Visita técnica en Mozambique

Durante o mes de outubro tivo lugar unha visita técnica a Mozambique cunha duración de 30 días nos que o traballo se centrou no fortalecemento do persoal da Administración Rexional da Auga do Sur de Mozambique (ARA Sur), organismo homologo a Augas de Galicia no sur país.

O obxectivo da visita foi o de realizar in situ formación teórico práctica para a análise de inundacións de xeito que a ARA Sur poida dispoñer de estudos que lle axuden na toma de decisións, e coa formación do persoal para a realización dos devanditos estudos como elemento fundamental.

Para iso traballouse de modo intensivo nas oficinas da ARA Sur en Maputo co técnico de referencia da ARA Sur para estas cuestións. O traballou inicial consistiu na realización de estudos de inundacións en bacías de tamaño pequeno que permitiron un fácil manexo da análise e dos seus resultados. De modo paralelo avanzouse, co acompañamento do ARA Sur, na modelización da bacía piloto do Inhanombe para a delimitación de zonas inundables con diferentes períodos de retorno. O obxectivo de traballar a este dobre nivel foi o de facilitar a asimilación do proceso de análise -co fin de que a ARA Sur poida realizar estudos deste tipo- nun proceso de aprendizaxe baseada en aprender-facendo que se prevé lento pero que se verá facilitado co desenvolvemento deste tipo de estudo de interese para a administración das augas do sur de Mozambique.

Ademais, neste caso, o técnico do ARA Sur referencia para esas accións tivo a oportunidade de realizar fai máis dun ano un curso en liña de iniciación a Iber+ (programa libre de modelización hidráulica) a través de Iberaula, grazas ao apoio do Grupo de Enxeñería dá Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña, o que sen dúbida supuxo un notable avance para a actividade.

A base metodolóxica para o estudo de inundacións desenvólvese sobre o modelo hidrolóxico-hidráulico integrado de alta resolución Iber+, baseado na resolución das ecuacións 2D de augas pouco profundas. Para a análise dos procesos hidrolóxicos en Iber+ (p ex. estudos de inundacións) requírense esencialmente de datos de tipo:

(a) hidrolóxico (precipitacións e os seus correspondentes hietogramas, así como a definición do método para empregar para considerar as perdas por infiltración)

(b) datos relacionados coas características físicas da bacía de estudo (definición espacial dos respectivos coeficientes de rugosidade en función da cobertura vexetal existente, e definición do propio Modelo Dixital do Terreo MDT que serve de base para asignar as elevacións aos nodos dos elementos de malla non estruturada que se define para todo o dominio da conca).

Todas estas bases de datos empleadas no proxecto, do mesmo xeito que o propio modelo Iber+, son de libre acceso, como parte da aposta que temos polos datos abertos e a tecnoloxía libre.

Durante a visita tamén se traballou na análise do ano hidrolóxico 2023/2024 e no apoio ao traballo de fin de mestrado en hidroloxía dun técnico do departamento de recursos hídricos da ARA Sur. Nos meses de novembro e decembro está previsto realizar novas visitas técnicas para avanzar con estas liñas de traballo que terán continuidade no 2025.

Foto portada: equipo da ARA Sul

Boletín Oficial ESFeiro: outubro 2024


Se es máis de escoitar, aquí tes o Boletín Sonoro, de 9 minutiños. Se non, segue lendo.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En Galicia, arrancamos o novo curso académico presentando a segunda Fase do programa Hackers Sen Fronteiras, de tecnoloxía para o ben común no ensino secundario (e agora tamén na Formación Profesional!).

    Na Domus, tivemos outro dos nosos repair café e un encontro de reparación de bicis eléctricas no Taller Re-Ciclos na Coruña.

    Participouse nunha reunión de traballo cara unha estratexia de xénero da cooperación galega, así como na xornada Facifestia, para visibilizar o potencial transformador da facilitación de grupos.

    Tivemos tempo tamén para os artigos de divulgación. A nosa Alba fixo un interesante artigo de reflexión sobre mobilidade e espazo público pola Semana Europea da Mobilidade. No blogue de El Salto La Tecnología no nos Salvará, o noso Sergio fala de comunicación en positivo para a transformación social.

    Comentar tamén que estivemos nun proceso para seleccionar a unha nova persoa contratada para apoiar os proxectos que realizamos en Galicia. Será Martina, que era voluntaria e está recén chegada de Honduras de participar no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades.


HONDURAS

    En Honduras, no eixo de soberanía alimentaria, no programa de restauración de lagoas de inverno, houbo un proceso formativo con 25 personas de seis grupos comunitarios organizados como caixas de aforro e crédito . Realizouse ademais o 3º monitoreo de calidade de auga na lagoa de inverno de Guapinol. Tamén neste eixo de soberanía alimentaria, pero no programa de agricultura resiliente, houbo un taller de productos alimentarios.

    No eixo de promoción do dereito humano á auga, no proxecto financiado pola AECID, houbo coa Mancomunidade NASMAR unha formación de 𝗙𝗼𝗿𝘁𝗮𝗹𝗲𝗰𝗶𝗺𝗶𝗲𝗻𝘁𝗼 𝗱𝗲 𝗖𝗮𝗽𝗮𝗰𝗶𝗱𝗮𝗱𝗲𝘀 𝗲𝗻 𝗦𝗶𝘀𝘁𝗲𝗺𝗮𝘀 𝗱𝗲 𝗜𝗻𝗳𝗼𝗿𝗺𝗮𝗰𝗶𝗼́𝗻 𝗚𝗲𝗼𝗴𝗿𝗮́𝗳𝗶𝗰𝗮. Ademais, CODDEFFAGOLF organizou obradoiros de muralismo en centros educativos para a sensibilización ambiental e de defensa da auga. Houbo tempo tamén para reunións institucionais para coordinación e colaboración, como a que a Mancomunidade NASMAR tivo co SANAA.

    Tamén houbo un evento que tiñamos moitísimas ganas de realizar, que foi o encontro de Mulleres Bravas en Honduras. Nel, participaron case todas as mulleres que nos visitaron nalgún momento en Galicia dentro deste programa, que leva en marcha dende 2019. Sandra, axudada por Martina, participantes no programa de voluntariado internacional de coñecemento doutras realidades (PCR), tiveron moito que ver para levalo adiante. Aquí a crónica.

    Martina ademais nos deixou unha das súas crónicas máis reflexivas, xusto antes de regresar a Galicia (onde temos tamén xa de volta a Sandra). Alí segue Chevi, que a principios de mes nos deixou outra das súas crónicas. En breve o teremos de volta en Galicia tamén!

    Ademais, en setembro chegou a Honduras Zaira, para participar nun Voluntariado Técnico en Terreo como apoio ao equipo de ESF en Honduras. Xa nos contou as súas primeiras impresións.


MOZAMBIQUE

En setembro comezou unha nova visita técnica a Mozambique na cal estase a traballar coa Administración Rexional de Auga do Sul (ARA Sul) na análise de inundacións. Para isto, estanse a dar os primeiros pasos co persoal técnico da oficina da ARA Sul en Maputo. Empézase coa realización dun estudo de inundación nunha bacía piloto que poida servir -ademais de como exemplo práctico para o fortalecemento institucional da ARA Sul- como base para a delimitación de zonas inundables e a identificación de poboacións e infraestruturas vulnerables fronte a este tipo de eventos. Coas ARAs Norte e Centro está a continuar o traballo en relación a análise de secas e precipitacións e, con esta última, estase a intensificar o traballo para comezar a abordar o campo das inundación dun xeito práctico no ano próximo.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes volvemos con recomendación musical. Desta volta non é unha canción ou artista concretas, se non un movemento que nos amosa este recomentable documental: Cita cos punks de cultura musulmana


E NO PRÓXIMO MES …

    Este mes estreamos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    As violacións de privacidade, os nesgos algorítmicos, a difusión de información falsa e o desemprego tecnolóxico causado pola automatización intelixente, teñen impactos tanxibles hoxe en día. Entrar en paranoias e distopías relacionadas coa IA non só non nos axuda, senón que nos distrae de todos os problemas que son reais.

Alberto Bugarín e Senén Barro, catedráticos do CITIUS-USC

Charla e stand de ESF na Oshwdem 2024 – 12 de outubro

O sábado 12 de outubro, participaremos na Oshwdem 2024, dando unha charla sobre os Bancos de Reciclaxe Electrónico, en horario de 12.30 a 13.30 horas. E tamén contaremos cun stand durante a feira, onde axudaremos a quen queira reparar o seu ordenador ou recibir información sobre os bancos.

A OSHWDem (Open Source HardWare Demonstration) é unha feira de tecnoloxía onde se expoñen inventos cun nexo común: todos eles son proxectos libres, é dicir, que as súas especificacións, esquemas e código foron publicados, de xeito que calquera poida estudalos, entender o seu funcionamento, replicalos e incluso melloralos…

Na OSHWDem atoparás inventos impresionantes sobre novas tecnoloxías, robótica, arte, Internet das cousas, electrónica, hardware, software…

Ademais disto, durante a feira celébranse competicións de robótica espectaculares onde poderás ver robots loitando de xeito autónomo, resolvendo complexos labirintos a tamaño real á velocidade da luz e competindo entre eles en carreiras incríbles. Podes asistir como público ou participar co teu robot.

A edición de 2024 celebrarase o 12 de outubro no Museo Domus da Coruña.

Como sempre, a participación é libre e de balde, para todos os públicos.

Repair Café de bicicletas e ordenadores en Teo

Antonte tivemos a xuntanza anual da rede galega de bancos de reciclaxe electrónica con software libre. Desta vez decidimos aprobeitar para facer un Repair Café no banco de Teo, o máis antigo da rede. Invitamos tamén á xente de Composcleta, que nos explicou os distintos compoñentes dunha bicicleta, as averías máis habituais e de como realizar un correcto mantemento. Tamén nos falaron das distintas iniciativas que levan a cabo en Santiago de Compostela para facer a cidade máis ciclable e das súas vantaxes a todos os niveis (moito hai que aprender doutros lugares de Europa aínda…).

O obxectivo destes Repair Cafés é que a xente traia os seus aparellos e que coa nosa axuda sexan elas mesmas quen os arranxen, reapropiándose da tecnoloxía que usan no seu día a día. Tivemos tempo de falar de dereito a reparar, de ensinar a nosa exposición «Coñeces o teu móbil?», de resucitar un par de ordenadores, de ver como se pode convertir un ordenador moi antigo nunha consola retro, aprender a parchar rodas de bicicleta… E por suposto, todo isto cheo de bo rollo.

Para rematar, a xa tradicional quedada-comida da rede de bancos para comentar o último ano e as actividades que se veñen. Vémonos na seguinte!