Enxeñería Sen Fronteiras é posible grazas ao compromiso da súa base social, que non só “participan” ou “están” na asociación, senón que “son” o verdadeiro soporte e motor da mesma para, pensando globalmente e actuando localmente, seguir explorando xeitos de poñer a tecnoloxía ao servizo dos Dereitos Humanos e do Ben Común.

Segundo o aprobado na asemblea do 28 de novembro de 2019, establecéronse as seguintes figuras para participar na asociación (ou, como soemos dicir, ser parte da súa “base social”), todas elas persoas físicas excepto no caso das doantes. Cal é a túa?

a) Persoa voluntaria: persoa que adica tempo con certa regularidade á actividades da asociación. Aquí podes ver como ser voluntaria de Enxeñería Sen Fronteiras e obter máis información. Pode ou non ser tamén socia e/ou doante.

b) Persoa socia: como asociación que somos, o órgano máximo de decisión é a Asemblea de Socias. As persoas socias, así, teñen dereito a voto en asemblea, puidendo asistir presencialmente ou delegar o seu voto noutra persoa socia. Deste xeito, as socias teñen responsabilidades derivadas das decisións nas asembleas e do que ocorra coa asociación. Unha socia terá que ser, ademais, voluntaria ou doante. Se é voluntaria poderá solicitar ser socia coa cuota que desexe, mesmo cuota cero; se non é voluntaria tamén se pode aportar a cuota que se desexe, pero cunha aportación mínima de 40 euros/ano se non se teñen ingresos (persoas en paro, estudantes…) e 80 euros/ano se se conta con ingresos. Aquí podes ver como facerte socia de Enxeñería Sen Fronteiras.

c) Persoa doante: aporta fondos de xeito puntual ou continuado porque quere apoiar á asociación, pero non quere ter voto na Asemblea nin responsabilidades derivadas das decisións nas asembleas nin no devir da asociación. Aquí podes ver como doar a Enxeñería Sen Fronteiras. Se queres ser doante de ESF contáctanos no correo info[arroba]galicia.isf.es e xa te orientamos sobre como facer.

d) Persoa colaboradora: persoa que participa aportando tempo de xeito puntual nas actividades da asociación.

e) Persoa contratada ou liberada: persoa con salario a cargo da asociación e relación contractual laboral.