Empezan en Honduras os ensaios de cultivo de bivalvos en bolsas ou pochones

No proxecto Mejora de la actividad marisquera en el Golfo de Fonseca, Fase 1, que se está a desenvolver en Honduras xunto coa asociación CODDEFFAGOLF e financiado pola Cooperación Galega, están empezando cos ensaios de cultivo en bolsas de malla (pochones) para engorde de moluscos bivalvos.

Estes ensaios, que se están a realizar en Amapala, teñen como finalidade poñer en práctica diferentes metodoloxías para a recuperación das poboacións de bivalvos no Golfo de Fonseca. Nas imaxes vense dous modelos distintos, que se deixan instalados en zonas de manglar para, posteriormente, facer o monitoreo de como se van desenvolvendo as “sementes” ou larviñas de bivalvos que se deixarán nelas, a porcentaxe das distintas especies que se instalan a maiores, o crecemento das mesmas, o tempo que tardan en ser maduros para reproducirse, o lugar onde crecen mellor as distintas especies, etc.

A semente (larviñas) recolectouse nuns recolectores que fixeron mulleres dos grupos de marisqueiras con tellas e outros elementos sinxelos. Chama a atención como, no caso de marisqueo de bivalvos, se fala de “semente”, como en cultivos agrícolas. Agora métese dentro dos pochones, que son estes sobres ou bolsas de malla.

Logo, máis adiante, cando crezan os bivalvos, se poderán recoller a pochones con máis amplitude, para que non estean apretados ou ben a area, uns para rexenerar zonas e outros para ensaios de cultivo controlado en area.

Dada a mortandade ocasionada por diferentes problemas de contaminación das augas que xurden de cando en vez, é importante contar con sistemas que permitan a rexeneración das especies para manter o equilibrio dos ecosistemas e os medios de vida das poboacións aledañas (ademais de seguir investigando sobre as causas destas mortandades).

Peche do ano en Mozambique

Durante 4 semanas, do 20 de novembro ao 18 de decembro, Manuel Álvarez, o técnico en hidroloxía do programa AquaMoz, estivo de visita técnica en Mozambique traballando, fundamentalmente, en Maputo e en Tete cos técnicos das Administrações Regionais da Áuga (ARA) Sul e Centro respectivamente. A viaxe centrouse, principalmente, no fortalecemento das capacidades dos técnicos das ARA en relación á análise das épocas seca e húmida e na identificación de potenciais novas liñas de colaboración que dean continuidade aos avances xa consolidados.

As 2 primeiras semanas o traballo centrouse na sede da ARA Sul en Maputo, realizando o acompañamento ao habitual seguimento e análise dos períodos seco e húmido do ano hidrolóxico 2022/23 e do inicio do 2023/24, o cal, entre outras cousas, serve como base para a elaboración do boletín de seca da ARA Sul, punto focal para o proxecto.

O día 1 de decembro, o técnico da ARA Sul presentou, nun evento da rede Aquashare (asociación mozambicana para compartir coñecementos no ámbito da auga), os resultados e a metodoloxía (baseada no software IBER e en bases de datos globais) do estudo das inundacións de febreiro de 2023 na bacía do río Umbeluzi.

De modo paralelo, e de acordo coas necesidades da ARA Sul, traballouse na identificación de futuros estudos de inundacións e na selección inicial de posibles bacías piloto. Durante estes días tamén se realizaron tarefas de titoría e acompañamento no desenvolvemento do traballo de fin de máster de hidroloxía de Ernesto, técnico da ARA Sul vinculado ao proxecto.

A terceira semana o traballo realizouse en Tete coa ARA Centro. Con eles traballouse na formación práctica inicial para a análise das épocas seca e húmida do ano hidrolóxico 2022/23 e inicio do 2023/24; e no avance de ideas de futuros estudos de inundacións en bacías piloto. Despois do traballo realizado a distancia desde mediados de ano, esta foi a primeira visita a Tete e os resultados foron moi satisfactorios, principalmente polo alto interese e motivación da institución e tamén polo bo nivel técnico do persoal.

Na última semana en Maputo continuouse coas liñas antes mencionadas coa ARA Sul e traballouse tamén co director da facultade de enxeñería civil (da Universidade Eduardo Mondlane) na coordinación e dirección do traballo de fin de máster e no asesoramento técnico para a avaliación de recursos hídricos en bacías sen datos.

FOTO DA PORTADA: Manuel (dereita) cos responsables técnicos da ARA Centro en Tete.

Aberto prazo para solicitar Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades. PCR 2024

Como cada ano por estas datas, abrimos o prazo para solicitar unha das 3 prazas do noso Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (ao que chamamos agarimosamente PCR).

Trátase dunha experiencia inmersiva de educación para a cidadanía global, coñecendo o traballo nos proxectos que apoiamos no sur de Honduras, coas organizacións hondureñas coas que colaboramos. Hai unha formación e integración previa, cunha estancia no verán de 2-3 meses na que ESF Galicia se fai cargo de viaxe internacional, seguro e aloxamento, para á volta contar co testemuño de primeira man das participantes en actividades de sensibilización.

Este ano o programa conta con financiamento da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e tamén dos Fondos IRPF da Xunta de Galicia.

Pódese solicitar dende o 22 de xaneiro até o 15 de febreiro.

Calquer persoa maior de idade pode solicitar praza.

Aquí se pode consultar as bases, requisitos valorables e prazos.

Boletín Oficial ESFeiro: xaneiro 2024

Se prefires a versión podcast resumida deste boletín, aquí podes escoitala.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Decembo veu movidiño. Xunto a máis dun cento de entidades ecoloxistas e sociais, apoiamos o manifesto rexeitando a Axenda Mineira da Xunta por criminalizar a sociedade civil. Dende o noso grupo de masculinidades alternativas (micromachiños) nos recomendan o libro: El deseo de cambiar. Hombres, masculinidad y amor, de Bell Hooks. Participamos no podcast Habitando, de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia, que no seu episodio 44 tocou o tema Tecnoloxías para o Ben Común nas Universidades Galegas e a rede Artigo9Tech.

    Un evento moi interesante foi o que organizamos en Lugo, como peche da primeira fase do proxecto Hackers Sen Fronteiras, onde se fixo unha avaliación co profesorado participante e tamén un encontro con alumnas para coñecer posibles barreiras para continuar estudos pola rama tecnolóxica. Durante o mes aínda tivemos tempo para facer algún faladoiro máis en institutos dentro deste proxecto de Hackers Sen Fronteiras, como os que se fixeron en Brión sobre ciberacoso e mulleres tecnólogas, ou o de Curtis onde unha profesora e unha ex-alumna súa da EPS Lugo contaron as súas experiencias como mulleres tecnólogas. Como parte do peche desta primeira fase, fallouse o concurso de propostas didácticas de tecnoloxías para o ben común, que recaeu no IES Primeiro de Marzo, cunha proposta de banco de reciclaxe electrónica escolar.

    A principio de mes participamos nun encontro coa rede Artigo9Tech de tecnoloxía para o ben común nas universidades. Tamén houbo un encontro co grupo de voluntariado de Vigo e outro do grupo de Mulleres Tecnólogas na Coruña. Fixemos unha campaña en redes sociais sobre Colonialismo Verde en Gaza en colaboración coa organización Sistema Universitario Galego por Palestina. Tamén englobado nas accións de ESF na universidade, houbo 3 encontros con diverso profesorado da UDC para explorar posibles colaboracións no eido de tecnoloxía para o ben común, un Repair Café na ESEI de Ourense colaborando con Amigas da Terra e un faladoiro en Lugo sobre tecnoloxía para o ben común dentro da materia de Ordenación Territorial.

    Non podían faltar os encontros da base social para despedir o ano, na Coruña e tamén o organizado para toda Galicia, onde aproveitamos para ver a esfeiras que andan polo mundo adiante e veñen a casa polo Nadal.


HONDURAS

  En Honduras rematou en decembro a escola de Habilidades para la Vida, dentro do proxecto de apoio a grupos de mulleres marisqueiras financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Foi momento de peche da anualidade 2023 dos proxectos en marcha, que se poden coñecer aquí.


MOZAMBIQUE

En Mozambique rematou a estancia no país (estivo algo máis dun mes) de Manuel, o experto co que contamos para apoio técnico ás Administracións Rexionais da Auga en temas de seca, estudos de curvas de embalses e, proximamente, inundacións. Puidemos coñecer como lle foi no encontro de Nadal da base social.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Activismo e persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes queremos deixar unha recomendación artístico-lúdica. Trátase de ‘O Ghaiteiro petroleiro’: cartas sobre a mesa para recuperar a memoria de Nunca Máis a través do xogo


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

“Non se pode pasar un so día sen ter un impacto no mundo que nos rodea. O que facemos marca a diferencia, e temos que decidir que tipo de diferencia queremos facer” 

Jane Goodall

Encontro Hackers Sen Fronteiras de alumnas de secundaria

Este encontro tivo lugar o 12 decembro 2023 na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, no marco do proxecto Hackers Sen Fronteiras, que se levaba xa dende mediados de 2022 desenvolvendo. A organización levouse a cabo por Enxeñería sen Fronteiras da man con facilitación de Rexenerando.

O grupo de alumnas convidado a este encontro de peche foi un grupo heteroxénero 15 de nenas e mulleres adolescentes de tres IES de zonas rurais que participaron como centros piloto nesta primeira fase de Hackers Sen Fronteiras, cun rango de idades entre 12 e 17 anos.

Nesta sesión grupal abordáronse competencias transversais xa traballadas anteriormente a través do interese das rapazas na tecnoloxía e a súa vinculación co seu percorrido formativo dos próximos anos e as súas posibilidades. Participou tamén a directora da Escola Politécnica de Lugo para dar a coñecer as liñas de educación superior, de traballo e de investigación do centro da USC. Acercar ás alumnas dos institutos á formación universitaria da rama das enxeñerías pode supoñer a materialización dos intereses das mulleres que están a piques de finalizar os estudos de bacharelato na súa incorporación a estudios específicos, apostando pola rama tecnolóxica na nosa comunidade, e coñecendo eidos de estudo da tecnoloxía que non asociaban a posibilidades académicas ou laborais.

Tamén se traballaron contidos mais amplos dende un enfoque de xestión emocional e de creatividade, tendo en conta ás necesidades do grupo de mulleres de menor e de maior idade, que serviu para facer un traballo colectivo de repensar as fortalezas e debilidades que teñen de cara os seus estudos e os retos que supón cada unha das suas etapas educativas.

Algúns elementos que saíron foron o gran esforzo que supoñen este tipo de estudos, a superación das materias, a aprendizaxe a través da creación e creatividade grupal e o interese personal nos campos de estudo específicos de cada unha delas. Con esto último, as mulleres alumnas fomentaron a súa resiliencia nos estudos a través do replantexamento das suas inquedanzas persoais, formativas e futura aplicacións profesionais, de xeito que consideraron de gran importancia traballar nas dificultades para chegar os seus obxetivos propostos. Estos últimos, xiraban en torno á especialización e o desfrute das materias mais interesantes para cada unha delas, tendo en conta as necesidades para chegar a aquelo que desexan ser e facer a longo prazo, coa mirada posta nas exixencias da educación formal. Moitas delas estaban máis preocupadas do curto prazo e as esixencias do curso actual, tendo esa sensación moitas veces de que as materias vinculadas a tecnoloxía custan máis. Pero tamén saiu o descoñecemento que pode haber acerca de eidos da tecnoloxía que non se plantexaran e lles interesan.

Queremos destacar tres tres ideas que saían con forza entre as alumnas no propio espazo e que nos pareceron relevantes despois de escoitalas:

  1. Están en anos nos que teñen outros intereses e preocupacións e polo tanto imaxinar o futuro ás veces toca coa esixencia, co difícil que é estudar, e isto tamén en relación ás carreiras máis técnicas ou científicas. Se cadra habería que pensar aquí posibles apoios ou incentivos
  2. Entre eses apoios podería estar rachar co mito de que é moi difícil ou que hai que ser as mellores
  3. Apoialas, con exemplos e referentes e ampliar o imaxinario do que é tecnoloxía, que soe activar marcos de moita masculinidade tóxica. Hai que mostrar alternativas de tecnoloxías que se están xa aplicar, en que ámbitos e para que tipo de problemas moito máis na liña do ben común, e tamén que estudos hai que ter para desenvolver estas tecnoloxías.

A valoración foi moi boa e cremos que estes foros poden ser de gran valor para compartir experiencias entre pares e así tratar de entender as causas tempranas que pode haber detrás da fenda de xénero nos estudos tecnolóxicos.