Posts

Crónicas dende Honduras, 4.

De novo Carmen nos manda crónica. Xa pasaron varios días dende que están por alí, e ela volverá a primeira.


Foron días intensos. Recibimos a visita do movemento Vía Campesina, do que forma parte o Sindicato Labrego Galego, e con eles fomos visitar aos produtores de APROEM (Asociación de Produtores Ecolóxicos de Moropocay), que compartiron con nós a súa situación actual e os seus proxectos, como o investigación e desenvolvemento de diferentes tipos de sementes de millo, para lograr plantacións máis resistentes a plagas, furacáns, secas… visitamos unha plantación de millo seleccionado, que precisamente bautizaron “Aproem”. Coñecer o proxecto, e ás persoas que o levan a cabo, foi unha aprendizaxe magnífica.

Tamén visitamos un proxecto de restauración ecolóxica en Namasigüe, un lugar moi bonito e un proxecto moi interesante. Coincidimos tamén co presidente de CODDEFFAGOLF (entidade hondureña coa que ESF leva colaborando dende 2008), don Modesto, unha persoa que paga a pena coñecer. Foi un encontro coa asociación Nadin, un dos colectivos que se ocupa do dragado das canles da zona, onde puidemos ver unha parte interesante e delicada da xestión do proxecto. O obxectivo deste é o dragado das canles para que a auga circule de novo, permitindo renacer os manglares da zona e producir de novo camarón. O dragado faise a man, con este sol incesante, o mérito é infinito (no vídeo ao final deste post se pode ver).

Á súa vez, esta repoboación responde á compra de bonos de carbono por parte das empresas contaminantes (que, mediante a adquisición dun bono de carbono, obteñen o dereito a emitir unha tonelada de dióxido de carbono).

Ademais tivemos a celebración do aniversario do ESF! Foi unha festa galego-catracha moi entretida, na que participou o persoal dos principais socios de ESF de aquí, CODDEFFAGOLF, AJHASA e NASMAR, e na que se podía escoller entre tortilla de patacas, catrachas (tortilla de millo frita á que se lle engade unha capa de frijoles, queixo…) e sangría. E como mellor unha imaxe que mil palabras… aquí vai!

As fins de semana aproveitamos para facer excursións, como ás termas de Nacaome (que se orixinan por tratarse dunha zona volcánica). Chamounos a atención que aquí a terma máis cara era a fría! Tampouco se adoita levar bañador, empréganse pantalóns curtos e camiseta. Certo que así mantés o fresco máis tempo…

Tamén probamos o karaoke, e a clase de punta, un xénero de baile e música afroindíxena orixinado pola etnia garífuna de San Vicente. De momento creo que aínda temos que practicar…

O domingo participamos na reunión xeral da Rede JAC (Xuventude en Acción polo Clima), onde se abordaron cuestións como a organización interna ou a realización de actividades previstas para as seguintes semanas.

En resumo, moi contentos con tanto como estamos aprendendo.

Seguiremos informando!

Crónica da visita de Alba e Lourdes. A defensa dos manglares é a defensa da vida.

Entre os pasados 6 e 11 de outubro tivemos connosco en Galicia a Alba e Lourdes, dúas mulleres hondureñas que lideran sendos grupos de mulleres marisqueiras en Isla del Tigre, municipalidad de Amapala, Honduras. Eses grupos se apoian nunha das organizacións socias de ESF en Honduras, o Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca-CODDEFFAGOLF, que lles está fortalecendo en boas prácticas ambientais, xestión de grupos, comercialización e organización. Aquí anunciabamos a súa visita.

Para coñecelas mellor, aquí temos un video que fixeron cos seus propios medios, onde contan algo máis da súa dura laboura.

Foi unha semana densa, pero con tempo para pasear e relaxarse. O primeiro día, o 6 de outubro, foi día de encontros en Santiago de Compostela, cunha visita relaxada pola cidade.

O luns 7 tivemos pola mañá un encontro na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Santiago de Compostela, onde puideron contarnos moito de como viven e do proceso que se está a apoiar cos grupos de mulleres marisqueiras a través de CODDEFFAGOLF e, como non, das súas dificultades e dúbidas, e de como siguen adiante.

Pola tarde viaxaron á Coruña, onde ao día seguinte, ben prontiño, puideron coñecer a membros da Confraría de O Burgo e a Pablo, o técnico que lles da apoio. Alí tiveron o primeiro contacto coa labouras do marisqueo galego. Lles explicaron como se fai o proceso de cría de larvas e a súa protección contra predadores, para que cando chegan ao tamaño axeitado, se poida sementar até que alcancen tamaño comercial.

Despois aínda tivemos tempo de visitar a depuradora de mexilón de Lorbé, onde moi amablemente nos explicaron o proceso de depurado, aínda que eses días non estaban sacando mexilón.

Pola tarde produciuse o encontro de Alba e Lourdes coa base social de ESF en A Coruña, no local da Escola de Camiños.

O día 9 foi un día máis tranquilo, coa visita á Fundación Lonxanet en A Coruña e visita á cidade. Pola noite foi o regreso a Santiago.

O día 10 foi intenso, coa visita pola mañá ao Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, na que a súa xerente explicounos moi amablemente o funcionamento e evolución nos servizos ofrecidos. Tamén puideron falar con vendedoras de marisco e outros productos e coñecer o sistema de pedidos vía internete e envíos a domicilio. Despois puideron coñecer o Museo de Pobo Galego, con ferramentas tradicionais galegas que lles chamaron moito a atención.

Xa pola tarde, no Pub Medusa, onde sempre somos benvidas, cun encontro aberto á cidadanía, puidemos charlar largo e tendido con ellas.

O día 11 foi un dos máis impactantes, xa que puideron meterse a mariscar coas marisqueiras da Confraría de San Andrés de Lourizán, acompañadas da Patrona Maior da confraría e varias mulleres da xunta directiva do grupo das marisqueiras. Viron como se procesaba o producto extraído no centro de acopio (un dos sonos dos seus grupos en Honduras) e, despois dunha agradable comida con técnicas do CETMAR e con Andrés, técnico que fai apoio ás confrarías da ría, visitar a lonxa de Campelo, e ver como é unha sesión de subastas.

Esta viaxe foi un xeito de facer pontes entre as sociedades civiles de Honduras e Galicia, traer unha perspectiva internacionalista a persoas do marisqueo en Galicia (seguro que agora se fixan máis nas novas sobre Honduras…), e tamén un xeito de que vexan posibles accións a desenvolver nos seus grupos e, como lles comentaban o día 10, a tecnoloxía con máquinas clasificadoras, edificio do centro de acopio e demais, non son máis que melloras a partir dun proceso que xa se ten que estar dando cun grupo constituido, e que elas xa teñen en marcha. Así que aí seguiremos apoiando os seus procesos con, entre outras actividades, unha visita de técnicas de CETMAR o vindeiro febreiro á súa zona de traballo no sur de Honduras.