Posts

Encontro Hackers Sen Fronteiras de alumnas de secundaria

Este encontro tivo lugar o 12 decembro 2023 na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, no marco do proxecto Hackers Sen Fronteiras, que se levaba xa dende mediados de 2022 desenvolvendo. A organización levouse a cabo por Enxeñería sen Fronteiras da man con facilitación de Rexenerando.

O grupo de alumnas convidado a este encontro de peche foi un grupo heteroxénero 15 de nenas e mulleres adolescentes de tres IES de zonas rurais que participaron como centros piloto nesta primeira fase de Hackers Sen Fronteiras, cun rango de idades entre 12 e 17 anos.

Nesta sesión grupal abordáronse competencias transversais xa traballadas anteriormente a través do interese das rapazas na tecnoloxía e a súa vinculación co seu percorrido formativo dos próximos anos e as súas posibilidades. Participou tamén a directora da Escola Politécnica de Lugo para dar a coñecer as liñas de educación superior, de traballo e de investigación do centro da USC. Acercar ás alumnas dos institutos á formación universitaria da rama das enxeñerías pode supoñer a materialización dos intereses das mulleres que están a piques de finalizar os estudos de bacharelato na súa incorporación a estudios específicos, apostando pola rama tecnolóxica na nosa comunidade, e coñecendo eidos de estudo da tecnoloxía que non asociaban a posibilidades académicas ou laborais.

Tamén se traballaron contidos mais amplos dende un enfoque de xestión emocional e de creatividade, tendo en conta ás necesidades do grupo de mulleres de menor e de maior idade, que serviu para facer un traballo colectivo de repensar as fortalezas e debilidades que teñen de cara os seus estudos e os retos que supón cada unha das suas etapas educativas.

Algúns elementos que saíron foron o gran esforzo que supoñen este tipo de estudos, a superación das materias, a aprendizaxe a través da creación e creatividade grupal e o interese personal nos campos de estudo específicos de cada unha delas. Con esto último, as mulleres alumnas fomentaron a súa resiliencia nos estudos a través do replantexamento das suas inquedanzas persoais, formativas e futura aplicacións profesionais, de xeito que consideraron de gran importancia traballar nas dificultades para chegar os seus obxetivos propostos. Estos últimos, xiraban en torno á especialización e o desfrute das materias mais interesantes para cada unha delas, tendo en conta as necesidades para chegar a aquelo que desexan ser e facer a longo prazo, coa mirada posta nas exixencias da educación formal. Moitas delas estaban máis preocupadas do curto prazo e as esixencias do curso actual, tendo esa sensación moitas veces de que as materias vinculadas a tecnoloxía custan máis. Pero tamén saiu o descoñecemento que pode haber acerca de eidos da tecnoloxía que non se plantexaran e lles interesan.

Queremos destacar tres tres ideas que saían con forza entre as alumnas no propio espazo e que nos pareceron relevantes despois de escoitalas:

  1. Están en anos nos que teñen outros intereses e preocupacións e polo tanto imaxinar o futuro ás veces toca coa esixencia, co difícil que é estudar, e isto tamén en relación ás carreiras máis técnicas ou científicas. Se cadra habería que pensar aquí posibles apoios ou incentivos
  2. Entre eses apoios podería estar rachar co mito de que é moi difícil ou que hai que ser as mellores
  3. Apoialas, con exemplos e referentes e ampliar o imaxinario do que é tecnoloxía, que soe activar marcos de moita masculinidade tóxica. Hai que mostrar alternativas de tecnoloxías que se están xa aplicar, en que ámbitos e para que tipo de problemas moito máis na liña do ben común, e tamén que estudos hai que ter para desenvolver estas tecnoloxías.

A valoración foi moi boa e cremos que estes foros poden ser de gran valor para compartir experiencias entre pares e así tratar de entender as causas tempranas que pode haber detrás da fenda de xénero nos estudos tecnolóxicos.

Programa de Mulleres Tecnólogas para o ben común

Visibilizar como a tecnoloxía se pode poñer ao servizo do ben común é unha das actividades ás que máis tempo adicamos en Enxeñería Sen Fronteiras, aínda que tradicionalmente o fixemos no ámbito universitario técnico. Agora, cuns proxectos cofinanciado pola Xunta de Galicia, por un lado con fondos da Cooperación Galega e por outro con fondos de IRPF (a famosa casiña de fins sociais da declaración da renda), queremos contribuír a que mulleres tecnólogas vinculadas ás universidades galegas e ao mundo profesional tecnolóxico, que colaboran con ESF, dean a coñecer a súa actividade en centros de ensino secundario.

Obxectivos

A actividade trata de impulsar faladoiros en centros de secundaria que o desexen para visibilizar a mulleres que traballan en temas de tecnoloxía, pero cun enfoque para o ben común. Esta actividade ten un par de pequenas peculiaridades con respecto a outros programas de mulleres nas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics):

1) Que a idea é non simplemente visibilizar ás mulleres nas STEM, senón o enfoque de Tecnoloxía para o Ben Común. Ou sexa, non se busca só que se poña en valor e se visibilice a presencia de mulleres neste eido, senón tamén o xeito distinto de empregar a tecnoloxía (baseado en valores de colaboración, participación cidadá, sustentabilidade, enfoque a grupos vulnerabilizados, etc., que pensamos que non son os habituais nestes ámbitos técnicos).

2) Que a idea é, no caso de relatoras procedentes da universidade, poder preparar e impartir ese faladoiro involucrando tanto a persoal docente e investigador da universidade como a alumnas ou ex-alumnas, para ir creando certa conciencia no alumnado e participe máis nestas iniciativas, ademais de que poidan ser referentes para as nenas (e tamén nenos) que queiran adicarse ao eido STEM con ese enfoque.

Para Enxeñería Sen Fronteiras Galicia é retomar unha liña de traballo, a de accións no ensino secundario, pola que se quere apostar nos vindeiros anos, centrando proxectos especificamente neste ámbito.

Metodoloxía

A actividade consiste na organización de faladoiros a impartir en centros de ensino secundario por algunha das mulleres colaboradoras de ESF (se é posible, acompañadas dalgunha alumna ou colaboradora no caso de relatoras da universidade). Un elemento que se busca prioritariamente é a flexibilidade, para adaptar os faladoiros ás necesidades da aula, centro ou profesorado de secundaria que o solicite.

Os cursos ás que se dirixe son, preferiblemente de 3º ou 4º de ESO, que é cando empezan a decidirse os itinerarios formativos. Podería ser unha actividade de aula, ou con varias aulas simultaneamente, dependendo das preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade

O formato podería ser presencial ou teleconferencia, dependendo tamén das preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade.

As datas e hora de realización da actividade serían coordinando a dispoñibilidade das colaboradoras de ESF Galicia (que son voluntarias) e as preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade.

A duración do faladoiro sería para encaixar nunha clase (uns 50 minutos), aínda que se podería variar dependendo das preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade.

Os materiais precisos serían un proxector conectado a unha computadora na que se poida enchufar un pendrive (se non se contara con este material, se podería adaptar o faladoiro sen problema, previa coordinación coa persoa que impartiría o faladoiro).

A sesión empezaría pasando un brevísimo cuestionario ao alumnado (no caso de facelo presencial) cunhas preguntas baseadas no que se vai transmitir na faladoiro.

A continuación se desenvolve o faladoiro, que pode ter algún elemento máis participativo dependendo das restricións COVID do centro (ou do formato, presencial ou en liña). A relatora ou relatoras falarán da súa experiencia, por que decidiron facer o que fan e que expectativas teñen para o futuro. Ademais, falarán especificamente dalgún dos seus proxectos (laborais ou de activismo, presentes ou pasados) que teña unha especial compoñente social na aplicación tecnolóxica.

Acabará a sesión co cumprimentado por parte do alumnado do mesmo cuestionario do inicio.

Esperamos recoller o material que se xere nos distintos faladoiros que se realicen nos distintos centros que participen na actividade, así como as avaliacións da aula, e compartilos logo coa equipas docentes que participaron dos centros (mesmo, se chega a haber interese e se conforma un grupo de profesorado de secundaria interesado, tratar sacar algún material didáctico máis formal).

Equipo de colaboradoras

Cóntase cun grupo dunhas 20 mulleres tecnólogas, tanto docentes e investigadoras das tres universidades galegas, como alumnas e tamén tecnólogas externas á universidade. Se desempeñan en ámbitos tan dispares como a enxeñería aeroespacial, a hidroxeoloxía, a informática, a enxeñería civil, a tecnoloxías de apoio para persoas con problemas de mobilidade, as telecomunicacións, a física aplicada, os humanismos dixitais ou a bioconstrución.

Primeiras actividades

Nos segundo e terceiro trimestres do curso 2021-2022 se iniciaron os faladoiros, en centros como o IES San Rosendo de Mondoñedo, o IES de Curtis, o IES Valadares de Vigo, o IES de Soutomaior ou o IES Monte Carrasco de Cangas.