Posts

Boletín Oficial ESFeiro: xaneiro 2023

Se prefires a versión resumida en podcast, aquí podes escoitala!

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En decembro continuamos o proxecto de Hackers Sen Fronterias, con faladoiros en centros de ensino de secundaria sobre distintos aspectos da tecnoloxía para o ben común. A principios de mes estivemos en Curtis facendo o faladoiro introductorio para 1º, 2º, 3º e 4º da ESO. Logo foi o turno do IES de Celanova, onde falamos sobre soberanía alimentaria a FB básica, 1º de bacharelato e 3º da eso, e onde Martina e Lucía contaron a súa experiencia como mulleres tecnólogas polo ben común a 4º da ESO.

    Precisamente o grupo de Mulleres Tecnólogas para o Ben Común de ESF tivo un par de encontros presenciais en decembro, en Santiago (aproveitando o encontro da base social de outono, a nosa Xuntanza) e en A Coruña, para ir facendo grupo.

    Ademais da Xuntanza de principio de mes, que aproveitamos para celebrar a nosa Asemblea Xeral (onde aprobamos novos estatutos!) e outras sesións coa base social que foron moi curativas, tivemos a final de mes a comida de Nadal, que xa empeza a ser tradición. Aproveitamos para falar de moitas cousiñas, coñecerse moita xente que está fora e aproveita as festas para vir a Galicia e, en resumo, vertebrar.

    O proxecto de tecnoloxía para o ben común nas universidades galegas, que financiou a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo e comezara en 2021, chegou ao seu fin da súa primeira fase. Tivemos un encontro en A Coruña da rede Artigo9Tech para facer ese peche, que serveu para compartir as iniciativas de investigación en tecnoloxías para o ben común financiadas pola rede e pensar no futuro da propia rede. Na nosa web fomos deixando os resumos das 4 iniciativas apoiadas:

  • VisualTech, plataforma para mapeo de produtos de apoio de baixo custo
  • ATOPA, app para mellorar a convivencia nas aulas
  • Xogando coas letras, ferramenta didáctica para mellorar a lecto-escritura de persoas con dificultades 
  • INVIT, Innovación en vivenda transicional como proceso para a recuperación das persoas desprazadas

    Tamén como peche deste proxecto, lle adicamos o especial de Nadal de ESFRadio á rede Artigo9Tech e a esas iniciativas, con varias das investigadoras involucradas. A principio de mes saíra ao aire o programa de ESFRadio sobre “moedas sociais”, onde tivemos connosco dúas persoas impulsoras dunha moeda social galega, A Sabia.


HONDURAS

    En Honduras durante decembro só nos quedou unha das tres persoas que participaron en 2022 no Programa de Coñecemento da Realidade, Mateo. A súa crónica sobre o barrio foi a última antes de rematar a súa estancia. Tamén foi o cronista do encontro que, dentro do proxecto ‘Mejora de la gestión comunitaria del agua en el sur de Honduras, Fase 1’, financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia, tivo lugar para intercambio sobre boas prácticas de xestión da auga e as microcuncas no sur de Honduras.   

    Por outra banda, abrimos unha praza para persoal técnico expatriado en Honduras, que se incorpore ao equipo de 3 persoas que xa están no país. A mediados de xaneiro esperamos ter á persoa.


MOZAMBIQUE

En Mozambique, co proxecto no que ESF colabora con Augas de Galicia, decembro foi un mes de peche de ano, con traballo da Administraçao Regional da Agua do Sul nas súas propias labores administrativas e de xestión. Ademais, tramitouse a bolsa para un dos seus técnicos de xeito que puidera completar o seu mestrado en Hidráulica e Recursos Hídricos na Universidade Eduardo Mondlane, na súa Facultade de Engenharia. En Galicia, estivemos xa empezando o deseño de como queremos que sexa a imaxe e a difusión deste proxecto, ao que queremos visibilizar moito máis. Para iso contaremos coa colaboración de AGARESO, especialistas nestes temas coas que xa temos traballado no proxecto que vén de rematar de Mulleres Bravas.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Empezamos o ano bailongas coa lista de reprodución de “Mujeres que cambian el mundo, unha lista con músicas de mulleres de todo o mundo que reivindican os seus dereitos e bailan a revolución.


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

Leváronnos a todos a imaxinar un modelo que só contempla a competencia. Estamos todos enloquecidos competindo uns cos outros.

Xavier Soler, en entrevista podcast RAdiactivas

Crónicas dende Honduras, 5.

Xa temos a Carmen de volta en Galicia, pero quere despedirse coa crónica dos seus últimos días en Honduras.


As seguintes semanas foron tamén de gran actividade con CODDEFFAGOLF.

O acompañamento ao programa de Investigación para a recollida de cámaras trampa (para facerlle fotos aos animais da Isla Exposición) foi unha aventura estupenda, abrindo paso co machete, puidemos ver fauna coma unha tarántula, unha tartaruga, ou comprobar como pican as formigas.

Tamén nos invitaron a acompañalos na recollida de medusas para a comprobación do seu nivel de toxicidade. Da man do persoal técnico puidemos apreciar distintos tipos de manglares e aprender un pouco sobre a fauna autóctona: camaróns, gaivotas, o curil, crocodilos (estes quedamos cas gañas de velos; de lonxe).

Visitamos outros proxectos moi interesantes e que na miña opinión poden ter un grande impacto, como é o proxecto de ecoturismo na comunidade na praia de Boca de Río Viejo, onde se plantexa a consolidación de campamentos para a observación da solta de tartarugas. O lugar é privilexiado, aínda sen electricidade ou canalización de auga, e todavía relativamente libre de contaminación.

Tamén puidemos visitar o proxecto de gobernanza das mulleres marisqueiras de Amapala, onde atopamos a Dona Lourdes e Dona Alba, ás que puiden escoitar fai anos nun coloquio na súa visita a Galicia da man de ESF.

Igualmente participamos en reunións sobre o proxecto de construción do paseo marítimo de San Lorenzo, ou da man de Raquel para a formulación dun pequeno proxecto de xénero, ambos con NASMAR.

E puidemos aportar un pouquiño impartindo unha charla sobre protección de datos ao equipo de CODDEFFAGOLF, cun pequeno plan de seguridade para a organización, un coloquio sobre a Navegación segura por Internet e Tecnoloxía ética coa Rede de Jóvenes que resultou moi interesante e participativo, ou a dinamización da Xornada de concienciación ambiental e fortalecemento organizativo e de comunicación da Red de Jóvenes, que foi un éxito e no que a principal concienciada, fun eu 🙂

Nas findes seguimos coñecendo a zona, visitando San Marcos de Colón, moi preto da fronteira con Nicaragua, con filas de camións esperando para pasala, ou de visita con Raquel ao pobo de Ojojona, famoso pola súa artesanía e onde puidemos mercar o jícaro, cuenco elaborado a partir do fruto do jícaro. Tamén coñecimos a noite de San Lorenzo, moi divertida aínda que chea de reguetón…

En resumo, foi unha experiencia inolvidable que espero deixe marca, de aprendizaxe continuo, grazas á cantidade de lugares e proxectos distintos e interesantes que visitamos, pero sobre todo grazas ás persoas que compartiron o seu tempo connosco alí, que che amosan e explican a realidade hondureña, afondando na comprensión da situación e ás inxustas diferenzas respecto ao noso entorno, e polo tanto a ESF, que promove e facilita esta sensibilización de primeira man.

Boletín Oficial ESFeiro: novembro 2022

Aquí tes a versión sonora do boletín!

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

Este mes xa se publicou o manifesto que apoiamos dende ESF de Agroecoloxía ou Barbarie. A finais de mes participamos nun Café do Mundo sobre Renda Básica Universal (recuperamos un video moi chulo sobre este instrumento de mellora da igualdade entre as persoas e aseguramento de dereitos), que servía para inaugurar o XXI Simposio Red Renta Básica.

Dentro do programa de tecnoloxía para o ben común nas escolas técnicas das universidades galegas, fixémonos eco do TFG presentado en setembro na EPS de Lugo, no Grao de Enxeñería Forestal e do Medio Natural.

Na Coruña tivemos ocasión de cacharrear grazas ao Cafe Repair que organizamos na Domus. Falando de reparar, os Bancos de Reciclaxe con Software Libre siguen traballando, e tiveron tempo de facer unha pausiña para a súa reunión anual, que desta volta foi en Melide. Ademais, houbo unha formación na Coruña sobre tratamento de datos dixitais e seguridade dixital.

Tamén foi un mes para dar a coñecer o programa Secara de Mozambique, cun faladoiro informal en Santiago, e tamén en Santiago unha xornada máis técnica enfocada ás persoas de Augas de Galicia.

Estivemos, dentro do noso programa Hackers Sen Fronteiras, no IES Valadares de Vigo falando de Electrónica Ética, e no IES San Rosendo de Mondoñedo falando de tecnoloxía para o ben común.

Rematamos o mes de xeito grandioso na reunión de todas as ISF de España, á que chamamos “Cósmica“, que 8 anos despois volvía a Galicia, na cidade de Lugo. Grabamos un programiña de ESFRadio para contar como foi.


HONDURAS

    En Honduras, Raquel (a nosa representante-país Honduras) estivo falando sobre Comercio Xusto a compoñentes da Red de Jóvenes por el Clima. Tivemos unha visita dunha delegación de Vía Campesina, cunha persoa do Sindicato Labrego Galego nela (sindicato que é a rama de Vía Campesina en Galicia). En outubro viaxaron a Honduras Mateo e Carmen, participantes no Programa de Coñecemento da Realidade, que se uniron a Nicole, que xa viaxara a finais de setembro. Xa empezaron a chegar crónicas das súas experiencias na estacia, que se prolongarán entre mes e medio e 3 meses.


MOZAMBIQUE

En Mozambique, tras a visita de Víctor e Manuel, vai vento en popa o inicio do traballo coa Administración Rexional da Auga do Norte. Tamén continua o traballo coa ARA-Sul, que xa está subindo os boletíns de seca á súa web.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

Este mes volvemos á música. Recomendamos a canción Hombre, de Pedro Pastor, no seu álbum Vulnerables.


E NO PRÓXIMO MES …


A ESF-RASE DO MES

Estamos investindo o noso tempo e os nosos esforzos en tecnoloxías que non están deseñadas para axudarnos a afrontar a crise do noso tempo, que é a crise climática. Están deseñadas para controlarnos e enfrontarnos
Marta Peirano

Saíndo da aula: TFG nunha subcunca do Río Limpopo, Mozambique

Dentro do programa que temos en marcha de Promoción da Tecnoloxía para O Ben Común nas Universidades Galegas, apoiado por Cooperación Galega, unha das actividades que tratamos de fomentar é a realizacións de traballos académicos e TFM/TFG, como parte da actividade “Fóra da aula!”.

No mes de setembro o alumno Ismael Porras Tejada presentou na Escola Politécnica Superior da USC en Lugo o traballo de fin de grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural Análise e diagnóstico territorial e identificación de áreas de actuación nunha subcunca hidrográfica na provincia de Gaza, Mozambique. É un estudo técnico análise dos condicionantes do medio físico e a súa influencia no desenvolvemento das actividades socioeconómicas e culturais nunha das subcuencas hidrográficas do río Limpopo, en Mozambique, co fin de orientar a posta en marcha de proxectos de desenvolvemento.


Vinculándose co traballo que ESF impulsa con Augas de Galiciano país, se traballou de forma cooperativa marcándose como obxectivo levar a cabo un estudo dalgunhas áreas situadas neste país africano para analizar como afecta á poboación as condicións de seca que esta poidan darse para tentar buscar alternativas.


Con tal fin, desenvolveuse un estudo mediante sistemas de información xeográfica (SIG) que inclúe a análise tanto do medio físico, con especial énfase no impacto da seca e outros condicionantes climáticos, como o socioeconómico, empregando ferramentas e bases de datos demográficos libres dispoñibles. Desta forma, identificáronse aquelas áreas nas que a variación dos factores ambientais poidese afectar á poboación máis vulnerable co fin de poder entender de forma simplificada e global a situación destas zonas e cales son os puntos ou as posibles alternativas coas que poder axudar á poboación local, xenerando un DAFO e unha serie de estratexias adaptadas, con fichas sinxelas de actividades propostas. Unha aproximación dende o académico á problemática do cambio climático e estratexias de mitigación en zonas como o trópico seco mozambiqueño, que intenta ademais introducir a concienciación nestes temas no curriculum das carreiras técnicas.

Pódese consultar na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, ou contactándonos para solicitalo.

NOVO PROGRAMA: Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, fase 1.

Dende a súa fundación en 1993, Enxeñería Sen Fronteiras veu traballando como unha das súas liñas de traballo fundamentais a creación dunha cidadanía crítica, facendo especial énfase no uso da tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común.

O enfoque de “Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano” (ou para o ben común e a emancipación, como vimos denominándoo ultimamente), parte de cuestionar o uso histórico da tecnoloxía e apostar por unha tecnoloxía participativa e non excluínte que permita lograr a equidade e a xustiza social cun enfoque de ben común. Este enfoque comprende os coñecementos, mecanismos e estratexias que fan que certas solucións técnicas potencien a calidade de vida das persoas de xeito inclusivo. Para isto é necesario entender a tecnoloxía non coma un fin en si mesmo, senón coma un medio, e dentro dun contexto social, económico e cultural.

Con este novo programa quérese impulsar o concepto de tecnoloxía para o ben común na docencia da comunidade educativa do ensino secundario galego de base tecnolóxica.

Para conseguir este obxectivo, o eixo principal do proxecto que será a súa Fase 1, é o inicio dun traballo, con vocación de continuidade, con 3 centros piloto de ensino secundario, fora das 7 grandes cidades galegas, en 3 provincias distintas: Celanova, Mondoñedo e Curtis. Tamén se quere facer traballos puntuais noutros centros, que permitan ir ampliando a rede e dando a coñecer a iniciativa, apoiándose na asociación APETEGA, en cuxa asemblea de primavera 2022 se presentou o proxecto.

Por que o nome de Hackers Sen Fronteiras? Queremos reivindicar a curiosidade, o empoderamento tecnolóxico e o cuestionamento á propia tecnoloxía sen renunciar a ela que impulsa a este movemento (e que fixo que se vira cuestionado e perseguido, como se conta neste artigo).

Deste xeito, no programa hai tres grandes liñas de traballo:

  • Liña profesorado, especialmente enfocado ao profesorado de tecnoloxía ou a aquelas accións de centro nas que a tecnoloxía teña un papel destacado. Tratarase de acompañar e dar apoio a prácticas docentes con enfoque de cidadanía global, dado o papel clave ao ser multiplicadoras cara o alumnado de coñecementos, habilidades e actitudes que poden fortalecer e poñer o foco nos dereitos humanos e o ben común. Nesta liña impulsaranse apoio en ferramentas didácticas, creación participativa de novas ferramentas, análise de materiais xa existentes vendo como incorporan a perspectiva de tecnoloxía para o ben común, e a participación no programa de coñecemento da realidade de países onde ESF traballa en cooperación ao desenvolvemento dunha persoa docente (prioritariamente, dos centros piloto).
  • Liña alumnado, polo interese de ESF en promover un alumnado crítico e mobilizado, que poida participar máis aló das accións académicas formais e vaia obtendo unha base que impulse a súa cidadanía activa. Se se consegue alumnado implicado e sensibilizado coa cidadanía global e o ben común, no seu día a día futuro (tanto persoal como profesional) tamén poderán ser axentes de transformación. Se propón un catálogo de até 20 faladoiros/obradoiros de curta duración nos centros piloto participantes, que se agrupan en packs ou itinerarios temáticos (que dende o centro poden escoller para distintos cursos). Este catálogo tamén estará dispoñible para outros centros que xa amosaron interese, e outros que poidan xurdir. Ver aquí catálogo e itinerarios. Tamén se traballará en impulsar algunha acción en cada centro piloto que teña un maior recorrido e, sobre todo, maior protagonismo por parte do alumnado (e o profesorado), á que se coñecerá como Comandos Hacker.
  • Liña creación de rede, polo interese en visibilizar o traballo que se desenvolverá co proxecto (e outros na mesma liña que se puideran estar xa desenvolvendo). Se impulsará a creación dunha rede ou grupo de traballo de profesorado no eido da tecnoloxía para o ben común, así como un encontro de alumnas interesadas na tecnoloxía dos distintos centros participantes a modo de rede, e un Premio Hackers Sen Fronteiras a iniciativas docentes de tecnoloxía para o ben común en secundaria.

En 2022-2023 levantarase unha liña de base para estudar en que medida ese enfoque alternativo da tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos é coñecida na comunidade do ensino secundario tecnolóxico galega e que acollida ten.

Cabe mencionar o enfoque de xénero que se pretende incluír neste proxecto, dado que a fenda en estudos técnicos comeza xa a notarse no ensino secundario, ten unha importancia (e dificultade) especial, tanto na participación, como na co-responsabilidade do proxecto, como no comité de seguimento e as accións concretas. A rede mencionada de alumnas, varios obradoiros (como os impulsados dentro do programa de mulleres tecnólogas para o ben común) e propostas de traballo no eido da fenda de xénero na tecnoloxía (incluindo un pack), ou un apartado específico da liña de base para entender mellor esa fenda nos estudos tecnolóxicos son algúns dos elementos incorporados.

ESF pretende coas súas actividades a xeración dunha cidadanía global crítica e comprometida coa loita contra a pobreza a través da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano, para o cal terá en todas elas un protagonismo destacado o voluntariado da nosa base social, como co-responsable do seu deseño, execución, seguimento e avaliación, tendo persoas colaboradoras dentro do profesorado e tamén entre as persoas que impartirán obradoiros de distintas temáticas.

Programa de Coñecemento da Realidade. Honduras 2022

Xa está aberta a convocatoria do Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) 2022 de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia. Se che interesa o voluntariado de cooperación para o desenvolvemento para coñecer novas culturas e aumentar o teu compromiso solidario, podes presentarte até o 1 de marzo. Temos 3 prazas para participar no programa, que inclúe estancia de 2-3 meses en Honduras antes de finais de 2022, coñecendo os nosos proxectos e o xeito de traballar das organizacións hondureñas coas que traballamos dende xa hai anos.

Aquí están as bases da convocatoria. Máis información en info[arroba]galicia.isf.es

Coñecendo a realidade en Honduras. Zona Caribe, luces e sombras…

Parece que foi onte cando Xoel e Eva chegaron a Honduras como parte do seu Programa de Coñecemento da Realidade. Xa na súa recta final, aproveitaron uns días de vacacións para coñecer outras zonas do país (é difícil resistirse a visitar a zona Caribe!). Aquí nos contan como foi!


Estamos na recta final da nosa estadía e non nos chegan as palabras de agradecemento por ter tido a oportunidade de estar vivindo esta experiencia e poder encher a mochila de novos aprendizaxes, aventuras, lugares e persoas.

Aproveitamos a semana Morazánica para viaxar e coñecer o norte do país, lindeira ao Mar Caribe. Era obrigado bañarse nese mar e contemplar a vida que alberga nel. Comezamos a viaxe en La Ceiba, punto de conexión con todos os destinos aos que queríamos chegar.

A primeira saída foi a Cayos Cochinos, formado por 13 illotes e 2 illas máis grandes (unha delas é onde se grava o reality show Supervivientes). Estas illas da Bahía son un auténtico paraíso, onde vimos boas rosadas salvaxes, o único lugar do mundo onde se pode ir paseando e atoparse con elas, fixemos snorkel nunha das mellores barreiras de coral e puidemos observar as instalación da illa onde se fai o programa de TV que tivemos sorte de que non estiveran gravando, xa que nos meses onde se está emitindo teñen prohibido a entrada na illa e o percorrido polas súas proximidades.

Finalizamos o día por estes cayos nun onde habita unha comunidade indíxena garífuna, que resisten e loitan polo seu dereito de estar nesa terra tan apreciada polas empresas turísticas. Entre area e casas de madeira, viven 30 familias que te reciben cun sorriso, música e baile punta. Alí probamos o pan e os doces de coco, ademais do Gifiti, bebida propia da comunidade garífuna, para espantar os malos espíritos, feita con auga ardente e raíces varias.

Continuamos a nosa viaxe por Utila, pequena illa chea de turistas, hippies e persoas aficionadas ao mergullo que aproveitan a oportunidade de practicalo e sacarse algún título. E como nós non podíamos ser menos, tamén quixemos saber como era iso de mergullarse entre coral, augas turquesas e peixes de cores incribles. E foi inesquecible!

Visitamos as poucas praias públicas da illa que foron unha auténtica marabilla, xa que a maior parte dela son zonas privatizadas por resortes e casas privadas.

Rematamos a viaxe en Roatán, a illa máis grande de toda a Bahía. Nela puidemos camiñar ata as zonas máis turísticas e alucinar coa actividade que esas praias albergaba! Había persoas en kayak vendendo cocos, cócteles e demais delicias para todas as persoas que estaban desfrutando do mar. Grazas a que arrendamos unha moto puidemos ver as zonas máis aloxadas e masificadas e poder sentir a esencial real do Caribe.

En Punta Gorda existe a primeira comunidade garífuna que a día de hoxe se conserva e segue moi viva, onde hai un centro cultural que mantén viva a historia, imparte clases de punta e de cociña e demais eventos. Foi moi emocionante poder estar nesta comunidade onde teñen tan presentes as súas raíces.

Rematados estes días de ocio, diversión e moita aprendizaxe, volvemos a San Lorenzo para retomar a actividade coas copartes (as organizacións hondureñas coas que colabora ESF) e as cousiñas que nos quedan pendentes antes de volver á Galiza.

Crónica do Programa de Coñecemento da Realidade Honduras 2021, III. Tartarugas golfinas

Desta volta é Xoel quen nos informa sobre a estancia del e de Eva en Honduras, dentro do Programa de Coñecemento da Realidade 2020-2021, que cofinancia Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

————————————————
Xa levamos 1 mes en Honduras terra catracha! Tras as dúas primeiras semanas de adaptación xa comezamos a entender o funcionamento das xentes desta fermosa terra, a gozar da súa cultura, das súas comidas, das súas froitas, e incluso do seu clima tan diferente ao noso.


Aproveitamos as fins de semana ao máximo visitando toda paraxe natural que podemos: Illa do Tigre, Illa dos Páxaros, Praia do Amor, Praia do Venado … E tamén comunidades moi acolledoras como Ojojona , San Marcos, El Zamorano entre outras tantas… O tempo pasa voando nestes novos lares.


Comezamos as colaboracións coas organizacións hondureñas, Eva dende CODDEFFAGOLF realizando numerosas actividades e obradoiros en temas de xénero e autocoidado e Xoel dende a Mancomunidad NASMAR axudando con levantamentos topográficos para logo poder construír sistemas de auga.


Unha das actividades máis molonas deste mes foi ir ao campamento tortuguero e axudar na recuperación da tartaruga golfina. Un sono feito realidade. Apertas dende Honduras, ESFeirxs! Vémonos na próxima entrada!

Adiadas as Xornada Cooperación ao Desenvolvemento e Multiculturalidade

Queda adiada até novo aviso a Xornada de Cooperación ao Desenvolvemento e Multiculturalidade, que terá especial énfase na realidade centroamericana e está pensada especialmente para quen ten previsto a curto ou medio prazo facer algún tipo de experiencia de voluntariado en cooperación internacional. A xornada terá un carácter eminentemente práctico e de diálogo para obter sabedoría colectiva, con moitas dinámicas e pouca “teoría”. A quen o desexe, se lle proporcionará material en liña para continuar o itinerario formativo posteriormente a esta sesión presencial.

A entrada será libre. Se ides acercarvos pregamos que avisedes en info[arroba]galicia.isf.es

DATA E LUGAR POR DETERMINAR

PROGRAMA (provisional)

Mañá

  • Presentación da xornada. Voluntariado internacional de ESF
  • Presentación das asistentes
  • Multiculturalidade e choque cultural

Tarde

  • Enfoques de traballo en voluntariado internacional en servizos básicos e tecnoloxía para o ben común
  • O arte nas experiencias de voluntariado internacional transformadoras
  • Xénero e coidados
  • Dúbidas
  • Conclusións e avaliación

Crónica visita de Teresa e Basilia, as mulleres da auga

Anunciábamos hai pouco tempo a visita da terceira parella de mulleres bravas de Honduras que nos visitaron en 2019, dentro do proxecto Coidadoras da Terra, financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Teresa e Basilia tiñan moito que contar da súa traxectoria na Asociación Hondureña de Juntas Administradora de Agua y Saneamiento-AHJASA defendendo o Dereito á Auga nunha zona, o trópico seco de Honduras, onde cada vez escasea máis a auga.

Elas nos contaron como nalgúns casos contan só cunha hora de auga cada 4 días nas traídas que ellas mesmas xestionan, como as mulleres van gañando relevancia na xestión da auga en moitas das comunidades (se ben queda moito traballo por facer), e como non é sinxelo contar co apoio da administración (porque mesmo cando hai vontade política, non existen medios técnicos nin financieros ante o que xa se pode considerar unha emerxencia hídrica).

Puideron ter un día de descanso trala viaxe para iniciar a semana, que curiosamente foi moi pasada por auga. De feito, era unha fonte de asombro constante para elas a cantidade de auga que veían por todos os lados. É certo que en Galicia é a terra dos mil ríos, pero precisamente por iso a cultura da auga en moitos casos deixa moito que desexar. E cando veñen anos complicados tamén hai certos problemas, aínda que as comparacións son odiosas… Mesmo en 2017, no segundo ano de seca (e a que máis se notou, tratada incluso nunha das nosas palestras), aínda que algunhas aldeas quedaron sen auga, se lles puido subministrar con camións cisternas, e na maioría simplemente houbo algunha restricción de auga (500-700 litros por casa e día foi habitual).

O martes 10 empezaron os encontros, primeiro ás 10:15 en A Coruña, na Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, con Acacia Naves (profesora da escola experta en Hidroxeoloxía, que colabora con Enxeñería Sen Fronteiras hai varios anos, e que estivo asesorando os dous últimos no programa de dereito humano á auga de ESF en Honduras) e Carlos Ameijenda (director do exitoso proxecto Life Abegondo, de traídas veciñais de auga).

Logo houbo tempo para grabar o segundo episodio do podcast ESFRadio, onde as entrevistaron, aquí se pode escoitar.

Pola tarde, ás 19:30, dentro da Semana polos Dereitos Humanos organizada pola Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC en Ferrol, puideron encontrarse na Escola Politécnica de Serantes con profesorado e estudantado, contando a súa experiencia na defensa do dereito á auga na súa zona, tras unha breve explicación do concepto de Dereito á Auga a cargo de persoas de ESF. Tamén tivo cabida no encontro o papel da enerxía no aseguramento do Dereito á Auga.

O mércores pola mañá empezou a visita a campo. O apoio da asoción Comunidade Xeral de Augas de Galicia-COXAPO foi imprescindible para a organización da visita a Galicia de Teresa e Basilia, e estes dous días eran o evento central, dado que se trataba tanto de ver en campo o traballo da asociación COXAPO como de encontrarse con persoas que, como elas, defenden o seu dereito á auga dende a coxestión veciñal das traídas, organizada nunha asociación de segundo nivel como AHJASA en Honduras. Poñer en contacto sociedades civiles dos dous países é unha das razóns de ser de Enxeñería Sen Fronteiras.

Dende COXAPO prepararan dous días intensos e moi didácticos, empezando as visitas en Vilaboa e aldeas do entorno. Pasamos despois por outras aldeas da zona de Moaña, onde tivemos ocasión de facer o primeiro encontro de intercambio con persoas das xuntas de auga mentres comiamos no centro social que a Comunidade de Augas de Meira de Arriba tiña xusto enriba do seu depósito. A continuación visitamos unha comunidade rural do entorno de Vigo (que forma parte do concello de Vigo, pero é de xestión veciñal), para logo seguir cara Tomiño, onde rematamos o día cun par de visitas a comunidades de auga do entorno do núcleo urbano. Distintos tamaños, distintas problemáticas, distintas solucións técnicas, estaba a ser unha visita do máis completa. Pola noite houbo outro encontro aproveitando a cea, onde COXAPO tivo o gran detalle de regalar unhas esculturas de “mulleres da auga” dun escultor local a Teresa e Basilia. Ao día seguinte tivemos tempo aínda, a pesar da intensa choiva, de subir a comunidades pequenas nas zonas altas de Tomiño, para ver como traballan as traídas dende o seu inicio, nos mananciais. Accións iniciais de pouco custo pero moi eficaces son limpar ben os mananciais chegando se é posible á roca fracturada dende onde saen, localizalos, poñerlles peche para evitar que se acerquen animais, sellalos e evitar que chegue a auga a eles levando a auga lonxe con cunetas. Tamén son boa solución os filtros de gravas en manancial (moitos deles adaptados por persoal de COXAPO a partir de diversas probas piloto). De volta a Tomiño, tivemos un encontro no Concello con persoas do goberno municipal. Tamén houbo tempo para visitar o mercado de abastos de Tomiño, e posteriormente ir ao encontro-comida tradicional en Goián, tamén organizada por COXAPO. Queremos transmitir a COXAPO, tamén no nome de Teresa e Basilia, o agradecemento por estes dous intensos días, pola súa magnífica acollida, o ben que nos trataron, e o didáctico da programación. Agradecementos especiais a Eva, por estar pendente en todo momento, e a Rafael, alma máter de COXAPO e guía excepcional, que se está rodeando dunha gran equipa de persoas para loitar polo Dereito á Auga no rural galego.

O venres ás 12 na Facultade de Xeografía e Historia quixemos levar tamén o encontro entre AHJASA e COXAPO, para falar sobre esa xestión veciñal das persoas que se autoorganizan polo dereito á auga onde ningunha administración quixo ou puido chegar. Houbo ocasión de falar das vantaxes, pero tampouco se esconderon os inconvintes e ameazas, así como xeitos de apoiarse nas administracións locais (de quen dependen en última instancia asegurar o dereito á auga tanto en Galicia como en Honduras).

Venres pola tarde houbo tempo para asistir a un encontro do periódico O Salto con motivo da celebración do seu aniversario, no CSA Sar. O sábado houbo visita ao Museo do Pobo Galego e visita a Santiago acompañadas de voluntariado de ESF do grupo ETSE.

Tras unha semana intensa, Teresa e Basilia regresaron ao seu país deixando en Galicia a pegada do seu esforzo e entrega na defensa dun ben tan prezado no trópico seco hondureño como a auga, e con novas ideas para seguir tendendo pontes entre Galicia e Honduras das que pronto falaremos.