Crónicas dende Honduras. A última de Sofía
Sofía, participante no Programa de voluntariado internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR), que participou no programa na súa condición de profesora de tecnoloxía no ensino secundario de Galicia grazas ao proxecto Hackers Sen Fronteiras, que financia Cooperación Galega da Xunta de Galicia, achéganos a derradeira das súas amenas crónicas no país, despois de regresar a Galicia hai uns días. Que mellor que hoxe, inicio de curso, para compartírvola.
A miña estancia en Honduras dentro do Programa de Coñecemento doutras Realidades chegou ao seu fin. A pesar de que hai xa uns días que volvín, estou aínda en proceso de aterrar e dixerir o que foi esta experiencia tan intensa. E entre xestionar a resaca emocional e retomar a actividade aquí, escribir esta derradeira crónica dende a distancia prodúceme un profundo sentimento de saudade. Os últimos días alá estiveron cargados de anécdotas e actividades. Iniciada a conta atrás para a volta e coa sombra das despedidas, tratamos de apurar ata o último momento.
Finalizado o obradoiro de Habilidades para la Vida, dentro do proxecto de Mellora da Xestión Pública e Social para a Gobernanza dos recursos hídricos en varios municipios da zona, acompañamos ao persoal técnico de Coddeffagolf, Aminta e Sash, a unha reunión en El Marañonal, microcunca de El Laure, para dar o seguinte paso. A idea é que os representantes comunitarios participantes no obradoiro tomen o protagonismo e socialicen o aprendido nas súas respectivas comunidades, de cara a fortalecer a base comunitaria e adoptar lóxicas de traballo autónomas. Nesta reunión, chea de caras xa coñecidas (dona Ana, dona Marta, don Marcos…), tratouse de definir a estratexia a seguir, concretándose certos aspectos organizativos, como a axenda, convocatoria aos grupos aos que chegar ou principais puntos a tratar.
Dentro do mesmo proxecto, acudín ao día seguinte a un obradoiro de arte social impartido na Casa da Cultura de Nacaome, dirixido a mestres en escolas das cuncas de El Laure e Panasacarán. A actividade, facilitada pola mestra e contacontos Gloria Sierra, busca formar ao profesorado en metodoloxías ambientais que poidan ser levadas ás aulas. Tras unha breve introdución á situación ambiental do país a cargo do enxeñeiro David Pineda, as persoas asistentes puxéronse mans á obra para elaborar os seus propios libros de contos arredor do tema da auga. Como explicaba Gloria, trátase de crear consciencia a través das letras. Neste sentido, resulta ilusionante ver o seguimento na distancia de como algunhas mestras están replicando esta actividade nas súas escolas.
Na última semana tiven tamén ocasión de visitar a zona de Moropocay, na microcunca de Panasacarán. O traxecto é toda unha aventura debido ao mal estado das pistas, mais ao ir ascendendo as vistas do golfo pagan moito a pena. Neste lugar, Coddeffagolf traballa con APROEM (Asociación de Productores Experimentadores de Moropocay) nun proxecto de conservación e mellora participativa de sementes crioulas. Celia e eu acompañamos ao técnico Onán a visitar dúas familias produtoras no lugar de Zúniga Arriba para coñecer o estado dalgunhas parcelas e os seus plans de cultivo. Atopámonos primeiro con Elmer, quen, ante a escaseza de choivas, atrasou o cultivo e prevé realizar unha única colleita. Ensinounos o seu pozo, construído sobre unha fonte superficial de auga e con bombeo de soga, da que leva as sobrantes cara a parcela que ten preparada para cultivar.
Pola súa banda, Alexis, o segundo produtor que visitamos, si plantou no inicio da estación de choivas, mais de camiño á súa casa amosábanos o mal estado do millo debido á seca. Gustaríalle acceder a máis terra, pero está cara. Comeza a ter gado grazas ao “paso de cadena”, unha metodoloxía posta en marcha por APROEM pola cal se distribúen algunhas reses a un grupo inicial de familias co compromiso de que cando crien, as crías sexan dadas a outras familias que non teñan gado.
E como colofón a tanta saída, cando xa pensaba que me viría sen visitar o manglar, o último día antes de volver, tocou pisar o fango. Así, puidemos acompañar á técnica Nohelia a identificar varias áreas para unha próxima reforestación de mangle pola zona de Marcovia. Nesta visita estiveron tamén unha representante de SERNA (Secretaría de Recursos Naturales y Ambiente), a gardarrecursos da área e unha muller marisqueira do grupo de El Dorado. Desprazámonos en coche ata Cedeño e dende alí tomamos a lancha coa que, á altura da praia El Venado, nos adentramos na zona de manglar. Fómonos baixando en varios puntos para detectar e xeolocalizar as zonas que precisaban ser plantadas. Que xeito de avanzar o da muller marisqueira, lixeira e descalza, detectando cos pés curís e ameixas, en tanto eu procuraba non quedarme chantada. Tal como nos explicaron, o mangle é cortado para o seu aproveitamento como leña, optando algunhas persoas por talar o mangle verde por ser máis doado (cando está seco, dá máis traballo), o que conduce ao deterioro dun ecosistema vital para o mantemento da actividade marisqueira. Mais non é esta a única ameaza á que se ve sometida o manglar, pois a subida do nivel do mar nesta zona de Cedeño tamén contribúe á súa desaparición. En efecto, son moitas as construcións ao longo da costa que ficaron abandonadas ao seren engulidas polo avance progresivo do mar e os sucesivos temporais.
Esta crónica, sumada ás anteriores, dá unha pequena conta do que foi a miña experiencia PCR, altamente satisfactoria e moi recomendable. Foi unha ocasión única de achegarme a unha parte da realidade dun país descoñecido para min, de coñecer xente marabillosa, de albiscar e palpar o sentido da cooperación ao desenvolvemento, de rachar prexuízos, de reflexionar acerca do alcance de certas lóxicas globais e de enfrontar contradicións.
Por todo isto, non podo deixar de agradecerlle a ESF a oportunidade, así como tamén ao persoal de Coddeffagolf pola acollida e paciencia que tiveron con nós. Grazas a tantas persoas coas que nos cruzamos e compartimos momentos e espazos, polo seu bo trato e pola súa hospitalidade.
Ata outra, Honduras!