Xa están en Honduras as participantes no Programa de Coñecemento da Realidade 2020-2021

Eva e Xoel, as primeiras participantes do noso Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) da era COVID, chegaron hoxe a San Pedro Sula (Honduras), onde Raquel, a nosa representante-país, xa os estaba esperando.

Eva vén do mundo da arte e a danza, e do activismo feminista. Xoel do mundo da enxeñería (Minas e Enerxía pola Universidade de Vigo).

Despois de seren seleccionades na convocatoria de 2020, finalmente non puideran viaxar nese ano por mor da COVID19. Sen embargo, foron quen de facer o proceso de formación previo (neste caso cun itinerario formativo a distancia, xa que só se puideron atopar presencialmente unha vez, xusto antes de iniciarse o cofinamento en 2020). Durante 2020 e o que levamos de 2021 agardaron con paciencia a oportunidade de viaxar. Por sorte, as súas circunstancias lles permitiron esperar até este 2021 e, se ben con moita incertidume (e pelexar para que lles puideran recoñecer a súa condición de cooperantes para entrar no grupo especial de vacinación e non seguir adiando a viaxe, co apoio da Coordinadora Galega de ONGD), xa están en Honduras.

Estarán no país máis de 2 meses, coñecendo a realidade hondureña, os proxectos que temos en marcha na zona do Golfo de Fonseca e, sobre todo, coñecendo ás persoas e esforzo que hai detrás. Irannos contando as cousas que vaian aprendendo!

Este programa é unha das actividades de ESF máis importantes de promoción de voluntariado transformador cunha perspectiva de cidadanía global, e este ano puidemos levalo a cabo grazas á financiación da Xunta de Galicia en sendos proxectos de Educación para o Desenvolvemento neste 2021. Eva viaxará dentro do proxecto de “Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida”, onde poñemos en contacto activistas dos dous lados do Atlántico. Xoel o fará dentro do proxecto “Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega”, como parte das actividades para que os estudos técnicos das universidades galegas inclúan esta perspectiva global dentro da súa formación.

Estamos moi contentas de que finalmente poidan estar alí. Esperamos o ano que vén volver sacar unha nova convocatoria deste programa!

Boletín Sonoro ESFeiro: agosto 2021

Chega o Boletín Sonoro ESFeiro en ESFRadio, a versión podcast do noso Boletín Oficial ESFeiro.

En 5 minutiños podes coñecer o que fixemos en xullo en Galicia e Honduras, novas sobre tecnoloxía e dereitos humanos, axenda de eventos vindeiros e a ESFrase do mes.

Se che gustan os podcasts, apúntate a ESFRadio!

Pincha aquí para escoitalo

Boletín Oficial ESFeiro: agosto 2021

CONTIDOS

  1. Vida Asociativa
  2. Honduras
  3. Enlaces de interese
  4. Publicacións en físico
  5. A recomendación artística do mes
  6. E no próximo mes …
  7. A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   Este mes asinouse un convenio marco de colaboración entre a Universidade de Vigo e ESF Galicia, que sustentará as colaboracións que haxa de aquí en adiante. Tivemos a boa nova da concesión de dúas subvencións por parte de Cooperación Galega da Xunta de Galicia para desenvolver en Galicia sendos proxectos de educación, un no eido universitario técnico xunto coa rede Artigo9Tech e outro con Amigos da Terra para visibilizar ás mulleres defensoras da terra Galicia-Honduras. Continuamos o traballo no Banco de Reciclaxe Electrónica incluso con novas fichaxes (animádevos a colaborar!). Ademais, o 22 de xullo, día mundial contra a minaría a ceo aberto, estivemos en Bama (Touro), para coñecer os problemas coa mina de litio de Barroso, en Portugal, con activistas que compartiron experiencias con MinaTouroNon (que volve enfrontarse coa ameaza dun novo proxecto para a reapertura da mina de cobre).


HONDURAS

    Este mes de xullo foi intenso en Honduras, de traballo de preparación de novas propostas de proxectos para acadar financiación. Presentáronse 3 proxectos, dous deles a financiación da Xunta de Galicia (unha parte da Fase 5 do programa de defensa do Dereito á Auga, e a Fase 2 do proxecto de promoción de grupos de marisqueiras) e outro á Agencia Española de Cooperación para el Desarollo (AECID), outra parte da Fase 5 do programa de defensa do Dereito á Auga.

    Agradecemos a solidariedade dos servizos médicos hondureños por protexer coa vacina contra o Covid-19 ao persoal expatriado de ESF en Honduras, aínda sen ter obligación para iso, xa que non hai convenio con España en materia sanitaria. Ao mesmo tempo, lamentamos que esto non o fixera a administración española, a pesar de haber facilidades no país para poder introducir as vacinas, de estar cumplindo as ONGD coa normativa e os pagos á seguridade social española, e especialmente tras aprobarse dar prioridade ás cooperantes en países de risco.

    Continuou o traballo coas Oficinas de la Mujer dos 7 municipios da Mancomunidade NASMAR e os grupos de mulleres apoiados co proxecto comezado en 2020 financiado pola Cooperación Galega da Xunta. Tamén seguimos co impulso da investigación labrega para a selección de variedades de semente criolla e as canles curtas de produción e comercialización, apoiado pola AECID. Todo isto, nun contexto de axitación social pola amenaza de implementación das Zonas Especiales de Desarrollo Económico, ás que socias nosas en Honduras como CODDEFFAGOLF se opoñen frontalmente.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


PUBLICACIÓNS EN FÍSICO

(se che interesan, están no local de A Coruña ou fácilmente accesibles, e as persoas da base social de ESF poden solicitalas para préstamo).

Aquí podes ver moitas das publicacións que temos disponibles para préstamo á base social xa catalogadas.

Este mes:

  • A luta contra o mega-projecto de mina no Barroso (Portugal). Nao às minas! Sim à vida!
  • Nao a Mina. Resistir ao extractivismo. Entrevista de activistas de grupos contra a mineraçao. Minho-Barroso-Porto

A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    Este mes queremos recomendar a obra de teatroEl Apagón (versión en castelán) ou L’Apagada (versión orixinal en catalán), de Xucrut Teatre. Tivemos a ocasión de vela en Lugo no mes de abril e paga moitísimo a pena.


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia , mira as nosas redes sociais twitter, instagram ou únete á nosa canle de telegram. Difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo.


A ESF-RASE DO MES

Se un mono acumulase máis bananas das que puidese comer mentras a maioría dos outros monos morren de fame, os científicos estudiarían ao acumulador para descubrir que demo estaba sucedendo con el. Pero cando os humanos fan o mesmo, os colocamos na portada da revista Forbes”
-Emir Sader-.

Boletín Sonoro ESFeiro: xullo 2021

Chega o Boletín Sonoro ESFeiro en ESFRadio, a versión podcast do noso Boletín Oficial ESFeiro.

En 5 minutiños podes coñecer o que fixemos en xuño en Galicia e Honduras, novas sobre tecnoloxía e dereitos humanos, axenda de eventos vindeiros e a ESFrase do mes.

Se che gustan os podcasts, apúntate a ESFRadio!

Pincha aquí para escoitalo. Tamén está en spotify ou no enlace a continuación:

Boletín Oficial ESFeiro: xullo 2021

    Este mes, tras varios contactos a través da Coordinadora Galega de ONGD, tivemos a decepción coa Xunta de Galicia de que non atendera a nosa petición de considerar ao persoal cooperante como prioritario para a vacina contra a COVID19, tendo que esperar a súa quenda por idade nos casos en que van facer algunha estancia de voluntariado ou traballo en cooperación noutros países. As prioridades e a imaxe que se quere proxectar de Galicia e España parece que seguen sen ser o apoio á defensa dos dereitos humanos…

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • A recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Xuño veu ben cargadiño. Empezamos o mes participando nun webinar organizado polo Colectivo de Representantes de Estudiantes de Ingeniería de Caminos, Canales y Puertos y la Ingeniería Civil, para dar a coñecer o traballo de das distintas asociacións da Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras.   

    Creouse un grupo de telegram de facilitación e educación popular, pois somos moitas as persoas en ESF interesadas e formadas neste tema, e sempre está ben poder compartir ideas e iniciativas. Calquera pode unirse aquí.

    Tiñamos moitísimas ganas de empezar a vernos presencialmente, e por fin puidemos facelo!! Foi nun parque de Santiago de Compostela, onde falamos sobre todo da situación en Mozambique con xente que coñece ben o que alí acontece. Esperamos empezar a achegar esa realidade a nosa base social como parte da actividade do grupo Mozambique constituído hai unhas semanas.

    No IES Castro da Uz, e colaborando con Melissa, tivemos ocasión de organizar un mapatón para 4º da ESO, onde o alumnado puido mapear elementos patrimoniais e introducilos en Openstreetmap.

    No día das mulleres na enxeñería quixemos traer un preocupante dato de evolución da presenza de mulleres nos estudos de enxeñería e arquitectura en Galicia.

    Tamén tivemos o ciberfaladoiro sobre “Homes feministas, grupos mixtos e desempoderamento”, do que aquí podes ver o resumo.

    Rematamos o mes asinando un convenio con CITIC e coa Asemblea de aprobación de contas e de designación de cargos en xunta directiva, que entrarán en vigor cando chegue a documentación do Ministerio do Interior.

    As novas persoas da Xunta Directiva de ESFGalicia, ás que lles queremos dar unha cordial benvida e transmitir o agradecemento polo seu compromiso, serán:

  • PRESIDENCIA: Marc Romero
  • VICEPRESIDENCIA: Alberto
  • SECRETARÍA: Zoe Chaos
  • TESOURARÍA: Tomás Bande
  • VOGALÍA 1: Carmen Troncoso

Pronto os poderedes coñecere mellor!


HONDURAS

    En Honduras tivemos a boa nova da concesión dunha axuda da Deputación da Coruña de algo máis de19000 euros para continuar o traballo no programa de defensa do dereito humano á auga. Seguirá o apoio ao programa de persoal técnico comunitario con AHJASA, que se formaran en fases anteriores e xa empezaron a atender a aldeas. É importante continuar este apoio nestes primeiros meses, e máis coa pandemia da COVID19 aínda activa no país.

    Continuou o traballo no proxecto de apoio ás Oficinas Municipales de la Mujer e grupos de mulleres organizadas, financiado pola Xunta de Galicia, con NASMAR e CODDEFFAGOLF, así como o de soberanía alimentaria financiado por AECID,con accións de apoio á comercialización en canles curtas e produción local.

    En xullo buscaremos financiamento na Xunta de Galicia para dous proxectos: a fase 2 do recentemente finalizado proxecto de apoio da actividade marisqueira, e a seguinte fase do programa de dereito á auga (que o aporte da Deputación complementará).


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    Este mes recomendamos a Mano Azagaia, rapeiro mozambiqueño comprometido coa situación do seu país. Na canción Ai de nós fai referencia a problemas actuais do país como o conflicto en Cabo Delgado ou a afectación da COVID19.


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia segue as nosas redes sociais twitter, instagram e na nosa canle de telegram, onde difundimos tamén eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo.


A ESF-RASE DO MES

    O discurso tecnolóxico non é ideoloxicamente inxenuo […]. Ademais, nin remotamente temos tecnoloxía para substituír todo o que a natureza nos aporta […]. É máis, aínda que fose posible, é infinitamente máis difícil esa vía tecnolóxica que o esforzo de coidar a natureza que xa temos e o que require é poñer límites a un modelo que a devora para beneficio duns poucos.

Sandra Myrna Díaz

Crónica do ciberfaladoiro “Homes feministas, grupos mixtos e desempoderamento”

Esta semana tivemos o primeiro (seguro que haberá máis!) ciberfaladoiro mixto entre persoas do grupo de homes polas masculinidades alternativas de ESF (micromachiños) e mulleres de ESF. Empezamos forte, co tema “Homes feministas, grupos mixtos e desempoderamento”.

Un dos desencadeamentos para falar deste tema foi este artigo, que compartiuse tanto no grupo mixto de telegram que temos, como no grupo específico de masculinidades alternativas.

No primeiro grupo (o mixto), onde opinaron sobre todo mulleres, xurdiu a dúbida de se o cambio dende hai unhas décadas é realmente tan radical como se di no artigo (e máis, vendo datos como o que compartimos hai pouco nas nosas redes sociais sobre a preocupante evolución de presencia das mulleres nas carreiras técnicas en Galicia). Pero si se coincide coa importancia dos grupos mixtos, aínda que seguen sendo espazos a ser manexados con coidado. En calquera caso, coincidiuse en que os grupos non mixtos seguen a ser clave. Ademais, non acababan de ver claro o relato do artigo tan enfocado a “animar aos homes ao feminismo” como vendéndolles as vantaxes de poder ser homes doutro xeito, se se logra ir desmontando o patriarcado. Hai un sentimento de que esa cesión de privilexios (desempoderamento) tería que vir motivada por un desexo de xustiza, pero tampouco se fan ilusións (de feito, é precisamente niso do desempoderamento persoal dos homes onde non vían o cambio tan radical).

No grupo de masculinidades alternativas (onde só hai homes), chirriou un pouco o concepto de “desempoderamento”. Por unha banda, vese complicado conseguir a renuncia a certos privilexios “porque si”. Por outra banda, tampouco gustaba como sona o concepto de “desempoderamento”. Houbo quen comentaba que, dado que se parte dunha posición de privilexio e que se está empregando case sempre para oprimir (neste caso ás mulleres), habería que lograr empregar ese privilexio para revertir esa opresión. Ou sexa, “empregalo para o ben”.

Xa no propio ciberfaladoiro, onde participaron 7 homes e 3 mulleres, comezouse falando do propio concepto de “home feminista”, co que algún participante non se sentía cómodo por como vía manexado a palabra en distintas correntes do feminismo. En ESF isto queda definido na nosa planificación estratéxica, como parte da nosa visión de esforzarnos cada día por ser unha organización feminista que pon os coidados e ás persoas no centro, como un principio fundamental sobre o que construír a nosa acción transformadora:

Consideramos imprescindible adoptar a perspectiva de xénero como eixo transversal e transformador en tódalas nosas accións (entendendo isto como o medio de acadar a equidade entre homes e mulleres), non só no deseño das mesmas, senón tamén no día a día da asociación e nas relacións entre as persoas que a forman. Para iso, tratamos de orientar as nosas actividades cara ao empoderamento das mulleres e a participación activa da sociedade para acadar a igualdade de oportunidades no acceso e control de recursos e beneficios e, en definitiva, á concienciación da existencia dunha fenda de xénero e á loita por reducila e eliminala. Así mesmo, consideramos necesario incluír de xeito transversal no noso traballo a educación e sensibilización dirixida a conseguir o respecto pola diversidade sexual e de xénero.

Pero foi o concepto de desempoderamento o que acaparou máis tempo de ciberfaladoiro. Abondouse no feito de que se trata dun cambio moi complicado de acadar. Non parece “moi natural” que o grupo opresor poida ceder privilexios que constrúen a opresión. Esa non cesión pode vir incluso por nin sequera ser conscientes deses privilexios (non podes cedelos se non es consciente de que os tes). Esa cesión de privilexios, ou desfacerse deles, implica que sería importante tamén ter un modelo “cara onde hai que desempoderarse”. Es modelo está por construír, e é parte tamén da loita feminista. Un modelo enfocado cara os coidados, expresar as emocións e máis equidade no reparto dos roles de aseguramento da vida. Había certo pesimismo acerca de que se producira esa cesión. Volveu saír a idoneidade de que, dende a posición de privilexio, empezara a producirse un “empoderamento alternativo” cara ese outro modelo (de masculinidade, e de relación entre xéneros).

No entanto, que podemos facer como homes? Esta reflexión ocupou a parte final do ciberfaladoiro. Algunhas das ideas foron:

  • Deixar o protagonismo ás mulleres, pero non deixalas soas na loita, se non dar apoio (falta moito por definir do “como”, pero polo menos non minusvalorando as súas loitas e a denuncia)
  • Tratar de coñecese como homes privilexiados. Facer unha autodiagnose deses privilexios, para polo menos ser conscientes deles para poder, se acaso, empezar a renunciar a eles (ou ben mudalos cara outro modelo de masculinidade, porque en realidade moitos deles máis que privilexios son lousas, moitas delas definidas no artigo que deu orixe ao ciberfaladoiro). Esta autodiagnose é complicada de facer en solitario, así que é bo escoitar as parellas, ás amigas, a outros compañeiros en grupos como micromachiños, ou en grupos de reflexión como o grupo mixto de xénero.
  • Cando nos empezamos a cuestionar a (in)xustiza desa desigualdade de xénero, chega unha parte complicada, que é empezar a intentar vivir máis como pensamos. Empezar a practicar a coherencia. Iso leva seguro a saír do espazo de confort, pode ser que haxa certas tensións (por exemplo no grupo de amigos de sempre cando pos mala cara ao ver actitudes machistas de alguén do grupo cara rapazas na discoteca, ou cando se contan chistes machistas, ou cando se ven certo reparto de roles nas quedadas de grupos de parellas). Atopar o punto de equilibrio entre o cuestionamento de comportamentos censurables que se vexan ao redor e simplemente practicar a coherencia (que posiblemente sexa o mellor exemplo), é tamén algo que dependerá de cada persoa. O que se viu importante neste caso é non caer na tentación da superioridade moral. Aquí todos (e todas, que tamén se falou do machismo nas mulleres) estamos lonxe de ser perfectxs, pero as máis oprimidas seguen sendo elas.

Boletín Sonoro ESFeiro: xuño 2021

Aínda que algo máis tarde este mes, non faltamos á cita co Boletín Sonoro ESFeiro en ESFRadio, a versión podcast do noso Boletín Oficial ESFeiro.

En 5 minutiños podes coñecer o que fixemos en maio en Galicia e Honduras, novas sobre tecnoloxía e dereitos humanos, axenda de eventos vindeiros e a ESFrase do mes.

Se che gustan os podcasts, apúntate a ESFRadio!

Pincha aquí ou no enlace a continuación:

Patrimonio e software libre na educación secundaria: mapatón no IES Castro da Uz, As Pontes.

Un Mapatón é unha reunión organizada de persoas para agregar datos a OpenStreetMap (que nos gusta definir como unha sorte de “wikipedia xeográfica” onde todo o mundo pode aportar). Este pode ser un proxecto para mellorar o mapa dunha área local, ou para a axudar ós equipos de resposta en terreo durante un desastre, ou un proxecto de mapas precisos para respostas humanitarias en curso ou futuras.
Esta actividade serveu para facer unha pequena aproximación á enxeñería civil, cartografía, Software Libre e Patrimonio Cultural para alunado de 4º de ESO do IES Castro da Uz, en As Pontes. A idea inicial era facela nunha xornada, cunha parte de mañá onde se fixera unha breve introdución á recollida de datos en campo e a propia saída a campo, e pola tarde o procesado e envorcado de datos. Finalmente, por cuestións climatolóxicas, houbo que facer a parte de saída de campo o 2 de xuño, e o procesado de datos o 7 de xuño.

Levouse a cabo unha formación en ferramentas de edición de mapas libres, especificamente OpenStreetMap e, como nun traballo real, na saída fíxose unha recollida de datos no terreo, ademais de ter a oportunidade de coñecer mais sobre os distintos elementos do patrimonio cultural que se poden observar nas parroquias pontesas de San Xoán do Freixo e de Somede.


Despois da saída de campo, a sesión de edición e subida a rede OpenStreetMap de distintos fitos patrimoniais do entorno, serveu tamén para sensibilizar sobre a importancia do seu coidado e catalogación.


Sobre esta base fíxose incidencia na importancia e potencia da cooperación como ferramenta de desenvolvemento humano, aportando un exemplo práctico e real. Ademais, tamén se espera ter contribuído a aumenta o interese dos rapaces e rapazas polo voluntariado neste tipo de proxectos de coñecemento do entorno, a construción colectiva empregando ferramentas abertas e a promoción da cultura libre con datos públicos e accesibles (impulsando outro tipo de licenzas de uso, como poden ser as de Creative Commons).

Para coñecer o itinerario patrimonial realizado e outros detalles se pode consultar este guión.

Boletín Oficial ESFeiro: xuño 2021

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • A recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

No mes de maio agromaron varios novos grupos de traballo en ESF:

  • Grupo Mozambique, que estará argallando actividades para coñecermos mellor este país (unha durante xuño en Compostela, atenta!),
  • Grupo de Tecnoloxía Inclusiva, para desenvolver iniciativas de baixo custo e libres de tecnoloxía para persoas con problemas de mobilidade ou percepción; agora están empezando con ratos adaptados (incluso estivemos, invitadas pola Escola de Telecomunicación, nos LPRODays, unha feira distintas iniciativas tecnolóxicas desenvoltas polo alunado nesta e outras liñas)
  • Grupo de Eólicos, para compartir información e buscar xeitos de facer rede coas plataformas existentes, que se resisten ao modelo de implantación de eólicos sen planificación nin participación social.

Se tes interese en colaborar con algún deles, contáctanos en info[arroba]galicia.isf.es

Houbo tempo, dende o grupo de Enerxía e Cambio Climático, para participar nun webinar sobre Dereito á Enerxía, invitadas por Solidariedade Internacional de Galicia. Tamén dende este grupo, participouse nunha clase da materia de Enxeñaría da Enerxía da Escola de Camiños, dando unha visión crítica do sistema eléctrico (e enerxético en xeral).

Seguiu o traballo do grupo do noso Banco de Reciclaxe Electrónico, que ademais participou nunha charla o pasado día 29 invitado á Feira de Voluntariado do Concello de Ames.
Tivemos un xenial ciberfaladoiro onde puidemos falar coas bravas mulleres marisqueiras de Honduras, coas que participamos nun dos proxectos de promoción da soberanía alimentaria. Aquí o resumo!
Non faltou o Boletín Sonoro ESFeiro do mes anterior, un podcast de 5 minutiños que é a versión sonora do BOE.


HONDURAS

    En Honduras segue o traballo pola soberanía alimentaria no Golfo de Fonseca en colaboración con CODDEFFAGOLF e financiación da AECID. Por un lado, as compañeiras do Comité de Investigación Local CIAL-APROEM, estableceron un ensaIo para a mellora de dúas variedades de millo. Por outro, organizouse unha “Feria verde”, onde participaron productoras e emprendedoras do concello de Nacaome. Aquí podes velo!


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    Este mes vimos moi punkarras, para recomendar o grupo Lendakaris Muertos, especialmente a súa canción “Cómeme la franja de Gaza“, desgraciadamente moi axeitada para estes días…


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos séguenos nas nosas redes sociais twitter, instagram e, sobre todo, na nosa canle de telegram. Difundimos tamén eventos externos a ESFGalicia de temas vinculados á tecnoloxía para o ben común. Tamén podes facer que te chegue este boletín ao teu correo se o solicitas en info[arroba]galicia.isf.es


A ESF-RASE DO MES

“Vivimos nunha sociedade exquisitamente dependente das ciencias e a tecnoloxía, na que practicamente ninguén sabe nada acerca da ciencia ou da tecnoloxía”
Carl Sagan










Segue o traballo pola soberanía alimentaria no Golfo de Fonseca

Dentro das accións impulsadas no Convenio18-CO1-1126 coa Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, que impulsamos VSF Justicia Alimentaria Global, Amigos de la Tierra España e Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, xunto con varias organizacións hondureñas que coñecen moi ben o que está a pasar, queremos resaltar un par de actividades realizadas durante o mes de maio, impulsadas pola nosa socia CODDEFFAGOLF.

Por un lado, as compañeiras do Comité de Investigación Local CIAL-APROEM, estableceron un ensaIo para a mellora de dúas variedades de millo (langueño e campesino), en Zuniga Abajo, Moropocay. A finais de 2020 fixeran tamén un con variedades de sorgo.

Por outro, a organización da “Feria verde”, onde participaron productoras e emprendedoras do concello de Nacaome. A actividade se organiza pola Mesa Seguridad Alimentaria y Nutricional de Nacaome. Alí están á venda productos locais a prezos xustos.