Posts

Crónicas de Honduras. A primeira de Belén. O amencer en San Lorenzo

Desperto, miro o reloxo e vexo que aínda é cedo. “Mellor intento durmir un pouco máis”, penso. Acendo o ventilador e volvo pechar os ollos. Quedo durmida outro anaco e, cando volvo espertar, xa decido levantarme. A vida en San Lorenzo xa comezou.

Aínda me quedan un par de horiñas antes de ter que ir á oficina ou a algunha das saídas previstas para hoxe, así que decido vestirme e saír á rúa.

Vivo nun apartamento desde o que hai que baixar unhas escaleiras e abrir un candeado para poder saír pola cancela, que despois tamén teño que volver pechar. Xa comezo a sentir ese fresquiño da primeira hora da mañá que tanto agradezo.

Na rúa xa circulan coches que pitan sen parar. Aínda non teño claro por que o fan: se é para avisar aos viandantes do seu paso ou simplemente para saudar. Intento non interferir no seu paso e sigo o meu camiño, pasando polo parque principal de San Lorenzo, onde están a igrexa e a xeadaría Sarita.

Mesmo a estas horas xa hai xente reunida no parque, pero non quero molestar, así que continúo andando na dirección dos manglares. Polo camiño detéñome noutro parque, onde hai moitas mulleres con chalecos nos que se le “Servizos Públicos”. Levan vasoiras coas que limpan as follas caídas das árbores e o lixo da rúa.

Séntome nun banco e obsérvoas. Non me sinto soa coa súa presenza. Algunhas, ao ergueren a vista, regálanme un sorriso. Danme paz. E eu desfruto vendo como o sol vai ascendendo, aínda que a calor xa comeza a facerse notar.

Gustaríame falar con elas, pero tamén temo incomodalas coas miñas preguntas. Por iso, decido quedar un pouco máis só observando, ata que chega o momento de volver ao apartamento para que non se me faga tarde.

Reflexión persoal

Durante este voluntariado, estou aprendendo a valorar o respecto polo espazo alleo, algo que noutras experiencias non sempre tiven tan presente. En ocasións anteriores, sentía a necesidade de iniciar conversacións, de buscar o contacto para coñecer outras culturas. Quería comprender, integrarme, estar presente. Pero agora estou entendendo que ás veces o máis honesto é simplemente observar, estar dispoñible e deixar que sexan os demais quen dean o primeiro paso.

En San Lorenzo, practico esa presenza silenciosa: un sorriso, unha mirada amable, un xesto de respecto. Aprendín que tamén se pode crear vínculo sen palabras, sen interromper o ritmo dos demais.

Chegar como estranxeira a un país en desenvolvemento implica recoñecer as diferenzas visibles e invisibles. Non quero ser intrusiva porque non coñezo as ideas preconcebidas que poden existir, e respéctoas e acepto que non sempre me corresponde a min traspasar esa distancia.

Este voluntariado está a ensinarme que a verdadeira conexión tamén pode nacer do silencio, da escoita atenta e do respecto profundo polas dinámicas locais. E iso, para min, é unha forma moi valiosa de aprender.

Seleccionadas candidatas para Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades

Despois dun reñido proceso de selección, temos xa ás 3 persoas seleccionadas para o Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades 2025. Foron:

Aída Raíndo (praza de profesional da enxeñería ou da economía social)

Lorenzo Granja (praza xeral)

Rubén Negreira (praza profesorado secundaria programa Hackers Sen Fronteiras)

Ademais dunha formación en liña, con itinerario formativo con varios módulos, e encontros en liña con persoas de Honduras, tamén haberá polo menos 2 sesións presenciais. Unha delas a tivemos onte, onde puideron coñecerse, e fixemos unha introdución sobre Enxeñería Sen Fronteiras, o concepto de Tecnoloxía para o Ben Común e o contexto de Honduras. Este ano deuse a posibilidade de participar na formación ao resto de persoas candidatas que non foran seleccionadas, algunhas das cais están participando na mesma.

Aquí se pode saber máis sobre o programa.

Aberto prazo para solicitar Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR) 2025

Como cada ano por estas datas, abrimos o prazo para solicitar unha das 3 prazas do noso Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (ao que chamamos agarimosamente PCR).

Trátase dunha experiencia inmersiva de educación para a cidadanía global, coñecendo o traballo nos proxectos que apoiamos no sur de Honduras, coas organizacións hondureñas coas que colaboramos. Hai unha formación e integración previa, cunha estancia no verán en Honduras, na que ESF Galicia se fai cargo de viaxe internacional, seguro e aloxamento (manutención e gastos correntes van a cargo da persoa participante) para, á volta, contar co testemuño de primeira man das participantes, organizando actividades de sensibilización.

Este ano o programa conta con financiamento da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e tamén dos Fondos IRPF da Xunta de Galicia.

Pódese solicitar dende o 20 de xaneiro até o 16 de febreiro.

Calquer persoa maior de idade pode solicitar praza.

Nesta convocatoria de 2025, cada unha das tres prazas ten uns requisitos distintos, adaptados para perfiles diversos. A continuación se poden ver:

  • PRAZA ORDINARIA, na que calquera persoa maior de idade pode presentarse. Aquí se pode consultar as bases, requisitos valorables e prazos.
  • PRAZA PARA DOCENTES DE EDUCACIÓN SECUNDARIA E FP DE GALICIA, dentro do programa Hackers Sen Fronteiras. Aquí se pode consultar as bases, requisitos valorables e prazos.
  • PRAZA PARA PERSOAS DO SECTOR PRIVADO GALEGO, TANTO DO EIDO TECNOLÓXICO-ENXEÑERIL COMO DA ECONOMÍA SOCIAL. Aquí se pode consultar as bases, requisitos valorables e prazos.