Posts

Charla e stand de ESF na Oshwdem 2024 – 12 de outubro

O sábado 12 de outubro, participaremos na Oshwdem 2024, dando unha charla sobre os Bancos de Reciclaxe Electrónico, en horario de 12.30 a 13.30 horas. E tamén contaremos cun stand durante a feira, onde axudaremos a quen queira reparar o seu ordenador ou recibir información sobre os bancos.

A OSHWDem (Open Source HardWare Demonstration) é unha feira de tecnoloxía onde se expoñen inventos cun nexo común: todos eles son proxectos libres, é dicir, que as súas especificacións, esquemas e código foron publicados, de xeito que calquera poida estudalos, entender o seu funcionamento, replicalos e incluso melloralos…

Na OSHWDem atoparás inventos impresionantes sobre novas tecnoloxías, robótica, arte, Internet das cousas, electrónica, hardware, software…

Ademais disto, durante a feira celébranse competicións de robótica espectaculares onde poderás ver robots loitando de xeito autónomo, resolvendo complexos labirintos a tamaño real á velocidade da luz e competindo entre eles en carreiras incríbles. Podes asistir como público ou participar co teu robot.

A edición de 2024 celebrarase o 12 de outubro no Museo Domus da Coruña.

Como sempre, a participación é libre e de balde, para todos os públicos.

Repair Café de bicicletas e ordenadores en Teo

Antonte tivemos a xuntanza anual da rede galega de bancos de reciclaxe electrónica con software libre. Desta vez decidimos aprobeitar para facer un Repair Café no banco de Teo, o máis antigo da rede. Invitamos tamén á xente de Composcleta, que nos explicou os distintos compoñentes dunha bicicleta, as averías máis habituais e de como realizar un correcto mantemento. Tamén nos falaron das distintas iniciativas que levan a cabo en Santiago de Compostela para facer a cidade máis ciclable e das súas vantaxes a todos os niveis (moito hai que aprender doutros lugares de Europa aínda…).

O obxectivo destes Repair Cafés é que a xente traia os seus aparellos e que coa nosa axuda sexan elas mesmas quen os arranxen, reapropiándose da tecnoloxía que usan no seu día a día. Tivemos tempo de falar de dereito a reparar, de ensinar a nosa exposición «Coñeces o teu móbil?», de resucitar un par de ordenadores, de ver como se pode convertir un ordenador moi antigo nunha consola retro, aprender a parchar rodas de bicicleta… E por suposto, todo isto cheo de bo rollo.

Para rematar, a xa tradicional quedada-comida da rede de bancos para comentar o último ano e as actividades que se veñen. Vémonos na seguinte!

Novos Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre en Galicia: Ferrol e Baiona

Nas últimas semanas tivemos a boa nova de dous novos Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre en Galicia, a raíz do apoio de Enxeñería Sen Fronteiras.

Un deles, dentro do noso programa de ESF na Universidade, impulsado no campus de Ferrol co apoio de profesorado e da Oficina de Cooperación e Voluntariado. Pódese atopar no Edificio de Apoio ao Estudo (ver foto). Avenida de Vigo s/n. Campus de Esteiro. 15403. Ferrol, e o contacto de correo-e para doar equipos, ofrecerse a colaborar ou calquera outra xestión: bancoreciclaxeferrol(arroba)galicia.isf.es. Xa aparece como parte da Rede de Bancos de Galicia.

O outro ten unha característica máis especial, xa que se trata dunha iniciativa didáctica dun Banco de Reciclaxe Escolar no IES Primeiro de Marzo de Baiona, que impulsouse dentro da Fase 1 do programa Hackers Sen Fronteiras, de tecnoloxía para o ben común no ensino secundario. Esta iniciativa foi a gañadora do I concurso de propostas de tecnoloxía para o ben común en secundaria, e xa se empezou a levar a cabo. Contan mesmo cunha páxina web!

Os Bancos de Reciclaxe pretenden ser, ademais dunha iniciativa colectiva de reapropiación tecnolóxica, un xeito de acercar o académico á súa contorna social, sendo conscientes de problemáticas como a fenda dixital (que se puxo aínda máis de manifesto na pandemia), o problema do lixo de electrónico e, tamén, queremos que sexan puntos de xeneración de debate sobre Electrónica Ética.

ESF na esLibre, congreso de cultura e tecnoloxía libres

O sábado pasado tivemos delegación ESFeira por València, participando no congreso esLibre, un evento que busca a promoción das tecnoloxías e a cultura libre. Xa é a terceira vez que participamos! (as anteriores foron en Zaragoza e Vigo). O obxectivo era aportar esa compoñente máis social da tecnoloxía.

Por un lado, Thais fixo un obradoiro sobre “Recursos tecnolóxicos para a comunicación e a participación das persoas con discapacidade“. Falounos de diferentes aplicacións e programas libres que permiten mellorar as posibilidades de comunicación de aquelas persoas que, pola súa situación de saúde, atopan algunhas dificultades para elo. Como ela di, a tecnoloxía debe apoiar e axudar a todas as persoas, sendo, neste caso, un recurso facilitador de los procesos de comunicación. Pero por desgraza, non sempre e así, e estas persoas atópanse con un montón de barreiras no seu día a día.

Jorge tamén deu unha charla sobre “Accesibilidade con Tecnoloxías Libres“, facéndonos un repaso aos proxectos máis interesantes que trataron nos programas do podcast que organiza xunto a outra xente.

No caso da charla sobre o “Papel das tecnoloxías libres para reducir o impacto social e ético“, Jorge e Jose falaron de conceptos como o dereito a reparar, comentando as distintas barreiras existentes para que este dereito sexa real (económicas, falta de repostos, a compoñente social de considerar de “segunda” empregar cousas de segunda man ou con sinais de uso, etc.), e a electrónica ética (con todo o impacto que os nosos aparellos teñen no Sur global durante todo o proceso de fabricación), relacionando estes conceptos coas tecnoloxías libres e da importancia do papel positivo que desempeñan. Falaron tamén de que cando falamos de tecnoloxías libres debemos ter en conta todo o proceso de produción, especialmente no caso do harware, xa que non se pode considerar “libre” un aparello que contén minerais extraídos en condicións de escravitude. Tamén deron unha serie de recomendacións de como contribuír de forma individual a reducir este impacto: alongar, reparar, reutilizar, reciclar, formarse e participar! Mención destacable merece a performance do noso cómico de confianza, Jorge Lama, no emprego do sombreiro para interpretar un dobre personaxe. Ao máis puro estilo Clark Kent con e sen gafas. Aquí deixamos a presentación (versión en galego) que empregaron, á espera de ter os vídeos das intervencións.

Entre charla e charla tamén tiveron tempo de coñecer en persoa á xente de Restarters València e a labor que fan coas súas Restart Parties promovendo o dereito a reparar e a electrónica ética (bueno, entre charla e charla… e pola noite Valencià!)

Sempre é unha boa experiencia pasarse por estes espazos nos que compartir experiencias e ideas, e dos que sempre sae algo interesante!

Exposición: Coñeces o teu móbil?

Temos unha exposición está dispoñible para as escolas universitarias, centros de secundaria ou organizacións de todo tipo.

As nosas compañeiras de ESF Catalunya no seu día fixeran unha exposición sobre as compoñentes dos teléfonos móbiles, minerais dentro de cada compoñente, a súa procedencia e os conflictos na súa extracción. Hai uns meses, actualizárona, e moi amablemente nola cederon para que fixeramos unha versión en galego e poder tela xirando por Galicia. Esta temática entra dentro da liña de traballo que temos en TIC, neste caso na parte máis vinculada ao consumo responsable de tecnoloxía e a electrónica ética, sempre con ese enfoque de consciencia dos impactos do noso consumo noutros lugares (como parte do que se chama educación para a cidadanía global).

Dende o día 7 de maio está na Escola de Camiños da Universidade da Coruña (escola onde temos a nosa oficina central, de aí que teña moito sentido empezar por ela), no vestíbulo.

Esta versión en galego está realizada dentro do proxecto para levar distintos aspectos da Tecnoloxía para o Ben Común ás escolas técnicas das universidades públicas galegas, financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e tamén con fondos IRPF (da casiña solidaria).

Aquí se pode ver a exposición en versión dixital.

Pódese solicitar en info[arroba]galicia.isf.es, con especial prioridade para escolas técnicas universitarias, centros de secundaria ou organizacións profesionais técnicas. Pero, se hai dispoñibilidade, está aberta a todo o mundo.

A forman 3 roll-ups lixeiros, fáciles de transportar e de montar. Queremos nun futuro próximo complementala cunha maqueta dun móbil, que sexa desmontable e se vexan as compoñentes (posiblemente en cartón ou algún material reutilizado).

O de telegram… e a soberanía dixital

Hai uns días tivemos un ciberfaladoiro sobre o caso telegram, e a decisión xudicial (logo revertida) de bloquear o seu servizo en España.  

Danos a impresión de que en España, hai xuíces tomando decisións sobre temas xudiciais sen a formación ou o asesoramento adecuados. Por iso finalmente tivo que dar marcha atrás. Era case imposible e desproporcionado cortar o servizo de telegram en España para solucionar o problema polo que se tomaba esa medida. Falamos no ciberfaladoiro de que podería ser boa idea que haxa certa especialización de xulgados nos temas dixitais (ó mesmo que outros temas como xénero).

Falamos tamén de que, se volve ocorrer esta ameaza, valorararemos empregar un proxy propio. Esto sería porque non vemos claro o aconsellar o uso de VPN ou proxys gratuitos dos que non sabemos en realidade quen está detrás (en realidade, houbo unha avalancha de artigos con solucións para sortear o bloqueo). Ademais, tamén estivemos opinando se o uso de estas ferramentas é legal, como así parece. O que sería ilegal sería a actividade en cuestión; no caso de telegram, non era ilegal usar telegram, xa que o xuíz o que pediu simplemente foi que Telegram non puidera dar servizo en España, sen criminalizar ás usuarias.

Tivemos espazo para falar do debate privacidade vs seguridade. Posiblemente a seguridade que ofrecen para quitar privacidade ao final tampouco sexa seguridade de verdade. O que está claro é que se alguén quere espiar, vai espiar. Pero a cuestión é que non poida espiar calquera. Por outra banda, falamos de que se trata de ser conscientes de que a privacidade 100% nunca vai existir e do que se debe ou non compartir.

Fixémonos a pregunta de “como gaña cartos Telegram”? A resposta curta parece ser que non gaña. Pero o modelo de multimillonario que mantén unha ferramenta da que depende a comunicación de moitas organizacións, tampouco é algo que  nos convenza demasiado (por moi altruista que pareza). Sen embargo, o feito de que polo menos o cliente sexa opensource é o que  nos fai decantarnos polo telegram máis que polo whatsapp, avanzando na escala de grises cara a unha maior soberanía dixital (que queremos que teña tamén certo equilibrio coa facilidade de uso e o número de usuarixs). O que si tivemos claro é que, nese avance pola escala de grises, non queremos ir cara atrás…

O IES Primeiro de Marzo de Baiona gaña o concurso de iniciativas didácticas de tecnoloxía para os dereitos humanos no ensino secundario

Como peche da primeira fase do proxecto de Hackers Sen Fronteiras, organizaramos un concurso de iniciativas didácticas por parte de profesorado de centros de ensino secundario para achegar a tecnoloxía para o ben común á súa comunidade educativa. A iniciativa gañadora veu do IES Primeiro de Marzo de Baiona, dende o departamento de tecnoloxía.

O IES Primeiro de Marzo é un instituto que acolle alumnado dos concellos de Baiona e Oia, a maioría da contorna rural.

Este curso procedeuse á actualización da aula de informática. Os ordenadores antigos que se van substituír son o obxectivo deste proxecto. Retiraranse os que están fallando continuamente e sobre os que hai incidencias continuas cada certo tempo, aproveitándose os compoñentes que funcionen ben (memoria, fonte de alimentación, etc.). Algúns equipos prepararanse para a súa instalación nos departamentos que o necesiten e os equipos restantes serán prestados ou doados ao alumnado con necesidades ou asociacións sen ánimo de lucro da contorna.

Está previsto que o alumnado de Dixitalización de 4ºESO proceda ao cambio dos ordenadores vellos polos novos equipos, previa exposición dos tipos de conectores e portos existentes, disposición, ventilación e normas de coidado xeral. Procederá tamén á verificación do correcto funcionamento, actualización e instalación de software (que será libre).

As actividades a desenvolver serán:

  • Reparación e actualización dos equipos
  • Difusión interna e instalación no centro
  • Difusión externa e préstamos

Deste xeito, búscase xerar un impacto social na comunidade impulsado dende o centro de ensino.

Obradoiro de alternativas libres ás ferramentas de Google

Dentro do itinerario formativo de Autodefensa Dixital que deseñaron persoas do Banco de Reciclaxe con Software Libre da Coruña con apoio de Bricolabs, chega o segundo dos obradoiros.

O obradoiro leva o título Alternativas libres a ferramentas de Google. Se non queres depender de ferramientas que comercian cos teus datos como Google, existen solucións libres que se adaptan ben ás túas necesidades.

Será gratuito, inscribíndose aquí, e terá lugar o venres 14 de abril de 2023, de 18:30 a 20:30, na Domus da Coruña.

Obradoiros de autodefensa dixital en A Coruña

A partir do mes de marzo, na Domus da Coruña, organizamos co apoio de Bricolabs e Museos Científicos Coruñeses unha serie de obradoiros gratuitos (hai que inscribirse) sobre distintos aspectos da autodefensa dixital, tecnoloxías libres e reapropiación tecnolóxica.

Os detalles dos obradoiros pódense ver a continuación, e nesta web iremos publicando as datas dos distintos obradoiros e o enlace de inscrición dos mesmos. De momento temos aberta inscrición xa para o primeiro.

1 – Seguridade dixital básica – Data: 10 de marzo de 2023, de 18.30 a 21.00 horas.

Dirixido a persoas e colectivos que queran empezar a entender como funciona a seguridade dixital ou que buscan mellorar a privacidade dos seus datos. Veremos aplicacións e consellos que nos faciliten estas labores en entornos dixitais, tanto para ordenadores como para dispositivos móbiles.

Inscripción AQUÍ

2 – Alternativas libres a ferramentas de Google.

Se non queres depender de ferramentas que comercian cos teus datos como Google, existen moitas solucións que se adaptan ben ás túas necesidades.

Data por confirmar


3 – Queres deixar twitter?, axudámoste a pasarte a Mastodon e entender como funcionan as redes federadas.

Data por confirmar


4- Domótica básica con Home Assistant

Para empezar a automatizar cousas sinxelas con este potente sistema libre na túa casa, de forma fácil e asequible.

Data por confirmar


5 – Repair Café

Unha excusa para xuntarse, tomar un café e traballar colectivamente para reparar diferentes aparatos (ordenadores, electrodomésticos, etc), e así prolongar a súa vida útil e reducir a xeneración de resíduos.

Data por confirmar


6 – Como montar unha consola retro cun ordenador vello.

Data por confirmar

ESFRadio: Reciclar para reutilizar

Hoxe estreamos novo formato en ESFRadio: “Un tema de ESF Galicia”. Serán programas que esperamos sacar unha vez ao mes onde afondar nun tema que nos interese, dando a coñecer actividades que facemos en ESF Galicia relacionadas co mesmo.

Hoxe o tema é “Reciclar para reutilizar“. Nel tocamos temas de reparabilidade de aparatos e coñecemos os Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre de Galicia. Para iso falaremos con persoas de Enxeñería Sen Fronteiras, voluntarias dos distintos bancos, e tamén con persoas de Ecos do Sur e IEEE-Vigo. Mesmo podemos coñecer a unha das voluntarias do que pode ser o incipiente banco de Ourense!

Pódese escoitar en Spotify e tamén aquí:

Produción e montaxe: Jorge Lama

Participan: Marc Romero (narrador), Elena Salgado (narradora), Daniel Vila (voluntario “argalleiro” de ESF), Ana Rodríguez (unha das impulsoras do incipiente banco de Ourense), Sergio Alvariño (falando do Banco de Reciclaxe Electrónica da Coruña, do que é un dos impulsores), Sergio Fernández (técnico de proxectos de ESF), Jose González (un dos impulsores do Banco en Vigo e membro de ESF e IEEE) e Natalia Monje (de Ecos do Sur). Grazas a todas por facer posible este novo episodio de ESFRadio!