Breve e pouco sistemático resumo do 1º ciberfaladoiros sobre Sistemas Complexos
O debate xirou arredor dunha aparente tensión: mentres na sociedade humana parece cada vez máis necesario reducir a complexidade (menos fluxos, menor consumo, simplificación de estruturas), os sistemas ecosistémicos amosan que a complexidade ben articulada aumenta a eficiencia no uso de recursos e a resiliencia. Así, a cuestión non é tanto “ter máis ou menos complexidade”, senón que tipo de complexidade e, sobre todo, que tipo de vínculos a sosteñen.
Púxose o foco en que o esencial nos sistemas non é a cantidade de conexións, senón a súa natureza: vínculos baseados na co-responsabilidade e nos coidados. Neste sentido, cuestionouse se a sociedade actual só é capaz de fortalecer este tipo de relacións en contextos de crise ou catástrofe, cando a interdependencia se fai evidente.
Tamén se introduciu unha mirada descentrada do humano: se a humanidade desaparecese, o planeta reaxustaríase. Esta idea invita a repensar a nosa posición no mundo e a incorporar desde a educación unha relación menos antropocéntrica coa biosfera. Ligado a isto, sinalouse que o “problema” de adaptación e resiliencia fronte á escaseza está especialmente localizado en Occidente, historicamente acostumado á abundancia.
No plano económico e laboral, abriuse o debate sobre se a descomplexización debería implicar tamén cambios profundos no traballo e na produción. Apuntouse á economía social como unha vía para transformar os vínculos económicos, poñendo no centro as necesidades reais e cuestionando a utilidade de certos empregos. Isto conectou coa reflexión sobre a avaricia e a acumulación: se son tendencias intrínsecas ou se, máis ben, a sociedade actual premia e reforza certos comportamentos fronte a outros. Tamén se destacou a tendencia cultural a idealizar liderados fortes, nun marco aínda moi patriarcal.
Outro eixo importante foi a necesidade de tomar conciencia dos nosos impactos. A tecnoloxía podería servir para reforzar vínculos de co-responsabilidade, pero moitas veces utilízase para afastar as consecuencias das nosas accións (como nos sistemas de saneamento que “fan desaparecer” os residuos). Isto podería estar ligado a un modelo que prioriza a comodidade para soste-lo ritmo de traballo e consumo.
Finalmente, abordouse a cuestión do colapso: de producirse, sería moi difícil reconstruír a complexidade social actual, xa que se basea en recursos que están a esgotarse. Ademais, os sistemas complexos son altamente incertos e difíciles de reproducir. De feito, mesmo se puxo en dúbida que sexa desexable reconstruír unha sociedade coma a actual, abrindo a porta a imaxinar outras formas de organización máis sostibles e centradas nos coidados.

