ESF Radio. ESFeiras polo Mundo. A situación en Centroamérica-Caribe en tempos de COVID 19

Queremos neste novo programa de ESFRadio acercarnos á situación que se está a vivir en varios países de Centroamérica-Caribe provocada pola pandemia do COVID 19 a través das experiencias diversas en primeira persoa de persoas da base social de Enxeñería Sen Fronteiras. Tamén nos contarán a súa visión de como evolucionará a situación e o papel que debe xogar a cooperación para o desenvolvemento.

Participan:    

  •     Raquel Zolle: é a representante en Honduras de Enxeñería Sen Fronteiras. Leva no país 4 anos, facendo seguemento dos programas que ESF desenvolve no sur do país (zona do Golfo de Fonseca).
  •     Cristina Vidal: atópase na República Dominicana dende outubro de 2019 nunha estadía cunha bolsa de aprendizaxe no eido da cooperación ao desenvolvemento da Xunta de Galicia.
  •     Mireia Carreras: leva en Centroamérica máis de 13 anos, case todo o tempo en El Salvador, excepto un paréntese de 3 anos en Honduras entre 2008 e 2011 cando foi a primeira representante de ESF nese país.

Agradecemos moito que nos achegaran a súa visión do que está a ocorrer nos países onde levan a cabo a súa actividade nesta época tan complicada, para termos un pouquiño máis de consciencia de que, máis que nunca, o que pasa en calquera lugar nos afecta a todas. Precisamente, neste mundo global, non queremos que a cadea teña elos débiles, por iso dende a Cooperación en Galicia estamos usando o eslogan “Ninguén quedará atrás”. É un imperativo ético e moral, de pura xustiza social.

  • Duración: 33min 47seg
  • Idioma: castelán e galego

A continuación o podes escoitar:

Tamén en Spotify

Únete ao noso Grupo de Apoio Mútuo Dixital

Dende que organizaramos o “1º Tele-obradoiro de ESF: como darlle nova vida a vellos ordenadores para uso educativo de nenas e nenos”, xa tivo lugar outro máis e ademais vimos en constituir o que chamamos Grupo de Apoio Mútuo Dixital. É o xeito que se nos ocorreu para darlle continuidade a esta iniciativa, onde colabora xente de ESF e tamén doutros movementos como BricoLabs, así como persoas individuais que se acercan a aportar e a aprender. Calquera persoa, sexa cal sexa o su grao de coñecemento nestes temas informáticos, pode participar. Para empezar a participar é necesario simplemente enviar un mail a info[arroba]galicia.isf.es indicando o desexo de participar no Grupo de Apoio Mútuo Dixital.

Os obxectivos seguen a ser os mesmos que cando fixemos o primeiro tele-obradoiro. Eses ordenadores vellos que temos por casa pódennos ser útiles con esta situación de “escola na casa” (que se pode ademais prolongar no futuro), así que queremos darlles unha nova vida. Con esta actividade queremos:

O xeito de traballo é facer encontros periódicos en liña (normalmente xoves de 22:30 a 23:30) onde compartimos algún consello ou procedemento que nos pode axudar a recuperar algúns destes aparatos que temos por casa, para logo que cada quen na súa casa poida argallar. Nun grupo de telegram ou vía email se pode plantexar calquera dúbida para ir solucionando, ou se non esperar ao seguinte encontro en liña. Esperamos a medio prazo poder facer tamén encontros presenciais en distintos lugares onde sexa necesario.

Aquí se pode ver un video dos que se comparten nas quedadas en liña, neste caso sobre como crear un pendrive cun sistema operativo Lubuntu (de sofware libre e moi lixeiro) que permita facer funcionar unha computadora vella (e mesmo aínda que non teña disco duro!).

Boletín Oficial ESFeiro: xuño 2020

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Pouco a poucos imos retomando a “normalidade” aínda que non se poida estar preto de toda xente que queremos. En ESF non paramos quedas, acompañando este proceso, adaptando actividades para seguir avanzando na procura dunha sociedade máis xusta e coidarnos máis.

   Celebramos a nosa Asemblea Federal online, mantendo tamén os espacios informais de encontro e potenciando a soberanía dixital da Federación co noso propio servidor de jitsi, que calquera pode usar.

    Despois dunhas cantas exitosas sesións, continuamos a celebrar cada xoves os Ciberfaladoiros en liña, nos que cada semana proponse unha peli ou documental para comentar, ainda que non é necesario velo para unirse, agardámoste! Por se non puideches estar, deixamos crónicas dalgúns dos ciberfaladoiros, como os das películas Nausicaa del Valle del Viento, A Bicicleta Verde e O neno que domou o vento. Estamos pensando en manter o formato, aínda que dándolle unha pensada á periodicidade (posiblemente quincenal), día da semana e hora. Aquí podes decidir sobre días da semana e hora nos que mellor poderías participar.

   O Diario de Pontevedra fíxose eco de distintas cooperantes que poñen en valor o traballo da cooperación galega en distintos países nesta época do coronavirus, entre elas a nosa Raquel en Honduras e a histórica ESFeira Alicia. Máis que nunca #CooperaSI, neste mundo global #NinguénQuedaráAtrás.

    O 27 de maio organizamos un tele-obradoiro para darlle nova vida a eses ordenadores velliños que tes por casa. Enfocouse sobre todo a quen tendes nenos e nenas que teñan clases e/ou deberes usando a Internet. Agora esperamos ter continuidade con esta actividade, coa creación dun Grupo de Apoio Mútuo Dixital, no que calquera se pode inscribir en info[arroba]galicia.isf.es

    Alegrounos moito ver a presentación do traballo académico de desenvolvemento do caudalímetro de baixo custo na Escola de Telecomunicación da Uvigo, acadando ademais un premio. Aquí se pode ver detalles do aparello, que esperamos probar en Honduras.

   Tamén queremos remarcar que o venres 5 de xuño, día do medio ambiente, ESF presentou as súas propostas políticas para os partidos concurrentes as Eleccións Galegas do 12 de xullo 2020.


HONDURAS

    Durante o mes de maio seguiu a corentena estrita en Honduras pola Crise Sanitaria do Covid19. Neste mes, permitíase saír ás persoas a realizar xestións 1 día cada 14 días, equipadas con máscara obrigatoria, e mantendo distancias mínimas de 2 metros.

    Debido ao obrigado traballo domiciliar, durante o mes de maio estivemos a nos dedicar en maior intensidade a tres cuestións: avanzar nas xustificacións das subvencións dos proxectos financiados por Xunta de Galicia en 2018-2019 e do Convenio Aecid 2018-2022, avanzar en adaptacións dos proxectos en execución e proxectos recentemente formulados á convocatoria de Xunta de Galicia 2020-21, e aumentar as capacitacións e reunións de coordinación vía telemática.

    Reformulacións: redefinimos accións nos proxectos, orientándoas a solucionar problemas emerxentes derivados da crise COvid19, como a esperada crise alimentaria. Algunhas accións dos proxectos en marcha vanse a orientar máis a fomentar o cultivo de hortos familiares e mellorar sementes de grans básicos, por exemplo.

    Coordinación co resto de axentes da cooperación española, tanto gobernamentais, como ONGDs. Reunións quinquenales con todos os axentes da cooperación española en sesións de intercambio e formativas. Por outra banda, a través da Coordinadora de ONGDs Españolas en Honduras, tamén nos coordinamos para formacións online e diversas actividades en común. Colaborouse igualmente no nivel que corresponde como socia da Congdeh nas decisións para a preparación do próximo taller sobre elaboración de máscaras de tea con peto para filtro.

    En canto a actores hondureños, mantivemos o contacto coas copartes nas xestións en marcha, facilitando información respecto diso das recomendacións de prevención ante Covid19. Mantívose así mesmo a participación nas reunións da Mesa SAN (seguridade alimentaria e nutricional) da Rexión 13 – Golfo de Fonseca, e na Mesa de Coordinación (de axentes de cooperación), da Rexión 13. Na mesa SAN, no marco do convenio, está a darse apoio á organización dun webinar sobre Hortos Urbanos como alternativa para a obtención de alimentos saudables en tempos de corentena, que se prevé realizar a mediados do mes de Xuño. Realizouse un pequeno inventario de tipo de hortos urbanos que se dan en diferentes partes do mundo, e estase participando nas reunións de coordinación.

    Continuamos en maio coa coordinación entre unha experiencia galega de deseño de respiradores para o Covid19 con expertos da UNAH e da US (Salvador). Aínda que en maio retardouse a iniciativa, estancada pola dificultade de compra de sensores de osíxeno e sensores diferenciais de presión de aire no  mercado internacional.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD (ou subscríbe ao seu boletín quincenal, que conta con ofertas de emprego; formacións e actividades; novidades do sector; convocatorias de bolsas e subvencións; propostas de voluntariado, etc.). Tamén nas nosas redes sociais Facebook instagram, Twitter ou na nova canle de telegram difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo. 
Volver


A ESF-RASE DO MES

Se  o  sistema  de  valores  da  sociedade  biotecnolóxica do futuro baséase nos principios do humanismo avanzado, continuaremos pensando que o que de verdade importa é facer felices aos demais. A felicidade non nos virá pola vía da tecnoloxía aplicada ao  ser  humano,  senón  por  entender  que  a  lei universal que nos rexe é a lei do amor

Albert Cortina

Eleccións Galegas 2020: as propostas de ESF aos partidos

Dende Enxeñería Sen Fronteiras Galicia fixemos chegar aos partidos unha serie de propostas no eido da Tecnoloxía para os Dereitos Humanos e o Ben Común.

En 2020 cumprimos 27 anos de traballo en Galicia, e pola nosa condición de asociación experta en servizos básicos e tecnoloxía para os dereitos humanos, ese traballo se desenvolveu tanto en Galicia como en diversos países do mundo (actualmente en Honduras). Iso danos unha visión global dos problemas e causas da pobreza e desigualdade, e das posibilidades de actuar dende o local para acabar con elas. Esta visión de cidadanía global e de activismo tecnolóxico é a que queremos poñer ao servizo das organizacións políticas concorrentes ao proceso electoral galego neste ano tan complicado. Máis que nunca, somos conscientes de que a sociedade global é un sistema, e non queremos que haxa elos débiles na cadea, nin en Galicia nin en outros lugares. E non o queremos tanto por unha razón ética e moral, como por outra máis pragmática de pura sustentabilidade socio-ambiental no único planeta que temos para vivir.

A continuación, presentamos as propostas en 8 piares básicos do noso traballo:

  1. Dereito á auga
  2. Dereito á enerxía: novo modelo enerxético
  3. Dereito á alimentación: soberanía alimentaria, desenvolvemento endóxeno e proximidade
  4. Dereito á información e a comunicación: soberanía dixital e transparencia radical
  5. Xestión de residuos: residuo cero
  6. Educación e tecno-ciencia para o ben común
  7. Outras realidades no mundo. Cooperación ao desenvolvemento no mundo post Covid 19
  8. Tecnoloxía para a inclusión

Aquí as tendes!!

Crónica do Cineforum: La Bicicleta Verde

Xa en proceso de desconfinamento, o ciberfaladoiro do xoves 21 de maio tratou sobre unha película nun contexto moi complicado e duro. Hai moita crítica pola dependencia na mobilidade como paralelismo da falta de liberdade das mulleres en Arabia Saudí (chófer para que leven á nai, con xente mesmo “borde”). Probablemente a bicicleta sexa parte central desta simboloxía vinculada a un futuro distinto para as máis novas.

Trátase da primeira película que fai unha muller en Arabia Saudí, o cal tivo moitísima importancia, facendo un cine con outra mirada (tamén é tecnoloxía para o desenvolvemento humano unha bicicleta que é moito máis que un simple aparello de transporte limpo).

Falamos tamén de como a nai evoluciona durante a película. Como está a buscar a felicidade do marido por enriba de todo, e logo el quere casar con outra. Ao principio non quere que ande en bici a filla. Ao final quere o mellor para a súa filla, e quizáis se contaxie coa súa determinación.

Ao final visibilízase unha inxustiza. O esforzo da nena non ía obter premio polo contexto inxusto. Desmonta o mito de facerse a si mesmo. É unha rapaza moi decidida e non permite que ninguén lle poña cortapisas e lle diga que non pode facer algo se o ve inxusto. É como unha guerra continua porque todo o mundo lle nega oportunidades, que teña os gustos que quera. Pero ao final nin así podía saír victoriosa cos seus propios medios. Pero ás veces polo mero feito de buscar a xustiza, se vai transformando o entorno e as persoas que nos rodean. Por iso soe merecer a pena, aínda que neste caso, como producto cinematográfico, quixera deixar ese regusto de boismo.

Chamounos a atención o pouco compañerismo, non hai moito apoio, mesmo coas nenas. Nótase moita represión (cousas que son pecado…), e entón as nenas facían o que non lles permitían facer. Atopamos a película moi motivadora para as rapazas de súa idade. É moi importante esa idade de transición para reforzar a seguridade das nenas. O buenismo do final é bo para animar. É educativo tamén para pais e nais, porque contaxia actitude.

O tema do que dirán tamén influiu moito na nosa cultura e de que as mulleres non puideran facer certas cousas (saiu a lembranza de refráns de cando estaba mal visto que até as mulleres puideran asubiar).

Por último, non deixamos de notar que o neno tampouco está moi dacordo coa súa cultura, de terse que casar con alguén obligado. El admira á protagonista, gústalle a súa liberdade. É un amigo moi incondicional. A masculinidade alternativa adivínase nesa actitude, pero ao no formar parte da minoría máis oprimida é máis complicado que se manifeste.