Crónica do faladoiro “Pensando no futuro”

O pasado 22 de novembro no noso ciberbar puxémonos en “modo ciencia-ficción”. Empezamos preguntándonos se, esencialmente, eramos pesimistas ou optimistas de cara ao futuro en, digamos, 150-200 anos. Houbo quen se preguntaba se pasaremos do 2050 sequera pero, apocalípticos aparte, hai que recoñecer que non se respiraba optimismo precisamente…

Falamos de ameazas de volta aos feudalismos ou modelos tipo ecofascismo. Polo menos agora temos referentes máis democráticos que no permite ter esperanzas doutro xeito de gobernarse (na Idade Media non había tantos).

Falouse de que as persoas e, por ende, a humanidade, ten como dúas almas, a cooperativa e a competitiva, que pode marcar a tendencia cara mundos moi distintos. O predominio dunha tendencia ou outra marcará o futuro nunha época onde a tecnoloxía cada vez máis impactante nos trae a unha época de posibles disrupcións nunca vistas.

Esa tecnoloxía que nos van metendo e nos imos afacendo a ela, agora mesmo, a vemos como preocupante, porque pertence a esa “alma” máis competitiva, do máis e máis, que deixa a moitas persoas atrás na carreira de acumular, e destrúe ao planeta.

Tal vez influídas pola proximidade do Black Friday, o consumo tivo moita protagonismo nese devir do mundo. Se hai un oco para a outra alma pode estar no aumento do consumo comunitario (compartir transporte, compartir lavadora, comunidades enerxéticas…). Aínda se ve como “algo de pobres”, pero pouco a pouco tal vez vaia cambiando. Por exemplo, algunhas empresas de coches xa dan por suposto que o vehículo privado familiar vai ter os días contados.

Tamén pode empezar a cambiar todo o que ten que ver coa reparación de bens (sobre todo obrigadas por un contexto de escaseza de materiais). Actualmente, demasiadas veces e máis caro reparar ca comprar un novo (se é que se atopa quen o repare, coas trabas que se poñen nos propios aparatos). Precisaríase unha lexislación que impulse tanto aparatos moito máis duradeiros, como máis reparables. Un Wall E que durase 700 anos hoxe parece algo improbable…

De todos os xeitos, hai certo pesimismo á hora de plantexar unha redución de uso de materiais e hiperconsumo. Quen toca comodidades, logo non quere soltalas. Aínda así, non se debe deixar todo nos ombreiros da clase baixa e media (e menos se nos referimos a países empobrecidos, cuxa poboación tamén busca unha vida mellor no material). A veces as opcións non son factibles por trabas lexislativas. Hai cousas que lexislativamente se deberían impulsar. Empezar por cousas máis simbólicas (redución do IVE a reparacións) para logo ir meténdose en máis ambiciosas (especificacións técnicas para obrigar a reparar). Pero cando as propias administracións prefiren a compra de aparellos novos que a reutilización…

Xurdiron, como non, recomendacións de libros, series, pelis, con paralelismos como Mad Max, ou O conto da criada (este perigosamente posible a non moi longo prazo, hai países como Irán ou Afganistán que xa pasaron ou están a pasar algo así). No que ten que ver coas clases sociais e ecofascismos nun contexto de escaseza falouse do cómic-película-serie Snowpiercer (que foi tema central nun dos ciberfaladoiros da pandemia). Tamén se falou de Colapso, polo seu impactante realismo. Aproveitamos, como bonus, deixarvos unhas recomendacións de novelas distópicas galegas: O Cervo na Torre (do recentemente finado Darío Xohán Cabana), Cobiza (de María Reimóndez) e Be Water (de Antía Yañez Rodríguez, compañeira hai anos en ESF). Por se acaso, non vendades as leiras e botade un ollo á Guía do Descenso Enerxético (que por riba está adaptada á realidade galega!).

Para rematar con algo de esperanza, que tamén nos da azos no noso activismo en ESF, un xeito de perseguir ese futuro mellor é facer de altofalante de alternativas que xa están funcionando, aínda que sexan pequenas e non perfectas, que naceran con esa alma cooperativa e de coidados. Por aí hai xente que di que non se poden cambiar cousas sen cambiar primeiro as mentes…, e que mellor xeito que experimentando pequenos anacos dese posible futuro mellor.

Boletín Sonoro ESFeiro: novembro 2021

Chega o Boletín Sonoro ESFeiro en ESFRadio, a versión podcast do noso Boletín Oficial ESFeiro. Esta vez, tivemos público na súa gravación!

En 5 minutiños podes coñecer o que fixemos en outubro en Galicia e Honduras, novas sobre tecnoloxía e dereitos humanos, axenda de eventos vindeiros e a ESFrase do mes.

Se che gustan os podcasts, apúntate a ESFRadio!

Crónica do faladoiro “É posible unha transición enerxética xusta?”

O pasado 16 de novembro tivemos un encontro de persoas de Enxeñería Sen Fronteiras e Amigos da Terra con Xavier Simón, do Observatorio Eólico de Galicia, para falar sobre se é posible unha transición enerxética xusta. Esta actividade se enmarca nun proxecto que estamos facendo ESF e Amigos da Terra, financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia, co fío condutor de mulleres defensoras da terra en Galicia e Honduras.

En Enxeñería Sen Fronteiras levamos tempo defendendo un modelo máis descentralizado de produción e de gobernanza da enerxía (en España, e tamén nos países nos que traballamos), así como unha aposta polas enerxías renovables e unha sensible redución do consumo. Temos un grupo de traballo neste eido, que impulsou recentemente algúns faladoiros de reflexión, como o de As Pontes ou o do papel da nuclear na actualidade.

O que vén ocorrendo, sen embargo, é que no actual contexto o modelo non muda (aínda que agora falemos de enerxía renovable) e trátase de macroproxectos en mans do oligopolio enerxético (que xa controla o sector enerxético e máis en concreto o eléctrico). É o modelo extractivista que clava as poutas na terra e bombea alimentos, madeira, auga ou enerxía (ou os seus equivalentes en cartos) cara unhas poucas persoas, e deixa esmorecido o territorio.

Unha aposta interesante é a enerxía comunitaria, a enerxía en mans das persoas e comunidades para facer fronte aos retos climáticos, ecolóxicos e sociais. Recentemente Amigos de la Tierra presentó un informe, “Energía comunitaria, el potencial de las comunidades energéticas en el Estado español”, onde se demostraba o enorme potencial do autoconsumo colectivo. Así para 2030 a través de paneis fotovoltaicos en cubertas e tellados podemos chegar a cubrir máis do 40% da demanda do sector doméstico e terciario. Esta cuestión é especialmente importante nas cidades xa que reduciría a demanda externa e polo tanto a presión nos territorios (rurais) que as rodean.

E se falamos de comunidades enerxéticas baseadas tamén no autoconsumo colectivo (a partir dun mix enerxético de comprende enerxía solar, pequena eólica e biomasa a pequena escala) chegaríase a cubrir o total do consumo residencial e terciario para 2030.

Sen embargo é significativo que esta figura non estea regulada e tampouco traspostas as directivas europeas (MED: mercado eléctrico e REDII: Enerxía renovable) o que se traduce nunha enorme inseguridade xurídica e indefinición a pesar de que xa existen numerosos exemplos tanto en España como en todo Europa que se poden consultar na guía  “Comunidades energéticas, una guía para impulsar la Energía comunitaria

Ante este panorama quixemos coñecer a opinión de Xavier (e do resto de participantes) sobre se “eólica si, pero non así”, entón como? Porque corremos o risco de paralizar unha tendencia á expansión das renovables, e xerar confusión ante a opinión pública (“entón, estades en contra das renovables?”).

Unha das claves é que non é tanto que o sistema mude cara a que haxa máis megawatios renovables senón a que haxa máis control local dos xeitos de obter enerxía, outro modelo que poña as persoas e o medio ambiente no centro.  Non pode ser que a sua implantación implique o empobrecemento do medio natural e das persoas. Cuestionamos o crecemento polo crecementos dos MW, actualmente temos 180 parques eólicos, case 4.000 MW (máis de 4.000 aeroxeneradores)  en funcionamento e hai solicitados parques para poñer en marcha outros 7.000 MW e eso non hai territorio que o aguante.

Por exemplo, unha idea (que xa está sendo realidade) son as comunidades enerxéticas. Na última poxa de enerxía que foi o 19 de outubro resultou en que as grandes empresas “colleron” os 3000 MW poxados, pero outros 300 MW que estaban reservados para comunidades enerxéticas (por primeira vez na historia) de menos de 5 MW de potencia só se adxudicaron 10 M. En realidade, hai moitos atrancos para constituír estas comunidades, que non teñen en España unha figura propia xurídica  e que atopan numerosas trabas burocráticas e administrativas na fase de rexistro e legalizacións, dificultades na autorización e conexións por parte das empresas que monopolizan a distribucións eléctrica, o difícil acceso á información así como axudas e subvencións entre outras barreiras.). É importante entón apoiar (a nivel lexislativo, legal, administrativo, económico, técnico, tecnolóxico, participativo) a constitución destas comunidades enerxéticas, e que haxa cada vez máis demanda para que se cubran os MW reservados a elas (e cada vez se precise reservar máis). De feito dende Amigos da Terra demandan que para 2030 o 40% da potencial enerxía xerada sexa mediante comunidades enerxéticas.

Por outra banda, estamos en situación de inflación e escaseza que leva asociado aumento da pobreza enerxética. Habería entón que seguir saíndo ás rúas en vez de para dicir eólicos así non para reclamar baixadas dos prezos da enerxía (queremos megawatios máis baratos), ou para que se tomen medidas para reducir o consumo, ou pedindo que non se corte a luz ás persoas vulnerables. Todo iso se podería lograr, entre outras medidas, coa promoción das comunidades enerxéticas. A forte compoñente social que posúen a maioría destes proxectos e a súa implementación local teñen incuestionables vantaxes para incidir contra a pobreza enerxética e aumentar a presencia de colectivos tradicionalmente infrarepresentados no sector enerxético (mulleres, colectivos vulnerables, xente nova)

Un tema que ocupou tamén un espazo importante foi o desequilibrio (ou incluso enfrontamento) entre as perspectivas “dende o rural” o “dende o urbano” nesta posible transición enerxética. Falouse de que se replica o modelo de apropiación capitalista, neste caso no territorio, perdendo as persoas poboadoras o control do seu propio territorio. A xeración de enerxía eólica non pode facerse nas cidades, así que colócase no rural, un medio tradicionalmente moito menos intensivo, co cal impacta moito máis.

Falouse de sensibilizar entón tanto na cidade como no rural, conectar cos intereses da xente (traballo, saúde, etc). Na cidade, sobre a insustentabilidade dalgúns modelos de cidade (sobre todo grandes), e buscar, se se aposta polo equilibrio territorial, tamaños óptimos de asentamentos, sen apostar polas megalópolis. As acumulacións de persoas para xenerar innovación cada vez teñen menos sentido coas canles de comunicación actuais. No rural, sen idealizar tampouco, xa que hai dinámicas que atraen estas inversións por parte de axentes interesados, e ademais moitas veces custa mobilizar ás persoas. Igual empezan “catro hippys” e, tal vez, logran arrastrar despois ao resto cando ven o que se lles vén enriba, a risco de xerar un movemento NIMBY (not in my backyard), de persoas que só loitan porque lles afecta directamente, pero sen ver o problema fondo do modelo. Noutros casos (ou convivindo co anterior), dáse o fenómeno PIMBY (“please in my backyard), que son eses axentes que si queren esas inversións. Tampouco se debería dar un enfrontamento ante calquera proxecto eólico. O importante é que a veciñanza teña o control. Se hai un monte da aldea, pódese planificar ben algún muíño e impulsalo dende a propia aldea sen que teña que vir unha multinacional a facelo sen contar coa veciñanza? En Galicia temos o caso da Comunidade enerxética de Tameiga impulsado por unha comunidade de montes. Tampouco se poden rexeitar sistematicamente estas tecnoloxías.

As ferramentas que temos para promover un modelo que coloque ás persoas e o medio ambiente no centro, e que busca o crecemento pausado e sustentable (da calidade de vida, non do PIB), contra o modelo do crecemento polo crecemento son poucas… Como o que buscamos é enfrontarnos a autodestrución semella que temos a razón, e iso está ben, pero o que pasou en Glasgow demostra que os políticos só están a maquillar o sistema, non a mudalo. É preciso acompañar a transición con medidas en paralelo, que poderían ser a Renda Básica Universal porque sería unha ferramenta para evitar a pobreza e distribuír a riqueza e por tanto certo poder de influencia. A xente máis pobre pouco pode facer para mudar o seu modo de vida pouco vai poder facer para cambiar o modelo. A este respecto, temos que darnos conta que somos afortunadas por estar no norte global, hai lugares onde teñen situación moito más precarias e intentar cambiar as cousas e moito máis perigoso e duro. Non  debemos deixar de apoiar tamén aquelas loitas, tendo esa visión global ou internacionalista buscando a xustiza climática.

A conclusión é que é posible e desexable buscar que as persoas e o medio ambiente sexan máis importantes que o capital á hora da produción e uso da enerxía, e existen aliados dispostos a ser proactivos. Hai que plantar sementes de alternativas de produción e xestión (aínda que sexan simplemente comercializadoras alternativas, como A Nosa Enerxía), apoialas e participar nelas. É posible construír modelos de vida vinculados ao territorio e as comunidades enerxéticas son unha ferramenta factible. O movemento se demostra andando.

Cósmica 2021. Na Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras volvemos a poñernos corpo!

Este ano non foi unha Cósmica ao uso [Cósmica: reunión da base social de todas as asociacións que formamos parte da Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras]. Xuntámonos nun albergue de Torremolinos grazas á iniciativa e empeño dun par de persoas que tiñan moitas moitas ganas de que nos xuntásemos (sodes super-riquiñxs!!). Tamén grazas ao esforzo das compañeiras de ISF Andalucía, puidemos facer unha xuntanza que non fose a través da pantalla dun ordenador.

Nesta ocasión, a organización, actividades e talleres non eran tan importantes, xa que o que se buscaba era volver a vernos as caras en vivo e recuperar as sensacións perdidas tras un período confuso e difícil para todas.Esta Cósmica axudounos a todas a recargar as pilas e volver con moitísimas máis forza para seguir traballando. As actividades e temas a tratar foron xurdindo sobre a marcha, deixando o máis divertido para o domingo á mañá: a Asemblea Federal.

Comezamos o sábado pola mañá facendo un recap de todas as ISF para poñernos ao día e ver como nos afectou a pandemia. Tamén aproveitamos para darlle a benvida ás novatas (no caso de ESF Galicia, Alberto e Mateo, que Dani xa é un veterano). Neste espazo vimos que, pese a que fose unha etapa un pouco difícil, puidéronse sacar cousas positivas como achegamento de máis persoas interesadas a través da vía telemática ou novas ferramentas e maneiras de traballar independentes da localización da persoa interesada.

Esa mesma tarde reservamos un espazo para falar e reflexionar sobre a xustiza climática, onde se creou un debate sobre o papel de ESF nese aspecto a xurdiron algunhas ideas interesantes. Acto seguido comentamos as nosas experiencias coa acollida das novas voluntarias e puidemos ver que todas nos enfrontamos aos mesmos problemas. Ademais, o noso compañeiro Miquel de ESF Catalunya aproveitou para presentar o libro “La nueva cooperacion, o cal se encargou de coordinar.

Despois chegou a parte máis importante…a vertebración! As compañeiras de ISF Andalucía e Baleares organizaron unha rutasca con paradas estratéxicas en puntos con algún atractivo cultural, bares, concursos de comida vegana, moitísimas risas e por riba de todo, isto serviu para coñecer xente moi guai que estamos desexando ver de novo.

O domingo pola mañá na asemblea pasaron dúas cousas bastante importantes para ESF Galicia: o noso compañeiro Mateo entra na xunta directiva federal como vicepresi (parabens Mateo e grazas polo enchufe 😉 ); e por outra parte a próxima cósmica…será celebrada polos nosos lares! Estades todas invitadas, esperámosvos aquí o ano que ven.

Esa mesma noite (o domingo) as máis valentes seguiron coa vertebración, pero xa houbo baixas porque había xente que tiña que marchar cedo ao día seguinte…

En resumo, unha experiencia top e recomendadísima, isto segue!

PD: Vémonos en Marzo na asemblea de Zaragoza, ou se non xa o outono que vén en Galicia!

Boletín Oficial ESFeiro: novembro 2021


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • A recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Temos nova web dos Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre de Galicia. Ademais, asinamos convenio de doazón de equipos para o Banco co Colexio de Traballo Social de Galicia e continuaron as doazóns da Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC. Xa se entregaron os primeiros 15 equipos preparados cun sistema operativo GNU-Linux a Ecos do Sur, para canalizalos cara a familias que os precisan. O 5 de novembro faise a primeira formación sobre o seu uso.

    Compartimos o resumo do ciberfaladoiro sobre “o papel da enerxía nuclear a día de hoxe”, que tivo lugar o 5 de outubro.

    A última fin de semana de outubro tivo lugar a Cósmica, reunión de base social de todas as asociacións de Ingeniería Sin Fronteras da Federación á que pertencemos. Foi nun albergue cerca de Torremolinos, e tivemos unha boa representación galega alí. Mateo entrou como vicepresidente na Junta Directiva de la Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras e, tachaaaaaaaan, o vindeiro ano celebraremos a Cósmica en Galicia!!!

    Estivemos traballando arreo para empezar un estudo sobre como se traballa o enfoque de tecnoloxía para o ben común nas escolas técnicas das 3 universidades galegas. Nestas escolas, estamos xa con contactos para empezar co desafío de organizar polo menos un faladoiro presencial en cada unha delas antes de que remate o curso académico. Tamén estamos preparando unha serie de faladoiros en centros de secundaria dende o grupiño de Mulleres na Tecnoloxía.


HONDURAS

    Xoel e Eva, xa na recta final da súa estancia do programa de coñecemento da realidade en Honduras, cóntannos das luces e sombras da zona Caribe do país. Chegaron de volta a Galicia a finais de outubro. Seguro que lles gustaría prolongar a estancia, pero o comezo da campaña electoral cara as eleccións do 28 de novembro, e a situación política bastante conflictiva (que a situación post-electoral pode mesmo empeorar, como xa ocorreu nas últimas eleccións xerais), determinou que a data de regreso non se prolongara. Entretanto, parece que pode haber solución para os conflictos pola saída de Honduras a mar aberto no Golfo de Fonseca, tralo acordo con Nicaragua. Pero todo ten sombras

    Nos proxectos, seguimos o fortalecemento de capacidades de labregas e labregos en mellora participativa de variedades de millo criollo con CODDEFFAGOLF e apoio financeiro da AECID. Preparouse ademais unha proposta presentada a Deputación de Pontevedra para financiación, e poder complementar esta acción. 

    O proxecto de apoio ás Oficinas Municipales de la Mujer, impulso de orzamentos etiquetados de xénero na Mancomunidade NASMAR e traballo con grupos de mulleres productoras continúa tamén (é posible que sufra un pequeno parón por causa das eleccións). Está financiado pola Xunta de Galicia.

    Estase avanzando a bo ritmo no proxecto de apoio ao programa de técnicas de auga comunitarias de AHJASA, con financiación da Deputación da Coruña.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    Este mes volvemos á música, cunha canción de Christina Rosenvinge adicada a Berta Cáceres, activista hondureña asadinada en 2016: Berta multiplicada


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD (ou subscríbe ao seu boletín quincenal, que conta con ofertas de emprego; formacións e actividades; novidades do sector; convocatorias de bolsas e subvencións; propostas de voluntariado, etc.). Tamén nas nosas redes sociais twitter, instagram e na nosa canle de telegram,difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo.


A ESF-RASE DO MES

“[…] desdichado o país que necesita de heroes”.

Galileo, na obra Galileo Galilei de Bertold Brecht