ESFRadio. Por que (e como) facer a transición enerxética?

Neste novo programa de ESFRadio temos connosco a Alberto Molares, que é químico de formación, pero que leva o activismo no sangue. Moeda social con experiencias como A Sabia Moeda Social, soberanía alimentaria e recuperación da sabedoría rural dende a Fundación Galicia Verde (xusto esta finde foi a súa duodécima Feira de Sementes e Plantóns Tradicionais) e dende hai un tempo tamén en Enxeñería Sen Fronteiras, onde forma parte da nosa Xunta Directiva dende hai unhas semanas. Unha cousa que lle quita o sono é toda a tan traída e levada transición enerxética. Con el, falamos sobre a importancia de abordala de xeito participativo, consensuado, urxente e democrático.

Tamén falamos sobre a conexión indisoluble entre o sistema enerxético e o socioeconómico polo que seguramente toque, dende xa, buscar un novo pacto social que nos permita reducir o consumo desmedido de enerxía (e doutros recursos) se queremos manter a vida no noso planeta.

AQUÍ vos deixamos o programa, e aquí tamén queda unha presentación ben completiña sobre o tema, con datos moi clarificadores.

Entrevista: Sergio Fernández
Produce: Jorge Lama

Crónica da nova visita do programa AquaMoz a Mozambique

No mes de maio tivo lugar unha visita técnica a Mozambique na que se traballou coa Administración Rexional de Augas do Sur (ARA Sul) de Mozambique nas súas oficinas de Maputo.

O traballo estivo relacionado coas inundacións pero, nesta ocasión, focalizouse principalmente na planificación e na xestión.

Foron desenvolvidas diferentes sesións e talleres técnicos nas que se analizou a situación da ARA Sul nese ámbito das inundacións e se debateu con exemplos sobre as bondades e oportunidades de desenvolver o marco legal relacionado con ese tipo de evento hídrico extremo, que vén gañando relevancia nos últimos anos no país. O traballo foi realizado fundamentalmente coa xefa e o coordinador do departamento de recursos hídricos e tamén houbo sesións de traballo nas que se involucrou a toda o persoal do departamento.

Durante a visita, e o longo do mes, tamén se atenderon cuestións relacionadas co estudo das inundacións e o traballo continuado de monitoreo da seca e dos embalses.

A mediados de xuño terá lugar unha visita a Galicia de representantes da ARA Centro,co obxectivo de que poidan coñecer in situ o traballo que se realiza en Galicia en relacións as inundacións, aproveitando esta viaxe tamén para coordinalo.

Xuventude, emprego e relevo xeracional na economía social e solidaria

O pasado xoves 15 de maio, Casa RIA acolleu en Santiago de Compostela a presentación de UpMeUp 2.0, o portal de emprego da economía social e solidaria, nun evento co-organizado con EspazoCoop e que reuniu a persoas e entidades referentes do cooperativismo, o mundo tecnolóxico e os movementos sociais galegos.

A mesa redonda puxo o foco nos desafíos e oportunidades que afronta a mocidade para acceder a empregos dignos e con valores, así como na capacidade da ESS para atraer e acompañar ás novas xeracións. Compartimos unhas notas de cada intervención:

  • EspazoCoop destacou a importancia de fortalecer o vínculo entre mocidade e economía social, apostando por programas de emprendemento xuvenil e acompañamento para facilitar a incorporación de persoas novas ao sector cooperativo.
  • Moira S. Coop. Galega achegou a visión dunha cooperativa xuvenil, relatando os retos e aprendizaxes da xestión colectiva, a creatividade e a innovación, e o valor da horizontalidade e o apoio mutuo.
  • Numax S. Coop. Galega explicou como, tras dez anos de traxectoria, afrontan o proceso de atraer e incorporar novos perfís, e as necesidades detectadas para garantir o relevo xeracional e a continuidade do proxecto.
  • CDR Portas Abertas puxo en valor o traballo comunitario no rural, subliñando o papel da ESS para crear emprego inclusivo e fortalecer a cohesión social en territorios con risco de despoboamento.

Na intervención de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, puxemos sobre a mesa unha reflexión clave que cada vez soa con máis forza entre a mocidade: queremos “máis tempo para vivir”. Apostamos por traballar para vivir, e non vivir para traballar, algo que pode chocar co pensamento de xeracións anteriores, criadas nun contexto social moi distinto ao actual. Hoxe, partimos doutras necesidades e prioridades, e é importante que todas as xeracións nos escoitemos e comprendamos.

Detectamos necesidades moi variadas, pero cun fío común: poñer os coidados no centro. Isto implica ir máis aló dunhas condicións laborais dignas (salario, estabilidade, conciliación, respecto dos dereitos laborais), que xa de por si é un reto enorme, como pode ser:

  • Coidar a quen nos coida: visibilizar e acoller ao persoal de limpeza, xeralmente mulleres, e ter en conta as súas condicións e necesidades dentro dos espazos de traballo.
  • Revisar o propio espazo laboral: está libre de tóxicos? Usamos produtos ecolóxicos? Hai luz natural e acceso a auga de calidade?
  • Contar cun protocolo de prevención de violencias ou acoso laboral, revisado periodicamente, e garantir que a rede de relacións sexa segura.
  • Fomentar a participación real na toma de decisións, con rotación de roles e canles diversas de comunicación, así como integrar o coidado físico e permitirnos estar de pé, sentadas, camiñando.
  • Garantir espazos de descanso e actividades de cohesión accesibles para todas, preguntándonos quen queda fóra e por que.

A xornada foi tamén unha oportunidade para presentar UpMeUp 2.0, unha ferramenta de software libre e sen ánimo de lucro que conecta a mocidade con ofertas laborais aliñadas cos valores da economía social, a sustentabilidade e a xustiza social.

Dende aquí agradecemos o convite a este espazo tan coidado, e animamos á mocidade a explorar as oportunidades que ofrece a economía social e solidaria para construír un futuro laboral máis xusto, feminista e sostible.

Exposición "Coñeces o teu móbil?"

Actividades na Escola de Informática, Ourense

Este martes 6 de maio achegámonos á Facultade de Enxeñería Informática de Ourense, e como nos renxeu o día!

Arrancamos a mañá cun faladoiro sobre electrónica ética para o alumnado de FP do ciclo medio de sistemas microinformáticos e redes do IES Cosme López Rodríguez (A Rúa). Tamén asistiron persoas da universidade e sentaba a base da seguinte actividade que comezaba a continuación: un Repair Café.

Pola mesa do Repair pasaron ratos, NintendoDS, portátiles e ordenadores de mesa. Aprendimos a cambiar pasta térmica e compartimos tips básicos sobre mantemento dos equipos.

Aproveitamos tamén a visita para colocar a exposición Coñeces o teu móbil? e a campaña Todo pasa… e todo queda?. E, para completar o día, o director da Escola fixo un tour por ela ao alumnado de FP e ás profesoras do centro.

BOE

Boletín Oficial ESFeiro. Maio 2025



CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En abril sacamos o boletín sonoro do primeiro trimestre do ano, cun cambio de formato deste podcast que era mensual. 

    No programa ESF na Universidade, moitas escolas e facultades universitarias de Galicia se atoparon nos espazos comúns con tarxetas da nosa campaña “Todo pasa… e todo queda?”, para sensibilizar sobre a invisibilización e desprezo cara as mulleres por parte de pensadores prominentes da historia. Ademais, na ETSE de Compostela tivemos un par de clases, sobre que é a cooperación ao desenvolvemento e sobre xestión de eventos hídricos extremos en Mozambique. Xente de ESF impartiu sendas sesións no Mestrado en liña de IA e xornalismo de RTVE: A IA cun enfoque crítico e Fediverso e redes sociais descentralizadas.

    Foron seleccionadas as persoas que participarán no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades. Xa empezou a súa formación, e se puideron coñecer no primeiro encontro presencial da formación.

    No programa Hackers Sen Fronteiras, de tecnoloxía para o ben común en secundaria, houbo faladoiros no IES San Rosendo Mondoñedo (sobre redes sociais descentralizadas) e no IES Terra de Xallás (sobre transición enerxética xusta). Tamén tivemos un ciberencontro para coñecer a iniciativa de Xardíns Circulares no IES Valga.

    Como actividades do programa de Tecnoloxía para o ben común nos ámbitos profesionais, tivemos unha tertulia en Santiago sobre se unha empresa eco-social é posible. Tamén un ciberencontro para falar de tecnoloxía para o ben común na economía social, con distintos organizacións do sector.

    Tivemos un pequeno encontro da base social da Coruña. Ademais, nas redes, participamos no encontro de Mentoring, xa que se participou en 2024 como mentores dunha persoa. Tamén estivemos na asemblea da Rede Acampa, e nun encontro con mulleres activistas de Honduras en Compostela.


HONDURAS

    No eixo de Dereito a Auga, houbo unha importante reunión con organizacións públicas con competencias na xestión da auga, organizada pola Mancomunidade NASMAR, invitando tamén a CODDEFFAGOLF, a outra socia dos nosos proxectos. Tamén realizouse unha xira técnica para coñecer experiencias exitosas en plantas potabilizadoras para comunidades rurais

    No eixo de Soberanía Alimentaria, con CODDEFFAGOLF, continúan os talleres formativos para colectivos de mulleres marisqueiras de Amapala. Houbo un de elaboración de encurtidos e escabeches. Tivemos a excelente nova da concesión dunha axuda de 600.000 euros da nova convocatoria de Programas Internacionais de Cooperación, da Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Nos vindeiros tres anos, poderemos continuar o programa de restauración do complexo de lagoas de inverno do sur de Honduras.


MOZAMBIQUE

No mes de abril continuouse traballando coas Administracións Rexionais da Auga (ARA) de Mozambique na monitoria da seca. Tamén continuou a recompilación de información e a elaboración das análises preliminares para a definición da bacía de maior interese, co obxecto de realizar un novo estudo de inundacións, que servirá tamén como base para continuar a formación dos técnicos mozambicanos. Ademais, traballouse na programación da visita a Mozambique que terá lugar a mediados de maio e que estará centrada principalmente na xestión de inundacións coa ARA Sul. No mes de abril tamén houbo unha charla na Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC centrada na xestión dos eventos extremos en Mozambique.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes traemos nada menos que… un xogo de mesa!! Chámase Nosotras, Las Brujas, e se asume o papel dunha integrante dun grupo de mulleres, para intentar salvar a unha das túas compañeiras, acusada de bruxería, que está á espera de ser xulgada e executada. Aquí unha completa reseña do xogo.


E NO PRÓXIMO MES …

    Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

     A auga, as sementes e a enerxía non deben ter condición de propiedade
Francisca Fernández Droguett

Contratación de servicios técnicos de evaluación final. Proyecto de mejora de gestión pública y social para gobernanza hídrica 9 municipios Honduras

Se trata de una contratación de un servicio externo para realizar la evaluación externa final del proyecto, financiado por la Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, 2022/PRYC/000903: Mejora de la gestión pública y social para la gobernanza de los recursos hídricos en 9 municipios de la región 13 Golfo de Fonseca (Honduras), Fase 1.

Estuvo ejecutado por Ingeniería Sin Fronteras Galicia, el Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF), Mancomunidad de Municipios del Sur – NASMAR y
Asociación Hondureña de Juntas Administradoras de Sistemas de Agua (AHJASA).

Las ofertas deberán ser presentadas a más tardar el lunes 05 de mayo de 2025 a las 23 horas de Honduras, 13:00 horas de España.

Aquí se pueden descargar los términos de referencia para su consulta.

Seleccionadas candidatas para Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades

Despois dun reñido proceso de selección, temos xa ás 3 persoas seleccionadas para o Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades 2025. Foron:

Aída Raíndo (praza de profesional da enxeñería ou da economía social)

Lorenzo Granja (praza xeral)

Rubén Negreira (praza profesorado secundaria programa Hackers Sen Fronteiras)

Ademais dunha formación en liña, con itinerario formativo con varios módulos, e encontros en liña con persoas de Honduras, tamén haberá polo menos 2 sesións presenciais. Unha delas a tivemos onte, onde puideron coñecerse, e fixemos unha introdución sobre Enxeñería Sen Fronteiras, o concepto de Tecnoloxía para o Ben Común e o contexto de Honduras. Este ano deuse a posibilidade de participar na formación ao resto de persoas candidatas que non foran seleccionadas, algunhas das cais están participando na mesma.

Aquí se pode saber máis sobre o programa.

Todo pasa… e todo queda?

Aproveitando que hoxe celebramos o día da nena nas TIC queremos darvos a coñecer un proxecto que naceu no grupo de Mulleres Tecnólogas de ESF e que se está a propagar polas escolas técnicas de Galicia e en diversas facultades.

Elaboramos unha serie de tarxetas con frases de reputados científicos e pensadores que estudamos ao longo da nosa vida académica. Estes fixeron grandes aportacións técnicas pero, algunha vez nos paramos a analizar a súa ideoloxía? En ditas frases, extraídas das súas publicacións, vemos que tanto da o século ao que pertencesen ou o campo de estudo ao que se adicaran, todos comparten o mesmo discurso machista, de desprezo e insultante cara as mulleres.

Con esta campaña quixemos visibilizar que levamos toda a historia perpetuando o evidente: o sistema patriarcal. Dende os tempos antigos de Pitágoras ata os modernos de Isaac Asimov. Agora e antes.

Convidamos con elo á reflexión. A levalo ás aulas, visibilizalo, nomear tamén a mulleres e disidencias. Todxs conformamos a historia e non é xusto que só coñezamos parte dela.

Podedes atopar as nosas tarxetiñas nas bibliotecas das facultades de Santiago e nas Escolas de Telecomunicacións e de Minas e Enerxía en Vigo. Moi pronto as veredes en Lugo, Ourense e Coruña. A ver se atopades as oito! E se as queredes poñer no voso centro ou local enviádenos un correo que estaremos encantadxs de velas viaxar polo mapa.

Por último agradecemos á Asociación Galega de Estudantes de Matemáticas a súa colaboración e implicación na campaña.

ESFRadio: boletín sonoro do 1º trimestre de 2025

Benvidas ao Boletín Sonoro Esfeiro deste primeiro trimestre de 2025. Este é un programa de ESFRadio, podcast da Asociación Enxeñería Sen Fronteiras Galicia.

En 12 minutiños falamos de:

  • Actividades deste trimestre de Enxeñería Sen Fronteiras en Galicia e nos países de traballo: Honduras e Mozambique
  • Escolma de novas relacionadas con tecnoloxía para o ben común que nos chamaron a atención
  • Datas vindeiras sinaladas na axenda
  • Recomendación artística
  • A ESF-Frase do trimestre

Todo o que contamos aquí podes atopalo ampliado nos nosos Boletíns mensuais.

ESCOITA AQUÍ

BOE

Boletín Oficial ESFeiro: abril 2025

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   Como parte do convenio asinado coa Universidade de Santiago para desenvolver accións formativas na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Compostela, o pasado mes de marzo tivemos 4 faladoiros e obradoiros dentro da materia Aula Profesional (un deles, un repair café, que se fixo ao lado da cafetería). Tamén en Ferrol e A Coruña se apuntaron a repair cafés, aproveitando as actividades do Marzo Ambiental da UDC. Ademais, no Banco da Coruña, comezou o curso de 35 horas de Reparación e mantemento básico de equipos informáticos. Tivemos encontro de persoas da Rede Galega de Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre, cunha representante de Repair Café Lisboa.

    Vinculado ao programa Hackers Sen Fronteiras en secundaria, o grupo de Mulleres Tecnólogas para o Ben Común tivo un encontro de reflexión e autoformación. Houbo un faladoiro en Mondoñedo sobre As redes sociais libres: o Fediverso, a cargo de Lucía (invitadas pola asociación de profesorado de tecnoloxía de Galicia, APETEGA, na súa xuntanza), e outro sobre Videoxogos Serios a cargo de Luz Castro no IES Mondoñedo (a partir da cal a rapazada desenvolverá videoxogos, xa están niso!).

    No programa de ESF no eido profesional, tivemos un encontro en liña pensando en como visibilizar a importancia da transición ecosocial no ámbito profesional da enxeñería e a tecnoloxía.

    Como parte do traballo en rede, estivemos nun encontro ben interesante con activistas pola soberanía alimentaria, invitadas polas compas do Sindicato Labrego Galego.

    Pero seguramente a actividade estrela foi a Asemblea de Primavera e xuntanza da base social de ESF, na que aproveitamos para coñecer a iniciativa de Rural Hackers e participar nun repair café rural en Anceu.  


HONDURAS

    Organizouse tamén un obradoiro de contabilidade básica con grupos de mulleres marisqueiras, dentro do proxecto que está a rematar de fortalecemento da actividade marisqueira no sur de Honduras. TAmén como parte deste fortalecemento aos grupos, houbo formación sobre boas prácticas pesqueiras. Houbo un encontro da Mesa de Seguridad Alimentaria do municipio de Nacaome. Ademais, tivemos visita institucional aos proxectos, de representantes da Cooperación Galega da Xunta de Galicia e da Oficina de Cooperación da AECID.


MOZAMBIQUE

    No mes de marzo traballouse na elaboración e peche dos informes técnicos e financeiro do proxecto do ano anterior e comezouse a coordinación para a visita de persoal da Administración Rexional da Auga do Centro de Mozambique a Galicia do mes de xuño. Continuouse traballando na monitoria da seca, a análise de precipitacións e o estado de encoros coas 3 Administracións Rexionais da Auga de Mozambique, e avanzouse no peche do TFM dun mestrado en hidroloxía dun alumno da UEM en Maputo que se está a co-tutorar dende o proxecto, así como na selección e análise preliminar das novas bacías nas que se traballará con inundacións coas ARAs Sul e Centro. No mes de marzo tamén houbo unha charla la Facultade de Física da USC sobre cooperación, secas e inundacións en Mozambique. Ademais, se sacou a praza para consultoría técnica de fortalecemento en xestión de eventos extremos.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes queremos facernos eco dunha exposición que se fai lonxe, en Tegucigalpa: Voces de niñas: el arte que denuncia.


E NO PRÓXIMO MES …

    Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:


A ESF-RASE DO MES

    Quizais sexa hora de analizar estes feitos [malas prácticas das multinacionais extractivistas] non tanto como desviacións, senón máis ben como a normalidade da desmesura capitalista

Eduardo Romero, no moi recomendable libro ¿Cómo va a ser la montaña un dios?