Enxeñería sen Fronteiras (en adiante ESF) é unha asociación independente, sen ánimo de lucro baseada no voluntariado, que busca construír unha sociedade mundial xusta e solidaria mediante a cooperación para o desenvolvemento e poñendo a tecnoloxía ao servizo do desenvolvemento humano. Neste sentido, o proceso de participación voluntaria enténdese coma un fin en si mesmo e como un mecanismo para a transformación persoal e social.
O 17 de novembro de 2012 aprobouse na segunda Asemblea anual de ESF Galicia a nova Planificación Estratéxica da asociación (2013-2017). Dito documento, realizado pola práctica totalidade das persoas que conforman a entidade, inclúe como un dos piares máis importantes da acción da asociación o traballo en Educación para o Desenvolvemento (en adiante EpD). Varias liñas estratéxicas de traballo previstas nesa planificación entran dentro desta área de traballo, e considéras necesaria a consecución de financiación externa para asegurar o seu correcto desenvolvemento. Unha desas liñas fai referencia a transversalización de contidos en dereitos humanos e EpD nos estudos universitarios tecnolóxicos, co enfoque de Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano e a emancipación, onde ESF pretende especializarse. Ademais da elaboración de materiais didácticos e organización de xornadas no eido formal e non formal, hai tempo que se queren explorar novos xeitos de levar estes contidos a poboación “non sensibilizada”, usando canles populares. O xogo é unha destas canles, que xa hai anos ESF explora elaborando versións de xogos populares como o Risk (elaborando un Risk enerxético) ou xogos de cartas máis elaborados con gran aceptación entre público novo (e xa non tan novo), como o xogo de cartas Co-operación. O concepto de ludificación ou gamificación1 no eido de impulsar aprendizaxes de conceptos, actitudes e valores da educación para a emancipación non é, pois, novo para ESF, pero si o é o facelo a través de xogos baseados en tecnoloxías informáticas, que é o que se propón aquí.
Dado que o videoxogo elexido a priori, o Tetris, é xa parte da cultura pop, quérese explorar o potencial para atraer público interesado en xogos (dende xente máis nova xa a mediana idade) dándolle certo contido sensibilizador no eido dos Dereitos Humanos. Deste xeito se intenta sensibilizar a xente que pode xogar co producto elaborado (e pode ser que nin se fixe noutros contidos, de aí o desafío técnico e gráfico de visibilizar os contidos en Dereitos Humanos integrándoo perfectamente coa dinámica do xogo), e ademais usar isto para transversalizar actividades cun enfoque de educación para o desenvolvemento na facultade de Enxeñería Informática, xa que a proposta é que o xogo se poida ofertar como posible Proxecto Fin de Grao para a programación e o deseño gráfico, co asesoramento dun titor académico (profesor na Facultade) e do seguemento do grupo de EpD de ESF Galicia, apoiados polo técnico de EpD da asociación.