Crónicas dende Honduras, 6
Desta volta tócalle a Mateo, despois de que quedaran el e Nicole aínda por Honduras tralo regreso de Carmen.
Ola, aquí Mateo retransmitindo de novo dende Honduras. Xa pasou máis dun mes e xa noto a adaptación en varias planas a este lugar. Agora en vez de confundirme con gringo, tamén me confunden con colombiano e arxentino (ata que abro a boca por suposto). O bonito tamén é darlle divulgación a nosa terra galega inda que sexa a través dos chistes, xa que aquí os típicos chistes de Lepe son coñecidos como chistes de gallegos (“Por qué los gallegos hacen las ventanas redondas? Para que pueda
entrar el Sol”). Xa vedes que o nivel está alto.
Ademais de visitas a comunidades para coñecer diferentes proxectos, como xa comentou a miña compi Carmen nas anteriores crónicas, eu persoalmente estou re-descubrindo e aprendendo técnicas para dinamizar grupos a través do teatro e o clown. Sempre foi un tema que me flipou, pero poñendo aquí en práctica aquí xogos de presentación, de liberación do corpo, etc. queda máis claro que a risa traspasa fronteiras. Ver aos mestres e mestras do departamento Sur de Honduras imitar a unha cabra, un galo ou un garrobo foi unha marabilla, pero preocupoume tamén como podían chegar a tanto nivel de detallismo na imitación (moito talento!). Isto por exemplo foi parte dunha serie de capacitacións que se lle están dando ao profesorado do Sur sobre técnicas alternativas de ensinanza medioambiental a través
do teatro, títeres e outros xeitos, no que me deixaron meter mao a min. Na cabeceira do post deixo unha foto dun dos xogos que fixemos na Illa do Pacar.
Pola banda do meu lado electrónico, andamos a ver se montamos un mini-banco de reciclaxe electrónico xunto con CODDEFFAGOLF, polo pronto temos un ordenador xa! A ver se na próxima crónica podemos contar o avance desta iniciativa.
Por último, combinando as miñas dotes de guitarrista adquiridas na Royal Youtube Academy compuxen esta canción nunha tarde de aburrimento, a ver se consigo o meu obxectivo de ofender a dous pobos ao mesmo tempo: o galego e o catracho. Ai vai compas, cheque!