na Faculdade de Engenharia da Universidade Eduardo Mondane. Foi para Ernesto, un dos técnicos da ARA Sul. 


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes nos adicamos ao oitavo (hai quen di que noveno) arte, o cómic. Hubert Prolongeau, Grégory Mardon e Arnaud Delalande crearon ‘Cuando el trabajo mata‘.


E NO PRÓXIMO MES …

  • 1 de decembro: Día Mundial da Loita contra o SIDA
  • 2 de decembro: Día Internacional para a Abolición da Escravitude (segue habendo moitos tipos dela…).
  • 3 de decembro: Día internacional das Personas con Discapacidade
  • 3 de decembro: Xuntanza de Outono de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia. Será no CS As Fontiñas, en Santiago de Compostela. Comezará ás 10h coa sesión “Tecendo o relato emocional dunha historia de violencia patriarcal denunciada en ESF“. De 12:45 a 14h coñeceremos o traballo do grupo de Mullleres Tecnólogas para o Ben Común. Pola tarde, a partir das 16h, será a Asemblea Xeral da asociación.
  • 5 de decembro: Día Internacional do Voluntariado para o Desenvolvemento Económico e Social
  • 5 de decembro: Día Mundial do Solo
  • 9 de decembro: Día Internacional contra a Corrupción
  • 9 de decembro: Día Internacional para a Conmemoración e Dignificación das Víctimas do Crime de Xenocidio e para a Prevención dese Crime
  • 10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos
  • 14 de decembro: Encontro da Rede Artigo9Tech de profesorado pola tecnoloxía para o ben común. Será ás 10h na aula de graos 2 da Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, A Coruña.
  • 18 de decembro: Día Internacional do Migrante
  • 19 de decembro: Día das Nacións Unidas para a Cooperación Sur-Sur
  • 20 de decembro: Día Internacional da Solidariedade Humana
  • Semana do 26 de decembro: excursión e comida de nadal de ESF

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

Este mes, dúas polo precio dunha!

Quizais o problema non é que no mundo haxa demasiada xente, senón que algúns ocupamos moito

Olayo Reynaud, no seu libro “Por donde sale el sol”

O mundo está cheo de boa xente, pero, claro, un sorriso fai menos ruído que unha bomba

Jota e Dani, amigos de Olayo Reynaud, transcrita no seu libro “Por donde sale el sol”

Crónicas dende Honduras, 6

Desta volta tócalle a Mateo, despois de que quedaran el e Nicole aínda por Honduras tralo regreso de Carmen.


Ola, aquí Mateo retransmitindo de novo dende Honduras. Xa pasou máis dun mes e xa noto a adaptación en varias planas a este lugar. Agora en vez de confundirme con gringo, tamén me confunden con colombiano e arxentino (ata que abro a boca por suposto). O bonito tamén é darlle divulgación a nosa terra galega inda que sexa a través dos chistes, xa que aquí os típicos chistes de Lepe son coñecidos como chistes de gallegos (“Por qué los gallegos hacen las ventanas redondas? Para que pueda
entrar el Sol”). Xa vedes que o nivel está alto.

Ademais de visitas a comunidades para coñecer diferentes proxectos, como xa comentou a miña compi Carmen nas anteriores crónicas, eu persoalmente estou re-descubrindo e aprendendo técnicas para dinamizar grupos a través do teatro e o clown. Sempre foi un tema que me flipou, pero poñendo aquí en práctica aquí xogos de presentación, de liberación do corpo, etc. queda máis claro que a risa traspasa fronteiras. Ver aos mestres e mestras do departamento Sur de Honduras imitar a unha cabra, un galo ou un garrobo foi unha marabilla, pero preocupoume tamén como podían chegar a tanto nivel de detallismo na imitación (moito talento!). Isto por exemplo foi parte dunha serie de capacitacións que se lle están dando ao profesorado do Sur sobre técnicas alternativas de ensinanza medioambiental a través
do teatro, títeres e outros xeitos, no que me deixaron meter mao a min. Na cabeceira do post deixo unha foto dun dos xogos que fixemos na Illa do Pacar.

Pola banda do meu lado electrónico, andamos a ver se montamos un mini-banco de reciclaxe electrónico xunto con CODDEFFAGOLF, polo pronto temos un ordenador xa! A ver se na próxima crónica podemos contar o avance desta iniciativa.


Por último, combinando as miñas dotes de guitarrista adquiridas na Royal Youtube Academy compuxen esta canción nunha tarde de aburrimento, a ver se consigo o meu obxectivo de ofender a dous pobos ao mesmo tempo: o galego e o catracho. Ai vai compas, cheque!