Posts

Programa de Mulleres Tecnólogas para o ben común

Visibilizar como a tecnoloxía se pode poñer ao servizo do ben común é unha das actividades ás que máis tempo adicamos en Enxeñería Sen Fronteiras, aínda que tradicionalmente o fixemos no ámbito universitario técnico. Agora, cuns proxectos cofinanciado pola Xunta de Galicia, por un lado con fondos da Cooperación Galega e por outro con fondos de IRPF (a famosa casiña de fins sociais da declaración da renda), queremos contribuír a que mulleres tecnólogas vinculadas ás universidades galegas e ao mundo profesional tecnolóxico, que colaboran con ESF, dean a coñecer a súa actividade en centros de ensino secundario.

Obxectivos

A actividade trata de impulsar faladoiros en centros de secundaria que o desexen para visibilizar a mulleres que traballan en temas de tecnoloxía, pero cun enfoque para o ben común. Esta actividade ten un par de pequenas peculiaridades con respecto a outros programas de mulleres nas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics):

1) Que a idea é non simplemente visibilizar ás mulleres nas STEM, senón o enfoque de Tecnoloxía para o Ben Común. Ou sexa, non se busca só que se poña en valor e se visibilice a presencia de mulleres neste eido, senón tamén o xeito distinto de empregar a tecnoloxía (baseado en valores de colaboración, participación cidadá, sustentabilidade, enfoque a grupos vulnerabilizados, etc., que pensamos que non son os habituais nestes ámbitos técnicos).

2) Que a idea é, no caso de relatoras procedentes da universidade, poder preparar e impartir ese faladoiro involucrando tanto a persoal docente e investigador da universidade como a alumnas ou ex-alumnas, para ir creando certa conciencia no alumnado e participe máis nestas iniciativas, ademais de que poidan ser referentes para as nenas (e tamén nenos) que queiran adicarse ao eido STEM con ese enfoque.

Para Enxeñería Sen Fronteiras Galicia é retomar unha liña de traballo, a de accións no ensino secundario, pola que se quere apostar nos vindeiros anos, centrando proxectos especificamente neste ámbito.

Metodoloxía

A actividade consiste na organización de faladoiros a impartir en centros de ensino secundario por algunha das mulleres colaboradoras de ESF (se é posible, acompañadas dalgunha alumna ou colaboradora no caso de relatoras da universidade). Un elemento que se busca prioritariamente é a flexibilidade, para adaptar os faladoiros ás necesidades da aula, centro ou profesorado de secundaria que o solicite.

Os cursos ás que se dirixe son, preferiblemente de 3º ou 4º de ESO, que é cando empezan a decidirse os itinerarios formativos. Podería ser unha actividade de aula, ou con varias aulas simultaneamente, dependendo das preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade

O formato podería ser presencial ou teleconferencia, dependendo tamén das preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade.

As datas e hora de realización da actividade serían coordinando a dispoñibilidade das colaboradoras de ESF Galicia (que son voluntarias) e as preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade.

A duración do faladoiro sería para encaixar nunha clase (uns 50 minutos), aínda que se podería variar dependendo das preferencias da equipa docente do centro interesada nesta actividade.

Os materiais precisos serían un proxector conectado a unha computadora na que se poida enchufar un pendrive (se non se contara con este material, se podería adaptar o faladoiro sen problema, previa coordinación coa persoa que impartiría o faladoiro).

A sesión empezaría pasando un brevísimo cuestionario ao alumnado (no caso de facelo presencial) cunhas preguntas baseadas no que se vai transmitir na faladoiro.

A continuación se desenvolve o faladoiro, que pode ter algún elemento máis participativo dependendo das restricións COVID do centro (ou do formato, presencial ou en liña). A relatora ou relatoras falarán da súa experiencia, por que decidiron facer o que fan e que expectativas teñen para o futuro. Ademais, falarán especificamente dalgún dos seus proxectos (laborais ou de activismo, presentes ou pasados) que teña unha especial compoñente social na aplicación tecnolóxica.

Acabará a sesión co cumprimentado por parte do alumnado do mesmo cuestionario do inicio.

Esperamos recoller o material que se xere nos distintos faladoiros que se realicen nos distintos centros que participen na actividade, así como as avaliacións da aula, e compartilos logo coa equipas docentes que participaron dos centros (mesmo, se chega a haber interese e se conforma un grupo de profesorado de secundaria interesado, tratar sacar algún material didáctico máis formal).

Equipo de colaboradoras

Cóntase cun grupo dunhas 20 mulleres tecnólogas, tanto docentes e investigadoras das tres universidades galegas, como alumnas e tamén tecnólogas externas á universidade. Se desempeñan en ámbitos tan dispares como a enxeñería aeroespacial, a hidroxeoloxía, a informática, a enxeñería civil, a tecnoloxías de apoio para persoas con problemas de mobilidade, as telecomunicacións, a física aplicada, os humanismos dixitais ou a bioconstrución.

Primeiras actividades

Nos segundo e terceiro trimestres do curso 2021-2022 se iniciaron os faladoiros, en centros como o IES San Rosendo de Mondoñedo, o IES de Curtis, o IES Valadares de Vigo, o IES de Soutomaior ou o IES Monte Carrasco de Cangas.

Rematando proxecto de peche da fenda de xénero en Honduras

A segunda fase do proxecto de mellora do acceso equitativo de mulleres e xoves a recursos económicos do Sur de Honduras, que financia Cooperación Galega da Xunta de Galicia, está rematando. Estas últimas semanas foron de actividade frenética.

Tivo lugar un taller para a elaboración de plans de negocios con mulleres e persoas mozas provenientes de los municipios socios de la mancomunidad para acceder a financiamento a través dun fondo rotatorio, e se fixo a entrega destes fondos ás iniciativas seleccionadas.

No outro gran eixo de traballo do proxecto, realizouse unha formación para o fortalecemento das capacidades en análise de orzamentos municipais, dirixida a a membros da red de mujeres dos municipios de Marcovia, El Triunfo e Goascorán. Incluiuse unha parte de etiquetado de xénero, tema no que tivemos durante o proxecto o asesoramento de persoal do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña (CEXEF).

Precisamente como membra do CEXEF, tivemos a visita de Boli, especialista en educación ambiental, que tivo unha axenda ben apretada e á que lle agradecemos a súa entrega. Tivo visitas institucionais na Oficina en Honduras da Agencia Española de Cooperación, a na Universidade Nacional Autónoma de Honduras (UNAH) ou coas nosas socias locais. Tamén participou en obradoiros de educación ambiental con diversas colaboradoras, como o que desenvolveu con Deisy da UNAH, sobre deseño de elementos de comunicación en materia ambiental e de xénero, onde participaron persoas da Red de jóvenes acción por el clima, da asociación ECOS, de Amigos de la Tierra Honduras e da Asociación de Mujeres en Defensa por la Vida (AMDV). Esperamos nos vindeiros días a visita dende Honduras a Galicia dunha investigadora da propia UNAH.

Obradoiro con Boli e Deisy

Ciberfaladoiro: é ESF feminista?

O pasado 23 de marzo adicamos un dos nosos ciberfaladoiros ao tema da igualdade de xénero na asociación. Quixemos titulalo “É ESF feminista”?

En realidade non vemos posible determinar unha liña vermella para saber se ESF (ou calquera outra organización) é feminista. No caso de ESF, nin sequera sabemos de que criterios partir para saber en que medida estamos a avanzar (ou non) cara a ser unha organización máis feminista, como temos recollido na nosa visión de ESF para 2024 que figura na nosa planificación estratéxica. Eses criterios terían que vir determinados, ademais, por unha visión compartida de que feminismo queremos impulsar en e dende a organización. O primeiro paso para iso coidamos que é conformar un grupo que queira impulsar o proceso de diagnose interna e reflexión cara acadar un Plan de Igualdade. Posiblemente “o documento” do plan non teña tanta importancia como o proceso para acadalo, pero aínda así seguro que tamén pode ser útil para quen veña despois, así como para ter algúns instrumentos (protocolos, por exemplo) e posicións claras con respecto a posibles actitudes machistas dentro da organización.

Plantexouse a dúbida de en que medida era posible formar unha organización feminista se hai persoas que non o son, e como compatibilizar esa vocación de ESF de ser un espazo aberto e educativo para compartir reflexións e dúbidas (cunha vocación de construir un mundo xusto e solidario), cunha posición máis intolerante contra calquera tipo de actitudes machistas.

Tamén se compartiron experiencias das participantes sobre o que se atoparan noutros espazos vitais, tanto persoais como de activismo, sobre como as organizacións e persoas activistas (sobre todo homes) afrontan a inclusión do enfoque de xénero e o feminismo nos debates. Pode ser rexeitamento, ou a idea de que está superado, ou unha pretendida neutralidade que, probablemente, neste tema é case imposible xa que xera moita polarización. En realidade a neutralidade pode negar/invisibilizar a existencia de privilexios/opresións/xerarquías/prexuízos individuais, colectivos e estruturais, entorpecendo así o traballo pola igualdade. Por iso dicimos que neste tema a neutralidade en realidade non existe…

Aínda nos queda moito camiño, pero xa empezamos a camiñalo!

Un novo proxecto! Fortalecemento de 7 grupos de mulleres marisqueiras no Golfo de Fonseca, Honduras

O 1 de agosto presentábase en Amapala (Honduras) o “Proyecto de mejora de la sostenibilidad de la actividad marisquera como fuente de ingresos de 7 grupos de mujeres marisqueras en los municipios de Amapala, San Lorenzo y Marcovia, Honduras”.

O proxecto, dentro do noso programa de Promoción do Dereito á Alimentación con enfoque de soberanía alimentaria, será financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia con 225.000 euros en dous anos. No seu desenvolvemento colaboraremos co noso socio habitual neste programa, CODDEFFAGOLF , os verdadeiros artífices deste esforzo xunto cos grupos de mulleres,e tamén co CartoLab da Universidade da Coruña.

O proxecto consiste na mellora da actividade marisqueira de sete grupos liderados por mulleres que realizan a actividade de xeito tradicional supoñendo unha fonte principal de ingresos para as súas familias, dadas as circunstancias de deterioro ambiental, perda de producción e ingresos que se vén dando nos últimos anos e ameazan dito modo de vida. Así mesmo, se establecerán metodoloxías e proxectos piloto de cultivo de moluscos, mellora da calidade, comercialización e imaxe do producto, mecanismos de ordenación da actividade e xestión dos espazos naturais para a rexeneración con criterios de gobernanza, incluindo aspectos relativos á seguridade e vixianza do cumprimento da normativa ambiental e de pesca de xeito participado.

Traballarase con catro grupos de mulleres de Amapala, dous de Marcovia e un de San Lorenzo. O estado actual dos grupos é diverso, estando os catro de Amapala máis avanzados na súa formalización. Os grupos de Marcovia e San Lorenzo, en cambio, non teñen iniciado o proceso de constitución formal nin legalización, polo que se debe iniciar o fortalecemento con accións de definición de integrantes e constitución do grupo, formalización da personería xurídica, formación básica de xestión e organización, e formación básica de temas relativos á actividade. Os grupos son:

  • ESM ESMUMAR (21 mulleres),
  • ESM Belas Mar (21),
  • ESM Nueva Esperanza (13),
  • ESM Playa Grande (21),
  • Asociación de Mujeres Marisqueras de San Lorenzo (18),
  • Asociación de Mujeres Marisqueras El Eden (21),
  • Asociación de Mujeres Marisqueras Colonia Tres de Febrero (19)

En total, 134 mulleres de 122 familias, que dependen en gran medida da actividade marisqueira.

A idea é avanzar na profesionalización da actividade marisqueira dende unha perspectiva que reúna as seguintes características: profesionalización do sector, valorización do traballo das mulleres na pesca e marisqueo, xestión con respecto á biodiversidade e baixo parámetros de sostibilidade ambiental; comercialización legal que cumpra as normas fiscais, sanitarias e hixiénicas do producto, integración das institucións normadoras e xestoras para avanzar cara á formalización de normas de protección e fomento da rexeneración natural dos recursos, sentando as bases para avanzar no futuro cara a ordenación marisqueira e dos recursos marino-costeros a través dunha experiencia piloto en Amapala. Ademais de fortalecer o dereito á alimentación, búscase reducir a fenda de xénero fortalecendo a actividade productiva e de xeneración de recursos das mulleres en grupos productivos e de apoio mútuo.

O proxecto enfocarase así nos seguintes aspectos:

+ Avanzar na formalización e legalización dos grupos, na súa capacidade de xestión organizativa e técnico-productiva e eficiencia, a través de módulos específicos de formación adaptados á situación e requerimentos individuais de cada grupo, que se definirán tras un diagnóstico inicial. Así, nos catro grupos de Amapala avanzarase nos aspectos de mellora de comercialización legal do produto, posto que xa teñen recibido fortalecemento en aspectos básicos de xestión organizativa. En Marcovia e San Lorenzo, comezarase pola constitución formal dos grupos, procedendo á súa legalización.

+ Mellorar a capacidade productiva dos grupos de mulleres a través de dúas componentes principais: mellora da capacidade de rexeneración do producto en espazos naturais usados para a captura de moluscos, e mellora da capacidade de producción mediante cultivo de moluscos en zonas controladas polas mulleres que se adican á recollida de sardiña en estruturas especiais denominadas chiqueros, así como en praias e outros lugares abertos que se seleccionarán ao efecto. Preténdese establecer sistemas de monitoreo e investigación para o seguemento dos mecanismos que se establezan para a rexeneración dos espazos naturais e para o cultivo controlado, contando cos aportes e experiencia e coñecemento da Fundación CETMAR de Galicia, así como diversas institucións hondureñas, tales como a Dirección General de Pesca e o Instituto Nacional de Formación Profesional, ambos con persoal capacitado no proxecto PROFOPAC apoiado pola Xunta de Galicia en proxectos anteriores, que participará no proxecto, e persoal de investigación da factultade de Acuicultura do Centro Universitario Rexional do Litoral Pacífico pertencente á Universidade Nacional Autónoma de Honduras. Tamén se busca crear a primeira iniciativa de preparación do producto segundo as normas sanitarias e hixiénicas e regularizar permisos sanitarios para venta directa en mercados formais, que marcará o procedemento e liña a seguir a outros grupos, servindo de mostra e aprendizaxe.

+ Xerar mecanismos de gobernanza que combinen os esforzos de sociedade civil (organizacións e mariscadoras) e institucións académicas e normadoras, de cara a iniciar procesos de ordenación marisqueira. Isto inclúe a elaboración de acordos para a xestión de espazos protexidos de interés para o marisqueo en Amapala, establecendo mecanismos de corresponsabilidade entre todos os axentes relacionados: Grupos de mulleres, Fiscalía do Ambiente e Forza de Tarea coordinada pola mesma, Digepesca, etc. Fortalerase o uso da ferramenta de cartografía colaborativa ambiental SIROS. Así mesmo, se realizará un estudo en profundidade neste municipio sobre a actividade marisquera, que permita establecer orientacións e primeiras medidas da ordenación marisqueira de cara a buscar a sostibilidade da mesma. Previsiblemente se determinará a necesidade de realizar actuacións de preservación dos hábitats que sustentan os recursos, que será un aporte en man de obra dos grupos de mulleres e mostra do interese de preservación e profesionalización da actividade.

Participación das mulleres na xestión da comunitaria da auga en Honduras

Con esta publicación do CEXEF UDC, baseada nun estudo financiado pola Xunta de Galicia que fixeron en 2017 promovido por Enxeñería Sen Fronteiras Galicia no sur de Honduras, onde ESF desenvolve o programa de Dereito Humano á Auga, podemos coñecer como é a participación das mulleres na xestión comunitaria da auga nesta zona. Cando se fala de comunidade en Honduras equivale a falar de “aldea” en Galicia. As xuntas veciñais de auga (chamadas Juntas Administradoras de Agua y Saneamiento) no sur de Honduras funcionan dun xeito moi similar as xuntas veciñais de auga en Galicia.

Resaltamos algunhas das conclusións:

Hai cargos considerados axeitados para os homes, como o de presidencia ou o responsable da operación e mantenimento (fontanería) porque supostamente requiren capacitación técnica ou porque se argumenta que «a un home se lle escoita máis que a unha muller». Igualmente, hai cargos que se consideran máis axeitados para as mulleres, como o de secretaría ou tesouraría, pois se lles considera máis responsables e ordenadas.

A construción de sistemas de auga comunitarios requiren a realización de diversas tarefas que son consideradas en xeral asuntos do sexo masculino. Mentras, as mulleres limitan a súa participación durante a etapa de construción a realizar tarefas de apoio ás cuadrillas, ou tarefas relacionadas cos coidados para los homes que están implicados no traballo máis técnico.

Escasa participación das mujeres nos espazos de toma de decisión comunitarios. Estes espazos adoitan ter dous tipos de participación: unha consultiva ou deliberativa e outra representativa. Os segundos espacios son os momentos de toma de decisión mediante votación, no que en xeral cada vivienda ten derecho a emitir un voto, que soe ser exercido por quen ten a propiedade da terra e a vivenda, case sempre o home. Ademais, aínda que moitas mulleres asisten ás asembleas comunitarias (se ben en menor proporción que os homes), non soen emitir as súas opinións na mesma. Soen sentarse xuntas como simples espectadoras e reforzar aquelas opinións dos homes que máis lle interesan, pero pocas veces son ellas las que emiten su propia opinión. Posiblemente os xeitos de dinamizar as reunións, con participacións individuais a man alzada, non sexan os mellores para promover participación de persoas que non están afeitas a falar en público ou amosar publicamente as súas opinións.

Con respecto á participación nas Xuntas Administradoras de Auga e Saneamento, no mellor dos casos observados ronda o 30% de cargos directivos, e soe explicarse pola falta de tempo para participar, debido á extensión da xornada de traballo no fogar e na tarefa de coidados, ao que moitas veces se lles suma actividades puntuais xeneradoras de ingreso (xa habería o doble rol productivo e reproductivo, co cal o tempo para o representativo ou de traballo comunitario xa sería moi escaso). Pero tamén aluden aos prexuizos sociais relacionados con realizar tarefas propias das directivas das xuntas, que implican movilidade fora da comunidade.

Credes que tamén en Galicia é así?