Posts

Bolsa de voluntariado internacional para profesorado de secundaria

Ampliamos prazo para solicitar a bolsa que, este 2023 sacamos no noso Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) para persoal docente de centros de ensino secundario de Galicia, financiada pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia no proxecto Hackers Sen Fronteiras.

A persoa seleccionadas realizará un itinerario formativo específico previo para participantes no PCR, cunha pequena parte presencial e outra parte en liña. A continuación, nalgún momento entre xuño e setembro, terá lugar a estancia en Honduras. Alí poderá coñecer os proxectos nos que participamos, o traballo das organizacións hondureñas coas que colaboramos, e vivir de primeira man esa realidade, acompañando a outras dúas persoas non docentes que participarán tamén no programa e ao resto do equipo en terreo. A estancia poderá durar entre 1,5 e tres meses, según dispoñibilidade da persoa seleccionada.


Enxeñería Sen Fronteiras faise cargo da viaxe, seguro e aluguer da vivenda en terreo, así como posibles desprazementos ás activides se se programen. A cargo da persoa correrá a súa manutención e gastos correntes da vivenda (auga, luz, …), así como o restos dos gastos persoais que poida ter na estancia.

Se tes interese, ou sabes dalguén que o poida ter, aquí están as bases completas, con información sobre o contexto, os criterios de selección, o xeito de presentar candidatura e os prazos.

Data límite de presentación de candidatura, 19 de marzo ás 23:59

NOVO PROGRAMA: Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, fase 1.

Dende a súa fundación en 1993, Enxeñería Sen Fronteiras veu traballando como unha das súas liñas de traballo fundamentais a creación dunha cidadanía crítica, facendo especial énfase no uso da tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común.

O enfoque de “Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano” (ou para o ben común e a emancipación, como vimos denominándoo ultimamente), parte de cuestionar o uso histórico da tecnoloxía e apostar por unha tecnoloxía participativa e non excluínte que permita lograr a equidade e a xustiza social cun enfoque de ben común. Este enfoque comprende os coñecementos, mecanismos e estratexias que fan que certas solucións técnicas potencien a calidade de vida das persoas de xeito inclusivo. Para isto é necesario entender a tecnoloxía non coma un fin en si mesmo, senón coma un medio, e dentro dun contexto social, económico e cultural.

Con este novo programa quérese impulsar o concepto de tecnoloxía para o ben común na docencia da comunidade educativa do ensino secundario galego de base tecnolóxica.

Para conseguir este obxectivo, o eixo principal do proxecto que será a súa Fase 1, é o inicio dun traballo, con vocación de continuidade, con 3 centros piloto de ensino secundario, fora das 7 grandes cidades galegas, en 3 provincias distintas: Celanova, Mondoñedo e Curtis. Tamén se quere facer traballos puntuais noutros centros, que permitan ir ampliando a rede e dando a coñecer a iniciativa, apoiándose na asociación APETEGA, en cuxa asemblea de primavera 2022 se presentou o proxecto.

Por que o nome de Hackers Sen Fronteiras? Queremos reivindicar a curiosidade, o empoderamento tecnolóxico e o cuestionamento á propia tecnoloxía sen renunciar a ela que impulsa a este movemento (e que fixo que se vira cuestionado e perseguido, como se conta neste artigo).

Deste xeito, no programa hai tres grandes liñas de traballo:

  • Liña profesorado, especialmente enfocado ao profesorado de tecnoloxía ou a aquelas accións de centro nas que a tecnoloxía teña un papel destacado. Tratarase de acompañar e dar apoio a prácticas docentes con enfoque de cidadanía global, dado o papel clave ao ser multiplicadoras cara o alumnado de coñecementos, habilidades e actitudes que poden fortalecer e poñer o foco nos dereitos humanos e o ben común. Nesta liña impulsaranse apoio en ferramentas didácticas, creación participativa de novas ferramentas, análise de materiais xa existentes vendo como incorporan a perspectiva de tecnoloxía para o ben común, e a participación no programa de coñecemento da realidade de países onde ESF traballa en cooperación ao desenvolvemento dunha persoa docente (prioritariamente, dos centros piloto).
  • Liña alumnado, polo interese de ESF en promover un alumnado crítico e mobilizado, que poida participar máis aló das accións académicas formais e vaia obtendo unha base que impulse a súa cidadanía activa. Se se consegue alumnado implicado e sensibilizado coa cidadanía global e o ben común, no seu día a día futuro (tanto persoal como profesional) tamén poderán ser axentes de transformación. Se propón un catálogo de até 20 faladoiros/obradoiros de curta duración nos centros piloto participantes, que se agrupan en packs ou itinerarios temáticos (que dende o centro poden escoller para distintos cursos). Este catálogo tamén estará dispoñible para outros centros que xa amosaron interese, e outros que poidan xurdir. Ver aquí catálogo e itinerarios. Tamén se traballará en impulsar algunha acción en cada centro piloto que teña un maior recorrido e, sobre todo, maior protagonismo por parte do alumnado (e o profesorado), á que se coñecerá como Comandos Hacker.
  • Liña creación de rede, polo interese en visibilizar o traballo que se desenvolverá co proxecto (e outros na mesma liña que se puideran estar xa desenvolvendo). Se impulsará a creación dunha rede ou grupo de traballo de profesorado no eido da tecnoloxía para o ben común, así como un encontro de alumnas interesadas na tecnoloxía dos distintos centros participantes a modo de rede, e un Premio Hackers Sen Fronteiras a iniciativas docentes de tecnoloxía para o ben común en secundaria.

En 2022-2023 levantarase unha liña de base para estudar en que medida ese enfoque alternativo da tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos é coñecida na comunidade do ensino secundario tecnolóxico galega e que acollida ten.

Cabe mencionar o enfoque de xénero que se pretende incluír neste proxecto, dado que a fenda en estudos técnicos comeza xa a notarse no ensino secundario, ten unha importancia (e dificultade) especial, tanto na participación, como na co-responsabilidade do proxecto, como no comité de seguimento e as accións concretas. A rede mencionada de alumnas, varios obradoiros (como os impulsados dentro do programa de mulleres tecnólogas para o ben común) e propostas de traballo no eido da fenda de xénero na tecnoloxía (incluindo un pack), ou un apartado específico da liña de base para entender mellor esa fenda nos estudos tecnolóxicos son algúns dos elementos incorporados.

ESF pretende coas súas actividades a xeración dunha cidadanía global crítica e comprometida coa loita contra a pobreza a través da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano, para o cal terá en todas elas un protagonismo destacado o voluntariado da nosa base social, como co-responsable do seu deseño, execución, seguimento e avaliación, tendo persoas colaboradoras dentro do profesorado e tamén entre as persoas que impartirán obradoiros de distintas temáticas.

ESFRadio. Un tema de ESF ao mes: a tecnoloxía para o ben común no ensino secundario

A tecnoloxía nos rodea, dende cativas. Cada vez son tecnoloxías máis inmediatas no acceso, pero máis lonxanas á hora de comprender o funcionamento.  E non falamos só do dixital. En Enxeñería Sen Fronteiras pensamos que non estaremos formando persoas críticas e cuns valores solidarios, que permitan facer fronte aos desafíos da inxustiza social e a crisis ambiental, se non introducimos a tecnoloxía nos curriculae académicos, cunha carga axeitada e un enfoque de soberanía tecnolóxica e ben común.

Para traballar o enfoque de tecnoloxía para o ben común toca poñer en  entredito iso de que A TECNOLOXÍA É NEUTRAL. Toca abordar a tecnoloxía indisolublemente do seu contexto político (ou sexa, pensar quen a goberna realmente e cal é o seu obxectivo máis importante?), social (a quen discrimina e a quen favorece realmente?  crea máis desigualdade?) e tamén a ambiental.  

Dende Enxeñería Sen Fronteiras Galicia levamos anos tratando de introducir este enfoque en escolas técnicas universitarias, pero temos claro que cada vez é máis importante empezar antes a impulsalo. Por iso con este programa quixemos achegarnos a coñecer a visión sobre este tema de persoas que están no día a día da educación tecnolóxica no ensino secundario de Galicia. Tivemos o privilexio de estar con Alicia, Pere e Carlos, da Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA), nada menos que nas súas décimo oitavas xornadas de tecnoloxía.    

Idioma: galego

Duración: 15 min 37 seg

Produce: Jorge Lama

Guión: Sergio Fernández

Presenta: Sergio Fernández