Relatos de verán. Utopías galegas. Estamos no allo 2049
O noso compañeiro Ginés déixanos un relato de ficción deses que nos gustan, porque nos marcan camiños a seguir lonxe das distopías. A foto é de Tamera, exemplo de ecoaldea en Portugal.
-Que pena tanta ruína- adoitaban dicir os visitantes.
O dereito á propiedade privada confundiuse durante décadas cun dereito ao abandono, coroado pola emigración e o pouco aprecio as formas de vida de xeracións anteriores. Pero o mundo cambiou i en Castrelo agora ninguén emigra, máis ben o contrario, e o enxeño local, pasado, presente e futuro, está en auxe. Estes aspectos son evidentes no día a día, pero na lenta pero constante construción é onde máis se nota.
Coma as ruínas lembráronnos, estamos rodeados de recursos construtivos. Lousa, granito, madeira, arxila, terra, cortiza, vexetais vivos e mortos, vidro e outros materiais e técnicas que reciclamos axudáronnos a convivir comodamente.
En cada aldea atoparasche un pequeno guindastre autómata extruyendo barro capa tras capa en círculos case completos, reaccionando aos límites definidos de forma analóxica, con maquetas ou topes, adaptándose ao terreo, a portas, xanelas e outros obxectos arquitectónicos, útiles ou decorativos, que se queiran implantar.
Segundo a aldea podemos ver bases de lousa ou granito, basto ou tallado, ou edificios elevados en madeira, ventás de cores, varios pisos ou incrustados no terreo, tellados vexetais, tellas, lousas ou cortiza, estruturas interiores e exteriores de cestería, illamentos de cortiza e impermeabilizacións de resina. Todo está tocado pola creatividade dos veciños, con influencias locais de toda a nosa historia e doutras culturas, a miúdo importadas polos nosos novos veciños, sempre priorizando a sustentabilidade, na que están a eficiencia enerxética e a nosa felicidade.
As nosas similitudes á cultura castrense fixo que nos refiramos a nós mesmos a miúdo coma castros. En principio orientado á promoción turística, fómolo adoptando ata usalo hoxe como identidade propia: os Novos Castros de Castrelo de Miño.
A paisaxe que vemos eiquí é un conxunto de curvas paralelas de infinitos tons verdes salpicadas rítmicamente polas cores que a froita, a verdura, a madeira, as follas e o chan pódenos dar ao longo das estacións.
Grosos bancos de néboa flúen ata as cimas polas mañás, igual que flúen manadas de animais domésticos, silvestres e humanos polos vales e pendentes. Todo o territorio está coidado ou, como se dicía antigamente, traballado.
De lonxe é evidente que nas ladeiras occidentais a man da muller e o home actuaron, coa orde e cores da viña predominando, aínda que en formas que antes desafiarían á Denominación de Orixe, como emparrados e gando baixo il, alturas e vexetación asociada desaprobadas anteriormente. A tradición vitícola segue así presente con orgullo, e non con desidia.
Para o ollo non adestrado, dos cales só quedan os dos recentemente chegados, hai zonas boscosas que lembran ao antigo Amazonas. Estas foran as primeiras zonas reconvertidas baixo a agroforestería sucesional, leiras en estado de abandono que, con conciencia dos donos ou non, foran reforestadas seguindo as súas curvas de nivel con sementes prioritariamente autóctonas e paleoautóctonas, adecuadas ao seu momento na sucesión ecolóxica, regalando mentres diversidade de alimentos, materiais, auga e vida.
O que ao principio pareceron leiras afastadas e desordenadas foron conectando entre elas ao longo dos anos xa non pola okupación, senón pola ilusión dos veciños.
Logo, coa compracencia dos fanáticos do crecemento económico, con miras á autosuficiencia e mesmo un nicho de mercado “verde” promocionouse a investigación e estudo das propiedades e usos dos materiais que podían proporcionar a natureza do lugar e de como adecuar as tecnoloxías empregadas para o día a día dos xa establecidos e os que puidesen vir.
Á produción de viño, desestabilizada polo clima e as crises de combustible e fertilizantes, pero sendo a planta simbólica da rexión e crecendo na calor e frío, buscáronselle máis proveitos como poden ser vinagres, alcois, aceites esenciais, pellets, alimentación animal, estruturas vivas ou pasas.
Aínda que sempre acompañaron á viña habíanse ido esquecendo máis os abeleiras, vimbias e sobreiras, que cun valor ecolóxico incrible, materialmente tampouco teñen moito que envexar. Mesmo convivimos coas mimosas. Hoxe todos forman parte dos nosos bosques, fogares e ferramentas. Da resina dos piñeiros sacamos dende combustible a chicles e a cortiza das nosas sobreiras está nas nosas botellas, flotadores e paredes, mentres achegan ao noso ecosistema natural.
A Central de Reciclaxe de Barral, coa enerxía da presa dispoñible, permitiunos adaptarnos con calma á escaseza global mentres desenvolviamos o noso enxeño. Seguimos con material valioso de hai décadas e ademais mentres nos pagaron por levarnos o seu lixo.
Pero todos estes materiais, xunto cos producidos pola nosa contorna, de pouco serven sen imaxinárnolos en uso. Comezamos pronto a reunir en convencións a expertos en tecnoloxías apropiadas, e isto acabou motivando a creación da Academia e Centro de Investigación situada xunto á Central de Reciclaxe. Os chapuzas locais conseguiron un renome, xenios en adaptar as tecnoloxías ás necesidades e recursos de cada persoa, labor, edificio ou comunidade. Grazas a eles e o perfeccionamento da súa creatividade mantemos unha vida cómoda, axustada a nós e a nosa contorna inmediata, e, aínda que nos achegaron estabilidade económica, achegáronnos sobre todo calidade de vida e poder compartilo.
Non podo dicir que isto fixese crecer o turismo. A sociedade occidental cambiou o turismo de masas polas migracións en masas. Pero segue vindo xente co obxectivo de descansar e, sen querer desconectar do todo da realidade do seu fogar, conectar coa natureza e encherse de optimismo e técnicas para levar de volta á súa casa. Se algo compartimos aquí son as ganas de coidar do noso fogar.
Ninguén quere abandonar o seu fogar. Tratamos de aprender das súas experiencias e de que poidan superar os seus traumas. Dámoslles tutorazgo e esforzámonos en integralos dende a súa chegada, e co tempo gañan independencia. Como vivimos humildemente adaptados á nosa contorna pois non temos ser demasiados, e canto máis somos máis relaxadas os labores, e canto máis diversos mellor preparados.
O suceso que máis sensibilizou a todas coma iguais foi a falta xeral de auga a principios da década dos 20. Non poder tirar do váter, os pratos sucios amontoándose, e a sucidade acumulándose no pelo non agradan a ninguén. Algúns dispoñían de fontes máis preto que outros, tamén podías darche baños no encoro, pero a perda de comodidades, sexan do grao que sexan, grávase na memoria.
A nivel individual os baños secos e a redución e reuso de auga foron as primeiras prácticas postas en marcha de forma sinxela. Co reuso manual observouse a gran cantidade de nutrientes que corrían habitualmente polo desaugadoiro, provocando un interese en sistematizar a súa reciclaxe para regar as deshidratadas hortas domésticas. Na práctica, controlando o uso de xabóns e produtos químicos, toda auga podía ser reutilizada en rega, mesmo fermentada para a produción de biogás e fertilizante. Isto nun momento no que os combustibles fósiles comezaban a dar problemas de escaseza.
A partir da tradición ourensá das augas termais, os baños públicos foron recuperado por unhas comunidades reforzadas pero aburridas do aforro individual, creando lugares onde o aseo e o confort únense nun ambiente social pero tranquilo. Grazas aos quemadores de excesos de biogás e sinxelos paneis termo solares a auga quéntase ata a súa desinfección, tras filtrarse no xardín de xuncos e aromáticas. Xunto cun sistema de burbullas alimentado por un pequeno panel solar ou axeitando un muíño dispoñemos do lugar favorito de todos nos durísimos invernos que herdamos.
Voltando a Central de Reciclaxe, a creación da Academia e o seu Centro de Investigación iniciou tamén unha constante recompilación de bibliografía útil para a aprendizaxe e a tecnoloxía e a súa relación co seu medio social e natural e como adaptala.
E así naceu a Rede de Bibliotecas e os seus grupos de estudo, máis ou menos independentes, que a preferían estudar máis preto dos seus fogares ou dos máis expertos na temática do seu interese.
Nalgúns castros son edificios exclusivos, con días máis serios e outros máis relaxados; en moitas aldeas se solapan as súas funcións con outras, como a produción de enerxía ou o procesamento de materiais; en moitas ocasións non hai un lugar recoñecido pero tendemos a gardar o material e os libros en casa de alguén, para facilitar a inclusión de xente que non asiste regularmente.
Internet e a informática de consumo deixaron de ser o que era, que non era exactamente perfecto pero a forma na que popularizou o acceso e intercambio de información era algo que non podiamos permitirnos perder, e adecualo foi unha das prioridades na Central de Reciclaxe.
Os nosos petos e bolsos perderon esas pantallas brillantes e coloridas que manexabamos cos nosos dedos, de lonxe todas iguais e de preto con tantas diferenzas divisorias. E non brillaban pola súa contribución á aprendizaxe consciente, senón que nos introducían nun transo involuntario que nos desconectaba dun mundo do que non podiamos gozar plenamente. Algúns teñen hoxe aparellos moi similares a eses, pero enfocados a necesidades persoais concretas; a maioría son de tinta electrónica, moi poucos tan compactos coma os de entón, as baterías son menores ou inexistentes; todos están condicionados pola facilidade da súa reciclaxe e reparación cos medios que mantivemos e desenvolvido. Na maioría dos fogares e centros de aprendizaxe dispoñemos de centros de lectura e mesmo de visualización de imaxes e vídeos a cor, moito menos portátiles, pero formando un micelio de información unindo os castros e liberándonos da dependencia total de servidores alleos, totalmente inestables.
Na próxima contareivos máis sobre os nosos muíños, as curvas de nivel acuáticas, a patrulla canina e a nosa rede de transporte!

