Posts

Xa temos centro gañador do II Concurso de iniciativas didácticas sobre Tecnoloxía para o Ben Común

O Centro Público Integrado de Zas acadou o premio coa súa proposta de proxecto Clics seguros en Zas. O obxectivo desta iniciativa, é a de sensibilizar ao alumnado sobre os riscos e ameazas existentes na rede e nos dispositivos dende os que acceden á ela, así como das dificultades que acarrexa a fenda dixital e o por que da súa existencia.

Para elo, o alumnado de toda a ESO traballará conxuntamente. Os cursos máis pequenos levarán a cabo a análise ética e crítica do uso dos dispositivos dixitais, e crearán contidos didácticos sobre a protección dos datos e da saúde persoal. O alumnado de 3º aprenderá sobre como protexer a nosa pegada dixital que deixamos na Internet, como crear e gardar contrasinais con seguridade e sobre o que hai detrás das condicións de privacidade das redes sociais. E 4º afondará na repercusión e beneficios do desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de carácter social por medio de comunidades abertas.

O material elaborado compartiranno uns cursos cos outros, vendo a importancia do traballo en rede, creando un punto de información sobre ciberseguridade no centro. E non queda aí. Sairán ás rúas para levar o seu proxecto ao concello e a institucións que traballen con xente maior. Deste xeito difundirán o aprendido coa xente da contorna, coidando de ser inclusivas co material xerado para non deixar a ninguén atrás.

Este concurso é posible grazas ao programa Hackers Sen Fronteiras, no que estamos na segunda fase, coa cofinanciación de Cooperación Galega.

II Concurso de iniciativas didácticas de tecnoloxía para os dereitos humanos no ensino secundario galego

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia organiza un concurso para o financiamento dun proxecto didáctico en tecnoloxías para o ben común no ensino secundario público, incluíndo FP.

A convocatoria enmárcase dentro do proxecto Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, fase 2, financiado pola convocatoria de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global 2024 de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Obxectivo

Promocionar a introdución de elementos e enfoques de tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos en centros públicos de ensino secundario.

A convocatoria ten como obxectivo que se desenvolvan propostas didácticas nas que se dea visibilidade o papel que a tecnoloxía pode ter para transformar o mundo promovendo valores como a igualdade de oportunidades, a re-apropiación tecnolóxica ou a tecnoloxía para os dereitos humanos. A tecnoloxía para o ben común enténdese dun xeito amplo, onde tan importante como o elemento tecnolóxico “duro” é o xeito de manexalo e a reflexión de quen decide sobre a tecnoloxía (o que se adoita chamar gobernanza). 

Quen se pode presentar?

Un ou máis centros públicos de ensino secundario, incluíndo de FP, de Galicia, liderados por unha persoa docente (co equipo de colaboradoras que desexen).

Os únicos requisitos indispensables son que o centro ou centros participantes sexan todos públicos e que a actividade ou proxecto involucren alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria ou de Formación Profesional (podendo tamén incluír, a maiores, alumnado de Bacharelato).

Cal é o importe?

O premio deste concurso é dun total de 600€. 

O premio transferirase nun único pago á conta bancaria do centro ao que pertenza a persoa docente responsable antes do 20 de decembro de 2024, para que dispoña dos fondos de xeito anticipado para a realización do proxecto

Cómo participar na convocatoria?

Enviando un correo electrónico a info@galicia.isf.es.

No asunto indicarase CONCURSO HACKERS SEN FRONTEIRAS. 

No corpo do correo-e indicarase o nome do proxecto, o centro ou centros promotores, o nome da docente que encabeza o proxecto e o seu contacto (correo-e). 

Como arquivo anexo ou descargable, enviarase a descrición da proposta, que pode presentarse en formato pdf (sexa texto ou texto acompañado de imaxes ou infografías, cun máximo de 10 páxinas) ou en calquera tipo de formato audiovisual (non superior a 3 minutos de duración). En calquera caso, nesta descrición da proposta debe constar como mínimo:

  • Título do proxecto ou actividade.
  • Centro ou centros involucrados.
  • Profesorado involucrado e departamento/s e/ou materias.
  • Número de alumnas e alumnos participantes (desagregados por sexo) e cursos involucrados.
  • Antecedentes e xustificación do proxecto ou actividade.
  • Obxectivos.
  • Como se lle vai dar difusión e a que grupos (só alumnado participante, todo o centro, participación da ANPA, encontros con outros centros?).
  • Descrición das actividades e produtos esperados e pertinencia con respecto ao obxectivo previsto.
  • Orzamento da proposta e adecuación coas actividades previstas. O centro ou centros poden co-financiar a actividade para chegar a un máximo de 1200 euros (600 do premio e outros 600 doutros aportes que poidan acadar).

Prazo

Pódense presentar propostas até o 4 de decembro de 2024. 

Os resultados do proceso de selección comunicaranse o 13 de decembro de 2024. 

O proxecto seleccionado deberá desenvolverse entre xaneiro e xuño de 2025. Ao rematar o proxecto, deberá presentarse un dossier de execución con material gráfico sobre as actividades realizadas e os produtos obtidos, así como entradas en redes sociais ou outras canles de difusión.

Avaliación

O comité de avaliación estará composto por tres membros do grupo de Educación para a Cidadanía Global de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, polo menos un dos cales será docente en activo de educación secundaria.

Valorarase:

  • O axuste do proxecto ou actividade docente ao concepto tecnoloxía para o ben común e para os dereitos humanos 
  • A viabilidade técnica e económica do proxecto.
  • A implicación de diversos axentes da comunidade educativa e da sociedade do entorno do centro ou centros.
  • A visibilidade da actividade incluíndo as actividades de difusión previstas.
  • O grao de participación e apropiación da actividade ou proxecto por parte do alumnado.
  • Que se desenvolva en centros de ensino de concellos rurais.

Para calquera dúbida sobre as condicións da convocatoria, é posible contactar no enderezo: info@galicia.isf.es co asunto “Dúbida convocatoria concurso Hackers Sen Fronteiras”.