Posts

NOVO PROXECTO: Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega. Fase 2

Durante os seus xa 30 anos de historia, Enxeñería Sen Fronteiras veu traballando no cumprimento dunha das súas liñas de traballo fundamentais: a creación dunha cidadanía crítica, facendo especial énfase no uso da tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común. O concepto de “Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano” (ou para o ben común e a emancipación, como vimos denominándoo ultimamente), parte de cuestionar o uso histórico da tecnoloxía e apostar por unha tecnoloxía participativa e non excluínte que permita lograr a equidade e a xustiza social cun enfoque de ben común.

Con este proxecto preténdese continuar o traballo no Programa Tecnoloxía Sen Fronteiras de promoción e visibilización da tecnoloxía para o ben común nas universidades públicas galegas (chamámolo agarimosamente ESF na Uni) que ESF Galicia comenzou a traballar da rede de profesorado Artigo9Tech en 2020. Nesta segunda fase se incorpora como membro do consorcio Arquitectura Sen Fronteiras (ASF), a outra ONGD especializada no eido tecnolóxico e vinculada á universidade (que, xunto con ESF, foi tamén impulsora da rede Artigo9Tech cando empezou a crearse en 2019). Terá tamén financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, que se resolveu hai poucos días, se ben xa se leva desde xaneiro realizando actividades neste programa.


O eixo de traballo será, pois a promoción da tecnoloxía para o ben común na docencia, investigación e activismo da comunidade educativa universitaria galega de base tecnolóxica. Este traballo segue a ser moi pertinente e queda moita marxe de mellora, como amosa a liña de base levantada na fase 1.

Continuaremos polo tanto coas dúas grandes liñas de traballo segundo o grupo de persoas da comunidade universitaria destinatarias ou protagonistas:

  • Liña alumnado, para promover un alumnado crítico e mobilizado, que poida participar máis aló das accións académicas formais e se involucre dende a súa época universitaria na transformación social, xa sexa a través de ESF, ASF ou doutras organizacións, pero sempre cun enfoque de voluntariado transformador. Se se consegue alumnado implicado e sensibilizado coa cidadanía global e o ben común, no seu día a día futuro (tanto persoal como profesional) tamén poderán ser axentes de transformación. Nesta liña se realizarán faladoiros en todas as escolas técnicas galegas, o programa “Abrindo as fiestras” (na fase 1 chamado “Fora da aula!”) para impulsar accións que unan actividades docentes con servizo social (apoiando elaboración de material), a participación no Programa de voluntariado internacional de Coñecemento doutras Realidades de ESF (a edición 2023 xa rematou coa estancia, dentro deste proxecto, de Juan) e apoio ao Premio Enxeñería Solidaria a TFM/TFG.
  • Liña PDI/PAS. É moi importante tanto pola súa acción institucional para incluír no día a día da universidade ese enfoque de cidadanía global, como pola compoñente investigadora que desenvolve o PDI (e que poidan enfocala cara a tecnoloxía para o ben común). Tamén por ser o PDI multiplicador cara o alumnado de coñecementos, habilidades e actitudes que poden fortalecer e poñer o foco nos dereitos humanos e o ben común. Nesta liña impulsaranse encontros de PDI/PAS que fortalecerán a rede Artigo9Tech, o programa de mulleres tecnólogas, o programa de investigacións enfocadas á tecnoloxía para o ben común (que funcionou moi ben na fase 1), así como impulsar exemplos de visibilización e comunicación de enfoques didácticos e investigadores participativos co programa “Fóra do despacho!” ou, xa algo máis ambicioso (que ademais pode darlle solidez e sustentabilidade ao grupo Artigo9Tech). Tamén se pretende, tralo estudo de viabilidade realizado na fase 1, pasar xa ao deseño dun Mestrado Interuniversitario de Tecnoloxía para a Innovación Social e a Sustentabilidade (quen sabe se algún día se poderá poñer en marcha algo así no SUG). Quérese incluir tamén como compromiso de mellora na coherencia institucional da universidade, a elaboración dun estudo sobre as cátedras empresariais existentes na universidade e outras colaboracións con empresas, para que a universidade tamén poida influir na mellora das prácticas das empresas coas que colabora e non se quede só en colaboración para facer Academic Washing a empresas que queren lavado de cara pero as súas prácticas no eido da tecnoloxía para o ben común deixan moito que desexar.

Cabe mencionar o enfoque de xénero que se pretende incluír neste proxecto, o cal nun eido como o tecnocientífico ten unha importancia (e dificultade) especial, tanto na participación, como na co-responsabilidade do proxecto, como no comité de seguimento e as accións concretas. ESF e ASF pretenden coas súas actividades a xeración dunha cidadanía global crítica e comprometida coa loita contra a pobreza a través da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano, para o cal terá en todas elas un protagonismo destacado o voluntariado, como co-responsable do seu deseño, execución, seguimento e avaliación, tendo persoas colaboradoras dentro do alumnado e tamén dentro de PDI/PAS na propia rede Artigo9Tech que facilitarán o traballo de transformación da universidade “dende dentro”.

Para a difusión empregaranse sobre todo canles 2.0 e a través da comunidade de ASF, ESF e do grupo Artigo9Tech (e das organizacións coas que se vaia colaborando en cada actividade), así como tratando de potenciar as áreas de sistematización de experiencias e tamén a de comunicación en medios convencionais, e por suposto nos máis académicos apoiados no concepto de Open Access ou Acceso Aberto ou Libre (para visibilizar neles tamén a acción de Artigo9Tech con ese enfoque de tecnoloxía para o ben común).

Levantarase unha liña de base específica nun centro concreto (a Escola de Arquitectura da UDC), polo desexo de ASF de afondar no traballo no que é o seu centro de referencia, de xeito que permitirá deseñar unha metodoloxía específica de estudo adaptada a cada centro. Servirá para coñecer a situación do centro con respecto á tecnoloxía para o ben común e o dereito ao hábitat no seu desempeño organizativo, docente e de investigación. Así, se poderá aplicar en fases posteriores ir vendo as necesidades, apertura e posibilidades concretas de introdución deste enfoque alternativo da tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos escola por escola.

FICHA DO PROXECTO

Título: NOVO PROXECTO: Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega. Fase 2

Data execución: xaneiro 2023 a novembro 2024

Financiador: Xunta de Galicia, Cooperación Galega

Orzamento: 55.150 €


Boletín Oficial ESFeiro: xuño 2023

Pódese escoitar a versión sonora deste boletín en conxunto coa do mes de xullo neste enlace.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Este mes, por segundo ano consecutivo, tivemos a sorte de participar na Asemblea da Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (cun obradoiro de licenzas libres e bancos de reciclaxe con software libre para impulsar nos institutos, e un pequeno espazo na Asemblea Xeral para presentarnos e falar do programa Hackers Sen Fronteiras). 

    Fixemos un faladoiro na Escola de Minas e Enerxía da UVigo para que Xoel, participante no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades en 2021 e estudante desa escola, contara a súa experiencia.

    Participamos nas sesións de Vigo e A Coruña da Semana da Cooperación Universitaria, nas mesas de Alianzas ONG-Universidade e de Persoas na Cooperación respectivamente.

    A actividade dos Bancos de Reciclaxe con Software Libre seguiu nos locais semana a semana, pero ademais estiveron 2 representantes nada menos que no congreso EsLibre en Zaragoza, falando desta iniciativa. A finais de mes tiveron tempo de organizar a terceira das xornadas do curso de Autodefensa Dixital que se leva a cabo na Domus da Coruña. Esta vez falaron do Fediverso e as redes sociais federadas como Mastodon, como alternativa a twitter (e a outras manexadas polas grandes multinacionais tecnolóxicas que comercian cos nosos datos persoais). Aquí podes ver a presentación utilizada.

    Xa rematando o curso, aínda houbo movemento no programa Hackers Sen Fronteiras de tecnoloxía para o ben común nos instis de secundaria. Houbo un par de obradoiros para 3º da ESO do IES Curtis sobre cacharreo con computadoras (a xente dos bancos de reciclaxe non para!), así como outro de tecnoloxía inclusiva para persoas con problemas de mobilidade no IES Isaac Díaz Pardo de Sada.

    Incluso tivemos ocasión de participar na mesa redonda en liña de Conectividade Global Efectiva, organizada pola Asociación de Enxeñería de Telecomunicacións de Galicia, onde falamos sobre como poñemos en ESF as TIC ao servizo de ben común. Aquí a podes ver!

    Quedounos aínda tempo para proñoñer en redes sociais unha pequena adiviña tecnolóxica que agora tamén deixamos aquí. Ademais, deixamos unha reflexión polo Día do Comercio Xusto, un deses que deberían durar todo o ano…


HONDURAS

   En Honduras estívose presentando o traballo de CODDEFFAGOLF nos proxectos que ten en marcha no Municipio de Marcovia, como parte da coordinación que é importante facer coas administracións públicas locais nos proxectos de cooperación. Ademais, hubo o II Foro comunitario “Cambio Climático con enfoque al manejo de cuencas hidrográficas”, impulsado tamén por CODDEFFAGOLF.

   Rematouse o proxecto coa Deputación da Coruña, do que pronto deixaremos un resumo, pero aquí vai un adianto.

  Traballouse arreo para preparar o deseño de dous proxectos que se presentan a principios de xuño para ser financiados á Cooperación Galega da Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación, nos dous programas que temos en marcha no país: Dereito á Auga e Soberanía Alimentaria. Aquí se pode ver o traballo cun caso concreto dunha aldea (Tres Piedras) cuxo abastecemento de auga se incĺúe nos proxectos (con video incluido!). Cruzamos os dedos!


MOZAMBIQUE

En Mozambique, todo está preparado para que o domingo 4 de xuño chegue a Galicia a visita de Lizete Dias, Xefa del Departamento Recursos Hídricos e Ernesto Tivane, técnico Recursos Hídricos, da Administraçao Regional das Águas do Sul de Moçambique (un dos socios máis antiguos do programa). Estarán toda unha semana visitando distintos proxectos e facendo encontros técnicos con persoas de Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Consellería de Infraestruturas, Cooperación Galega da Xunta de Galicia, da Universidade da Coruña e, como non, coa nosa base social. Aquí se pode ver a axenda completa.

   Por outra banda, pronto teremos ademais dispoñible unha clarificadora infografía sobre o que estamos a facer, dentro da campaña que impulsaremos para visibilizar o traballo de Aqua Moz todos estes anos.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Imos recomendar este mes a performance da artista hondureña Scarlett Rovelaz, Fluidez-Thyssen. Vaina interpretar o 28 de xuño no Museo Thyssen, que nos queda algo a desmán, pero que tal vez alguén de vós vos cooincida estar por alí… Seguro que paga a pena!


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

Os meus silencios non me protexeran. O teu silencio non te protexerá

Audre Lorde