Posts

Intercambio sobre buenas prácticas de gestión del agua y las microcuencas en el sur de Honduras

CODDEFFAGOLF, la organización socia de ESF Galicia en Honduras en temas de soberanía alimentaria y protección del territorio, nos informa de una nueva actividad dentro de uno de los proyectos que desarrollamos en conjunto, en este caso dentro de nuestro programa de promoción del Derecho Humano al Agua: ‘Mejora de la gestión comunitaria del agua en el sur de Honduras, Fase 1’, financiado por la Xunta de Galicia. También tenemos la crónica pormenorizada (en gallego) del evento, que nos envía Mateo, único de las tres personas participantes en el Programa de Conocimiento de la Realidad 2022 que queda en Honduras.


Con el objetivo de compartir experiencias y conocimientos adquiridos en cuanto al manejo y gestión del agua, se llevó a cabo una gira de intercambio en la microcuenca Santa Isabel el municipio de Namasigüe. Se contó con la participación de consejo de microcuenca y representantes de juntas de agua de Laure y el consejo de Microcuencas de Santa Isabel. Las y los compañeros de las juntas de agua de Laure tuvieron la oportunidad de conocer la buena experiencia sobre la gestión del recurso hídrico que se desarrolla en Santa Isabel y que es una de las experiencias mas exitosas en cuanto a gobernanza comunitaria y el cuidado y conservación del agua.

Compartindo boas prácticas

A CRÓNICA DE MATEO

O pasado xoves 8 de decembro houbo unha xira de intercambio de coñecementos entre duas microcuncas do Sur de Honduras: a do río Laure e a de Santa Isabel. Dado o bo desempeño da microcunca de Santa Isabel, o obxectivo era facer unha presentación e ter unha pequena plática sobre como se constituíron, fortaleceron e chegaron a ter unha microcunca tan sólida e funcional.

Pero primeiro de todo, para xs máis despistadxs, ¿qué é unha microcunca? Unha microcunca é unha área delimitada na que se atopa un nacemento natural de auga, e polo tanto debe ser correctamente preservada e conservada para asegurar que o recurso hídrico esté limpo e saneado.

Volvendo á xeira do pasado xoves, o primeiro paso foi recoller á xente das comunidades da microcunca do río Laure nun bus, no que fumos almorzando e platicando sobre o que nos ía deparar o día. Aí xa se palpaba a confianza entre a xente e a boa disposición e intercambiar coñecementos con outros lugares.

Ademais, estábamos viaxando a outro municipio, Namasigüe, coñecido polo seu rico pozol (unha deliciosa bebida feita a base de leite, millo e canela) entre outras cousas, así que se comezaron a escoitar as primeiras peticións por facer algunha parada estratéxica. En realidade minto, eu fun a única persoa que o pediu, pero estou seguro de que a xente me apoiaba. Unha hora e pico despois xa estábamos en Namasigüe, concretamente na comunidade Santa Isabel, onde nos recibiu Don Mario na súa impresionante casa, habilitada con espazos para recibir a un gran número de xente e nun espazo natural precioso.

Unha vez situada e asentada a xente de ambas microcuncas no lugar, fixemos un par de xogos para coñecernos algo mellor e crear un espazo máis relaxado. Tras facer o xa mítico xogo ‘KIÁ’ e unha imitación diversa de animais, quedeime coa frase dun home que comentaba: ‘Ya todo el estrés que traíamos, se fue’. Despois disto a comunidade de Santa Isabel fixo unha presentación, a cargo do enxeñeiro Herson, onde explicou como se constituiu e medrou a microcunca de Santa Isabel.

Comezou comentando que a microcunca é moi lonxeva, xa que se constituiu nos anos 80, pero non foi ata o 2002 onde se convertiu en área protexida, o que permitiu mellorar os mecanismos de conservación e mantemento da área. Ademáis, contounos que esta microcunca é parte dunha rede hidrográfica máis grande, a do río Quebrada Seca – Namasigüe.

O gran tema a tocar na presentación foron as distintas compoñentes do Plan de Manexo (PM) de recursos naturais que estableceron, coa axuda inestimable doutra organización, EmprendeSur. Este ten varias verticais:

  • Mellora da xestión da auga, mediante capacitacións a fontaneirxs das Xuntas de Auga (XXAA), análises da calidade auga e xiras de intercambio de experiencia con outras microcuncas, entre outros.
  • Respecto á xestión do recurso forestal, comentaban a importancia da reforestación pero sempre mirando a ‘compatibilidade’ das árbores reforestadas co lugar no que se plantan. Neste caso eran adecuados por exemplo a amendoeira, o carreto ou papalón. Por contra quedaban terminantemente prohibidos os eucalitpos (vaia, que sorpresa) e o quebracho.
  • Neste punto tamén comentaba o enxeñeiro Herson a importancia de manter limpa de lixo a microcunca, xa que este contamina a auga e provoca inundacións xa que bloquea as alcantarillas.
  • O PM incluía tamén un apartado para a xestión de fauna silvestre, mediante mecanismos como facer inventario de fauna e a inclusión do xulgado de paz da alcaldía correspondente, para solventar e afrontar problemas como a denuncia da caza ilegal das especies da microcunca. Como dato curioso, comentaban que o morcego é o animal que máis sementes sembra en Honduras, debido á súa alimentación e ao seu desprazamento aéreo.
  • Finalmente, tocáronse outros puntos como as accións que se están tomando como prevención e adaptación ao cambio climático; ou sobre mecanismos para fortalecer o desenvolvemento comunitario, como a construcción de letrinas domiciliarias ou o cercado das fontes de auga.

Por último, para rematar a charla, Herson comentaba que teñen constituída unha Caja de Ahorro y Crédito, coa que cobran un PSA (Pago de Servicios Ambientales) mensual aos integrantes da microcunca. Este pago non está destinado ao pago da auga, xa que iso é gratuito, senón ao mantemento desta zona e dos sistemas que fan que a auga chegue ás casas.

Trala presentación, houbo foi o turno da quenda de preguntas e felicitacións pola boa xestión e bo funcionamento. Tamén se comezaba a notar aquí que facía fallar recargar forzas, así que chegou o tempo do xantar xustamente antes de arrancar de volta para a microcunca do río Laure, non sen antes dar as grazas a Don Mario e o resto de integrantes de Santa Isabel por abrirnos as portas da súa comunidade e da súa casa.

No bus de volta puiden ver a xente moi motivada e con forzas renovadas. En resumo, un día moi completo. Vémonos!



Saíndo da aula: TFG nunha subcunca do Río Limpopo, Mozambique

Dentro do programa que temos en marcha de Promoción da Tecnoloxía para O Ben Común nas Universidades Galegas, apoiado por Cooperación Galega, unha das actividades que tratamos de fomentar é a realizacións de traballos académicos e TFM/TFG, como parte da actividade “Fóra da aula!”.

No mes de setembro o alumno Ismael Porras Tejada presentou na Escola Politécnica Superior da USC en Lugo o traballo de fin de grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural Análise e diagnóstico territorial e identificación de áreas de actuación nunha subcunca hidrográfica na provincia de Gaza, Mozambique. É un estudo técnico análise dos condicionantes do medio físico e a súa influencia no desenvolvemento das actividades socioeconómicas e culturais nunha das subcuencas hidrográficas do río Limpopo, en Mozambique, co fin de orientar a posta en marcha de proxectos de desenvolvemento.


Vinculándose co traballo que ESF impulsa con Augas de Galiciano país, se traballou de forma cooperativa marcándose como obxectivo levar a cabo un estudo dalgunhas áreas situadas neste país africano para analizar como afecta á poboación as condicións de seca que esta poidan darse para tentar buscar alternativas.


Con tal fin, desenvolveuse un estudo mediante sistemas de información xeográfica (SIG) que inclúe a análise tanto do medio físico, con especial énfase no impacto da seca e outros condicionantes climáticos, como o socioeconómico, empregando ferramentas e bases de datos demográficos libres dispoñibles. Desta forma, identificáronse aquelas áreas nas que a variación dos factores ambientais poidese afectar á poboación máis vulnerable co fin de poder entender de forma simplificada e global a situación destas zonas e cales son os puntos ou as posibles alternativas coas que poder axudar á poboación local, xenerando un DAFO e unha serie de estratexias adaptadas, con fichas sinxelas de actividades propostas. Unha aproximación dende o académico á problemática do cambio climático e estratexias de mitigación en zonas como o trópico seco mozambiqueño, que intenta ademais introducir a concienciación nestes temas no curriculum das carreiras técnicas.

Pódese consultar na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, ou contactándonos para solicitalo.

NOVO PROXECTO: Mellora da Xestión Comunitaria da auga no sur de Honduras, fase 1

O proxecto deséñase como Fase 1 dun Programa de fortalecemento da Xestión Comunitaria da auga no sur de Honduras. A experiencia de ESF Galicia con a Asociación Hondureña de Xuntas Administradoras de Auga e Saneamento (AHJASA) neste compoñente, deixou unhas aprendizaxes e metodoloxías que permiten a réplica e ampliación orientando un programa específico en materia de xestión comunitaria. Consegueuse para el unha financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Estímase que máis do 70% dos investimentos en sistemas de auga débense a unha reposición, ampliación ou mellora de sistemas de auga xa construídos, e que por un proceso de abandono, fóronse deteriorando até o punto de ser non funcionais. Sábese que o proceso de fortalecemento comunitario prevé estes problemas e supón unha mellora da eficiencia dos recursos. Tamén funciona como contrapeso e vixilancia de dereitos de cara ás administracións públicas que teñen obrigación de velar polo dereito humano á auga (en Honduras é a administración local). Neste tipo de procesos de fortalecemento de gobernanza é máis difícil a medición e xustificación no curto-medio prazo. Por este motivo, faise con enfoque de programa.

Nos inicios do traballo conxunto ISF-AHJASA-Mancomunidade Nasmar, o persoal técnico de AHJASA realizaba o fortalecemento directo das xuntas de auga, obténdose moi bos resultados a medio – longo prazo, observándose xuntas de auga máis autónomas e proactivas na solución dos problemas da auga.

Posteriormente, dado que o alcance do persoal de AHJASA non é suficiente para toda a demanda de acompañamento e fortalecemento de xuntas de auga, abordouse estratexicamente este problema a través dun programa de certificación de persoas novas técnicas comunitarias para poder realizar este traballo. Este proceso, apoiado nun inicio tamén pola Xunta de Galicia nas fases 2 e 3 do anterior programa, para o deseño e pilotaxe, foi posteriormente ampliado a máis departamentos do país, con fondos de varios financiadores por parte de AHJASA, obténdose a certificación oficial para 108 técnicos/as, 65 deles/as no sur.

Este proxecto que se comeza en 2022 vén retomar estes procesos cos técnicos/as, que se viron prexudicados pola incidencia e efectos da pandemia, para poder instalarse laboralmente como profesionais autónomos en xestión de xuntas de auga, iniciando xa o proceso de fortalecemento de máis de 20 xuntas de auga, tras un proceso de reforzo formativo.

Preténdese apoiar esta instalación laboral en xuntas de auga que previamente acordaran a participación no programa, así como poder dar un espazo de participación a las xuntas de auga comunitarias en espazos e institucións de gobernanza da auga, o que permitiría máis acceso e oportunidades de coñecemento, acceso a fondos, información e tamén incidencia política.

Por outra banda, preténdese mellorar un dos módulos formativos do programa, relativo á xestión con enfoque integral do recurso e enfoque de cunca hidrográfica. Para iso, cóntase co apoio da organización Comité para a Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF), que se suma neste proxecto ao programa de auga de ESF, dada a súa experiencia como organización ambientalista. CODDEFFAGOLF dará apoio na compoñente de sensibilización, certas formacións ao persoal técnico municipal e impulsará a pilotaxe de accións de conservación nunha microcuenca, concretamente a microcuenca do Río Laure, con 5 aldeas. Nesta cunca na que xa se traballou en antigos proxectos. Porase en marcha o proceso de declaratoria da microcuenca formalmente, e planificarase a delimitación, con análise do uso do solo e medidas de corrección e protección do solo e especialmente de zonas de recarga. Obterase unha sistematización do proceso, para poder extraer aprendizaxes e deixalos recollidos no contido ampliado do programa de técnicos.

Se iniciará así mesmo un primeiro paso de mellora da integración das entidades de xestión comunitaria, dinamizándose este proceso con reunións e foros sociais e técnicos, dinamizándose a través da mesa de axentes do sector, mesa de momento establecida ad-hoc nas reunións de identificación deste proxecto, da que se obtivo a mostra de interese en seguir mantendo reunións de tipo técnico e social para a mellor gobernanza en xestión comunitaria da auga no sur de Honduras.

FICHA

Título: Mellora da Xestión Comunitaria da auga no sur de Honduras. Fase 1.

Orzamento: 203.626,87 €

Duración: abril 2022 a decembro 2023

Empezando a colaboración en Mozambique

A xestión dos recursos hídricos e o fortalecemento das administracións responsables é unha prioridade en Mozambique. O desenvolvemento de actividades que vinculen melloras técnicas e procesos de xestión nun mesmo plan de acción, foi identificado como unha fórmula de éxito na cooperación galega coa administración da auga de Mozambique.

O proxecto AquaMoz, Secara 3ª Fase é continuidade das anteriores accións desenvolvidas por Augas de Galicia e a Universidade de Coruña no marco da xestión da seca en Mozambique (que se prolonga xa dende hai 10 anos). O proxecto pretende contribuír, no marco da loita e prevención contra os efectos do cambio climático, á mitigación dos impactos dos eventos de seca en Mozambique, fortalecendo ás Administracións Rexionais de Augas de Mozambique (Aras) coa experiencia da xestión dos recursos hídricos en Galicia como referencia.

Despois de centrar o esforzo -nas fases 1 e 2- no deseño e implementación de desenvolvementos técnicos baixo o liderado do Grupo de Enxeñería dá Auga e Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña, nesta terceira fase, o proxecto suma aos seus obxectivos a mellora da interacción entre a administración da auga e a sociedade civil, e a sensibilización desta última sobre cuestións relacionadas coa seca e a xestión dos recursos hídricos. Para iso, mantendo ao GEAMA como entidade colaboradora, Enxeñería Sen Fronteiras Galicia incorpórase como socio que, ademais do seu perfil técnico relacionado coa xestión de recursos hídricos e o fortalecemento institucional, achega capacidade de sensibilización e achegamento á cidadanía, tanto en Galicia como en Mozambique.

Deste xeito, e coa nova orientación do proxecto, ESF asumirá o rol de socio líder para potenciar fortalecemento das relacións entre a administración da auga e a sociedade civil. Inicialmente, ESF centrarase en accións de sensibilización que lle permitan enfocar e coñecer a fondo a problemática da xestión da seca en Mozambique, co fin de sentar as bases para contribuír, máis adiante e dun modo sólido, ao mencionado fortalecemento das relacións entre a administración da auga e a sociedade civil.

Deste xeito, no marco de loita contra o cambio climático, co presente proxecto desenvolveranse metodoloxías, a nivel técnico e de procedementos, para a mellora da xestión dos recursos hídricos en Mozambique. Con ese fin, continuarase apoiando á Administración Rexional da Auga (ARA) Sur e iniciarase tamén o apoio ao ARA Norte en tres liñas complementarias:

  • Monitoreo da seca e do estado de encoros
  • Procedementos de xestión da seca
  • Sensibilización sobre a problemática da seca

Aquí iremos contando os avances deste consorcio, que se financia con fondos de Augas de Galicia e da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia. Poderás estar ao día das novas coa etiqueta Mozambique

A auga comeza a cotizar en bolsa… e a nós iso preocúpanos

O pasado 7 de decembro coñecemos a nova a través da axencia EFE de que a auga comezará a cotizar no mercado de futuros de Wall Street. Dende aquela, escribiuse bastante sobre o tema, xa que se trata dun feito de gran impacto por todas as consecuencias que poderían derivarse, aínda que estea baseado só en prezos de futuros de auga en California.

Dende Enxeñería Sen Fronteiras cremos oportuno facer unha análise crítica previo debate da nosa base social, que incluso motivou a organización dun ciberfaladoiro específico sobre o tema o pasado 20 de xaneiro.

Auga como Dereito Humano e importancia do ciclo natural.

Podería pensarse que falar da importancia da auga na Terra é redundante por obvia. É un elemento fundamental para á vida tal é como a coñecemos.

O pasado 28 de xullo foi o décimo aniversario do recoñecemento do Dereito humano á auga e o saneamento polas Nacións Unidas. Na resolución 64/292 , recoñece que o Dereito a auga potable e o saneamento é un Dereito Humano esencial para o pleno goce da vida e de todos os Dereitos Humanos.

Este foi un fito de importancia posto que por primeira vez se recoñece de xeito explícito ese dereito e se insta á comunidade internacional e os gobernos para que redobren o esforzos para satisfacer as necesidades humanas básicas e para a consecución dos Obxectivos do milenio, reformulados estes últimos como Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no ano 2015.

Non hai que esquecer a importancia do ciclo natural da auga como soporte dos ecosistemas, sendo fundamental para a vida no planeta en sentido amplo.

Antecedentes da auga como ben económico.

Isto non é novo, hai moito tempo que a auga se vende, non hai máis que ver o negocio da auga embotellada, contra o que ESF leva tempo posicionada apoiando campañas como ProGrifo. Tamén poden existir este tipo de intercambios a escala local. Nalgúns casos (non nos consta España), en comunidades de regantes, unha regante pode vender os seus dereitos de regadío a outra regante (aínda que, neste caso, trátase de intercambios entre entidades ou persoas nunha zona determinada cun vínculo maior coa terra, e baixo a supervisión, polo menos en teoría, de entes como os organismos de cunca hidrográfica ou similares). Máis aló foron, xa máis recentemente, as declaracións do CEO de Nestlé, coa defensa do uso de ferramentas de mercado para a xestión da auga, o cal é pouco compatible contra á xestión da mesma como dereito humano, que debería seguir máis esquemas como o proposto por Nueva Cultura del Agua (que distingue a “auga vida”, da “auga de negocio”, a “auga de luxo” ou a “auga de uso cidadán”).

Xa existen fondos de inversión destinados a sociedades orientadas ao sector vinculado á auga a escala mundial, que están dispostos a asumir fortes variacións das cotizacións e, polo tanto, amosan poucos reparos ai risco e teñen un horizonte de inversión a longo prazo (7 anos ou máis).

Definición de mercados a futuro.

O mercado de futuros consiste na negociación de contratos de compra e venta de determinados bens a unha data futura mediante un acordo de prezo, cantidade e vencemento na actualidade. Ou sexa, que se negocia co dereito a comprar x litros de auga a x euros dentro de x meses.

Debe a auga xestionarse con este tipo de ferramentas de mercado?

É moi complicado comprender certos conceptos económicos para a xente non experta. Os mercados de futuro é un deles. A perda crecente de peso da economía real respecto á financeira (da que falan autores como José Manuel Naredo) fainos perder a perspectiva do que ocorre realmente no sistema económico mundial. É unha perda de “soberanía económica”, que agora controlan unhas poucas persoas expertas en produtos moi acaidos para a especulación. É como construír sobre piares de aire. Nestes produtos poderíanse encadrar os contratos a futuro que, como toda a economía financiarizada, afastan dos produtos últimos cos que se está a comerciar do proceso transaccional como tal. En resumo, eses dereitos de futuros de auga en California poderían chegar a ser comprados e vendidos por entidades ás que pouco lles importa o que se vai facer coa auga e onde (tal vez, ao principio, iso se regule máis, pero o mercado global ten demasiada forza). Iso, no caso dun elemento vital como a auga, pode ter consecuencias devastadoras. Ademais, faise recaer o peso da regulación en institucións regulatorias máis ou menos locais (a nivel cunca hidrográfica, ou a nivel estado federal, ou tal vez a nivel nacional) que serían quen, en teoría, velarían por que se respecte o dereito á auga. Tal vez esta regulación puidera ser levada efectivamente por unha entidade se hai unha lexislación e fortaleza institucional axeitada, pero pola experiencia de Enxeñería Sen Fronteiras en diversos países do mundo, esta fortaleza lexislativa e institucional non é, nin moito menos, o máis habitual.

Neste caso, o que se pon no mercado non é a auga, senón os contratos a futuro. É un mercado de futuros da auga.

Nos produtos agrarios fixéronse este tipo de mercado de futuros hai moitos anos. A idea ou escusa inicialmente era tratar de protexer e estabilizar os sectores de produción, no momento do expansionismo agrario e para protexer áreas produtivas que fixeran moito investimento nos sectores, por se de repente unha empresa conseguía producir moi barato noutra parte do mundo. É a mesma razón que esgrimen os defensores deste mercado de futuros coa auga, esa estabilización de prezos.

Pero cando se complexiza de tal xeito a xestión dun produto básico para á vida, poden xurdir moitos custos de transacción (e erros de xestión e regulación, dada por malas prácticas, corrupción ou simplemente incapacidade das institucións reguladoras como xa se comentou) que acaban pagando as poboacións máis vulnerables. Hai estudos dabondo que así o poñen de manifesto, xa que acaba por crearse un armazón de sociedades que o que fan é especular e apartar a xestión alimentaria das consumidoras últimas de alimentos. Unha perda de soberanía alimentaria, moi prexudicial se se quere asegurar o Dereito á Alimentación (que está intimamente relacionado co Dereito á Auga). Un estudo moi interesante que se fixera en 2011 é este, cun título xa moi ilustrativo.

Por outra banda, a auga non é un ben capital calquera. É fundamental para o sustento de todo ser vivo e non é substituíble por bens capitais como os produtos agrarios, forestais, mineiros, etc. Esta explicación pode atoparse nas conferencias de Pedro Arrojo, actual relator das Nacións Unidas para a Auga.

O estado (os estados) deben ter unha regulación axeitada do uso da auga, cobrar polas licenzas de captación e consumo (de augas superficiais e subterráneas), emisión de efluentes e vertidos, realizadas en base a estudos serios de capacidade de carga e rexeneración que respecten os caudais ecolóxicos. A unidade territorial máis acaida para a xestión da auga son as cuncas hidrográficas, unidades delimitadas polo propio ciclo natural da auga e a orografía do terreo, das que é preciso ter bos modelos hidrolóxicos de balance, dispoñibilidade do recurso e demanda (o cal non é en absoluto habitual, nin sequera nos países máis ricos), e usalos para saber se realmente é viable conceder as licenzas, fuxindo de intereses partidistas ou espurios. O monitoreo e control tamén é clave, con taxas adecuadas de uso concienciase a poboación sobre o uso racional e controlase a sobreexplotación do recurso. Ao meter baixo libre mercado o excedente das licenzas éntrase nun terreo perigoso: pódense comprar licenzas baratas agora aínda que non se vaia facer uso e logo vendelas a maior prezo, especulando así coa diminución do recurso propiciado polas variacións climáticas. Unha especulación que debería controlarse como parte do proceso de licenciamento e seguimento (que, claramente, debería ser público), é dicir, non dar licenzas e cancelalas se non se usan. Pero, como dixemos, é meter a raposa no galiñeiro.

Ao final, o que se consigue é que grandes fondos sigan acaparando os recursos básicos para a vida, porque teñen máis capacidade de inversión e de arriscar máis e a máis longo prazo. O pequeno é fermoso tamén a nivel empresarial, porque se entende mellor, porque está máis cerca dos bens e servizos cos que se comercia e dos impactos que crea. Eses fondos que non entenden de dereitos humanos, porque aínda que teñen persoas detrás, adquiriron un carácter deshumanizado, case de psicópata, porque están ao servizo da xeración de riqueza para os seus donos (que, en moitos casos, tampouco saben realmente os mecanismos cos que se están lucrando a costa de moito sufrimento).

Se queremos un mercado libre de verdade (onde cada persoa teña a posibilidade de participar nel de xeito igualitario), debería prohibirse a especulación. A especulación fomenta o corporativismo, o oligopolio (en Galicia dicimos “o ouro corre cara o tesouro”) e a libertinaxe (quen pode, fai o que quere, sobre todo se despersonaliza a quen está a ser oprimido, e non hai mellor xeito de despersonalizar que a distancia e a opacidade nos impactos do que se fai). So pode especular quen pode correr risco de perder cartos. E, o máis importante, o único obxectivo é acumular riqueza para usala no que lle pareza. Moitas persoas cren que iso é lexítimo e outras moitas naturalizamos “o conto”. Pero nós queremos contar outros contos. Que é a especulación sino unha agresión á autonomía e, en consecuencia, á liberdade doutras persoas (por exemplo, por non poder tomar sequera decisións sobre o manexo dos produtos que aseguran a subsistencia)?. Quen quere entrar ao mercado a comprar e vender os seus produtos, vivir do seu negocio, usar un produto ou investir nun novo proceso, non precisa especular. En Enxeñería Sen Fronteiras xa temos reflexionado como a empresa pode poñerse ao servizo dun desenvolvemento máis inclusivo, mesmo emancipatorio. A especulación lexitima a xerarquía, que ten moitas posibilidades de converterse en opresión (o cal vai en contra dos procesos emancipatorios e de cidadanía crítica que ESF defende), vendendo este modelo como algo natural, cando en realidade é unha decisión persoal, social, cultural e política.

Conclusións

  • A auga non é un ben capital mercantilizable. Trátase dun dereito humano e como tal debe lexislarse e xestionarse. Pensamos que a entrada no mercado de futuros é incompatible coa garantía da auga como dereito humano.
  • Pensamos que esta evolución en California podería ter efectos noutros lugares, incluídos na UE, onde a auga está recoñecida como dereito humano. A UE debe asegurar lexislativamente a xestión da auga como dereito humano. Tamén estaremos pendentes do que ocorre nos países onde traballamos, apoiando ás organizacións e redes de traballo neses países que traballan arreo por asegurar o Dereito Humano á Auga.
  • A transparencia dos mecanismos de xestión da auga e o control lexislativo e da sociedade civil organizada cobran cada vez máis importancia ante estes intentos de incluír a auga en mercados con alto potencial especulativo.
  • Desde Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, non vemos en absoluto clara esa presumible estabilización de prezos da auga que prevé quen defende a cotización no mercado de futuros, e si vemos perigos manifestos, dos que xa hai exemplos abondo nos mercados de alimentos básicos, porque estimamos un grave risco de afastamento da toma de decisións sobre un ben básico da maior parte das persoas do planeta, que teñen moitas posibilidades de quedar á mercede dos movementos especulativos globais que escapan a comprensión do groso da sociedade.