Crónicas de Honduras. A segunda de Alba V.: Cando coñecer cambia o mapa
Comezamos agosto na cima do Conchagua, no Salvador, vendo un dos mellores amenceres da miña vida. Dende alí arriba podiamos ver todo o Golfo de Fonseca e, mentres o ceo comezaba a iluminarse, pensei en todas as comunidades que fomos visitando ao longo destes meses. Imaxineime a xente de Islitas espertando, comezando o seu día, preparando o almorzo, saíndo traballar… E pareceume curioso pensar que, dende aquel lugar, estaba vendo o mesmo mar que forma parte do día a día de persoas que xa teñen nome e historia para min.
Quizais esa sexa unha das cousas que máis cambiou durante esta experiencia: lugares que ao principio eran simplemente nomes nun mapa agora teñen caras, voces, historias e recordos. Xa non pensamos no territorio só como un espazo que visitamos, senón como un lugar que pouco a pouco aprendemos a coñecer e a sentir próximo.
E tamén comezan a aparecer novas rutinas. Comprobar se hai un gecko na toalla antes de collela, pechar ben as portas para que non entren tarántulas ou mirar dúas veces onde deixamos os zapatos. Pequenas cousas que ao principio nos parecían estrañas e que agora forman parte da normalidade. Supoño que adaptarse tamén é isto: deixar de sorprenderse por aquilo que antes parecía completamente alleo.
Nesta quincena conseguimos pasar cada vez máis tempo cos técnicos de CODDEFFAGOLF e, pouco a pouco, sentímonos máis e máis na casa. Xa recoñecemos as caras, temos confianza para bromear, compartimos momentos fóra do traballo e comezamos a entender mellor o día a día da organización. Incluso puidemos coñecer San Marcos de Colón coa nosa querida Aminta, que tamén se converteu nunha desas persoas que fan que esta experiencia sexa moito máis que un proxecto.
Con Aníbal percorremos a zona de Namasigüe, onde varias familias nos ensinaron os galiñeiros que construíron coa axuda de CODDEFFAGOLF. Pode parecer unha cousa sinxela, pero precisamente por iso me fixo reflexionar. Ás veces pensamos que para solucionar un problema necesitamos grandes proxectos ou solucións complicadas, cando unha resposta aparentemente pequena pode ter un impacto enorme no día a día. Os galiñeiros permítenlles evitar roubos, protexer as galiñas dos animais, ter os ovos localizados e aproveitar despois o esterco para as súas terras. Unha solución sinxela, pensada dende as necesidades reais das persoas que a van utilizar.
Tamén acompañei o meu compañeiro Rubén a dar un obradoiro de primeiros auxilios. E unha vez máis pensei en cantas cousas damos por feitas. Para nós pode parecer normal pensar que, ante unha emerxencia, chegará unha ambulancia ou teremos un centro de saúde preto. Pero aquí non sempre é así. Algo tan básico como saber como actuar ante unha situación de emerxencia pode converterse nun coñecemento fundamental. Ás veces non nos damos conta do privilexio que supón ter determinados servizos ata que vemos o que significa non telos.
Tamén percorremos a zona de Punta Condega cun xornalista do Salvador que está a preparar unha reportaxe sobre o Golfo de Fonseca para un xornal de Guatemala, acompañados por Dulci, a nosa compañeira de CODDEFFAGOLF. Foi outra oportunidade para seguir coñecendo este territorio dende diferentes perspectivas e para compartir o que aquí estamos vivindo con persoas que tamén están contando a historia do Golfo de Fonseca. E, case sen darnos conta, acabamos tamén aparecendo nos vlogs de TikTok da Rede de Mozos.
En Islitas demos outro obradoiro e foi a propia comunidade a que nos deixou unha reflexión que quedou dando voltas na miña cabeza: a privatización das praias. Durante a viaxe a Utila volvemos pensar moito nisto. Porque ás veces damos por feito que o mar é de todos, pero vivir ao lado del non significa necesariamente poder desfrutalo. É difícil non pensar na contradición de persoas que viven literalmente a poucos metros do mar e que poden ter limitado o seu acceso á praia.
E isto fíxome pensar tamén naquel dato que tanto me chamou a atención: hai nenos e nenas que viven xunto ao mar e que nunca chegaron a velo ou desfrutalo realmente.
Algo que para nós parece tan normal como ir á praia pode ser, para outras persoas, algo inaccesible. E quizais aquí estea unha das grandes aprendizaxes destes meses: moitas das cousas que consideramos normais non son universais, senón privilexios aos que estamos tan afeitos que deixamos de velos como tales.
Antes de marchar a Utila tamén puidemos vivir o comezo da feira de San Lorenzo e a coroación da raíña. Foi outra maneira de coñecer o municipio, máis alá dos obradoiros, das reunións e do traballo. Porque tamén estou aprendendo que coñecer unha realidade non consiste unicamente en coñecer os seus problemas. Tamén significa compartir as súas festas, a súa música, as súas tradicións e eses momentos nos que simplemente se celebra estar xuntos.
E despois de Utila tivemos tempo de vivir o Carnaval de San Lorenzo xunto con varios dos nosos compañeiros de CODDEFFAGOLF. Esa noite saímos sen teléfono e sen reloxo. Sen mirar constantemente a hora, sen estar pendentes do móbil, sen pensar en documentar o que estabamos facendo. Simplemente estando alí. E penso que tamén hai algo importante nisto: aprender a vivir algunhas experiencias sen sentir a necesidade de fotografalas, compartilas ou explicalas. Hai momentos que non necesitan quedar rexistrados para ser importantes.
E como bos catrachos, rematamos a quincena un domingo comendo sopa.
Entre amenceres, galiñeiros, obradoiros, praias, viaxes, festas, geckos e sopas, cada vez teño máis claro que esta experiencia non está sendo simplemente un proxecto de tres meses. Está sendo tamén unha forma diferente de mirar. De cuestionar cousas que antes daba por feitas, de entender que as solucións máis sinxelas poden ser as máis útiles e de descubrir que coñecer outras realidades tamén implica deixar que esas realidades che cambien un pouco a ti.















































