Posts

ESFRadio. Investigando polo ben común nas universidades galegas

Neste novo programa, un extra de Nadal, queremos visibilizar unha rede de persoal docente e investigador nas tres universidades galegas que poñen o foco na tecnoloxía para os dereitos humanos e o ben común: a rede Artigo9Tech.

Esta rede creouse hai tres anos baixo o paraugas da RGCUD e apoiada por unha axuda da Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Se queremos chamar a atención sobre a investigación en tecnoloxía para o ben común, é que o resto de investigación tecnolóxica non ten ese foco? A que nos referimos cando falamos de investigación en tecnoloxía para o ben común?

Para falar destas cousas, e coñecer iniciativas concretas de proxectos en tecnoloxía para o ben común, temos connosco a 4 mulleres que forman parte desta rede, ou que están a piques de facelo. Todas elas participaron na xornada de clausura dun proxecto que Enxeñería Sen Fronteiras desenvolveu con Artigo9Tech en 2021 e 2022, sobre tecnoloxía para o ben común nas escolas técnicas das universidades galegas. Neste, entre outras actividades, se impulsaron bolsas de investigación para 4 proxectos onde a tecnoloxía tiña que ser posta ao servizo do ben común.

  • Vanessa Míguez é responsable da Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña en Ferrol e foi unha das fundadoras da rede.
  • Cristina López, investigadora e profesora na Universidade de Vigo, participou na rede dende o principio, e nos falará do proxecto que ela liderou dos financiados no proxecto, que ten que ver con
  • Alejandra Facal, estudante de último ano no Grao de Enxeñería Informática na Universidade da Coruña, e parte do equipo do grupo Talionis da UDC, liderado por Thais Pousada (PDI que colabora tamén na rede dende o principio), que nos falará do proxecto VisualTech.
  • Elena Arce, investigadora e profesora na Universidade da Coruña, que liderou o proxecto Xogando coas Letras, cun grupo multidisciplinar das universidades da Coruña e Vigo.
En spotify

Produce: Jorge Lama

Modera: Sergio Fernández

VisualTech, plataforma para mapeo de produtos de apoio de baixo custo

Aquí temos a terceira entrada das 4 que haberá falando dos proxectos de investigación seleccionados na convocatoria de proyectos de investigación en el marco del “Programa de Impulso á Investigación Universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común, financiada por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e organizada pola Rede de Profesorado Universitario Artigo9Tech e Enxeñería Sen Fronteiras.

A profesora doctora Thais Pousada, a súa responsable, cóntanos como foi o proxecto.

————————————————

Qué é VisualTECH?

VisualTech é unha plataforma en liña colaborativa para o mapeo, categorización e difusión da tecnoloxía e produtos de apoio, de baixo custo ou alcanzables, para promover a participación e a actividade de todas as persoas, especialmente daquelas con diversidade funcional.

A pesar de que na actualidade existen diferentes aplicacións tecnolóxicas útiles, non están plenamente difundidas entre os axentes do sector da saúde, o social e as potenciais usuarias, atopándose infrautilizadas. Por iso, é fundamental contribuír coa difusión e divulgación das tecnoloxías para o ben común dispoñibles, adecuadas e alcanzables.

VisualTECH nace por unha necesidade das propias persoas con diversidade funcional, usuarias da tecnoloxía e das/os profesionais que lles acompañan nos seus procesos de intervención.

O seu desenvolvemento baseouse nun proceso de traballo colaborativo, contando coa participación de profesionais e persoas pertencentes ao ámbito asociativo das entidades representantes de persoas con diversidade funcional.

O traballo foi desenvolto polo grupo de investigación TALIONIS da Universidade da Coruña, que pertence, á súa vez, ao Centro de Investigación nas TIC (CITIC). TALIONIS ten un acordo de colaboración con Enxeñería sen Fronteiras Galiza e participa activamente no grupo de traballo de “Tecnoloxía para o ben común”, de ESF.

Con este proxecto pretendeuse crear unha rede dinámica de colaboración en liña sobre tecnoloxías para todas as persoas e o ben común, mantendo un carácter de participación activa e cooperación.

Cales foron os obxectivos do proxecto?

Obxectivo xeral:

Crear unha plataforma en liña colaborativa para o mapeo, categorización e difusión das tecnoloxías e produtos de apoio adecuados para a participación das persoas con diversidade funcional.

Obxectivos específicos:

  • Promover a procura e, actualización e difusión das tecnoloxías e produtos de apoio de baixo custo dispoñibles para as persoas con diversidade funcional.
  • Consolidar un recurso accesible, usable e adecuado para a consulta por parte de profesionais sociosanitarios e persoas con diversidade funcional. Será esta web.
  • Crear unha rede dinámica de colaboración en liña sobre tecnoloxías para todas as persoas e o ben común

Cales foron as fases do proxecto?

VisualTECH desenvolveuse a partir de varias accións consecutivas que se reflicten no seguinte gráfico

Cales serán os seguintes pasos?

Este proxecto permanece vivo e activo, a un medio e longo prazo. Por iso, realizarase unha actualización periódica dos datos sobre as solucións tecnolóxicas incluídas no repositorio, e iranse engadindo novas aplicacións que poidan xurdir e que cumpran co obxectivo de axudar á participación das persoas con diversidade funcional.

O espazo colaborativo da web, ademais de incluír un apartado para a recollida de necesidades e de colaboracións, contará cun foro de consulta para que todas as persoas visitantes poidan compartir experiencias, dúbidas e incertezas con respecto ao uso das tecnoloxías e produtos de apoio.

Habilitarase tamén unha pequena biblioteca con documentos, guías e manuais baseados na filosofía do baixo custo aplicada ao desenvolvemento de recursos e dispositivos de apoio para as persoas con diversidade funcional.

Por último, preténdese completar a experiencia informativa coa elaboración e publicación de videotutoriales e presentacións dinámicas sobre o uso e axuste das solucións tecnolóxicas.

E se aprenderamos a ler e escribir? XOGANDO COAS LETRAS

Este é o segundo dos 4 proxectos seleccionados na convocatoria de proxectos de investigación no marco do “Programa de Impulso á Investigación Universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común“, financiada por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e organizada pola red de profesorado universitario Artigo9Tech e Enxeñería Sen Fronteiras.

Un equipo multidisciplinar das universidades da Coruña e Vigo impulsan este proxecto Xogando coas letras. A doutora Elena Arce, coordinadora do grupo, nos conta como foi o desenvolvemento do proxecto.

———————————

Este proxecto ten como obxectivo democratizar o coñecemento e, en concreto, contribuír á alfabetización global e á xeración de recursos para nenos e nenas con dificultades na aprendizaxe da lectura. Nas últimas décadas observáronse progresos constantes en materia de alfabetización, a escala mundial, segundo datos da UNESCO, 250 millóns de nenos e nenas non adquiren as competencias básicas en lectoescritura. A recente crise da COVID-19 acentuou a problemática existente en materia de alfabetización e tivo repercusións na escolarización.


A habilidade para ler e comprender é fundamental para o correcto desenvolvemento social e psicolóxico do individuo. As dificultades lectoras adoitan aparecer durante a nenez e, se estas non son remediadas a tempo, o habitual é que continúen durante a adolescencia e a idade adulta causando problemas de tipo académico e laboral: a falta de comprensión dun texto impide ao estudante aprender os contidos do currículo. Ademais, é importante subliñar a relevancia da alfabetización como ferramenta para erradicar a pobreza, reducir o abuso infantil, instaurar a igualdade entre xéneros e garantir o desenvolvemento sostible, a paz e a democracia.


Durante os primeiros anos de aprendizaxe da lectura, unha das primeiras habilidades que o neno aprende é a decodificación das palabras que aparecen no texto. Esta habilidade non se aprende de forma innata, senón que require dun ensino formal e paulatino que habitualmente comeza nos últimos cursos de educación infantil. O profesorado, a través das diferentes actividades desenvolvidas na aula, axuda a comprender como se escriben as letras e como se forman as palabras que, hasta ese momento, só eran sons. Para iso, é imprescindible dispoñer de recursos que axuden nesta tarefa. Por iso, o principal obxectivo deste proxecto é dotar de recursos para a aprendizaxe.


Metodoloxía


Para poder levar a cabo proceso de deseño, foi preciso contar coa colaboración de centros educativos da contorna. En concreto, neste proxecto participaron sete centros do concello de Ferrol: CPR Tirso de Molina, CPR Plurilingüe Santa Juana de Lestonnac, CPR San Rosendo, CPR Compañía de María, CEP de Pazos, CEIP Manuel Masdías e CPR Cristo Rey. Por parte dos centros foi preciso contar con docentes e persoal do equipo de orientación.


Seguindo a metodoloxía de Deseño Centrado en Persoas, un alfabeto completo en letras maiúsculas foi deseñado. O método de deseño estruturouse entorno a un ciclo de 3 etapas: Comprender, Crear e Contrastar. Optouse por enfocar o recurso cara letras maiúsculas, en lugar de minúsculas, xa que son os primeiros estilos de caracteres cos que se traballa nos centros educativos, debido a maduración dos nenos na etapa na que aprenden os grafemas e fonemas.
O recurso deseñado foi un alfabeto completo en formato imprenta xa que ao ser o desenvolvemento das habilidades de lectura e escritura moi paralelo, ler letras en imprenta axuda a identificar as formas que logo poden aplicar na escritura. Ademais, a actual dixitalización tamén contribúe a empregar este formato. Para favorecer a auto-aprendizaxe ou aprendizaxe autónoma, o deseño do alfabeto permite colocar os caracteres de forma inequívoca.
No referente ao material para construír os recursos, por cuestións de hixiene, lixeireza e durabilidade, optouse por empregar resina fronte a opcións como madeira, metal ou goma espuma. Tras explorar diversas opcións, optouse por empregar emoticonas como indicativo de erro. Na posición correcta, os usuarios verán unha cara sorrinte e na posición incorrecta, unha cara triste.

Na Imaxe 1 poden verse as diversas opcións de tamaños e deseños de letra que se produciron inicialmente (a) e o tamaño do modelo seleccionado (b).b) Tamaño seleccionado

Imaxe 1. Tamaños e deseños presentados aos centros e modelo seleccionado.


As letras foron realizadas empregando software de deseño paramétrico e fabricadas empregando impresoras 3D de resina con tecnoloxía MSLA (Imaxe 2). Para a fabricación das letras empregouse resina foto sensible a base de plantas. Con isto buscouse que o impacto medioambiental fose mínimo.

Imaxe 2. Lote de letras impresas sobre plataforma.

Resultados

Os recursos fabricáronse con resina translucida, xa que permite o traballo con mesas de luz. Na Imaxe 3 pode verse a un neno facendo unha actividade co alfabeto fabricado. Co obxectivo de comprobar a eficacia dos recursos, deseñáronse para cada centro probas pre e pos-intervención. As probas son ad-hoc para cada centro, xa que deben ser adaptadas as letras e fonemas traballados polos diferentes docentes, así como as necesidades do alumnado participante no estudo. Estas probas están deseñadas en base ás baterías TALE (Test de análises de lectoescritura) e PROESC (Batería de avaliación dos procesos de escritura). Nos próximos meses teremos os resultados finais destas probas.

Imaxe 3. Probas iniciais realizadas con algúns dos recursos deseñados.


Como liñas futuras de traballo, propóñese o traballo con outros formatos de letras, como poden ser as letras minúsculas enlazadas, que favorecen a transición cara modelos de escritura a man, ou recursos que axuden na motricidade fina, tal e como nos solicitaron dende os centros educativos.

Equipo de traballo
• Dra. María Elena Arce Fariña. Área de Expresión Gráfica na Enxeñaría. Departamento de Enxeñaría Industrial. Universidade de A Coruña
• Dra. Carla Míguez Álvarez. Área de Didáctica da Lingua e da Literatura. Departamento de Didácticas Especiais. Universidade de Vigo
• Dra. María Isabel Fernández Ibáñez. Área de Expresión Gráfica na Enxeñaría. Departamento de Enxeñaría Industrial. Universidade de A Coruña
• Dr. José Antonio López Vázquez. Área de Expresión Gráfica na Enxeñaría. Departamento de Enxeñaría Industrial. Universidade de A Coruña
• Dr. Miguel Cuevas Alonso. Área de Lingua Española. Departamento de Lingua Española. Universidade de Vigo
• Dr. Andrés Suárez García. Departamento de Enxeñaría Industrial. Centro Universitario de la Defensa en la Escuela Naval Militar. Adscrito á Universidade de Vigo.

Fóra da clase. Tecnoloxías para o ben común dende a universidade: WHAME app

Este ano, xusto antes do verán, tivo lugar unha nova edición dos LPRODays. Trátase dunha feira onde grupos de estudantes da materia Laboratorio de proxectos de 4º curso do grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo presentan os traballos que fixeron durante o curso. Trátase de solucionar problemas concretos reais que presentan entidades externas á aula (sobre todo empresas ou organizacións sen ánimo de lucro como ESF). Xa hai dous anos un dos grupos presentara un traballo proposto e guiado por ESF, un caudalímetro de baixo custo.

Este ano, dentro do programa de promoción da tecnoloxía para o ben común en escolas técnicas das universidades galegas (que financia Cooperación Galega da Xunta de Galicia), en colaboración co grupo Talionis da UDC (algún dos seus membros colabora no grupo de Tecnoloxía Inclusiva de ESF), se propuxo a un dos grupos a elaboración dun sistema que permita que persoas con diferentes discapacidades que restrinxen o seu movemento, poidan controlar o rato do ordenador en distintos dispositivos. É un xeito de facer esta tecnoloxía máis inclusiva. Así naceu WHAME app.

Neste repositorio se pode descargar o software e instrucións de montaxe, por se se quere seguir mellorando.

A continuación se pode ver un exemplo do seu funcionamento

NOVO PROGRAMA: Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, fase 1.

Dende a súa fundación en 1993, Enxeñería Sen Fronteiras veu traballando como unha das súas liñas de traballo fundamentais a creación dunha cidadanía crítica, facendo especial énfase no uso da tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común.

O enfoque de “Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano” (ou para o ben común e a emancipación, como vimos denominándoo ultimamente), parte de cuestionar o uso histórico da tecnoloxía e apostar por unha tecnoloxía participativa e non excluínte que permita lograr a equidade e a xustiza social cun enfoque de ben común. Este enfoque comprende os coñecementos, mecanismos e estratexias que fan que certas solucións técnicas potencien a calidade de vida das persoas de xeito inclusivo. Para isto é necesario entender a tecnoloxía non coma un fin en si mesmo, senón coma un medio, e dentro dun contexto social, económico e cultural.

Con este novo programa quérese impulsar o concepto de tecnoloxía para o ben común na docencia da comunidade educativa do ensino secundario galego de base tecnolóxica.

Para conseguir este obxectivo, o eixo principal do proxecto que será a súa Fase 1, é o inicio dun traballo, con vocación de continuidade, con 3 centros piloto de ensino secundario, fora das 7 grandes cidades galegas, en 3 provincias distintas: Celanova, Mondoñedo e Curtis. Tamén se quere facer traballos puntuais noutros centros, que permitan ir ampliando a rede e dando a coñecer a iniciativa, apoiándose na asociación APETEGA, en cuxa asemblea de primavera 2022 se presentou o proxecto.

Por que o nome de Hackers Sen Fronteiras? Queremos reivindicar a curiosidade, o empoderamento tecnolóxico e o cuestionamento á propia tecnoloxía sen renunciar a ela que impulsa a este movemento (e que fixo que se vira cuestionado e perseguido, como se conta neste artigo).

Deste xeito, no programa hai tres grandes liñas de traballo:

  • Liña profesorado, especialmente enfocado ao profesorado de tecnoloxía ou a aquelas accións de centro nas que a tecnoloxía teña un papel destacado. Tratarase de acompañar e dar apoio a prácticas docentes con enfoque de cidadanía global, dado o papel clave ao ser multiplicadoras cara o alumnado de coñecementos, habilidades e actitudes que poden fortalecer e poñer o foco nos dereitos humanos e o ben común. Nesta liña impulsaranse apoio en ferramentas didácticas, creación participativa de novas ferramentas, análise de materiais xa existentes vendo como incorporan a perspectiva de tecnoloxía para o ben común, e a participación no programa de coñecemento da realidade de países onde ESF traballa en cooperación ao desenvolvemento dunha persoa docente (prioritariamente, dos centros piloto).
  • Liña alumnado, polo interese de ESF en promover un alumnado crítico e mobilizado, que poida participar máis aló das accións académicas formais e vaia obtendo unha base que impulse a súa cidadanía activa. Se se consegue alumnado implicado e sensibilizado coa cidadanía global e o ben común, no seu día a día futuro (tanto persoal como profesional) tamén poderán ser axentes de transformación. Se propón un catálogo de até 20 faladoiros/obradoiros de curta duración nos centros piloto participantes, que se agrupan en packs ou itinerarios temáticos (que dende o centro poden escoller para distintos cursos). Este catálogo tamén estará dispoñible para outros centros que xa amosaron interese, e outros que poidan xurdir. Ver aquí catálogo e itinerarios. Tamén se traballará en impulsar algunha acción en cada centro piloto que teña un maior recorrido e, sobre todo, maior protagonismo por parte do alumnado (e o profesorado), á que se coñecerá como Comandos Hacker.
  • Liña creación de rede, polo interese en visibilizar o traballo que se desenvolverá co proxecto (e outros na mesma liña que se puideran estar xa desenvolvendo). Se impulsará a creación dunha rede ou grupo de traballo de profesorado no eido da tecnoloxía para o ben común, así como un encontro de alumnas interesadas na tecnoloxía dos distintos centros participantes a modo de rede, e un Premio Hackers Sen Fronteiras a iniciativas docentes de tecnoloxía para o ben común en secundaria.

En 2022-2023 levantarase unha liña de base para estudar en que medida ese enfoque alternativo da tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos é coñecida na comunidade do ensino secundario tecnolóxico galega e que acollida ten.

Cabe mencionar o enfoque de xénero que se pretende incluír neste proxecto, dado que a fenda en estudos técnicos comeza xa a notarse no ensino secundario, ten unha importancia (e dificultade) especial, tanto na participación, como na co-responsabilidade do proxecto, como no comité de seguimento e as accións concretas. A rede mencionada de alumnas, varios obradoiros (como os impulsados dentro do programa de mulleres tecnólogas para o ben común) e propostas de traballo no eido da fenda de xénero na tecnoloxía (incluindo un pack), ou un apartado específico da liña de base para entender mellor esa fenda nos estudos tecnolóxicos son algúns dos elementos incorporados.

ESF pretende coas súas actividades a xeración dunha cidadanía global crítica e comprometida coa loita contra a pobreza a través da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano, para o cal terá en todas elas un protagonismo destacado o voluntariado da nosa base social, como co-responsable do seu deseño, execución, seguimento e avaliación, tendo persoas colaboradoras dentro do profesorado e tamén entre as persoas que impartirán obradoiros de distintas temáticas.

ESFRadio. Un tema de ESF ao mes: a tecnoloxía para o ben común no ensino secundario

A tecnoloxía nos rodea, dende cativas. Cada vez son tecnoloxías máis inmediatas no acceso, pero máis lonxanas á hora de comprender o funcionamento.  E non falamos só do dixital. En Enxeñería Sen Fronteiras pensamos que non estaremos formando persoas críticas e cuns valores solidarios, que permitan facer fronte aos desafíos da inxustiza social e a crisis ambiental, se non introducimos a tecnoloxía nos curriculae académicos, cunha carga axeitada e un enfoque de soberanía tecnolóxica e ben común.

Para traballar o enfoque de tecnoloxía para o ben común toca poñer en  entredito iso de que A TECNOLOXÍA É NEUTRAL. Toca abordar a tecnoloxía indisolublemente do seu contexto político (ou sexa, pensar quen a goberna realmente e cal é o seu obxectivo máis importante?), social (a quen discrimina e a quen favorece realmente?  crea máis desigualdade?) e tamén a ambiental.  

Dende Enxeñería Sen Fronteiras Galicia levamos anos tratando de introducir este enfoque en escolas técnicas universitarias, pero temos claro que cada vez é máis importante empezar antes a impulsalo. Por iso con este programa quixemos achegarnos a coñecer a visión sobre este tema de persoas que están no día a día da educación tecnolóxica no ensino secundario de Galicia. Tivemos o privilexio de estar con Alicia, Pere e Carlos, da Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA), nada menos que nas súas décimo oitavas xornadas de tecnoloxía.    

Idioma: galego

Duración: 15 min 37 seg

Produce: Jorge Lama

Guión: Sergio Fernández

Presenta: Sergio Fernández