Programa de Coñecemento da Realidade. Honduras 2022

Xa está aberta a convocatoria do Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) 2022 de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia. Se che interesa o voluntariado de cooperación para o desenvolvemento para coñecer novas culturas e aumentar o teu compromiso solidario, podes presentarte até o 1 de marzo. Temos 3 prazas para participar no programa, que inclúe estancia de 2-3 meses en Honduras antes de finais de 2022, coñecendo os nosos proxectos e o xeito de traballar das organizacións hondureñas coas que traballamos dende xa hai anos.

Aquí están as bases da convocatoria. Máis información en info[arroba]galicia.isf.es

Boletín Oficial Esfeiro: febreiro 2022

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • A recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Este mes de Xaneiro comezamos con boas novas, e é que poderemos desenvolver tres proxectiños grazas as subvencións a cargo da casiña solidaria do IRPF, convocadas pola Xunta de Galicia. Un deles será á realización de varios faladoiros en centros de educación secundaria de Galicia a cargo de mulleres colaboradoras e voluntarias de ESF ligadas a profesións e estudos STEM. O obxectivo desta actividade será ofrecer experiencias en primeira persoa que sirvan de referencia ás alumnas que poidan ter interese nestas profesións, ademais de visibilizar o enfoque do uso da tecnoloxía para o ben común (con valores de sustentabilidade, colaboración, inclusión , coidados…). Tamén teremos apoio para continuar o traballo xunto a Ecos do Sur no Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre da Coruña, e outra para organizar o Programa de Coñecemento da Realidade neste 2022.

    Ademais, Continuando coas boas novas de xaneiro, tamén estreamos novo formato en  ESFRadio: «Un tema de ESF Galicia». Empezamos falando sobre Reciclar para Reutilizar, dando voz ás persoas dos Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre de Galicia. Tivemos tempo tamén para facer na nosa web unha reflexión sobre a importancia cada vez maior de, nas organizacións e ONG, ser conscientes de que tecnoloxía usar e como, se se busca unha sociedade máis participativa, xusta e solidaria.

    Por outra banda e para comezar con bo pé o ano, aproveitando a estancia de Raquel en Galicia realizamos un encontro entre as persoas contratadas e a Xunta Directiva, toda unha alegría reencontrarse de novo!


HONDURAS

    En Honduras se están pechando os encontros do proxecto con grupos de mulleres produtoras e fortalecemento das Oficinas de la Mujer das municipalidades da Mancomunidade NASMAR. Ademais, Araceli Serantes, do CEXEF, viaxará en febrero a Honduras para participar nunha serie de obradoiros e no fortalecemento das pontes entre a UDC e a Universidade Nacional Autónoma de Honduras. Tamén unha docente e investigadora desa universidade visitará Galicia.

    No proxecto de 4 anos que desenvolvemos con produtoras e defensoras da terra, financiado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, estamos a comezar o derradeiro ano, planificando as actividades a realizar até finais de 2022, mentres estamos a deseñar un novo proxecto para continuar nos seguintes anos.

    Ademais, felicitámonos de que o Concello de Vigo sacara as primeiras subvencións para proxectos de cooperación ao desenvolvemento, e presentamos unha proposta dentro do programa de Soberanía Alimentaria (ao que tamén pertencen os dous anteriores).


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    ‘De oficio, defensoras’ ten banda sonora.
Trátase dunha exposición impulsada pola Coordinadora Galega de ONGD, que agora conta cunha lista de reprodución de artistas activistas, e queremos que sexa a recomendación artística deste mes de febreiro. Aquí podes escoitala!


E NO PRÓXIMO MES …


A ESF-RASE DO MES

    Temos emocións do Paleolítico, institucións medievais e tecnoloxía propia dun deus. E iso é terriblemente perigoso     Edward O. Wilson (falecido o pasado 26 de decembro)











ACTIVISMO TECNOLÓXICO NAS ORGANIZACIÓNS SOCIAIS. TECNOLOXÍA PARA HACKEAR O SISTEMA (I)

A tecnoloxía que se emprega nas organizacións que pretenden ser transformadoras é moito máis importante para a súa misión do que se soe pensar. Tanto, que se non é axeitada ou non se emprega ben pode neutralizar esa transformación que se estaban perseguindo (ou, no peor dos casos, facer de Cabalo de Troia de produtos e prácticas indesexables).

Non falamos só das tecnoloxías que se empregan en proxectos de cooperación ao desenvolvemento ou en proxectos ambientais ou de inclusión social na nosa contorna (endóxenas, apropiadas, participativas, culturalmente aceptables, que non xeren dependencia nin intensifiquen as fendas de poder, sesgos de xénero, etc.). Tamén hai que ter en conta as que empregamos como parte das campañas de sensibilización, as redes sociais ou o propio día a día das organizacións (incluíndo a comunicación interna e a loxística máis básica).

Hai que empezar a transversalizar o activismo tecnolóxico nas organizacións e deixar de alimentar ao monstro. Non se pode negar que é complicado ser coherentes en todo (sobre todo a nivel persoal, pero tamén a nivel organizacións) pero, como xa dixo algún esfeiro, usar ferramentas de software libre no noso día a día da organización pode ser tan político como empregar produtos de comercio xusto ou de proximidade.

Pode parecer que, se empregamos esas tecnoloxías, non imos ser tan “produtivas” e vai haber que facer un esforzo de adaptación na nosa base social. Pero a coherencia non debería ser o prezo a pagar ante o resultadismo, porque precisamente ese resultadismo forma parte do problema. Sería tan incoherente como facer unha mesa redonda para falar sobre o dereito á auga ofrecendo auga embotellada ás relatoras, ou unhas xornadas sobre comercio xusto ofrecendo café das grandes marcas nos descansos.

Explorar na nosa acción transformadora eidos como a bioconstrución, as ferramentas de baixo custo e abertas, as solucións tecnolóxicas minimalistas (o pequeno é fermoso) e pouco complicadas, que impliquen traballo colectivo e que nos deixen bailar xuntas, é hackear o sistema que queremos mudar. E iso é precisamente porque estas características son o contrario do que o sistema hiperconsumista nos está a vender (todo máis grande, máis complicado, con tecnoloxías cada vez máis lonxanas e inalcanzables no seu manexo e mantemento, ademais de moito individualismo e “dereitos reservados”).

A tecnoloxía xa hai moito que deixou de ser un simple medio, unha ferramenta, para converterse nun suxeito político que, cada vez máis, será clave para acadar (ou non) un mundo solidario, cooperativo e que non deixe a NINGUÉN atrás. Temos que ser consciente dela para hackear o sistema (creando novas tecnoloxías que retroalimenten ese mundo colaborativo) ou, do contraio, estaremos facendo o contrario. Non hai neutralidade posible. Aquí funciona o de “se é gratis, entón o produto es tí”.

Se queres saber máis ou tes ideas sobre como facer este activismo tecnolóxico, sexas organización ou sexas unha persoa con inquietudes neste tema, contáctanos. Nun vindeiro post falaremos de exemplos concretos, estades atentxs!

ESFRadio: Reciclar para reutilizar

Hoxe estreamos novo formato en ESFRadio: “Un tema de ESF Galicia”. Serán programas que esperamos sacar unha vez ao mes onde afondar nun tema que nos interese, dando a coñecer actividades que facemos en ESF Galicia relacionadas co mesmo.

Hoxe o tema é “Reciclar para reutilizar“. Nel tocamos temas de reparabilidade de aparatos e coñecemos os Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre de Galicia. Para iso falaremos con persoas de Enxeñería Sen Fronteiras, voluntarias dos distintos bancos, e tamén con persoas de Ecos do Sur e IEEE-Vigo. Mesmo podemos coñecer a unha das voluntarias do que pode ser o incipiente banco de Ourense!

Pódese escoitar en Spotify e tamén aquí:

Produción e montaxe: Jorge Lama

Participan: Marc Romero (narrador), Elena Salgado (narradora), Daniel Vila (voluntario “argalleiro” de ESF), Ana Rodríguez (unha das impulsoras do incipiente banco de Ourense), Sergio Alvariño (falando do Banco de Reciclaxe Electrónica da Coruña, do que é un dos impulsores), Sergio Fernández (técnico de proxectos de ESF), Jose González (un dos impulsores do Banco en Vigo e membro de ESF e IEEE) e Natalia Monje (de Ecos do Sur). Grazas a todas por facer posible este novo episodio de ESFRadio!

Boletín Oficial ESFeiro: xaneiro 2022

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • A recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    O pasado decembro foi tempo de presentacións, encontros e faladoiros esfeiros con alumnado e profesorado en diversos campus galegos. Foi para dar a coñecer a asociación, así como as posibilidades de facer TFM-TFG connosco, ou colaborar doutros xeitos (como co Banco de Reciclaxe Electrónico, tecnoloxía inclusiva ou os grupos temáticos de auga, enerxía, TIC, xénero ou soberanía alimentaria). Estivemos en Vigo (Telecomunicacións e Industriais-CUVI), Lugo (EPS), Ferrol (Esteiro e Serantes) e Ourense (Escola de Enxeñería Informática). Todo isto fixémolo dentro dun proxecto de educación nas escolas técnicas apoiado pola Xunta de Galicia e o Concello de Lugo.

    Dende o 16 de decembro, quedou na Praza Maior de Lugo a exposición ‘De Oficio, Defensoras’, que da a coñecer a vida de distintas mulleres defensoras de dereitos humanos en diversos países, entre eles Honduras. Aínda podedes vela!

    En Coruña tivemos un novo obradoiro na sede de Ecos do Sur para familias que levaron un equipo do Banco de Reciclaxe Electrónico con Software Libre. E, como no, desexamos un novo ano cheo de ilusión para afrontar desafíos en todas as estacións.

    Mencionar que, como sempre que nos acercamos a datas de Nadal, deixamos algunha pílula en redes sociais sobre consumir con cabeciña, tanto a electrónica como o de comer


HONDURAS

    En Honduras continúa o proxecto de apoio a grupos de mulleres produtoras e orzamentos municipais etiquetados en xénero, apoiado pola Xunta de Galicia. En decembro lanzouse a segunda convocatoria de fondos para emprendementos na rexión Golfo de Fonseca, liderados por mulleres ou mozxs a nivel individual ou colectivas.  

    Por outra banda, dentro do proxecto de apoio ao programa de técnicas comunitarias de auga realizado con AHJASA e apoiado pola Deputación da Coruña que acaba de rematar, realizouse un encontro en liña entre persoas de AHJASA e da asociación galega COXAPO. Nel, puidemos coñecer como foi a realidade da xestión veciñal da auga en Galicia e Honduras durante a pandemia de COVID, e manter o vínculo entre as dúas asociacións que iniciamos en 2019.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    O 18 de decembro celebrouse o Día Internacional da Persoa Migrante. Rebeca Lane, artista e activista guatemalteca, ofreceunos a canción Si yo pudiera quedarme.


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD (ou subscríbe ao seu boletín quincenal, que conta con ofertas de emprego; formacións e actividades; novidades do sector; convocatorias de bolsas e subvencións; propostas de voluntariado, etc.). Tamén nas nosas redes sociais twitter, instagram e na nosa canle de telegram,difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo.


A ESF-RASE DO MES

“𝑆𝑒 𝑒𝑠 𝑛𝑒𝑢𝑡𝑟𝑎𝑙 𝑒𝑛 𝑠𝑖𝑡𝑢𝑎𝑐𝑖𝑜́𝑛𝑠 𝑑𝑒 𝑖𝑛𝑥𝑢𝑠𝑡𝑖𝑧𝑎 𝑒́ 𝑞𝑢𝑒 𝑒𝑠𝑐𝑜𝑙𝑙𝑖𝑐ℎ𝑒𝑠 𝑜 𝑙𝑎𝑑𝑜 𝑜𝑝𝑟𝑒𝑠𝑜𝑟.”
𝐃𝐞𝐬𝐦𝐨𝐧𝐝 𝐓𝐮𝐭𝐮. Premio Nóbel que finou o pasado mes de decembro

Boletín Oficial ESFeiro: decembro 2021

Chega o Boletín Sonoro ESFeiro en ESFRadio, a versión podcast do noso Boletín Oficial ESFeiro.

En 5 minutiños podes coñecer o que fixemos en novembro en Galicia e Honduras, novas sobre tecnoloxía e dereitos humanos, axenda de eventos de decembro e a ESFrase do mes.

Este programa se puido realizar grazas ao apoio do Concello de Lugo, coas axudas para proxectos de sensibilización na súa convocatoria de 2021.

Se che gustan os podcasts, proponnos algún tema para que desenvolvamos en programas monotemáticos, e apúntate a ESFRadio!

Boletín Oficial ESFeiro: decembro 2021


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
    Honduras
  • Enlaces de interese
  • A recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

Fixémonos eco do lavado de cara de empresas eléctricas que financian cátedras en universidades públicas, vendo as que había en Galicia. O Banco de REciclaxe Electrónico tivo a súa xuntanza en Compostela, e tamén impartiu a súa primeira formación para familias usuarias do Banco, co apoio de Ecos do Sur e financiación do IRPF galego (esa casiña que se marca na declaración da reda de FINES SOCIAIS). 

Na ponte de fin de outubro-principios de novembro tivemos a Cósmica (reunión de base social de todas as asociacións de ISF de España). Se pode ver aquí a crónica da delegación galega e aquí a “oficial”. Tamén tivemos un ciber-faldoiro sobre Transición Enerxética Xusta, con Amigos da Terra e o Observatorio Eólico de Galicia, e outro onde pensamos como será o futuro con interesantes reflexións do que nos pode esperar e, sobre todo, como buscar desde agora un futuro mellor.

Ademais, aprobouse asinar o manifestoVerdaderas soluciones, no al “Cero Neto”. Un llamado mundial a la acción climática.

Para pechar o mes ao grande, na súa última finde, voltamos a presencialidade nas nosa asembleas, coa Xuntanza de Outono da nosa base social. Foi unha alegría atoparse de novo “en corpo”.


HONDURAS

En Honduras, neste mes electoral, fixemonos eco da campaña da Cooperación Española en Honduras contra a violencia contra mulleres e nenas. Tamén seguimos con expectación as eleccións do 28 de novembro, que ao peche deste boletín xa sabemos que traerán un cambio político no país. Este período electoral fixo que se ralentizara o ritmo de traballo dos dous programas en marcha (soberanía alimentaria-xénero, e dereito a auga). Ábrese agora un período onde a visibilización das organizacións de defensa dos dereitos humanos en Honduras serán moi importantes para encauzar a nova lexislatura.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    Este mes queremos recomendar unha obra que tivo primeiro a súa versión en cómic (1982) e logo en película de animación (1984). Cremos que está máis de actualidade que nunca, ao tratar temas ambientais, políticos, bélicos e sociais nun mundo post-apocalíptico, todo cunha mirada dende a non-violencia e a cooperación. Ademais, as mascarillas teñen moito protagonismo… Trátase de Nausicaä del Valle del Viento (que ademais protagonizou un dos nosos ciberfaladoiros no confinamento).


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD (ou subscríbe ao seu boletín quincenal, que conta con ofertas de emprego; formacións e actividades; novidades do sector; convocatorias de bolsas e subvencións; propostas de voluntariado, etc.). Tamén nas nosas redes sociais twitter, instagram e na nosa canle de telegram,difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo.


A ESF-RASE DO MES

A última árbore do planeta a talará un proxecto de enerxía sostible

Gustavo Duch no seu libro Cuentos del progreso










Crónica do faladoiro “Pensando no futuro”

O pasado 22 de novembro no noso ciberbar puxémonos en “modo ciencia-ficción”. Empezamos preguntándonos se, esencialmente, eramos pesimistas ou optimistas de cara ao futuro en, digamos, 150-200 anos. Houbo quen se preguntaba se pasaremos do 2050 sequera pero, apocalípticos aparte, hai que recoñecer que non se respiraba optimismo precisamente…

Falamos de ameazas de volta aos feudalismos ou modelos tipo ecofascismo. Polo menos agora temos referentes máis democráticos que no permite ter esperanzas doutro xeito de gobernarse (na Idade Media non había tantos).

Falouse de que as persoas e, por ende, a humanidade, ten como dúas almas, a cooperativa e a competitiva, que pode marcar a tendencia cara mundos moi distintos. O predominio dunha tendencia ou outra marcará o futuro nunha época onde a tecnoloxía cada vez máis impactante nos trae a unha época de posibles disrupcións nunca vistas.

Esa tecnoloxía que nos van metendo e nos imos afacendo a ela, agora mesmo, a vemos como preocupante, porque pertence a esa “alma” máis competitiva, do máis e máis, que deixa a moitas persoas atrás na carreira de acumular, e destrúe ao planeta.

Tal vez influídas pola proximidade do Black Friday, o consumo tivo moita protagonismo nese devir do mundo. Se hai un oco para a outra alma pode estar no aumento do consumo comunitario (compartir transporte, compartir lavadora, comunidades enerxéticas…). Aínda se ve como “algo de pobres”, pero pouco a pouco tal vez vaia cambiando. Por exemplo, algunhas empresas de coches xa dan por suposto que o vehículo privado familiar vai ter os días contados.

Tamén pode empezar a cambiar todo o que ten que ver coa reparación de bens (sobre todo obrigadas por un contexto de escaseza de materiais). Actualmente, demasiadas veces e máis caro reparar ca comprar un novo (se é que se atopa quen o repare, coas trabas que se poñen nos propios aparatos). Precisaríase unha lexislación que impulse tanto aparatos moito máis duradeiros, como máis reparables. Un Wall E que durase 700 anos hoxe parece algo improbable…

De todos os xeitos, hai certo pesimismo á hora de plantexar unha redución de uso de materiais e hiperconsumo. Quen toca comodidades, logo non quere soltalas. Aínda así, non se debe deixar todo nos ombreiros da clase baixa e media (e menos se nos referimos a países empobrecidos, cuxa poboación tamén busca unha vida mellor no material). A veces as opcións non son factibles por trabas lexislativas. Hai cousas que lexislativamente se deberían impulsar. Empezar por cousas máis simbólicas (redución do IVE a reparacións) para logo ir meténdose en máis ambiciosas (especificacións técnicas para obrigar a reparar). Pero cando as propias administracións prefiren a compra de aparellos novos que a reutilización…

Xurdiron, como non, recomendacións de libros, series, pelis, con paralelismos como Mad Max, ou O conto da criada (este perigosamente posible a non moi longo prazo, hai países como Irán ou Afganistán que xa pasaron ou están a pasar algo así). No que ten que ver coas clases sociais e ecofascismos nun contexto de escaseza falouse do cómic-película-serie Snowpiercer (que foi tema central nun dos ciberfaladoiros da pandemia). Tamén se falou de Colapso, polo seu impactante realismo. Aproveitamos, como bonus, deixarvos unhas recomendacións de novelas distópicas galegas: O Cervo na Torre (do recentemente finado Darío Xohán Cabana), Cobiza (de María Reimóndez) e Be Water (de Antía Yañez Rodríguez, compañeira hai anos en ESF). Por se acaso, non vendades as leiras e botade un ollo á Guía do Descenso Enerxético (que por riba está adaptada á realidade galega!).

Para rematar con algo de esperanza, que tamén nos da azos no noso activismo en ESF, un xeito de perseguir ese futuro mellor é facer de altofalante de alternativas que xa están funcionando, aínda que sexan pequenas e non perfectas, que naceran con esa alma cooperativa e de coidados. Por aí hai xente que di que non se poden cambiar cousas sen cambiar primeiro as mentes…, e que mellor xeito que experimentando pequenos anacos dese posible futuro mellor.

Boletín Sonoro ESFeiro: novembro 2021

Chega o Boletín Sonoro ESFeiro en ESFRadio, a versión podcast do noso Boletín Oficial ESFeiro. Esta vez, tivemos público na súa gravación!

En 5 minutiños podes coñecer o que fixemos en outubro en Galicia e Honduras, novas sobre tecnoloxía e dereitos humanos, axenda de eventos vindeiros e a ESFrase do mes.

Se che gustan os podcasts, apúntate a ESFRadio!

Crónica do faladoiro “É posible unha transición enerxética xusta?”

O pasado 16 de novembro tivemos un encontro de persoas de Enxeñería Sen Fronteiras e Amigos da Terra con Xavier Simón, do Observatorio Eólico de Galicia, para falar sobre se é posible unha transición enerxética xusta. Esta actividade se enmarca nun proxecto que estamos facendo ESF e Amigos da Terra, financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia, co fío condutor de mulleres defensoras da terra en Galicia e Honduras.

En Enxeñería Sen Fronteiras levamos tempo defendendo un modelo máis descentralizado de produción e de gobernanza da enerxía (en España, e tamén nos países nos que traballamos), así como unha aposta polas enerxías renovables e unha sensible redución do consumo. Temos un grupo de traballo neste eido, que impulsou recentemente algúns faladoiros de reflexión, como o de As Pontes ou o do papel da nuclear na actualidade.

O que vén ocorrendo, sen embargo, é que no actual contexto o modelo non muda (aínda que agora falemos de enerxía renovable) e trátase de macroproxectos en mans do oligopolio enerxético (que xa controla o sector enerxético e máis en concreto o eléctrico). É o modelo extractivista que clava as poutas na terra e bombea alimentos, madeira, auga ou enerxía (ou os seus equivalentes en cartos) cara unhas poucas persoas, e deixa esmorecido o territorio.

Unha aposta interesante é a enerxía comunitaria, a enerxía en mans das persoas e comunidades para facer fronte aos retos climáticos, ecolóxicos e sociais. Recentemente Amigos de la Tierra presentó un informe, “Energía comunitaria, el potencial de las comunidades energéticas en el Estado español”, onde se demostraba o enorme potencial do autoconsumo colectivo. Así para 2030 a través de paneis fotovoltaicos en cubertas e tellados podemos chegar a cubrir máis do 40% da demanda do sector doméstico e terciario. Esta cuestión é especialmente importante nas cidades xa que reduciría a demanda externa e polo tanto a presión nos territorios (rurais) que as rodean.

E se falamos de comunidades enerxéticas baseadas tamén no autoconsumo colectivo (a partir dun mix enerxético de comprende enerxía solar, pequena eólica e biomasa a pequena escala) chegaríase a cubrir o total do consumo residencial e terciario para 2030.

Sen embargo é significativo que esta figura non estea regulada e tampouco traspostas as directivas europeas (MED: mercado eléctrico e REDII: Enerxía renovable) o que se traduce nunha enorme inseguridade xurídica e indefinición a pesar de que xa existen numerosos exemplos tanto en España como en todo Europa que se poden consultar na guía  “Comunidades energéticas, una guía para impulsar la Energía comunitaria

Ante este panorama quixemos coñecer a opinión de Xavier (e do resto de participantes) sobre se “eólica si, pero non así”, entón como? Porque corremos o risco de paralizar unha tendencia á expansión das renovables, e xerar confusión ante a opinión pública (“entón, estades en contra das renovables?”).

Unha das claves é que non é tanto que o sistema mude cara a que haxa máis megawatios renovables senón a que haxa máis control local dos xeitos de obter enerxía, outro modelo que poña as persoas e o medio ambiente no centro.  Non pode ser que a sua implantación implique o empobrecemento do medio natural e das persoas. Cuestionamos o crecemento polo crecementos dos MW, actualmente temos 180 parques eólicos, case 4.000 MW (máis de 4.000 aeroxeneradores)  en funcionamento e hai solicitados parques para poñer en marcha outros 7.000 MW e eso non hai territorio que o aguante.

Por exemplo, unha idea (que xa está sendo realidade) son as comunidades enerxéticas. Na última poxa de enerxía que foi o 19 de outubro resultou en que as grandes empresas “colleron” os 3000 MW poxados, pero outros 300 MW que estaban reservados para comunidades enerxéticas (por primeira vez na historia) de menos de 5 MW de potencia só se adxudicaron 10 M. En realidade, hai moitos atrancos para constituír estas comunidades, que non teñen en España unha figura propia xurídica  e que atopan numerosas trabas burocráticas e administrativas na fase de rexistro e legalizacións, dificultades na autorización e conexións por parte das empresas que monopolizan a distribucións eléctrica, o difícil acceso á información así como axudas e subvencións entre outras barreiras.). É importante entón apoiar (a nivel lexislativo, legal, administrativo, económico, técnico, tecnolóxico, participativo) a constitución destas comunidades enerxéticas, e que haxa cada vez máis demanda para que se cubran os MW reservados a elas (e cada vez se precise reservar máis). De feito dende Amigos da Terra demandan que para 2030 o 40% da potencial enerxía xerada sexa mediante comunidades enerxéticas.

Por outra banda, estamos en situación de inflación e escaseza que leva asociado aumento da pobreza enerxética. Habería entón que seguir saíndo ás rúas en vez de para dicir eólicos así non para reclamar baixadas dos prezos da enerxía (queremos megawatios máis baratos), ou para que se tomen medidas para reducir o consumo, ou pedindo que non se corte a luz ás persoas vulnerables. Todo iso se podería lograr, entre outras medidas, coa promoción das comunidades enerxéticas. A forte compoñente social que posúen a maioría destes proxectos e a súa implementación local teñen incuestionables vantaxes para incidir contra a pobreza enerxética e aumentar a presencia de colectivos tradicionalmente infrarepresentados no sector enerxético (mulleres, colectivos vulnerables, xente nova)

Un tema que ocupou tamén un espazo importante foi o desequilibrio (ou incluso enfrontamento) entre as perspectivas “dende o rural” o “dende o urbano” nesta posible transición enerxética. Falouse de que se replica o modelo de apropiación capitalista, neste caso no territorio, perdendo as persoas poboadoras o control do seu propio territorio. A xeración de enerxía eólica non pode facerse nas cidades, así que colócase no rural, un medio tradicionalmente moito menos intensivo, co cal impacta moito máis.

Falouse de sensibilizar entón tanto na cidade como no rural, conectar cos intereses da xente (traballo, saúde, etc). Na cidade, sobre a insustentabilidade dalgúns modelos de cidade (sobre todo grandes), e buscar, se se aposta polo equilibrio territorial, tamaños óptimos de asentamentos, sen apostar polas megalópolis. As acumulacións de persoas para xenerar innovación cada vez teñen menos sentido coas canles de comunicación actuais. No rural, sen idealizar tampouco, xa que hai dinámicas que atraen estas inversións por parte de axentes interesados, e ademais moitas veces custa mobilizar ás persoas. Igual empezan “catro hippys” e, tal vez, logran arrastrar despois ao resto cando ven o que se lles vén enriba, a risco de xerar un movemento NIMBY (not in my backyard), de persoas que só loitan porque lles afecta directamente, pero sen ver o problema fondo do modelo. Noutros casos (ou convivindo co anterior), dáse o fenómeno PIMBY (“please in my backyard), que son eses axentes que si queren esas inversións. Tampouco se debería dar un enfrontamento ante calquera proxecto eólico. O importante é que a veciñanza teña o control. Se hai un monte da aldea, pódese planificar ben algún muíño e impulsalo dende a propia aldea sen que teña que vir unha multinacional a facelo sen contar coa veciñanza? En Galicia temos o caso da Comunidade enerxética de Tameiga impulsado por unha comunidade de montes. Tampouco se poden rexeitar sistematicamente estas tecnoloxías.

As ferramentas que temos para promover un modelo que coloque ás persoas e o medio ambiente no centro, e que busca o crecemento pausado e sustentable (da calidade de vida, non do PIB), contra o modelo do crecemento polo crecemento son poucas… Como o que buscamos é enfrontarnos a autodestrución semella que temos a razón, e iso está ben, pero o que pasou en Glasgow demostra que os políticos só están a maquillar o sistema, non a mudalo. É preciso acompañar a transición con medidas en paralelo, que poderían ser a Renda Básica Universal porque sería unha ferramenta para evitar a pobreza e distribuír a riqueza e por tanto certo poder de influencia. A xente máis pobre pouco pode facer para mudar o seu modo de vida pouco vai poder facer para cambiar o modelo. A este respecto, temos que darnos conta que somos afortunadas por estar no norte global, hai lugares onde teñen situación moito más precarias e intentar cambiar as cousas e moito máis perigoso e duro. Non  debemos deixar de apoiar tamén aquelas loitas, tendo esa visión global ou internacionalista buscando a xustiza climática.

A conclusión é que é posible e desexable buscar que as persoas e o medio ambiente sexan máis importantes que o capital á hora da produción e uso da enerxía, e existen aliados dispostos a ser proactivos. Hai que plantar sementes de alternativas de produción e xestión (aínda que sexan simplemente comercializadoras alternativas, como A Nosa Enerxía), apoialas e participar nelas. É posible construír modelos de vida vinculados ao territorio e as comunidades enerxéticas son unha ferramenta factible. O movemento se demostra andando.