Posts

Repair Café de bicicletas e ordenadores en Teo

Antonte tivemos a xuntanza anual da rede galega de bancos de reciclaxe electrónica con software libre. Desta vez decidimos aprobeitar para facer un Repair Café no banco de Teo, o máis antigo da rede. Invitamos tamén á xente de Composcleta, que nos explicou os distintos compoñentes dunha bicicleta, as averías máis habituais e de como realizar un correcto mantemento. Tamén nos falaron das distintas iniciativas que levan a cabo en Santiago de Compostela para facer a cidade máis ciclable e das súas vantaxes a todos os niveis (moito hai que aprender doutros lugares de Europa aínda…).

O obxectivo destes Repair Cafés é que a xente traia os seus aparellos e que coa nosa axuda sexan elas mesmas quen os arranxen, reapropiándose da tecnoloxía que usan no seu día a día. Tivemos tempo de falar de dereito a reparar, de ensinar a nosa exposición «Coñeces o teu móbil?», de resucitar un par de ordenadores, de ver como se pode convertir un ordenador moi antigo nunha consola retro, aprender a parchar rodas de bicicleta… E por suposto, todo isto cheo de bo rollo.

Para rematar, a xa tradicional quedada-comida da rede de bancos para comentar o último ano e as actividades que se veñen. Vémonos na seguinte!

ESF-Televisión. Espisodio 2. Entrevista a Héctor Tejón

Neste segundo episodio de ESF-Televisión quixemos atoparnos “en 3D” cunha persoa á que levamos tempo seguindo en ESF Galicia, sobre todo pola súa faceta de activista anti-capacitista. Así que invitamos a Héctor Tejón a que nos acompañara nun faladoiro na nosa sede, na Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos (onde ademais puidemos comprobar algunha que outra eiva na accesibilidade a algunhas zonas…).

Héctor defínese a si mesmo como: Politólogo. Sociólogo. Acti-vista, investigador social, doutorando en Socioloxía UDC. Con-vivindo con Esclerose Múltiple.

Ademais, ten unha canle en youtube onde se convirte en Tronco Parlante e onde, ademais de desfogar pola hostilidade das cidades (e a sociedade) para as persoas con problemas de mobilidade, que se concreta a nivel infraestructuras, falta de civismo, pasotismo das institucións para cumplir a lexislación ou intereses escuros no acceso ás tecnoloxías de apoio ás persoas con problemas de mobilidade…), fai, pensamos nós, un exercizo enorme de apertura emocional e de amosarnos outra perspectiva que nos poida leva a unha sociedade máis inclusiva e, polo tanto, mellor.

De todo iso falamos con el nesta entrevista!

Produce: Jorge Lama

Modera: Sergio Fernández