Posts

Enxeñería Sen Fronteiras premia o uso de software libre para reactivar participativamente montes abandonados

Acabamos de celebrar a primeira edición do Concurso de Iniciativas de tecnoloxía para o ben común aplicadas ao eido profesional, incluído no proxecto ESFpro, financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia e fondos da casiña solidaria da declaración da renda, que busca destacar o papel das empresas na transformación do modelo produtivo e social.

A proposta escollida foi a aplicación dun Sistema de Información Xeográfica de libre uso para reactivar montes veciñais abandonados e orientar aproveitamentos multifuncionais elaborada como a proposta gañadora da primeira edición do concurso de Iniciativas de tecnoloxía para o ben común aplicadas ao eido profesional.

Baixo o título Montes con futuro. SIG libre para reactivar montes veciñais abandonados e orientar aproveitamentos multifuncionais en Galicia, a agrupación forestal A Croa, de Camariñas, propón empregar unha metododoloxía de planificación colectiva do monte desenvolta como parte dun TFG da Politécnica de Lugo, de Ángela María Pérez Lema. Cun sistema de información xeográfica libre (QGIS) para mapear o territorio, man a man coas persoas propietarias, se verán as condicións de cada zona co obxectivo final de que a colectividade sexa quen de encaixar cada uso onde ten máis sentido e onde é máis probable que funcione. O proxecto contará cunha axuda de 400 euros e o acompañamento da ONGD para implementala, permitindo diversificar o monte con usos que poden convivir, madeira, froito, pastoreo, mel, micoloxía e outros aproveitamentos locais. Esta pilotaxe da metodoloxía se espera que sirva ademais para mellorala e poder despregala noutras zonas de Galicia.

Enxeñería Sen Fronteiras destaca a calidade das propostas recibidas na primeira edición do concurso e, de feito, engadiu unha mención especial cunha dotación de 150 euros para o proxecto Robótica Hospitalaria para Humanizar a Atención Sanitaria presentado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia co obxectivo de mellorar o benestar emocional dos pacientes e humanizar a contorna hospitalaria.

ESFpro

O concurso de Iniciativas de tecnoloxía para o ben común aplicadas ao eido profesional forma parte do programa ESFpro que Enxeñería Sen Fronteiras desenvolve coas principais entidades profesionais da enxeñería, da tecnoloxía e da economía social e solidaria para detectar e impulsar boas prácticas á hora de levar ao ámbito profesional valores como a igualdade de dereitos entre homes e mulleres, o respecto polos dereitos humanos, a inclusión da diversidade ou a aplicación da perspectiva da sustentabilidade e do consumo ético sobre a adquisición e a xestión de materiais, de residuos e de enerxía.

Froito deste proxecto é tamén a Guía de Autodefensa Dixital e un estudo sobre a Tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos nos ámbitos profesionais tecnolóxicos de Galicia elaborado polo equipo do proxecto e que evidencia un alto grao de interese polas cuestións propostas desde ESFpro entre as organizacións participantes, aínda que se percibe que a aplicación efectiva de boas prácticas está condicionada por factores como o custo económico ou o descoñecemento de ferramentas e conceptos clave.

Destácanse algunhas diferenzas entre os perfís consultados: as persoas vinculadas a entidades que traballan na defensa dunha economía que poña a vida no centro mostran unha maior conexión entre valores persoais e organizacionais, mentres que entre os colexios profesionais apúntase a unha maior necesidade de clarificación conceptual e formación específica. En ambos casos, recóllese unha elevada disposición ao traballo en rede, como tamén o acreditan os distintos encontros e foros nos que se recolleron pareceres de diversas persoas e organizacións destes sectores da economía social e dos colexios profesionais de enxeñería.

Detalle de mapa de cobertura forestal por parcela

A foto do encabezado é unha masa de Pinus pinaster (piñeiro do país), realizada por Ángela María Pérez

A alma autoxestionaria de Galiza. Presente e futuro da xestión comunitaria

Sergio traenos este artigo dun tema que lle encanta, a xestión comunitaria dos bens que precisamos para a vida. Nos últimos días coincidiu a nosa participación en diversos eventos nos que a xestión comunitaria foi eixo central. Ademais, estamos deseñando un xogo de mesa sobre xestión comunitaria de montes…, algunha proba xa fixemos!

—————————————————————————————————————————–

Galiza ten unha característica que a fai diferenciarse da maioría das rexións do entorno europeo e do resto do mundo. Esa característica, ademais, veu condicionando poderosamente a paisaxe e a organización territorial dende hai varias décadas. Trátase do feito de que en Galiza, case todo o mundo ten un anaco de terra propio.

Máis aló do que legalmente podemos facer nel cando temos un anaco de terra (algunhas expertas falan de “feixes de dereitos”, feixes que poden ser máis ou menos grandes segundo nos atopemos nunha zona urbana, ou cerca a un elemento patrimonial ou un área de interese ambiental onde temos máis limitacións, ao lado dun río, etc.), o feito é que parece que posuír un anaco de terra ten un sentido espiritual e de conexión con algo que está máis aló da nosa individualidade.

Nun mundo como o actual, no que o individualismo foi gañando terreo, semella que a propiedade privada individual é o único xeito de sentir esa conexión telúrica e de ter esa potencialidade de deixar unha parte de nós na organización da paisaxe e do territorio. Tal vez o clima, a abundancia de auga ou o relevo, ou unha combinación, foron causantes de que a poboación galega estea tan dispersa (na Galiza están a metade dos núcleos de poboación do Estado Español) e se dera un reparto da terra máis amplo unha vez se foron liquidando as grandes propiedades relixiosas ou feudais, que logo co sistema de herdanzas ampliouse aínda máis. Pero xa antes de todo iso existía en Galicia outro xeito de sentirse propietaria da terra aínda máis vinculada ao territorio. Tanto, que se se abandonaba o territorio era como se se abandonara a propia terra e, polo tanto, se perdía o dereito de propiedade. É un tipo de tenza da terra que vén do dereito xermánico e que no noroeste da península Ibérica deuse en organizar con diferentes formas nas chamadas terras comunais, baldíos en Portugal e, en Galicia, os montes veciñais en man común.

Hai quen di que toda organización comunitaria autoxestionada, como os montes en man común de Galicia e máis exemplos que existiron ou existen en Galicia (as xuntas veciñais de auga, as mutuas de seguros gandeiros, as caixas rurais, as confrarías de marisqueiras ou, xa máis recentemente, as comunidades enerxéticas), xorden esencialmente pola propia necesidade de supervivencia de comunidades humanas vinculadas á terra, formadas por persoas que quedan sen auga cando tí quedas sen auga, como dí Marta Peirano. Cando corren tempos duros e non hai un estado protector nin se lle espera (ou ese estado está a outras cousas ou favorecendo outros intereses), é esa auto-organización cuasi-tribal que herdamos dende que estabamos nas árbores a que nos permite sobrevivir do que o noso entorno nos pode dar. Tampouco se trata de idealizar a xestión comunitaria, que é complexa e non exenta en absoluto de conflictos. Sobre todo tendo en conta que, ese proceso acelerado de hiper-individualización no que vivimos, nos está quitando moitas ferramentas operativas e psicolóxicas para o traballo en grupos con esta meta da xestión comunitaria. Trátase dun método de gobernanza máis, moi interesante en certos contextos e para certos recursos (a diversidade é boa para a adaptación e resiliencia dos sistemas e polo tanto para o seu mantemento, tanto se se trata de eco-sistemas como de sistemas de gobernanza).

En moitas aldeas galegas xa case se perdeu o concepto de comunidade. É curioso como, en cambio, en moitas zonas de Centroamérica e Sudamérica non se fala do concepto de “aldea”, senón de “comunidade”. Tal vez teña que ver con que na Galiza xa moita xente vive no rural, pero non do rural…

Sen embargo, nos últimos tempos parece haber un rexurdimento do orgullo da autoxestión, de ser capaces de auto-organizarse sen depender de entes lonxanos que non se sabe cando se poderá contar con eles (ou que moitas veces directamente poñen paus nas rodas nas necesidades da comunidade). Estase querendo saír da machacona dicotomía de individuo vs. estado coa que levan décadas bombardeándonos, para visibilizar ese terceiro anel da gobernanza que está entre o individual e o público, do que falaba E. Ostrom, a nobel de economía que quixo desmontar as falacias da Traxedia dos Comúns que se resumía no dito galego de “cousas do común, cousas de ningún”. Unha gobernanza equilibrada precisa un equilibrio entre eses tres aneis, e na Galiza xa hai camiño recorrido.

Hai tres expresións desta xestión comunitaria, vixentes hoxe en día na Galiza, que queremos destacar aquí, como xeito de conectar o pasado co futuro.

A primeira é a que vimos mencionando, esa modalidade de propiedade privada colectiva representada en Galicia polos Montes Veciñais en Man Común, que contan cunha lexislación propia que os protexe e lles da entidade, a pesar das vicisitudes históricas que tiveron que atravesar. A pesar desta protección legal, hai intentos dende os propios poderes públicos para convertelos en propiedade privada individual, que están sendo denunciados. En moitos casos os montes veciñais en man común, pese a ser propiedade colectiva, non se xestionan colectivamente (non é o mesmo propiedade que xestión). Isto en gran parte foi causado polas políticas públicas erráticas (cando non inexistentes) de apoio ás comunidades de montes, con axudas pouco accesibles e mal adaptadas aos distintos tipos de montes veciñais existentes. Pouco ten que ver un monte veciñal periurbano, con relevo xeneracional e moita xente comuneira, con algúns montes do interior onde apenas quedan comuneiros e son moi maiores. Se ben o réxime de propiedade é o mesmo, cada comunidade de montes é un mundo a nivel organizativo. Ese potencial para que cada comunidade poda aprobar os seus propios estatutos, sempre vinculado a que as persoas vivan no territorio (con lume e fume), ten unha enorme adaptabilidade ao territorio e as conxunturas. A Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común agrupa a moitas destas comunidades e loita por protexer esta figura.

A segunda figura que queremos destacar son as xunta veciñais de auga. Estímase que máis de 300.000 persoas na Galiza teñen acceso á auga a través de sistemas de abastecemento que son xestionadas pola propia veciñanza, sen intervención das administracións públicas. De feito, estes abastecementos estiveron moi abandonados á súa sorte (moitos foron construídos pola veciñanza hai décadas, cos seus recursos, e sempre foron xestionados pola propia veciñanza) e, as administracións públicas (sobre todo os concellos, que por lei teñen que asegurar o abastecemento de auga a toda a veciñanza), os deixaban estar porque era menos traballo e recursos que adicar. A realidade é que, como en toda organización comunitaria, había e hai unha variedade enorme de formas de xestionar. Mentres algunhas comunidades eran exemplares, outras arrastraban graves problemas de infraestruturas en mal estado, protocolos de saúde e control moi deficientes, e outros conflitos. Quixemos destacar ás xuntas veciñais de auga como segundo exemplo esperanzador porque nos últimos anos vense dando certo acercamento negociado entre as administracións públicas e moitas xuntas veciñais. Van saíndo axudas para que as xuntas as soliciten para mellorar as infraestruturas (sempre manifestamente insuficientes, pero algo é algo) e se intervén máis nos procesos de control da calidade da auga cun enfoque máis de apoio e colaboración que de monitoreo ou control (que soe molestar moito á veciñanza, con iso de que “nunca aparecen por aquí e cando aparecen é para multar”). Destacar aquí o papel dunha asociación de Xuntas Veciñais de Auga como é COXAPO, que impulsou entre as cada vez máis xuntas de augas que se asocian a ela o apego por coñecer de onde vén a súa auga, como mellorar as infraestruturas e involucrarse na gobernanza da mesma, ademais de ser entidade de referencia para negociación coas administracións públicas.

A terceira figura a destacar son as comunidades enerxéticas. É a figura que conecta co futuro, xa que aínda que hai algúns exemplos en Galiza, queda moito que recorrer para acadar un recoñecemento social e legal. Ante o problema de acadar unha transición enerxética xusta, que impulse ás enerxías renovables de produción descentralizada, pero sen arrasar territorios ignorando ás persoas que os habitan (aos que se chaman, falando de procesos de extractivismo, territorios de sacrificio, e que operan moito nas relacións centro-periferia), as comunidades enerxéticas ofrecen moitas vantaxes no noso país. Queremos destacar tres delas. A primeira é que, en zonas con alma autoxestionaria como Galicia, serían máis sinxelo impulsar este sistema de gobernanza, podendo ademais apoiarse noutras estruturas similares xa existentes (como as comunidades de montes). Outra vantaxe é que se impulsaría, ademais da produción descentralizada, o consumo descentralizado (e o autoconsumo que, casualmente, non tivo máis que atrancos por parte das administracións públicas no seu desenvolvemento real, tal vez porque se quere gobernar a transición ás renovables cos mesmos parámetros do extractivismo enerxético liderado por grandes empresas, portas xiratorias e demais). Os sistemas de distribución teñen un impacto enorme e case sempre invisibilizado (ademais de ser unha canle máis de extractivismo periferia-centro que habería que equilibrar). A terceira vantaxe que queremos destacar aquí sería a posibilidade de que a veciñanza sexa dona da súa enerxía e se co-responsabilice colectivamente da súa produción e xestión. Un xeito de loitar contra a pobreza enerxética e de quitar poder ás grandes eléctricas que só buscan o lucro e que son realmente quen viñeron definindo a política enerxética no noso país. Hai que facer á enerxía social.

Estas tres figuras conectan ás persoas cos seus recursos, as fan máis conscientes da escaseza e dificultade de produción e manexo de bens básicos para a vida (auga, enerxía, territorio), e tamén as fan máis empáticas aos problemas que, noutras zonas do mundo, teñen as persoas con máis dificultades para acadalas. Por outra banda, xeran traballo local e fixan poboación, ademais de devolver nas persoas o orgullo de formar parte de verdadeiras comunidades, cuns lazos e inercias de traballo que facilitarán a acción colectiva ante calquera ameaza ou problema común que haxa que afrontar. A visibilización das boas prácticas neste eido e a formación de profesionais capacitadxs para impulsar, fortalecer e soster estes modelos vai ser moi importante para aproveitar estas alternativas que xa son nosas, e desterrar iso de “cousas do común, cousas de ningún”.

I Concurso de iniciativas de tecnoloxía para o ben común no eido profesional

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia organiza un concurso para seleccionar unha boa práctica relacionada coa tecnoloxía (NON SÓ A DIXITAL) para levar a cabo no ámbito profesional da enxeñería ou da economía social galega.

A convocatoria enmárcase dentro do noso programa de Tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos nos ámbitos profesionais tecnolóxicos de Galicia, financiado pola convocatoria de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global 2024 de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Obxectivo

Promocionar a introdución de elementos e enfoques de tecnoloxía e enxeñería para o ben común e os dereitos humanos no ámbito profesional da enxeñería e tamén no eido da economía social e solidaria (onde os proxectos empresariais parten xa dunha visión transformadora, pero ás veces non integran o elemento tecnolóxico como axuda/freo a esa transformación).

A convocatoria ten como obxectivo que se desenvolvan propostas moi sinxelas e replicables no eido empresarial a realizar nun futuro inmediato, nas que se dea visibilidade o papel que a tecnoloxía pode ter para transformar o mundo promovendo valores como a igualdade de oportunidades, a re-apropiación tecnolóxica ou a tecnoloxía para os dereitos humanos. A tecnoloxía para o ben común enténdese dun xeito amplo, onde tan importante como o elemento tecnolóxico “duro” é o xeito de manexalo e a reflexión de quen decide sobre a tecnoloxía (o que se adoita chamar gobernanza). 

Quen se pode presentar?

  • Persoas físicas ou xurídicas galegas que desenvolvan a súa laboura profesional no eido da enxeñería e a tecnoloxía, e/ou no eido da economía social.
  • Colexios profesionais de enxeñería/arquitectura de ámbito galego ou a súa delegación galega, ou outros colexios profesionais que fagan unha proposta da liña de tecnoloxías transformadoras e para o ben común.

Cal é o PREMIO?

O premio deste concurso é dun total de 400€. Ademais, Enxeñería Sen Fronteiras dará apoio e visibilidade no proceso de implementación da proposta gañadora.

O importe transferirase nun único pago á conta bancaria correspondente á persoa ou entidade gañadora, antes de final do 2025, para que dispoña dos fondos de xeito anticipado para impulsar esa boa práctica xa en 2026.

Como participar na convocatoria?

Enviando un correo electrónico a info@galicia.isf.es.

No asunto indicarase CONCURSO TECNOLOXÍA PARA O BEN COMÚN NO EIDO PROFESIONAL. 

No corpo do correo-e indicarase o nome do proxecto, a entidade empresarial ou persoa promotora, o nome da persoa enlace do proxecto e o seu contacto (correo-e). 

Como arquivo anexo ou descargable, enviarase a descrición da proposta, que pode presentarse en formato pdf (sexa texto ou texto acompañado de imaxes ou infografías, cun máximo de 3 páxinas) ou en calquera tipo de formato audiovisual (non superior a 3 minutos de duración). En calquera caso, nesta descrición da proposta debe constar como mínimo:

  • Título da proposta.
  • Empresa ou empresas seleccionadas.
  • Persoas e áreas da entidade involucradas.
  • Persoas ás que se estima que se vai chegar coa iniciativa ou a boa práctica unha vez se implemente
  • Antecedentes e xustificación. De onde nace a idea e por que é interesante implementala?
  • Obxectivos, resultados e/ou productos concretos esperados
  • Como se lle vai dar difusión?
  • Que actividades concretas que se van abordar fan falta para poñela en marcha?

Prazo

Pódense presentar propostas até o martes 9 de decembro (inclusive) de 2025. 

Os resultados do proceso de selección comunicaranse a semana do 17 de decembro de 2025. 

A iniciativa gañadora deberá desenvolverse entre xaneiro e xuño de 2026. Ao rematar a entidade ou persoa impulsora presentará un breve dossier sobre como de desenvolveu e participará nunha sesión breve de avaliación da mesma, para obter aprendizaxes para réplicas posteriores. Tamén se espera que poida participar no xurado de seguintes edicións do premio.

Avaliación

O comité de avaliación estará composto por tres membros de Enxeñería Sen Fronteiras, polo menos un dos cais estará vinculado ao desempeño profesional no eido da enxeñería e a tecnoloxía.

Valorarase:

  • Que a proposta sexa unha boa práctica a implementar no desempeño da entidade ou persoa que a presenta no seu eido profesional e laboral.
  • A replicabilidade.
  • A implicación de diversas persoas e colectivos
  • A visibilidade da actividade incluíndo as actividades de difusión previstas.
  • O grao esperable de participación e apropiación da iniciativa
  • Que se desenvolva en empresas de economía social e/ou do eido tecnolóxico, ou en colexios profesionais (sobre todo de enxeñería, se ben se poden presentar aínda que non sexa de enxeñería)

Para calquera dúbida sobre as condicións da convocatoria, é posible contactar no enderezo: info@galicia.isf.es co asunto “Dúbida convocatoria concurso Tecnoloxía para outra empresa posible”.

Low Tech Life 2025. A crónica de Silvia

150 persoas. 1 soño en común: vivir usando a tecnoloxía de xeito apropiado e ser mais autosuficientes. 3 días intensos de formación en bioconstrucción, low-tech e autosuficiencia. Isto é o encontro Lowtech Life, que se celebrou por cuarta vez en El Mandala, Asturias, un centro de permacultura dedicado a formacións e que serve tamén como exemplo doutro xeito de vivir.


O evento estivo moi ben organizado gracias ás persoas voluntarias que fixeron posibles os 38 obradoiros e charlas, repartidos ao longo de 3 días, en grupos de 4 ou 5 actividades simultáneas. Isto fixo a elección complicada e todas as participantes nos atopamos co corazón dividido en numerosas ocasións. Participantes que chegamos dende toda España e incluso dende o estranxeiro, con xente de Bélxica, Hungría, Brasil ou Holanda. E por suposto de todas as idades, dende crianzas ata xubilados.

Cada actividade tivo unha duración de dúas horas, polo que realmente son unha introdución que serve para coñecer en liñas xerais un concepto e así poder saber se che gustaría afondar máis ou non. Aínda así, isto non impedía ter unha parte práctica en moitos dos casos. Por exemplo no obradoiro de forno de barro, onde puidemos mancharnos as mans (e pes) para dar forma a un forno coa axuda de Attila, o noso formador. Creo que construír con barro é unha sensación que deberiamos probar todas polo menos unha vez na vida.

De merenda, biscoito cociñado no forno solar que se construíu entre todas no obradoiro de cociña solar, boliños de pan cocidos en forno de barro ou crema de plantas silvestres recollidas na propia finca.


Estudei enxeñaría nun intento de comprender cómo funcionan as cousas, pero ata esta fin de semana, ninguén me explicara cómo funciona unha lavadora, qué tipo de troncos son os mellores para a combustión, qué bacterias actúan na fermentación ou cómo funciona a fitodepuración. Vale, non todas as cuestións mencionadas teñen relación coa tecnoloxía e está claro que non se pode abarcar todo. Pero moitas veces centrámonos en problemas abstractos, nos que nin sequera somos capaces de ver o conxunto e esquecémonos dos problemas da vida cotiá. As pequenas cousas nas que sí podemos actuar.
Actuar, se a lei o permite. As trabas impostas pola administración complican a bioconstrucción ou a fitodepuración, aínda tendo analíticas de auga que demostran o seu bo funcionamento. Aínda queda camiño por avanzar, e esperemos que canta mais xente use esos sistemas e os faga visibles, tamén haberá máis xente favorable a cambiar a lei.


Ademais, como se repetiu en diferentes ocasións nestes días, parece que o conto dos tres porquiños fixo moito dano, porque pensamos que construír con palla, madeira ou barro é de vagos, e o resultado será unha construción inestable. Quén querería construír para quedar sen casa no primeiro temporal? Estes eventos tamén son unha oportunidade para darse conta de que xa hai xente utilizando outros materiais, vivindo en casas de barro e materiais naturais dende fai anos. E o mais importante, un dos lemas do lugar, darse conta de que “eu tamén podo”, de que todas podemos.

Foi unha fin de semana moi intensa, onde a xente veu con moitas ganas de compartir. De compartir coñecemento, pero tamén vida. Un encontro onde espontaneamente se forma unha roda de baile tradicional mentres se agarda pola cea ou alguén colle a guitarra para cantar unha canción sobre os baños secos no descanso entre obradoiros. Un encontro onde tamén se reserva tempo para o descanso e actividades mais distendidas como o intercambio de sementes ou incluso música en directo.

Estes son só uns poucos exemplos do que se pode vivir neste encontro. Eu xa teño ganas dun LowTech life 2026, e mentres agardo, poño en práctica algunhas das ideas aprendidas.

Gracias a todas as persoas que fixeron este evento posible.

Crónicas de Honduras. A segunda de Aída. Un escenario cheo de voces

Ábrese o telón. O traxecto comeza e, con el, un espectáculo que se percibe con todos os sentidos: a brisa do aire acondicionado que fai mover os pelos dos meus brazos, a música de ritmo constante que se mestura co traqueteo do autobús, o scrolling de corpos de mulleres convertidas en produto, a incomodidade e violencia dunha caricia e proximidade non desexadas…


Entre paradas e reténs, avanzamos pola Panamericana de camiño á zona norte do país, pero a miña cabeza lévame unhas semanas atrás.


E comeza a primeira escena: estou no Matearal, nunha escola onde crianzas e adultas cadran para protexer a súa microcuenca, a do río Laure. Ashly era o río, Oliver tiraba residuos, Aisha un gatiño que comera plástico e Sara unha serpe que non acababa de morrer. Todas rimos, comentamos e aprendemos. Esta era unha sesión de teatro comunitario e, aínda que tan só foi unha primeira toma de contacto, deixou claro que nesta dramaturxia todas as personaxes teñen algo importante que dicir. E sinto que a miña experiencia de PCR estame permitindo observar algo semellante: un escenario cheo de voces distintas que narran historias valiosas.


E esas voces non sempre falan dende os mesmos códigos que eu traía. O trascendental das conversas, os roles de xénero marcados, a emocionalidade e tenrura expostas, a política, as bromas, os ciumes, as pláticas profundas, a relixión, o canto… As formas son distintas e, malia chocarme con outros puntos de vista, os fondos non difiren tanto do contexto que eu coñecía. Ao principio custábame moverme nesas táboas, pero fun aprendendo que para formar parte do elenco preciso escoitar e observar coa mente e o corazón abertos. Ao facelo, atópome con matices e contradicións, e achego o meu corpo a esta obra colectiva. Isto non significa renunciar ao que penso ou a ser crítica, pero si entender que as ideas perden forza se non saben dialogar coas realidades cotiás da xente e o seu territorio.


A segunda escena lévanos a Nacaome. Alí coñezo a súa Mesa de Seguridade Alimentaria (SAN), un espazo de coordinación entre distintas organizacións e institucións desta zona do corredor seco, e sumérxome nunha das súas iniciativas: o Mercadiño Verde. O atrezzo cambia de súpeto e, en cuestión de días, pasamos dunha asemblea avaliativa a unha feira viva, onde produtoras e emprendedoras locais venden alimentos e produtos artesanais. Tamales, horchata, rosquetes, pan de queixo, pitayas e moitos outros arrecendos e sabores percíbense dende as butacas. O reparto pecha o cadro cunha deliciosa sopa de res, que garda o segredo da casa.


Algunhas destas actrices e actores, as pertencentes ao grupo APROEM (Asociación de Productores Experimentadores de Morocopay) quedan nas táboas para mostrarme o seu banco de sementes e proceso de conservación de graos criollos. Gardar sementes é tamén gardar un futuro.


Entre variedades de millo e frijol, destaca o millo Morocopay, exclusivo desta zona, e polo que están decidindo apostar. Así foi que, semanas máis tarde, o escenario tornouse nunha cansada coreografía de homes e mulleres chapeando unha grande leira que, nun tempo, convertirase nunha mazá deste cereal. Malia as maniotas dos días de despois, tiven a sorte de participar desta escena, onde cada golpe sostía un compromiso compartido.


A dureza física do traballo é só un dos impactos que teñen estes actores e actrices, defensoras ambientais. No escenario tamén retumban a criminalización, a violencia e as ameazas. Isto móstrase con detalles na terceira escena, que nos leva a unha formación sobre incidencia política en Namasigüe. O guión énchese de impresionantes historias de persecución e resistencia. Del participan líderes e lideresas comunitarias, membros dos patronatos e representantes doutras estruturas comunitarias, como as caixas rurais. As tensións internas son evidentes, pero tamén o é a decisión de traballar conxuntamente para defender as áreas protexidas e as comunidades contra unha ameaza común moito maior que calquera discrepancia. Para min, un grande exemplo de organización, escoita e estratexia. A
obra só sae adiante se todas actúan.


Ao longo da peza teatral, tamén hai momentos de decorado natural impresionante: as maxestuosas vistas do Golfo de Fonseca dende o volcán de Conchagua; o Parque Nacional La Tigra, coa mellor banda sonora e onde unha tormenta tropical nos sorprendeu no medio do camiño; o percorrido polo cañón de Somoto nadando con arañas e voando entre morcegos; ou a viaxe en lancha polos manglares de San Lorenzo, coa illa dos paxaros e a praia do Amor. A marea alta borrou a area, mais gañamos unha escena improvisada, bañándonos soas en augas do Pacífico.


E entre bambalinas, tamén hai tempo para actos que non estaban no guión: xogar coas crianzas do Matearal, unha festa de aniversario chea de música e baile, partidas de cartas ao solpor no muelle con Harold e Cynthia, ou un intento fallido de seguir o ritmo dunha banda tradicional.

Moitas accións, voces e escenas que me removen por dentro. O traqueteo do autobús conéctame co presente, e vexo de preto os meus pelos de punta. Respiro profundo e pecho os ollos. Esta obra, escrita a moitas mans, déixame preguntas, emocións e aprendizaxes que aínda estou a procesar. Péchase o telón.

Rematou a 1ª Escola de Verán de ESF sobre tecnoloxías libres

A pasada semana tivemos a 1ª Escola de Verán de ESF sobre tecnoloxías libres dixitais (e algunha analóxica tamén), na Escola de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, que nos cedeu un espazo moi axeitado.

Puidemos celebrala grazas á participación de 7 formadores (Sebas, Pepe, Jorge, Sergio, Manuel, Alejandro e Xavier), apoiados por compas de Bricolabs, que nos compartiron a súa sabedoría, e con cofinanciación de Cooperación Galega e fondos IRPF (a casiña solidaria da declaración da renda) da Xunta de Galicia.

Aquí se pode ver o programa. Foron 13 obradoiros, 3 cada día excepto o venres que foi un de 6 horas (dividido en dúas partes, montaxe e programación dun robot Sapoconcho XL). Os temas foron Blender
Libreoffice, GIMP. Docker. Emacs. FreeCAD, fotografía con Darktable. LoRa e Radioafición. accesibilidade dixital en deseño web, openstreetmap e robot sapoconcho.

Na táboa seguinte vese as persoas asistentes a cada obradoiro, 132 en total (aínda que moitas repetiron varias veces). Chama a atención como o máis demandado foi o de Radio Afición (que ten bastante comunidade en Galicia, e seguro que o Apagón tamén algo influiu…). Tamén o de FreeCAD tivo case cheo.

Deixouse xa parte do material neste repositorio. Algúns destes obradoiros seguro que se repiten ao longo do vindeiro curso. Ademais, esperamos seguir repetindo esta Escola de Verán.

Para seguir afondando na tecnoloxía libre e a autodefensa dixital non deixes de botarlle un ollo á nosa Guía de Autodefensa Dixital.

Foto portada, Darktable con Jorge

ESF no Encontro de profesionais pola defensa do territorio. Queremos un territorio para coidar a vida

Onte tivemos representación ESFeira no encontro de profesionais pola defensa do territorio, neste caso sobre todo contra a implantación de Altri na Ulloa, cunha andaina entre Casanova e Leboreiro. Despois distintas voces e distintas sensibilidades falaron e acabouse lendo un manifesto.

Miguel falounos do patrimonio paisaxístico, cultural e sentimental de Leboreiro, ao lado da “Zona 0”.

Socorro, a mestra, defende que non pode haber axeitado estudo de impacto ambiental sen ter en conta ás crianzas e outros grupos vulnerables. Non a colonización deste territorio!

Dende a plataforma de Defensa ria Pontevedra se vincula a loita ence e altri: NIN ALTRI NA ULLOA NIN ENCE NA RÍA!

Pilar, labrega ecolóxica de Vila de Cruces traenos o medo á contaminación.

Lois, gandeiro, di que gandeiría é máis que producir alimento, é modelado da paisaxe e protección ambiental.

Dende o traballo social dise que todas somos axentes de cambio ecosocial na comunidade.

María ,enxeñeira naval de Antas de Ulla lembra “o progreso” que chega a súa aldea cando a concentración parcelaria arrasarou valados e carballeiras e non recoñecía a súa aldea. Agira vive nunha aldea que está só na súa memoria e lle da tristeza.

Ana Pernas, avogada, lembra a recente condea á Xunta por deixadez coa contaminación do Limia e non defender o ben común. Van promover a personalidade xurídica do río Ulla.

Concha Casares do grupo vivo Melide , ten negocio de hostelería no Camiño e defende o patrimonio, que é noso.

Galizaltri e altrilicto non é para nós. Haberá que elixir que modelo territorial e produtivo queremos e que terra lle deixaremos a quen vén detrás.

Xenial coma sempre, con retranca e lucidez, Quico Cadaval facendo de mestre de cerimonias, nunha sorte de eucaristía pola terra e o territorio

Puidemos participar neste encontro grazas ao programa de ESF no eido profesional (ESFpro).

Aberto prazo para solicitar Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR) 2025

Como cada ano por estas datas, abrimos o prazo para solicitar unha das 3 prazas do noso Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (ao que chamamos agarimosamente PCR).

Trátase dunha experiencia inmersiva de educación para a cidadanía global, coñecendo o traballo nos proxectos que apoiamos no sur de Honduras, coas organizacións hondureñas coas que colaboramos. Hai unha formación e integración previa, cunha estancia no verán en Honduras, na que ESF Galicia se fai cargo de viaxe internacional, seguro e aloxamento (manutención e gastos correntes van a cargo da persoa participante) para, á volta, contar co testemuño de primeira man das participantes, organizando actividades de sensibilización.

Este ano o programa conta con financiamento da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e tamén dos Fondos IRPF da Xunta de Galicia.

Pódese solicitar dende o 20 de xaneiro até o 16 de febreiro.

Calquer persoa maior de idade pode solicitar praza.

Nesta convocatoria de 2025, cada unha das tres prazas ten uns requisitos distintos, adaptados para perfiles diversos. A continuación se poden ver:

  • PRAZA ORDINARIA, na que calquera persoa maior de idade pode presentarse. Aquí se pode consultar as bases, requisitos valorables e prazos.
  • PRAZA PARA DOCENTES DE EDUCACIÓN SECUNDARIA E FP DE GALICIA, dentro do programa Hackers Sen Fronteiras. Aquí se pode consultar as bases, requisitos valorables e prazos.
  • PRAZA PARA PERSOAS DO SECTOR PRIVADO GALEGO, TANTO DO EIDO TECNOLÓXICO-ENXEÑERIL COMO DA ECONOMÍA SOCIAL. Aquí se pode consultar as bases, requisitos valorables e prazos.

Programa de Tecnoloxía para o Ben Común no eido profesional da tecnoloxía e a enxeñería. ESFpro

Neste ano 2024 empezamos a desenvolver un novo programa en Enxeñeŕia Sen Fronteiras: o de Tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos nos ámbitos profesionais tecnolóxicos de Galicia. Temos asegurada unha primeira fase até finais de 2025, grazas á financiación de Cooperación Galega da Xunta de Galicia (con 35.000 euros) e outros 6.589 euros de Fondos IRPF da casiña solidaria (tamén da Xunta de Galicia).

A consideración das empresas como axente clave na transformación do modelo produtivo e social cara unha economía máis centrada nas persoas non é algo recente. Pero si o é o tratar dalgún xeito de, no tecido profesional existente, impulsar boas prácticas para acadar ese cambio de paradigma en empresas que xa están funcionando, ademais de proporcionar a profesionais (neste caso da enxeñería e a tecnoloxía) elementos para levar a súa vida profesional boas prácticas da educación para a cidadanía global e os dereitos humanos. É un tema no que xa traballamos no seu día, no estudo Outra Empresa é Posible.

Tal vez nestes ámbitos da enxeñería e a tecnoloxía haxa profesionais que coñezan e teñan interese en incorporar esas boas prácticas, e mesmo poden estar algo familiarizadas con elas, pero non sen contar con coñecementos ou espazos para romper esa barreira de levar os valores da vida privada á profesional (isto vén quedando de manifesto dende hai anos nos debates que sobre o tema hai coa base social de ESF, gran parte dela traballadora do eido profesional tecnolóxico, da enxeñería e dos servizos básicos, mesmo con empresas propias).

Para ir introducindo elementos de cambio nas prácticas profesionais de xeito xeneralizado, é necesario tanto identificar prácticas alternativas como explorar os xeitos de adaptalas ao desempeño do día a día das persoas e entidades, vendo se é posible esa adaptación e que criterios deben cumprir as entidades como mínimo para plantexar o traballo con elas. Deste xeito o traballo pode irse focalizando cara modelos e prácticas desexables en entidades que sexan motor de cambio social e teñan o papel que lles corresponde nun sistema onde as persoas estean no centro, o cal no eido tecnolóxico e da enxeñería tradicionalmente custou máis por ese mito de que a tecnoloxía é neutral.

Canto máis aliñadas estean previamente as entidades con estes valores ecosociais, maior será a aprendizaxe e facilidade de avance nesta primeira fase e a posibilidade de crear axentes multiplicadores, de cara a logo ir traballando con entidades menos aliñadas en fases posteriores.

Pero para conseguir eses cambios nas prácticas nas entidades, tamén hai que traballar coas persoas que as conforman.

Por iso nesta primeira fase queremos tocar dúas liñas de traballo:
  • por unha banda, visibilizar novas posibilidades de facer unha enxeñería mellor no eido profesional (respecto polos dereitos humanos, inclusión, sustentabilidade, etc.). Neste caso, contaríase como axentes multiplicadores con colexios profesionais de enxeñería, organizacións empresariais de segundo nivel (empezando nesta fase coas vinculadas á economía social) e tamén tratar un pilotaxe coa administración pública.
  • pola outra, involucrar persoas do eido profesional tecnolóxico e da enxeñería en experiencias de voluntariado en tecnoloxía para o ben común transformadoras, das que vimos impulsando en ESF dende que naceu en 1993.

Na primeira liña impulsaremos faladoiros dirixidos a profesionais de empresas tecnolóxicas, colexios profesionais de enxeñería e organizacións empresariais ou da economía social relacionada coa tecnoloxía. Tamén faremos unha diagnose sobre o grao de coñecemento e integración da Tecnoloxía para o Ben Común no eido profesional tecnolóxico privado en Galicia. Organizaremos ademais un Encontro de Tecnoloxía e enxeñería para o Ben Común no eido profesional privado e un premio “Tecnoloxía con dereitos”.

Na segunda liña impulsaremos experiencias de voluntariado internacional en cooperación para profesionais tecnolóxicos. Tamén a realización de tres estudos colaborativos con persoas voluntarias de empresas ou entidades da economía social que involucren algún tema de tecnoloxía para o ben común. Ademais, favoreceremos a participación de voluntariado do eido profesional nos grupos de ESF de Enxeñería e tecnoloxía para a defensa do territorio con enfoque de cidadanía global e de Bancos de reciclaxe electrónica con software libre. Por último, favoreceremos a participación en encontros de profesionais activistas da tecnoloxía para o ben común de rede estatal Ingeniería Sin Fronteras Galicia.

Xeneraranse materiais divulgativos para redes sociais, podcast e outros medios, para ir dando a coñecer este programa.

Repair Café de bicicletas e ordenadores en Teo

Antonte tivemos a xuntanza anual da rede galega de bancos de reciclaxe electrónica con software libre. Desta vez decidimos aprobeitar para facer un Repair Café no banco de Teo, o máis antigo da rede. Invitamos tamén á xente de Composcleta, que nos explicou os distintos compoñentes dunha bicicleta, as averías máis habituais e de como realizar un correcto mantemento. Tamén nos falaron das distintas iniciativas que levan a cabo en Santiago de Compostela para facer a cidade máis ciclable e das súas vantaxes a todos os niveis (moito hai que aprender doutros lugares de Europa aínda…).

O obxectivo destes Repair Cafés é que a xente traia os seus aparellos e que coa nosa axuda sexan elas mesmas quen os arranxen, reapropiándose da tecnoloxía que usan no seu día a día. Tivemos tempo de falar de dereito a reparar, de ensinar a nosa exposición «Coñeces o teu móbil?», de resucitar un par de ordenadores, de ver como se pode convertir un ordenador moi antigo nunha consola retro, aprender a parchar rodas de bicicleta… E por suposto, todo isto cheo de bo rollo.

Para rematar, a xa tradicional quedada-comida da rede de bancos para comentar o último ano e as actividades que se veñen. Vémonos na seguinte!