Posts

Crónica da visita de Alba e Lourdes. A defensa dos manglares é a defensa da vida.

Entre os pasados 6 e 11 de outubro tivemos connosco en Galicia a Alba e Lourdes, dúas mulleres hondureñas que lideran sendos grupos de mulleres marisqueiras en Isla del Tigre, municipalidad de Amapala, Honduras. Eses grupos se apoian nunha das organizacións socias de ESF en Honduras, o Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca-CODDEFFAGOLF, que lles está fortalecendo en boas prácticas ambientais, xestión de grupos, comercialización e organización. Aquí anunciabamos a súa visita.

Para coñecelas mellor, aquí temos un video que fixeron cos seus propios medios, onde contan algo máis da súa dura laboura.

Foi unha semana densa, pero con tempo para pasear e relaxarse. O primeiro día, o 6 de outubro, foi día de encontros en Santiago de Compostela, cunha visita relaxada pola cidade.

O luns 7 tivemos pola mañá un encontro na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Santiago de Compostela, onde puideron contarnos moito de como viven e do proceso que se está a apoiar cos grupos de mulleres marisqueiras a través de CODDEFFAGOLF e, como non, das súas dificultades e dúbidas, e de como siguen adiante.

Pola tarde viaxaron á Coruña, onde ao día seguinte, ben prontiño, puideron coñecer a membros da Confraría de O Burgo e a Pablo, o técnico que lles da apoio. Alí tiveron o primeiro contacto coa labouras do marisqueo galego. Lles explicaron como se fai o proceso de cría de larvas e a súa protección contra predadores, para que cando chegan ao tamaño axeitado, se poida sementar até que alcancen tamaño comercial.

Despois aínda tivemos tempo de visitar a depuradora de mexilón de Lorbé, onde moi amablemente nos explicaron o proceso de depurado, aínda que eses días non estaban sacando mexilón.

Pola tarde produciuse o encontro de Alba e Lourdes coa base social de ESF en A Coruña, no local da Escola de Camiños.

O día 9 foi un día máis tranquilo, coa visita á Fundación Lonxanet en A Coruña e visita á cidade. Pola noite foi o regreso a Santiago.

O día 10 foi intenso, coa visita pola mañá ao Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, na que a súa xerente explicounos moi amablemente o funcionamento e evolución nos servizos ofrecidos. Tamén puideron falar con vendedoras de marisco e outros productos e coñecer o sistema de pedidos vía internete e envíos a domicilio. Despois puideron coñecer o Museo de Pobo Galego, con ferramentas tradicionais galegas que lles chamaron moito a atención.

Xa pola tarde, no Pub Medusa, onde sempre somos benvidas, cun encontro aberto á cidadanía, puidemos charlar largo e tendido con ellas.

O día 11 foi un dos máis impactantes, xa que puideron meterse a mariscar coas marisqueiras da Confraría de San Andrés de Lourizán, acompañadas da Patrona Maior da confraría e varias mulleres da xunta directiva do grupo das marisqueiras. Viron como se procesaba o producto extraído no centro de acopio (un dos sonos dos seus grupos en Honduras) e, despois dunha agradable comida con técnicas do CETMAR e con Andrés, técnico que fai apoio ás confrarías da ría, visitar a lonxa de Campelo, e ver como é unha sesión de subastas.

Esta viaxe foi un xeito de facer pontes entre as sociedades civiles de Honduras e Galicia, traer unha perspectiva internacionalista a persoas do marisqueo en Galicia (seguro que agora se fixan máis nas novas sobre Honduras…), e tamén un xeito de que vexan posibles accións a desenvolver nos seus grupos e, como lles comentaban o día 10, a tecnoloxía con máquinas clasificadoras, edificio do centro de acopio e demais, non son máis que melloras a partir dun proceso que xa se ten que estar dando cun grupo constituido, e que elas xa teñen en marcha. Así que aí seguiremos apoiando os seus procesos con, entre outras actividades, unha visita de técnicas de CETMAR o vindeiro febreiro á súa zona de traballo no sur de Honduras.

Tetris dos Dereitos Humanos (tet-HR-is)

O Tetris dos Dereitos Humanos (Human Rights Tetris) é unha iniciativa de persoas de Enxeñería Sen Fronteiras e profesorado da Facultade de Informática da Universidade de Coruña que, coa cofinanciación de Cooperación Galega da Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación, apoiaron a realización dun proxecto fin de grao de enxeñería informática titulado “Deseño e implementación dun videoxogo no ámbito dos dereitos humanos baseado en ferramentas libres” co que se desenvolveu o xogo.

É importante destacar o seguimento da filosofía e pautas de software libre en todo o proxecto. O código e a documentación foron publicados cunha licenza libre e optouse en todo momento pola utilización de estándares e ferramentas/tecnoloxías que cumpriran con esta condición. Pódese acceder ao repositorio aquí.

Apoiándose nun proxecto xa existente de Tetris de software libre, deseñouse a narrativa e mecánicas do xogo, a medio camiño entre “xogo serio” e experiencia de ludificación, que consiste no uso de técnicas e mecánicas de xogos en contornos non lúdicos coa finalidade de potenciar a motivación e estimular a aprendizaxe. En concreto, neste videoxogo preténdese impulsar a aprendizaxe de novos conceptos e valores na educación no ámbito dos dereitos humanos engadindo contido sensibilizador.

O videoxogo pretendeuse que tivera unha apariencia sinxela utilizando as cores para diferencias os distintos servizos básicos relacionados cun dereito humano. En canto ás pezas, empregouse o conxunto de pezas clásico do tetris xunto con pezas personalizadas, que poden ser de maior ou menor complexidade segundo o aspecto da xestión ou acceso ao dereito humano pertinente que represente (e que aparece indicado na pantalla en pequenas informacións en texto relacionadas con cada tipo de peza). Hai ademais distintos niveis de dificultade. Cada nivel correspóndese cun país (de momento España e Honduras) e a dificultade establécese en función do estado dos dereitos humanos en dito país. Cada dereito humano tratado conforma un subnivel distinto dentro do nivel do país, e cando se remata o nivel 1 (España) desbloquéase o nivel 2 (Honduras), que aparece en vermello até que non se remate o nivel 1.

Unha vez se pulsa sobre o país, ábrese unha pantalla cun breve texto informativo sobre o mesmo, que se mantén uns segundos antes de permitir iniciar o xogo, que comezará no subnivel 1.1., onde quen xoga deberá ir facendo encaixar as pezas do Dereito Humano á Auga en España (pezas que serán azuis). Antes de poder comezar, un cadriño de texto informa sobre o estado deste dereito no país. Despois, cada peza representará un aspecto (máis ou menos positivo segundo a complexidade da peza) do dereito humano á auga en España.

O mesmo ocorre nos subniveis 1.2. (dereito á alimentación, con pezas verdes), 1.3 (dereito á enerxía, con pezas amarelas) e 1.4 (dereito á comunicación e as tecnoloxías que a fan posible, con pezas laranxas). De cando en vez en calquera subnivel aparecerán pezas violetas que fan referencia ao enfoque de xénero.

No subnivel 1.5 se xogará simultáneamente con pezas do resto do subniveis mesturadas. Rematado este subnivel, supérase o nivel 1 (España) e no mapa aparece desbloqueado (en verde) o nivel 2 (Honduras). Xa se pode pulsar sobre o país para xogar os 5 subniveis de Honduras, que será máis complexo porque as pezas serán máis a miúdo de formas complicadas, e pode ter elementos que obstaculicen a caída das pezas.

Deste xeito, ademais de coñecer os distintos aspectos dos dereitos humanos propostos (que son os que máis traballamos en Enxeñería Sen Fronteiras, e son todos eles intensivos no uso de tecnoloxía, que é importante poñer ao servizo precisamente do acceso aos dereitos humanos de todas as persoas en todo o mundo), pretendemos poñer de manifesto como en todos os países existen problemas, pero ser conscientes tamén das diferencias entre países (isto quixemos reflexalo incrementando a dificultade no nivel 2).

Xa non fai falta saber máis. Como desafío, propoñémosche que comprobes se es capaz de encaixar as pezas ao tempo que ves a súa descripción!!

AQUÍ está o enlace para xogar (ignora advertencias de seguridade se houbera). Serve tanto para móbil como ordenador!!! Trátase dun proxecto en construción, así que se atopas erros ou se che ocorren ideas, cóntanolas en info[arroba]galicia.isf.es

Non violencia nos movementos sociais

O pasado 29 de marzo participamos nunha mesa redonda sobre nonviolencia nos movementos sociais, dentro dun curso sobre Nonviolencia da Universidade de Santiago e o Colectivo Noviolencia.

O certo é que, como lle comentaramos ás organizadoras, en Enxeñería Sen Fronteiras nunha tivemos unha aproximación ao noso activismo dende esta perspectiva, así que nolo plantexamos como unha posibilidade de aprendizaxe, e de compartir con outros colectivos e as persoas asistentes ideas sobre como a Nonviolencia pode mellorar o activismo e a transformación social cara un mundo máis xusto e solidario (que é o que organizacións como ESF buscamos). Tamén puidemos comparar valores e xeitos de traballo dos que xa temos interiorizados que, sen sabelo, compartimos coa cultura da nonviolencia.

Por se non estades familiarizadas co tema de nonviolencia, e das cousas que fomos captando ese día, comentar que se falou da existencia de tres tipos de violencia:

– Directa

– Indirecta

– De “estar fora” (indiferencia ante a inxustiza, que se considera tamén un tipo de violencia).

Nonviolencia (recomendan poñelo todo xunto, a modo de nome propio deste movemento ou cultura), vén dunha palabra en sánscrito, ahimsa, que en realidade non se traduciu moi ben, xa que en realidade significaba algo así como respecto para todo o sentinte, ou “non danar” (nun senso amplo). Ten até un día internacional recoñecido polas NNUU (2 de outubro).

Puidemos ademais coñecer, grazas ao faladoiro previo á mesa redonda, un resumo dos principios da nonviolencia.

1) Trátase dunha cultura e un modo de vida, que trata de superar e mellorar outro tipo de xeitos de actuar.

2) Non se poden separar medios de fins

3) A verdade é un valor clave na nonviolencia, no sentido de buscar elementos “non relativistas” na visibilización das situacións de opresión e dominación que se queren combatir. Aquí se pode ver algo do que pensaba Gandhi, unha das figuras máis coñecidas da nonviolencia, sobre a verdade.

4) Coa nonviolencia tamén se busca liberar a quen oprime.

5) A nonviolencia ten unha parte filosófica fonda, pero tamén de acción.

Destes principios hai varios elementos que compartimos en ESF, ademais de compartir o obxecto de xustiza global e eliminación da opresión (o que nós chamamos “ben común” e “emancipación”), a saber:

Do 2, dicir que un dos valores de ESF é a coherencia (entre o mundo que queremos e como o queremos acadar).

Sobre o 3, cando en ESF falamos de promover o pensamento crítico, o facemos porque pensamos que é o xeito de visibilizar un mundo no que pague a pena vivir, e sen deixar a ninguén atrás. Pensamos que ese pensamento crítico pode axudarnos a vislumbrar a verdade nas situacións de opresión ou falta de dereitos humanos. Para iso tratamos de enfocar a tecnoloxía e a ciencia. Sería unha sorte de “tecnoloxía ao servizo da verdade”.

No que ten que ver coa liberación de quen oprime, o traballo estase a enfocar máis en masculinidades alternativas. Noutros aspectos é máis complexo ese enfoque. Sóese ter en conta a “persoas perxudicadas” polas accións que impulsamos, pero non tanto para liberalas como para evitalas ou paliar os seus impactos. Por outra banda, en ocasións a acción se enfoca máis contra organizacións ou estructuras deshumanizadas (formadas por persoas, pero que se comportan como un “ente”, tal como explica o libro e o documental “The Corporation”).

Con respecto a parte filosofía-práctica, en ESF hai unha carga importante de reflexión e discusión crítica, cos dereitos humanos como clave do benestar común e a xustiza que se busca. Sen embargo, a necesidade de ir amosando “pilulas” dese mundo mellor ao que aspiramos tamén nos fai tratar de construir alternativas, a modo de sementes dese mundo, que teñan vocación transformadora.

Algunhas reflexións coas que nos quedamos no debate foron:

– Moitas persoas preguntábanse até onde aguantar, até que extremo levar a nonviolencia en situacións de opresión de longa duración e sen visos de arranxo (violencia machista, ataque a defensoras de dereitos ambientais, conflictos enquistados como Palestina ou o Sahara Occidental). Tratar de aplicar “de cero” o que en realidade é un modo de vida nun destes contextos probablemente sexa como tratar de mesturar auga con aceite. Fai falta unha valentía heróica para transitar ese proceso (non moitos o teñen feito), e algo moi importante e non xulgar as accións destas persoas oprimidas cando a fartura e o agobio non lles permiten (ou non se sinten con forzas de) ser mártires.

– Para transitar ese camiño é básico quitarse privilexios, liberarse de relacións de dominación (tanto oprimidxs como opresorxs). Pode a tecnoloxía e a ciencia contribuir a isto?

– Parte desa sociedade sen dominación e opresións débese construir dende a infancia, e en todas as esferas da vida. Que dúbida cabe que formacións enfocadas a nais e pais, e tamén a profesorado (presente e futuro), son claves. Pero traballar por que as persoas rexeiten mensaxes e accións no noso día a día que prolongan relacións de opresión tamén é imprescindible (exemplos concretos que tiveron lugar nestes días v an dende sexismo en espazos deportivos infantís, ao racismo nos campos de fútbol, rentas básicas condicionadas para “pobres”…).

ACTUALIZACIÓN:

Apórtanos xente que controla do tema que paga a pena mencionar tamén o concepto do triángulo da violencia, así como o tema da importancia de non caer na espiral da violencia, que é crucial (se a resposta é máis violencia, ou se mantén a ameaza da violencia, ou o vencido busca a maneira de devolver o golpe).

Bioconstrución na educación secundaria.Proxecto EDUESPIGA

Queremos compartirvos a memoria do que se fixo dentro do proxecto EduEspiga, que ESF Galicia apoiou con fondos de Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e que desenvolveron xs compas de ESPIGA, Asociación Galega para a Bioconstrución.

O ​ proxecto “EduEspiga” tivo como finalidade a sensibilización medioambiental de xoves a través de obradoiros teórico-prácticos sobre bioconstrución, impartidos en 8 institutos de educación secundaria e centros de formación profesional.

A ​ bioconstrución consiste nun tipo de construción natural que revisa as técnicas tradicionais de construción dende a perspectiva das innovacións tecnolóxicas. Ten moi en conta a calidade e toxicidade dos materiais empregados, e propón uns principios éticos entre as persoas involucradas no proceso de construción e futuros usuarios. Así, a bioconstrución da solución ós problemas medioambientais que provoca a construción actual, ao traballar dende o punto de vista da sustentabilidade e eficiencia enerxética, e se conforma como o mellor xeito para reducir o impacto ambiental provocado pola construción, e mellorando o desenvolvemento social. Educando dende o punto de vista dun consumo responsable de enerxía e recursos, e buscando unha calidade de espazos e materiais, conseguiremos una sociedade máis sá, autónoma e sensibilizada co medio. Como se pode ver, encaixa á perfección coa liña de traballo que se pretende impulsar dende ESF en tecnoloxías para o desenvolvemento humano. Gustounos tanto a experiencia, que xa estivemos a preparar a segunda fase, a ver se acadamos financiación!!